Na presentación de A desaparición da neve, Manuel Rivas defendeu que o lema dunha cultura crítica debería ser: «Temos que atopar o maletín de Walter Benjamin». Estou certo de que grazas a Rivas popularizase entre nós o maletín do alemán e con el a súa vida e obra. Hoxe, no seu groucho, anuncia que marcha na procura do sonado maletín e con el das faíscas da esperanza que tanto lle reinaban a Benjamin.
Inducido por Rivas retomo a lectura de Los nombres secretos de Walter Benjamin de Gershom Scholem. Moito do que sabemos da vida do dono do maletín debémosllo a Scholem con quen trenzou unha duradoira amizade. O libro reúne tres pezas, a primeira –«Walter Benjamin»– é unha conferencia panorámica e de proximidade sobre a personalidade do autor de Infancia en Berlín ao redor de 1900; as outras dúas –«Walter Benjamin y su ángel» e a que lle dá título ao volume– xiran ao redor de Agesilaus Santander, o famoso anxo benxaminiano ao que fixo referencia primeira nun breve escrito elaborado en Ibiza no ano 1933; un tempo singularmente duro en que, segundo Scholem, Benjamin estaba nunha situación que «era a dun refuxiado que en todo sentido levaban unha vida á beira da desesperación» e na que lle viría á cabeza unha e outra vez a descrición que da súa vida fixo a Scholem uns meses antes: unha vida feita de «vitorias no pequeno» e «derrotas no grande».
Hoxe despedínomos, os caixóns quedan baldeiros nesta estación de paso e no ánimo manda a melancolía. Vou indo que Walter me agarda no relanzo para lembrarme unhas palabras súas: «Ser feliz significa poder percibirse a si mesmo sen temor».
Aplausos. Os aplausos son as negriñas dos discursos. A parroquia parlamentaria popular salientou con palmas os lances que máis lles sabían. Foron (é posíbel que eu fose xordo a algunha ovación, desculpen):
(1) O epitafio de Feijóo sobre a corrupción, o enchufismo, o caciquismo e outras tantas deficiencias clientelares que enchen volumes enteiros da historia do Partido Popular e das nosas institucións no pasado, no presente e (podemos adiantar sen medo a errar) no futuro. (2) A primeira mención contra a imposición e o maximalismo lingüístico. (3) A segunda mención agora co redobre do bilingüismo amigábel e o retorno da cordialidade ás aulas. (4) A proposta de redución do IRPF para as rendas medias e baixas. (5) O anuncio de rematar as obras contidas no Plan Galicia antes da fin da lexislatura. (6) A vindicación do investimento estatal en Galiza daquelas infraestruturas orzamentadas pero non executadas en exercicios anteriores. (7) A proclama agrarista gabando a Galiza campesiña que ten «que adaptarse ao clima, ao mercado, e ás regulacións» o que fai «que estea máis que xustificada unha especial atención dos poderes públicos a este sector». (8) A revisión inquisitorial do concurso eólico para validar a súa (i)legalidade. (9) O anuncio de medidas concertadas cos axentes sociais para superar as inercias e ineficiencias das políticas de promoción do emprego do goberno bipartito. (10) A Lei de Apoio ás Familias Galegas. (11) Os máximos de demora de 45 días para probas diagnósticas e 60 días para intervención cirúrxica. (12) E a seguir, sen tregua, a creación de unidades sanitarias de atención integral á muller. (13) A promesa de non gastar un só euro en publicidade da Dependencia. (14) O respecto á legalidade constitucional na redacción reformada do novo Estatuto de Galiza. (15) O desenvolvemento dos aspectos máis substanciais do Pacto local. (16) A intención de pactar cos grupos desta Cámara o nomeamento do próximo Director Xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia. (17) O agradecemento a moitos ilustres galeguistas polo seu traballo para lograr a identificación da Galicia intelectual coa Galicia popular e os dereitos políticos do noso pobo. (18) A amabilidade lingüística, o respecto polo que fala cada quen, a crítica dos radicalismos estériles, e a necesidade de incidir na actitude exemplar dos falantes para que ninguén se sinta marxinado ou excluído. (19) O anuncio da derrogación do decreto do galego no ensino. (20) Grande ovación de peche.
Resumo: Cinco aplausos en materias económicas. Catro ovación para acompañar a sabida posición amigábel e cordial da Galicia Bilingüe/Trilingüe. Catro aplausos de corte rexeneracionista/revanchista (caciquismo, publicidade e CRTVG, legalidade eólico). Tres aplausos en materia social. Outros: 4 aplaudidas.
Autonomismo. Xa se dixo, segundo Feijóo os catro puntos cardinais para nos guiar na procura dos horizontes de futuro de Galiza son: Deus, Democracia, Autonomía e Confianza nas nosas propias posibilidades. Feijóo é un crente autonomista e constitucionalista: «Nós cremos na Autonomía política, dentro dunha España que garante constitucionalmente a solidariedade entre as persoas» que está amparada por unha cláusula de garantía un tanto distorcida («A pertenza de Galicia á democracia española é unha garantía da súa autonomía).
Autonomía e autogoberno confúndense aparentemente na discursiva de Feijóo; con todo, queda claro que o autonomismo é a cultura política e o autogoberno o recipiente maior para o exercicio desa cultura. O autonomismo ten o mesmo principio activo que a Santa Trindade e é o que permite, «en perfecta síntese», gozar «con naturalidade» dunha tripla identidade galega-española-europea.
A Autonomía é un parteluz político («A sociedade galega iniciou unha nova situación política o 6 de abril de 1981, data da entrada en vigor do presente Estatuto de Autonomía») e xeracional (Feijóo reivindicouse como alguén «que naceu politicamente coa autonomía»).
O autogoberno non é un fin, é un simple medio rexido polo principio de eficacia para lograr «unha mellor xestión dos asuntos públicos, unha atención máis próxima aos cidadáns, unha defensa mais firme dos nosos intereses, unha participación máis intensa na política de Estado e, en definitiva, un benestar maior dos galegos». Este carácter instrumental acompáñase do solemne propósito de non alimentar a espiral reivindicativa: «a necesidade de cambiar ese discurso que mide o grao de compromiso autonomista só co baremo da reclamación, e non coa da boa xestión das competencias que xa se teñen.»
Non explica Feijóo como se pode facer unha «defensa máis firme dos nosos intereses» renunciando á reivindicación, pero sabendo das súas calidades personais ben se deduce que o conseguirá grazas a súa capacidade de sedución. O que aí lle queda a Manuel Chaves.
Tampouco é de estrañar que Feijóo non dedicase nin un minuto a falar da transferencia de novas competencias. A doutrina Feijóo repousa non tanto no principio de eficacia como no principio de suficiencia/sobreabundancia competencial e nunha eficiencia imposíbel: no que se refire ao autogoberno, non se pode facer máis (benestar/progreso/etc) con menos competencias e recursos financeiros pero Feijóo parece ignoralo.
