
O verán anuncia un outono quente e un inverno económico de longa duración. A crise económica, antes negada, ocupa agora o centro da axenda de preocupación cidadáns e neste punto mesmo coinciden a axenda mediática e a da clase política. O cambio de ciclo económico chama tamén por unha radical mudanza dalgunhas das políticas animadas polo PSOE tras o 9-M, aínda que no horizonte non hai propósito de emenda ningún.
Fin do talante, recuperación do background do felipismo

ZP 2.0 ármase agora con outro tipo de compoñentes, unha boa parte deles testados, con desigual fortuna, durante a era felipista. A planta do partido é a planta do Estado. O Estado é unitario e o goberno é a súa expresión, o PSOE debe ser un actor político unitario supeditado ao presidente Zapatero. Un partido total que ocupa discursivamente todo o espazo progresista e apenas deixa marxe para ningunha esquerda practicábel. En breve, impulsarase un rápido tránsito do ao buenismo progresista ao estatalismo responsábel –un clásico do felipismo–, o retorno a un principismo estatalista como fundamento de toda realpolitik.
Sen rodillo parlamentario e sen sinais manifestas de corrupcións maiores pero coas tentadoras prepotencias en alza, o PSOE tira de presidencialismo, de empate coa monarquía e de representación da estabilidade institucional como bazas adicionais para deixar atrás as proclamas do socialismo inxenuo de ZP 1.0. ZP 2.0 é un produto máis maduro que leva camiño de parecerse moito ao Terceiro Felipe, o do ensimismamento gobernativo.
E a crise será a coartada (resignada ou perfecta, pouco importa) para aminorar os contidos sociais que aínda restan do proxecto ZP 1.0 e, a pouco que apuren as circunstancias, nada importará, outra volta, se o gato é branco ou é negro mentres cace ratos. Moito terá que empregarse a factoría de Caldera para que a política de valores non derive cara a unha desvalorización da política.
Deixar sen argumentos ao PP

De aí a transubstanciación da España plural na proclamación dun Goberno de España receoso á hora de modificar a xeopolítica tradicional do socialistas: nin bilateralismo, nin novos avances nos autogobernos, e peche autonómico sobre o basal de consenso callado en Andalucía e Valencia co Partido Popular.
Para evitar síndromes de Estocolmo con altos custes electorais pasouse dunha política de alianzas aberta aos nacionalistas e á esquerda a unha estratexia de soidade parlamentaria co que se conta poder desfacerse da idea de ser un partido con ataduras, principal escollo para lograr unha futura maioría absoluta. No fondo, hai tamén unha decidida aposta por un sistema político de 2 forzas substanciais (PSOE-PP) e un resto marxinal de forzas nacionalistas: isto é, aspírase á simplificación extrema do modelo que Felipe González e Manuel Fraga construíron nos anos oitenta e prorrogaron até mediado dos noventa. Bipartidismo sen turnismo que se podía garantir grazas á crise de liderato e de proxecto do Partido Popular, e que a remontada de Mariano Rajoy pon agora dramaticamente en cuestión.
A política do diálogo deu paso á asunción entusiasta das políticas policiais para enfrontar o problema da violencia en Euscadi. A renovada fe policial retroaliméntase coa exitosa cazata da cúpula etarra e o esborrallamento político da esquerda abertzale. Bambi exerce agora como un desapiadado Pokemon policial para facer valer o imperio da lei. O saldo élle grandiosamente beneficioso e se vai ben non hai nada que cambiar segundo reza o credo conformista de Ferraz.
Para facerse valer en Europa, ouvear como se estivésemos en terra de lobos: devaluar un pouco máis a Europa Social e apostar pola estabilidade, o control e a seguridade fronte ás liberdades. Se, finalmente, Obama gaña haberá que gastar esforzos e simpatías para restablecer o vencello transatlántico. Con McCain, pois o mesmo: hai que facerse querer novamente polo amigo americano. Sarkozy sinala o camiño que Zapatero está desexando seguir.
A estratexia do camaleón

E esa estratexia de apropiación e substitución xunto co retorno aos consensos dos dous grandes son as vías privilexiadas para manterse na cima da columna do Poder. Unha política de consensos que serve para afianzar a imaxe do Partido Popular como un partido máis de complemento que de oposición e para adocenar o cambio de orientación estratéxica do propio PSOE.
Non son consensos obrigados polas debilidades do PSOE, son consensos libremente promovidos e dirixidos a debilitar a capacidade opositora do Partido Popular, facendo, con menor crispación e rexeitamento social, as políticas autonómicas, xudiciais e de loita antiterrorista esixidas polos conservadores. A estas alturas, Mariano Rajoy xa estará reparando na difícil convivencia consensual que lle ofrece Zapatero.
A gaiola de Macbeth
Alberto Manguel no seu Diario de lecturas anotou: «Don Quixote sabe que os seus actos terán consecuencias aínda que estas permanezan invisíbeis para el. O dilema de Macbeth é que quere actos sen consecuencias: a única imposibilidade real.» O PSOE atoarse no mesmo dilema que Macbeth, forzou un radical cambio no seu posicionamento crendo que non ía ter consecuencia negativa ningunha.

Sem comentários:
Enviar um comentário