Eficacia. Principio directriz da proposta de goberno de Feijóo. Compromiso de eficacia: «Os 16.000 grandes dependentes cobrarán as axudas da Lei de Dependencia antes de rematar o ano [2009].» Problema insalvábel para ser eficaces: estar dramaticamente desinformado.
O Libro Branco sobre a Dependencia estimaba que en Galiza existían 16.000 grandes dependentes. Esa previsión está totalmente superada. A día de hoxe, en Galiza, están recoñecidos como grandes dependentes 28.100 persoas. Previsión, practicamente duplicada, en función da que Feijóo fixa o seu indicador de eficacia. Deses 28.100 grandes dependentes, uns 13.500 son xa perceptores das axudas. Con achegar nos próximos nove meses axudas a 2.500 grandes dependentes, Feijóo cumprirá eficazmente o seu compromiso. Mágoa que non se decatase de que hai outros 12.100 que fican fóra da súa magnánima eficacia.
Goberno. A boa gobernanza ten formato de pentagrama, cinco liñas definitorias para ordenar todas as melodías da acción de goberno. Citamos a Feijóo:
Un goberno que procurase a unión dos esforzos de todos os galegos en torno a unha idea conxunta e compartida do país. Un goberno que impulsase un programa de acción que superase os estériles antagonismos e disensións ideolóxicas. Un goberno que tivese como obxectivo o mantemento da cohesión social. Un goberno que traballe por recuperar, tanto no público como no privado, o senso auténtico do Dereito e do respecto ás leis. Un goberno forte, austero, cohesionado e dialogante, unido en torno a un único liderado.
Emenda á totalidade da imaxe negativa dos gobernos de coalición que con tanta eficacia se dedicou a propagar o Partido Popular coa axuda inestimábel de La Voz de Galicia e dos erros das dúas forzas gobernantes. Malia ter satanizado como poucos os gobernos de coalición, a grande innovación programática de Feijóo foi ofrecerse como presidente dun goberno «en coalición permanente cos cidadáns». Feliz paradoxo.
Tempos. Poucos compromisos de Núñez Feijóo estiveron acompañados de prazos temporais. No discurso fixou prazos de entrega antes de 100 días, de 180 días e de 4 anos. Compromisos para os cen primeiros días de grazas e gloria: o axuste orzamentario, a elaboración do programa estratéxico que concretará o Acordo de Competitividade e reforma do Imposto de Transmisións Patrimoniais, e suponse que a derrogación do decreto do galego e a revisión da legalidade do concurso eólico. Antes dun semestre: aprobará as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan do Litoral; e un novo plan de Residuos Sólido Urbanos. Antes da fin da lexislatura: a execución das obras previstas no Plan Galicia.
Feijóo non é moi habelencioso no manexo do cronograma. Nun momento do seu Parlamento bota contas da duración da nosa Autonomía: entre o 6 de abril de 1981, día de entrada en vigor do Estatuto, e o 14 de abril de 2009, e sáenlle «Vintenove anos de profundas transformacións e de avances». Todos os demais galegos cronometramos unicamente 28 anos e oito días. Será cousa do redondeo?
O Discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo ofrécese como a primeira peza da literatura fundacional dunha nova dereita no goberno galego. Aconséllome facer unha guía de lectura/audición da súa nova política para Galiza.
Auctoritas. Imperio da lei como coartada da cultura autoritaria, peza recorrente no kit de valores neoconservador. Formateo da cidadanía como aval de consensos obrigados e o respecto ás normas, singularmente para o acatamento dos máis novos «da auctoritas dos pais na casa, dos mestres no colexio, dos profesores no instituto e dos axentes de tráfico nas estradas...» Só lle restou engadir: e en todos os demais ámbitos e en caso de calquera dúbida, respecto á auctoritas do Presidente da Xunta.
Citas. Unha do mestre Álvaro Cunqueiro para ilustrar a indeterminación xeográfica da confianza electoral recibida «de aquí e de acolá». Para certificar a súa franqueza e honestidade, a de Vaclav Havel («supoño que non propuxeron para este cargo para que vos minta»). A máis erudita, extensa e en castelán correspondeuse cunha de Antonio Couceiro Freijomil tirada de La bandera de Galicia, que usou para combater a tentación de patrimonializar partidariamente Galiza («Galicia no pertenece a ningún partido ni grupo. Ella debe ser un fin, nunca un medio...»). Dúas máis, unha aquelada de Vicente Risco para cartografiar o «territorio identificador» de Galiza –pobo, territorio, lingua, cultura e historia bimilenaria– e outra de Ramón Piñeiro para focalizar «a dimensión temporal de Galiza». E, para dar cabo, unha («todo está por vir e non chega»), sen mencionar a autoría de Salvador García-Bodaño, coa que caracterizou os «tempos difíciles» (seica se refería á ditadura franquista).
Confianza. Pediu confianza para un programa e para a súa persoa. Gabouse de contar cun cuantioso depósito de confianza: as papeletas de 789.427 cidadáns. Nesa confianza cífrase a súa marxe de manobra e gobernabilidade. Aínda que as boas maneiras e a retórica presidencialista obriguen a postularse como a cabeza dun goberno para todos os galegos e deixar claro que o seu compromiso é «co pobo galego», cando se concreta é «nos centos de miles» que votaron Partido Popular. Confianza nas palabras de Feijóo é unha metonimia política, xa saben a parte polo todo.
Democracia. As notas democráticas de Feijóo son: 1) a vixencia da democracia como «goberno do pobo e para o pobo»; 2) a súa redución a unha fórmula contratual cuadrienal entre gobernados e gobernantes («a democracia non é outra cousa que un contrato entre a cidadanía e o gobernante, que se asina nas urnas e que se cumpre despois na acción cotiá de goberno»); 3) a «garantía da autonomía» de Galiza; e 4) o bo desexo de que «Galicia siga brillando no firmamento das democracias». E, agora, unha longa cita:
A democracia non é un mero conxunto de técnicas, de mecanismos, de estruturas; que a democracia esixe nos seus fundamentos unha ética; que a democracia prospera cando o discurso público sobre os seus fins se desenvolve sen hipocrisías, sen manipulacións e sen concesións; que a democracia persegue fins que aspiran tamén a mellora do individuo segundo as súas preferencias expresadas, discutidas, contrastadas, redefinidas. E, así, para rematar, engadirei que a democracia, lonxe de ser un réxime político caracterizado pola impotencia, repregado sobre si mesmo e privado de engado, é, polo contrario, un réxime político capaz de renovarse e adaptarse, esixente cos seus cidadáns e cos seus gobernantes.
Deus. Asomouse Deus no discurso da man do Deus Fratesque Gallaecia, unha das máis exitosas invencións literarias de Benito Vicetto que o fabulou como lema dos revoltados irmandiños. Precioso pero falso como acreditan os estudos de Carlos Barros. Deus e os irmáns de Galiza: dose de providencialismo divino que Feijóo amalgamou con democracia, autonomía e confianza nas propias posibilidades. Para enfrontarnos a crise o máis certeiro será encomendarse ao autogoberno, mellor confiar na providencia laica e democrática e nas capacidades de seu xa que Deus está moi ocupado con tantas outras cousas.
Dimensións. O Discurso de investidura nas súas magnitudes básicas: 100 minutos de exposición. 505 parágrafos. 47 páxinas. 13.603 palabras. 72.806 carácteres.
Esquecementos. Sen dúbida, o máis monumental foi o da Cidade da Cultura; silencio táctico para gañar tempo e para non incomodar nun día tan sinalado ao todopoderoso dono da Corporación Voz. O esquecemento máis histórico: non mencionar a delongadísima experiencia de gobernación do Partido Popular no noso país. O esquecemento máis terapéutico: a oferta de amnesia selectiva: esquecerse das razóns do fracaso da reforma do Estatuto na pasada lexislatura xa que un debate sobre as causas «só contribuiría a dificultar» o novo intento reformador. Fagamos coma se todos non soubésemos que quen fixo valer o seu veto foi o Partido Popular.
Familia. A palabra tótem do neoconservadurismo non podía faltar. Feijóo fala de cidadanía cando activa o rexistro político e de familia cando toca o social. En poucas palabras, os dereitos políticos exércense como cidadáns; os dereitos sociais correspóndenlle ás familias. Con toda solemnidade, Feijóo entende que «as políticas sociais deben estar dirixidas a apoiar integralmente á todas as familias».
Esa centralidade da familia nas políticas de benestar exprésase con reiteración tamén cando enumera os axentes referenciais das políticas económicas: «as familias e as empresas galegas», xa que a crise financeira «está poñendo en moi graves dificultades ás familias, aos emprendedores, ás Pemes e ao noso sector empresarial e produtivo en xeral.» Os destinatarios das políticas de alivio fiscal, facilidade de crédito ou protección fronte ao endebedamento son as familias.
Cómpre non enganarse, esta centralidade da familia non é consecuencia dunha anacrónica consideración dos stakeholders das políticas de benestar; moi ao contrario, é unha formulación de vangarda que recoñece na familia o no de solidariedade de proximidade, a peza fundamental que permite xustificar a transferencia de recursos públicos da solidariedade dos estraños –o Estado– cara os xestores da solidariedade do propios –familias, grupos de autoapoio...–.
Galeguismo. Cando se postulou como candidato á presidencia do Partido Popular de Galicia, en 2005, Feijóo ofreceuse como director dun proxecto «galeguista», «reformista» e «centrista». Das tres marcas de identidade do seu proxecto partidario no discurso só mencionou unha, o reformismo. O centrismo hai tempo que foi arrumbado no curruncho das denominacións de orixe inservíbeis e no parrafeo de investidura o galeguismo unicamente apareceu vencellado ao agradecemento do labor dos galeguistas que loitaron pola «identificación da Galicia intelectual coa Galicia popular, xunto cos dereitos políticos do noso pobo».
Noutrora, o deputado e aspirante presidencial non tiña reparo en proclamar que «o galeguismo é o nacionalismo non excluínte» nin que o seu era un «galeguismo reformista». No que cualificou como o momento máis importante da súa vida Núñez Feijóo esqueceuse de tan esperanzadoras definicións e etiquetas.
Galicia. Nas palabras de Feijóo Galicia faise suxeito como «o noso país, «un gran país» ou na súa condición de «sociedade moderna». É un «espazo único, como unha grande cidade única» que ha ser obxecto dun desenvolvemento harmónico e racional para garantir a súa sostenibilidade. Galicia é unha herdanza –«Galicia é o que é grazas ao traballo e ao esforzo dos nosos maiores»–, somos ademais un «país eminentemente marítimo» e debemos ser unha «unidade de destino turístico».
No seu momento de maior intensidade lírica, Galiza é «esta esquina de Occidente», «hoxe unha terra fértil para a liberdade» e nalgunha pasaxe administrativista somos «Comunidade Autónoma» pero, en ningún momento do seu parlamento, chegamos a ser nomeados como «nacionalidade histórica». Nas palabras de Feijóo non se nos recoñece nin tan sequera como o que a súa sacrosanta Constitución e o vixente Estatuto di que que somos.
Impresionismo. Parece case obrigado que un discurso de investidura se entregue ás materias graves, rotundas, profundas e mestas da gobernabilidade futura do país. Non houbo tal, Feijóo recorreu á descrición impresionista, mesmo epidérmica, dos problemas centrais da nosa economía e autogoberno. Opción pola lixeireza e a indefinición que se corresponde, en gran medida, co seu descoñecemento efectivo da situación real en termos orzamentarios e de concreción dos programas de acción do anterior executivo.
Sen caer na frivolidade, Feijóo coqueteou abondo coa superficialidade e extensos parrafeos do seu discurso presentáronse como o temario dunha oposición a gobernante, máis como cuestións obrigadas que terá que preparar en fondura e das que se vai ter que examinarse e non tanto como formulación primeira de ideas de avance e solución dos problemas identificados.
Partido. Prometeu un «goberno sen siglas» e case consigue proscribilas no discurso de investidura. Unha mención ao partido ao que pertence como forza reformista, outra para salientar o compromiso que «vén de longo» do PPdeG coa sanidade pública e dúas iniciais para dar conta do Partido Popular como subscritor dun contrato electoral cos cidadáns nos pasados comicios do 1-M e para agradecer, en nome do Grupo Parlamentario Popular, a confianza electoral recolleitada. Tan limitado «orgullo de partido» é, sen dúbida, cousa de ser atendida por un especialista.
Pasado. Notábel o esforzo de Núñez Feijóo para librarse das hipotecas gobernamentais do pasado. Contundente corte do cordón umbilical que o une co fraguismo –«Nós non vimos restaurar ningún pasado»–; a acción política pretérita unicamente lle serve para identificar o compromiso coa sanidade pública e co desenvolvemento e consolidación do Estatuto de Autonomía. A suposta ausencia de vontade restauradora viuse liquidada de vez cando minutos máis tarde sinalou como marco da súa política de infraestruturas o «Plan Galicia», unha das máis acabadas e fraudulentas obras virtuais da era Fraga.
Presidentes. Un deputado candidato a presidente (Feijóo), tres referencias nominais –Fernández Albor, González Laxe e Fraga Iribarne– e unha mención de respecto para Pérez Touriño «pola súa entrega e o seu traballo»; recoñecemento serodio a un presidente a quen durante a pasada lexislatura se fartaron de chamar «o deputado Emilio Pérez Touriño».
Próximas entregas Se hai saúde, tempo e a paciencia non se creba, tocaralle, entre outros artefactos, a: Aplausos; Autonomismo; Benestar; Crise; Cultura; Demolición; Estatuto; Goberno; Lingua; Ortopedia; Plans; Reformismo; Rexeneracionismo e Tempos.
Desde a Torre Vixía, Xosé Luís Barreiro Rivas saúda o arrinque da «era Núñez Feijóo» e deséxalle a mellor das fortunas ao tempo que fai recordatorio das súas «promesas de austeridade, renovación, integración, rigor e eficacia». Efectivamente, estes son algúns dos termos de referencia da avaliación inicial á que lle toca someterse ao líder do Partido Popular de Galicia como presidente da Xunta. Barreiro Rivas fala do comezo da «era Núñez Feijóo» e son moitos os que temen que dure tanto como a «era Fraga». Diagnosticou Núñez Feijóo: «equivocáronse [PSdeG e BNG] crendo que ían ter Goberno para longo» e coa mesma vacinouse verbalmente contra a autocompracencia. Saberse cun contrato temporeiro de catro anos non é mala forma de comezar. Hoxe, como pouco, principia a semana fantástica de Alberto Núñez Feijóo.
As ideas de goberno
Na primeira tirada, na súa intervención de investidura, verificarase até onde alcanza o rigor, a renovación e a integración do seu programa de goberno. Unha parte da parroquia (ultra)conservadora, cos hooligans de Galicia Bilingüe á cabeza, escoitará axexante ás súas palabras para ter confirmación dun programa (contra)reformista forte ou comprobar se Núñez Feijóo pertence a esa categoría de políticos que, segundo Jardiel Poncela, son como os cinemas de barrio, que primeiro fan que entres e despois cambian o programa. Todos os demais agardamos que, superados os furores da campaña, ofreza, cando menos, as liñas fundamentadoras da súa estratexia para o avance do noso autogoberno e o combate da crise económica.
En campaña Núñez Feijóo gastou o seu tempo, como lle correspondía na súa condición de candidato retador, en dicir o que el non faría e en presentar o seu programa de demolición das políticas do goberno bipartito. As ideas de goberno, a contrario do que dicía John Steinbeck, non son como coellos, non basta con ter dúas, aprender a manexalas e ter, en pouco tempo, paridas unha ducia. O martes veremos se Feijóo se decanta pola retórica da solemnidade ou da eficacia; terá que elixir entre a presentación de boas intencións ou a exposición das medidas de choque que adoptará o seu executivo. Haberá das dúas colleitas, pero veremos onde pon énfase e como gradúa a súa (obrigada) oferta de consenso e colaboración aos partidos da oposición.
O equipo
Confíase en que, nesta semana, ademais se vaian sabendo os nomes do novo executivo que, outra volta, serán contrastados coas proclamas de renovación e integración. En materia de recursos humanos prometeu tamén caras novas con capacitación política e solvencia tecnocrática. Aínda que os confidenciais acollen quinielas, algunhas delas con nomes pavorosos e arrepiantes, a conformación da aliñación de Feijóo xestiónase coa maior das discrecións, entre outras cousas, debido á innovadora metodoloxía aplicada polo presidente do Partido Popular: Feijóo non ofrece cargos, indaga o grao de disponibilidade e condicións dos interlocutores para incorporarse a un gabinete xenérico e sen repartición definitiva de papeis. Malia as cualidades inicialmente ofertadas, do caderno de Alberto todo apunta que sairá un «tecnogoberno» feito a imaxe e semellanza do seu presidente: o novo executivo terá un Presidente e haberá «outros 10», a inmensa maioría de rebaixado peso político e inmaculados certificados de penais fraguianos.
Novo diálogo coa cidadanía?
Unha empresa de eventos traballa no acto público de toma de posesión do quinto presidente do autogoberno galego. Hai quen afía críticas á espreita de saber a canto ascende o custe da sesión sabatina. Feijóo está obrigado polas súas palabras a pregarse a un acto austero e sobrio, contido en gastos e grandioso en formas e palabras. Con todo, o máis importante é saber até que punto aproveitará a ocasión para formalizar solemnemente un novo estilo de relacións coa cidadanía. Na noite electoral ofreceuse como presidente de todos e todas as galegas, veremos como se visualiza nas bancadas e que sociedade civil é convidada ao bautismo presidencial. Saberemos, con toda certeza, se o auditorio é o dunha Galiza plural ou simplemente do Partido Popular de Galicia.
Tras o nomes e as primeiras explicacións, os relevos ministeriais decididos por Rodríguez Zapatero devólvenlle toda a súa actualidade á definición de política que nos deixou Groucho Marx: «A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois remedios errados.» Zapatero inclinouse por mudar o seu Vicepresidente Económico pero mantén ao fronte da área económica do seu goberno aos mesmos ministros suxerindo así que o problema non é a política senón o ritmo de aplicación que lle imprimía Pedro Solbes. Co tempo poderemos determinar se Salgado ten máis ou menos swing que Solbes pero que ninguén agarde maior coñecementos nin maior capacidade de innovación que o ministro agora cesado.
O perfil publicamente descoñecido e baixamente cualificado de Elena Salgado é emendado nas edicións de hoxe cunha solemne declaración: será Rodríguez Zapatero quen dirixa a política económica e Salgado xestionará as grandes liñas ordenadas polo presidente. Hai un proverbio nixeriano que di que «Non podes chantar un coitelo na túa propia perna e presumir diso.» Nesas anda o goberno do Estado.
Á luz das explicacións, Pedro Solbes prestará o seu derradeiro servizo a Zapatero facendo de «comedor de pecados». Onte El País serviulle tres ingratos pratos. De primeiro: era o ministro que quería ser ex-ministro o que obstaculizaba a posta en marcha das iniciativas anti-crise. De segundo: o gran enmascarador da gravidade da situación e quen nos vendeu o espellismo dunha España sen crise foi o agora cesado Solbes. De sobremesa, un sucedáneo, unicamente Solbes tomaba decisións no tocante ás políticas de reactivación económica no goberno; Corbacho, Sebastián, Álvarez, Espinosa, Garmendia e Corredor non teñen responsabilidade política corporativa neste tema. Produce arrepío ver como se escribe a historia gobernamental.
Zapatero esixe eficacia e resultados ao curto prazo. Sabe ben o que se xoga e por iso, baixo o presuposto de procurar unha maior iniciativa política, acaba de blindar o executivo con toda a plana maior do PSOE. O Presidente do partido, o seu secretario xeral e o seu vicesecretario xeral sentaranse no Consello de Ministros. Algo xa está garantido, o fracaso do goberno decapitará o partido. Poderá cambiar de persoas e de ritmos, pero como non cambie de políticas mal futuro se lle aveciña. O desemprego avanza sen tregua cara a unha fatídica cifra. Cando redondeemos os 4 millóns de parados no Estado, o Partido Popular estará en inmellorábeis condicións para presentar unha moción de censura. Con case toda certeza non haberá maioría parlamentaria que a faga prosperar pero, tanto ten, nese momento Rodríguez Zapatero comezará a deixar de ser presidente do Goberno.
O Publiscopio dominical certifica un sorpasso sen sorpresa: a intención de voto declarado do Partido Popular adianta en punto e medio á do PSOE. A vitoria do 1-M en Galiza engorda en 3 puntos a intención electoral que beneficia ao partido de Rajoy que en nada se ve gravado polos chanchullos, corrupcións e corruptelas. Pola súa parte, a crise económica que deviu en crise de credibilidade e falta de iniciativa política roe ferozmente na base electoral do goberno e o seu partido.
No topten de liderados continúa á cabeza Rosa Díez, o novidoso é que Rajoy iguala xa a valoración de Zapatero. Na táboa de apoios declarados UPyD cede o cuarto posto a IU que, coa estrea de Cayo Lara, recuperou algúns folgos e acariña case o 4%. CiU remonta posicións até as acadas o 9-M mentres que ERC erosiónase vagarosamente pero estabiliza o seu voto declarado no 0,6%. A derrota do PNV tradúcese no seu entalamento electoral e as eleccións galegas pasan factura ao BNG que cae até unha intención de voto do 0,6%, a máis baixa rexistrada nos Publiscopios desde marzo de 2008.
Relevo con sorpresa
Este é un cadro suficientemente crítico para que se acendan as luces de alarma en Ferraz. Despois dunha silandeira participación no G-20, na que o presidente do Goberno do Reino volveu participar, sen iniciativas na carteira, como amábel asentidor, e tras a aceptación de Zapatero como amigo de Obama no facebook da diplomacia norteamericana, anunciase un inminente cambio de goberno.
O ovo kinder de Pascua trae sorpresas gobernamentais: a ascensión meteórica da férrea e entregada Elena Salgado en substitución do alicaído Pedro Solbes, a repesca do incombustíbel e todopoderoso Manuel Chaves e o ambicionado nomeamento de José Blanco como ministro de Fomento. Será difícil que Salgado achegue espírito innovador ás políticas económicas pero recoñecéselle capacidade de encaixe numantino, dedicación laboriosa e unha incondicionalidade tecnocrática cega ao Presidente Zapatero. Atributos apropiados para quen vai ser axente pasivo de políticas económicas e activo suficiente para quen confíe en que o cambio de rumbo das demais economías dos países do G-20 nos arrastre no seu ronsel cara novas boanzas.
Cando o BOE publique o nome dos novos ministros, a lexislatura terá pasado politicamente o seu ecuador e comezará a máis longa precampaña electoral da democracia en España. As eleccións ao Parlamento Europeo serán un mero test de resistencia (para o PSOE: saber até onde cae) e elasticidade (para o PP: saber até onde medra) e un fabuloso teatro de operacións para ensaiar un bipartidismo reforzado. A partir do accidente electoral europeo todo será pura e dura campaña (pre)electoral até a remuda ou confirmación do arrendatario da Moncloa. Collamos o bloc de notas, a gravadora e a cámara de vídeo porque non asistiremos a nada igual no resto dos nosos días.
O modelo Chaves
Mentres Rodríguez Zapatero non confirme a aliñación definitiva e vexamos cantos de tantos ministros galegos quedan no seu gabinete, a noticia de maior impacto nesta banda é que José Blanco vai sentar no Consello de Ministros. Todo apunta a que lle tocará Fomento, un cargo no que se terá que estar espilido para atender os compromisos contraídos con Galiza en materia de infraestruturas ferroviarias. A besta negra de Magdalena Álvarez deixará lugar nos rotativos galegos para Blanco que se ten adornado coa aureola dos políticos conseguidores. Será unha proba de lume para as súas aspiracións electorais futuras.
Con todo, o máis significativo é que o Vicesecretario Xeral do PSOE adianta varios pasos na súa folla de ruta político-persoal. Hai tempo que quen vai ser o seu compañeiro ministerial, Manuel Chaves, sinalou o camiño para facer unha carreira política de éxito e non suxeita a caprichosos vaivéns. Primeiro, cómpre afianzarse no aparato, despois darse a coñecer como xestor nun ministerio e, finalmente, construír unha baronía territorial facéndose cargo dos destinos do autogoberno na patria pequena. E tras esta gloria xa se verá...
Ninguén como Chaves compartiu conspiración, política e mantel con Felipe González en Suresnes e segue actualmente na primeira liña da acción partidaria. Pepe Blanco terá agora ocasión de seguir aprendendo do Presidente do seu Partido pero, en calquera caso, non é difícil predicir que a solución de liderado do PSdeG será provisoria. Con toda certeza, Pachi Vázquez sumará aritmeticamente os apoios necesarios para ser secretario xeral na remuda de Emilio Pérez Touriño, máis improbábel é que, se as cousas volven minimamente ao rego e o PSOE recupera folgos electorais, sexa o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia en 2013. José Blanco ten marcado na súa axenda ese ano cun círculo vermello. Aí prevé comezar o resto da súa vida política.
Cedo á tentación e entro na libraría da vila para mercar Florencia Insurgente de Nicolás Maquiavelo, versión editorial dos libros II e III da súa Istoria Fiorentina, traducidos con recoñecidos honores por Félix Fernández Murga e que, despois de trinta anos, recuperou a editorial Capitán Swing. Súmase feliz á morea de libros que agardan polo seu tempo e nos que a sección maquiavélica comeza a resultar desafiante. Na cola de lecturas está a tradución galega de O príncipe que preparou Isabel González Fernández, o seu Epistolario privado e Discursos sobre la primera década de Tito Livio; dúas biografías do pensador italiano, a de Marcel Brion e mais o La sonrisa de Maquiavelo de Maurizio Viroli; e un clásico sobre a influencia da súa obra na conformación do republicanismo, El momento maquiavélico de J.G.A. Pocock. Para ir entrando en materia releo a carta que Maquiavelo manda, desde o seu exilio en San Casciano in Val di Pesa, ao seu colega Francesco Vettori en decembro de 1513 e que ben podería ter titulado Cousas que facer en Florencia cando estás (politicamente) morto (ou case). Aquí a deito a súa fermosa escrita:
Nas miñas terras estoume, e desde as miñas últimas desventuras non permanecín, xuntándoos todos, nin vinte días en Florencia. Érgome co sol e vou ao bosque meu que están tallando, onde paso dúas horas, inspeccionando os traballos do día anterior e conversando cos leñadores, que sempre teñen algún preito entre eles ou cos seus veciños.
E deixando o bosque, diríxome a unha fonte, e de alí ao sitio onde dispoño as miñas trampas para cazar paxaros, cun libro debaixo do brazo: Dante, Petrarca, ou un dos poetas menores, como Tibulo ou Ovidio. Leo dos seus amores e paixóns que, ao recordarme as miñas, entretéñenme saborosamente neste pensamento. Tomo logo o camiño da hospedaxe, onde falo cos pasaxeiros e pídolles noticias dos seus lugares, co que oio diversas cousas e noto os varios gustos e humores dos homes. Chega nisto a hora do xantar, no que consumo coa miña familia os alimentos que pode dar esta pobre terra e o meu minguado patrimonio. Logo de comer, volvo á hospedaxe, onde co pousadero están, polo común, un carniceiro, un muiñeiro e dous panadeiros. Con eles me encanallo xogando ás cartas ou ás damas, do que nacen mil disputas e infinitas ofensas e palabras inxuriosas, e moi miúdo combátese por un centavo, e hai veces que desde San Casciano nos oen berrar. E nesta piollada hei de mergullarme para que non acabe de amofarse o cerebro, e para desafogar esta malignidade da miña sorte.
Á noitiña, volvo a casa e entro no meu estudo, no limiar desposúome daquel traxe da xornada, cheo de barro e manchas, para vestirme roupas de corte real e pontificia; e así ataviado honorabelmente, entro nas cortes antigas dos homes da antigüidade. Recibido por eles agarimosamente, nútrome daquel alimento que é privativamente meu, e para o cal nacín. Nesta compañía, non me avergoño de falar con eles, interrogándoos sobre os móbiles das súas accións, e eles, con toda humanidade, respóndenme. E por catro horas non sinto o menor fastío; esquezo todos os meus coidados, non temo a pobreza nin me espanta a morte: a tal punto todo eu síntome transportado a eles. E guiándome polo que di Dante, sobre que non pode haber ciencia se non retemos o que aprendemos, puxen por escrito o que da súa conversación apreciei como o máis esencial, e compuxen un opúsculo De Principatibus, no que aprofundo até onde podo os problemas deste tema: que é a soberanía, cantas especies hai, e como se adquire, se conserva e se perde.
Humor: O de Tuco Cerviño que con só 65 anos presidiu a mesa de idade. Elegancia: Pilar Rojo é Presidenta co voto dos seus e as luvas brancas dos demais. (Im)posto: concreción da política de paz por postos, Baltar Jr. empoleirase na Vicepresidencia do Parlamento. Acomodos: Varela e Quintana incorpóranse á Mesa como vicepresidente segundo e como vicesecretario. Lixo:La Voz de Galicia teima en que Quintana terá sobresoldo, chofer e coche oficial, nada di dos demais membros da Mesa. Imparidade: catro homes e unha presidenta. Inevitábel: A apelación presidencial ao consenso. 75 – 1: Ausencia por enfermidade do deputado socialista Modesto Posse, desexo de rápida melloría. Lapsus: A Presidenta fala de himno nacional galego. Chanza: Aymerich felicítase de que Rojo se referise implicitamente a Galiza como unha nación. Rectificación: Rojo retruca que a denominación oficial é «Himno Galego» e lamenta a manipulación do seu lapsus por parte do voceiro do BNG. Intencións: oposición seria, rigorosa, firme e construtiva e política de brazos abertos na banda gobernamental. Morbo: o saúdo entre o Presidente que sae e quen lle vai suceder. Recordatorio: a calidade da democracia, segundo Gianfranco Pasquino, é o sumatorio da calidade do goberno e da calidade da oposición.
Na véspera do 70 aniversario da derrota da República, Josep Fontana axunta, en Público, lembranzas da súa infancia na Cataluña vencida e as primeirizas impresións do que despois sería confirmado con brutal contundencia por case catro décadas de Franquismo. Hai un choqueiro retallo que ilustra a acomodación vergoñenta da prensa diante das reviravoltas que forza a historia cando é derrotada a intelixencia. Aquí as súas palabras:
O mesmo día do noso regreso a Barcelona, o 27 de xaneiro [de 1939], o xornal La Vanguardia anunciaba aos seus lectores que cambiaba a súa numeración para reemprendela onde quedou o 19 de xullo de 1936, repudiando todo o que se publicou desde aquela. Había que acomodarse aos novos tempos.
Nun breve titulado «Deciamos ayer», a redacción de La Vanguardia, con acendida retórica triunfal, facía súa a submisión á nova orde e anunciaba que se retomaba a vella numeración dos exemplares onde quedara o 19 de xullo de 1936. La Vanguardia estivera en ningures durante dous anos e medio.
A inmensa maioría das cabeceiras de orde da prensa galega non terán que someterse a semellantes rigores autocríticos como consecuencia da acomodación aos novos vellos tempos. Non será necesario porque as súas liñas editoriais, desde o 18 de xullo de 2005, souberon manterse nun delicado e virtuoso equilibrio inestábel entre a condescendencia co goberno bipartito e o exquisito trato dispensado á oposición e ao seu líder. Non en balde, na pasada lexislatura, o Partido Popular fixo oposición, fundamentalmente, con recortes de prensa na man. Por iso, non haberá necesidade de renumerarse, bastará con formar, facer fila, cadrarse diante do novo inquilino de Monte Pío e, simplemente, numerarse á espera de que cheguen as directrices da Nova Política Informativa (NPI).
Berrar en silencio
Algúns amigos conectados coa dereita máis democrática do Partido Popular convidan a un café para dar pésames e adiantarme que os «populares» farán unha xestión informativa moito máis pluralista que durante o bipartito e que non haberá retorno ao Sistema Pérez Varela de Comunicación. Dan crédito a que na política de medios haberá bastante menos controis e pressing que durante o fraguismo, sobre todo porque non é estratexicamente tan necesario dada a pouquidade de cabeceiras contestatarias e a súa comprometida saúde financeira como consecuencia da crise. Coa mellor intención anuncian que, en materia cultural e de medios, Alberto Núñez Feijóo quere ir de Nicolás Sarkozy, garantindo pluralidade e apertura aos sectores non-conservadores. Querendo tranquilizar, a mención a Sarkozy, desde logo, non é a máis acaída para apradriñar a NPI.
Hai uns días unha boa amiga persuadiu a meu fillo para que «berrase en silencio». Desde aquela fai acenos e boquexa coma dando grandes berros pero acompaña a súa protesta, petición, queixa ou alegría cunha voz a penas perceptíbel. Velaí unha innovadora estratexia que, a pouco que remita o entusiasmo pluralista, fará propia a NPI de Núñez Feijóo. Ofrécense plenas garantías de que PSdeG e BNG poderán berrar en silencio.
É xa un lugar común nas nosas reflexións; non hai análise (para)partidaria postelectoral na que non asome o «papel dos medios de comunicación» como factor que explique os resultados negativos colleitados (Nada que dicir dos medios cando calla o éxito electoral). Na fin de semana dúas cualificadas voces achegaron a súa lectura sobre a influencia mediática e doutros poderes fácticos. En El PaísfalouFrancisco Rodríguez. Para A Nosa Terrafíxoo o ex-director deEl País-Galicia e actual director de Público, Félix Monteira.
Na entrevista de Xan Carballa, Monteira repasa o conxunto de causas: persistencia dunha cultura caciquil e dun sólido substrato socioloxicamente conservador, falla de firmeza das políticas de cambio e desencanto entre os votantes progresistas e nacionalistas. Tamén tivo relevancia, na súa idea, que o goberno de coalición non funcionase politicamente coordinado, presentándose como «dous gobernos cun programa en disputa». E, por cabo,
A implicación de intereses entre os poderes públicos e a prensa é tan forte que o trastocou todo. O goberno non se atreveu a trocar o statu quo de relacións e foi refén desa prensa que actuou contra os seus intereses. A maioría da prensa galega actuou pola súa ideoloxía predominante que é de dereitas. Foi unha torpeza política da coalición.
O fracaso da estratexia de sedución
Pola súa banda, o secretario xeral da UPG salientáballe a Pablo López que o punto de partida electoral era moi fráxil porque «bipartito e BNG só podían manterse ou aumentar moi pouco» e que a campaña –tanto a mediática como a electoral do PP–, tiveron «a pegada xusta para que o que estaba fráxil fose derrubado».
O entrevistador fala de «coqueteo» do BNG cos poderes públicos e Francisco Rodríguez retruca:
Non. O que se fixo foi pensar que un diálogo con eses sectores podía lograr, máis que neutralidade, unha certa conivencia. E aí si que houbo un erro de vulto e de cálculo.
Subliña Rodríguez que, «aínda que todos considerásemos que ese labor había que facela», o BNG non tiña unha «posición unánime» respecto da estratexia de relación cos poderes fácticos. Entremos no matiz: «Uns crían que era substancial, e outros consideramos que había que facela, pero que non cabía esperar moito dela». Non había unanimidade, disque, pero as variantes operativas eran a penas diferentes: tentar seducir aos poderes fácticos, créndose que era posíbel ganarse o seu ánimo, ou seducilos sen demasiada convicción.
E conclúe Francisco Rodríguez:
Os poderes fácticos externos está claro que eran agresivos, pero os mediáticos internos non é que fosen condescendentes; facían un paripé e estaban a segar a herba por baixo. Aínda que non teña matriz española, algún deles é moi significado e seguiu unha estratexia de que tiña que volver o PP. Estratexia que non foi ben tratada desde o bipartito, como en xeral o trato cos medios de comunicación privado non foi o correcto. Xogouse ao pan para hoxe e fame para mañá. Que esas empresas consideren que es un interlocutor inevitábel non significa que che vaian a apoiar.
A estratexia da sedución dos poderes mediáticos, está ben claro agora, non deu os froitos acadados: nin neutralidade, nin conivencia; moi ao contrario, a lexislatura rematou cunha agresiva ofensiva informativa contra o BNG e, indirectamente, contra a continuidade do goberno bipartito na que se implicou sen escatimar medios La Voz de Galicia.
As outras estratexias posíbeis
O BNG-Goberno tirou adiante coa estratexia da sedución, pero tiña o BNG-Organización outra estratexia? A xulgar polo pouco agarimo que se lle deu a diversas operacións mediáticas, cabe dicir que (case que) non. O reposicionamento de A Nosa Terra foi acollido con bastante friaxe, xélida foi a recepción de El País-Galicia considerado pola nomenklatura como un medio hóstil, mantivéronse os receos respecto das cabeceiras da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME) e nin tan sequera a aparición de Gz Nación foi acompañada de maiores entusiasmos.
Había outra estratexia posíbel? Con moitas dificultades. Dito con crueza, fronte ás tentativas (previsibilmente condenadas ao fracaso) para ser aceptado na mesa dos poderosos mediáticos, existía a posibilidade de facer poderosos a aqueles cos que un se podía sentarse na mesa. O PSOE nos tempos do felipismo practicou con éxito esta estratexia de empoderamento e o resultado é o complexo cultural-comunicacional que abeira PRISA.
O Xornal de Galicia podía xogar un papel semellante ao de El País na construción dun polo informativo alternativo e competitivo? Dificultosamente por nacer na fase terminal da lexislatura e cunha crise económica pavorosa detraendo publicidade e investimentos en case que todos os xornais do mundo. Dificilmente, sen conexións, complicidades ou unha alianza con outros medios, máis ou menos consolidados, en lingua galega, reunidos na AME (Vieiros, Galicia-Hoxe, A Nosa Terra, Tempos Novos...), ou entre os lectores progresistas (El País-Galicia e as cabeceiras galegas do Grupo Moll).
Carecer dunha política de medios e despois queixarmonos das consecuencias é unha sorte de sadomasoquismo. Caer con reiteración na mesma trampa por omisión é unha teima dolorosa.
Berlusconización
As eleccións do 1-M representan un notábel paso adiante na berlusconización da política galega; entendendo aquí por berlusconización a estratexia pola que a mobilización dos medios de comunicación se torna no principal recurso –ou nun dos principais– para acadar ou manter o poder. Outra das consecuencias impactantes é a que sobrancea José Vidal-Beneyto na súa análise do «berlusco-zysmo»:
A cancelación do público chega ata que o ámbito da opinión pública, comprendida como un espazo aberto de confrontación e debate para chegar ao entendemento, sucumbe a mans da opinión mediática; é dicir, aquela producida e imposta polos poderes centrais da sociedade, grazas á capacidade de conformación dos medios de comunicación dominantes.
Nada pode opoñerse á caracterización política que Monteira fai do sistema galego de medios de comunicación destacando que «a súa ideoloxía predominante é de dereitas». Compleméntese coa evidencia de que o credibilidade dos medios públicos á hora de conformar opinión está en cotas abisais e que hai un medio, La Voz de Galicia, que é ultradominante e conforma, mesmo, a axenda informativa de todos os demais mass media galegos, sexan radio, televisión ou papel.
A día de hoxe a Corporación Voz postúlase como o Grande Irmá Berlusconiano en Galiza. A súa posición ultradominante é debida ao poder adicional que lle atribúe o seu tradicional papel como broker principal no mercado de favores que condiciona e ordena as transaccións entre os poderes públicos galegos e a empresa privada. Posición engrandecida tamén pola súa condición de principal factoría e distribuidora de ideas do pensamento conservador en Galiza. Onde está a nosa panificadora mediática
Constatado o erro de vulto e o fracaso da estratexia de sedución dos medios realmente existentes e realizada a autocrítica sobre a política de relación do cogoberno coas empresas de comunicación, entramos no capítulo de preguntas que agardan resposta. Se a política realizada significou pan para hoxe e fame para mañá, onde temos unha panificadora que nos asegure un abastecemento perdurábel? É posíbel reverter a berlusconización e gañar poder e audiencia política a través de medios de sociais de comunicación alternativos na rede? É fáctibel unha alianza colaborativa dos medios «en lingua propia» e «non-aliñados co poder» para soster un polo influente de opinión pública non conservadora? E, en definitiva, a clásica leniniana: Que facer?
Ollando cara ao futuro, en calquera caso hai que lembrar, primeiramente, a advertencia de Raymond Chandler –«Non hai trampa tan mortal como a que te tendes a ti mesmo»– e, despois, facer bo caso do consello de Albert Einstein: «Tolemia é facer a mesma cousa unha e outra vez esperando obter diferentes resultados».
Hai xornais que fixan posición a través das citas que reproducen a diario. Na nosa galaxia mediática, El Mundo faino en portada e Público na sétima. A de El Mundo de hoxe («E máis doado negar as cousas que decatarse delas») está asinada por Mariano José de Larra, que naceu tal día como este hai douscentos anos. Público imprenta unha de Ghandi: «Debes ser o cambio que desexas ver no mundo» e onte citou a Jean Jaurès: «A coraxe é buscar a verdade e dicila.»
Entre unhas e outras poden encaixarse as declaracións que Roberto Mera fixo a El Correo Gallego anunciando o seu abandono da política activa, facendo un chamamento a renovación radical da dirección política do nacionalismo e prestando a súa voz a algunha verdade coraxosa sobre a existencia dunha xerontocracia fáctica que pode ancorar mudanzas que son imprescindíbeis no BNG.
BNG é un partido extremamente conservador, de flexibilidade nula. A súa estructura interna está pensada para evitar toda cesión de poder do núcleo dirixente, cos conseguintes efectos negativos á hora de remozar os rostros e as políticas: rexe a cooptación estricta; isto é, a fidelidade e a obediencia.
E subliña algunha outra cousa ante a que cómpre non pechar os ollos: «Mera ten trinta e sete anos e vinte de experiencia política: é un rapaz, con moita vida -política- por diante».
Esta evidencia alenta xa encontradas lecturas sobre a súa saída. En facebook xa adiantaron unha inapelábel sentenza cainita: «As ratas comezan a abandonar o barco.» A renuncia tamén pode lerse como un (hiper)coherente posicionamento neoghandiano: abandonar para deixar paso a outros novos como exemplo do cambio que se pretende. E hai unha terceira, francamente desesperanzadora, que fai da súa marcha, e da demisión de Quintana, o sinal inequívoco da derrota da proposta de procurar «Máis BNG e menos partes». Se o que toca é cooptación, partitocracia interna e preeminencia nos órganos dos socios fundadores nunha sorte de dirección colexiada, a Asemblea de maio será moitísimo peor que unha cita a cegas, será unha vía cega.
Co X Congreso do Partido da Revolución Democrática como pano de fondo, o escritor, xornalista e historiador Héctor Aguilar Camín (HAC) escribiu en agosto de 2007 unha decena de artigos que apareceron no diario Milenio. Ese material revisado e enriquecido con varios intercambios (máis ou menos) polémicos, algunhas pezas novas sobre a esquerda, o futuro, o progreso e mais o indixenismo revolucionario, e un ensaio sobre «a esquerda mexicana realmente existente», que publicou a revista Nexos en 2005, foron compilados en Pensando en la izquierda, un libro de dimensións cativas pero de substancioso e incómodo contido que circula desde marzo de 2008 co selo do Fondo de Cultura Económica.
Aguilar Camín constata como punto de arrinque que os partidos políticos mexicanos non teñen unha ideoloxía explícita e que «hai grandes intelectuais na esquerda, pero non grandes ideas nas organizacións da esquerda en México» e que «a ideoloxía ou o proxecto histórico pesan menos nos partidos da democracia mexicana que a poxa electoral e a busca de posicións de goberno».
Na plural e enramada tradicións esquerdista recoñece catro liñaxes: a «esquerda revolucionaria» (ER); a «esquerda comunista» (EC), a «esquerda estatista e nacionalista» (EEN), e a «esquerda utópica clásica» (EUC).
A ollada de HAC detense ademais a reconsiderar o papel da esquerda intelectual e da esquerda indixenista en México, ao tempo que certifica o raquitismo e febleza no seu país da tradición socialdemócrata que, para a súa idea, é a única que «podería poñer a esquerda mexicana a tempo co seu presente e en sintonía posíbel co futuro». O seu posicionamento é rotundo, o que falta é precisamente o que é máis necesario en México: unha esquerda socialdemócrata «intransixentemente igualitaria a forza de querer instransixentemente todas as liberdades para todos».
A esquerda e a violencia revolucionaria
A ER anima un proxecto de emancipación que tiña/ten na violencia o seu camiño e a súa fachenda, violencia que no imaxinario histórico de México segue a ser un «recurso lexítimo e celebrado». Malia que se conten a menos os defensores explícitos da acción armada revolucionaria, a violencia como «instrumento válido para protestar, resistir e combater as inxustizas do mundo» conforma unha sorte de lexitimidade soterrada nos continxentes da esquerda mexicana.
«Poucos van á guerrilla, pero poucos a condenan sen dubidar», sentenza Aguilar Camín, quen sostén que «non son as condicións obxectivas as que impoñen a violencia», senón que a loita armada «é a elección de grupos e persoas concretas». Non nega a violencia como factor de cambio e mesmo que xogou un papel no camiño á democracia, pero salienta que para a ER non era a democracia o que se procuraba. Refuta asemade a violencia revolucionaria como catalizador histórico positivo: non hai dúbida de que aceleran a historia, pero «non está claro que o fagan na dirección correcta».
Fronte á ER o pronunciamento de HAC é contudente: «o inherente ao compromiso democrático é rexeitar a violencia, non validala como inevitábel nin como culpa ou responsabilidade de outros», ao tempo que subliña que «as deformidades da democracia deben ser corrixidas cos instrumento da democracia, ningún dos cales inclúe a violencia».
A esquerda comunista
A tradición que entronca co Partido Comunista Mexicano é despachada expeditivamente: «non é revolucionaria nin subversiva», non quería facer a revolución, senón gañar un espazo público e un lugar político de seu para defender o «socialismo real» e enxalzar as causas contra o imperialismo norteamericano. Salienta HAC que o maior espazo pública gañado pola EC foi na vida intelectual e na opinión pública («libros, revistas xornais e editoriais») e nas universidades («na súa tripla dimensión: burocrática, académica e sindical»). Así, a «confraría comunista» era, atendendo á lectura de HAC, «máis intelectual e burocrática que popular, máis reformista que rupturista, máis eurocomunista que estalinista»; de aí que se tornase na «maior ponte da esquerda mexicana coa democracia» xa que non esixía «a ruptura da orde, senón tolerancia, legalidade, espazos democráticos».
O nacionalismo revolucionario
O estatismo e o nacionalismo revolucionario, xunto co discurso antineoliberal, son consideradas por HAC como «o verdadeiro corazón da esquerda mexicana». O proxecto histórico nacido da revolución de 1910 que aspiraba facer do Estado «o instrumento da xustiza social contra os poderes privador e o baluarte de defensa da nación contra a ameaza exterior» é a cerna da cultura da esquerda mexicana e o PRD representaría versión dese proxecto como priismo de esquerdas, unha proposta que non aspiraba a revolución, senón a ocupar o poder do Estado para a defensa da soberanía nacional e as causas populares fronte ás estratexias neoliberalizadoras aleitadas pola globalización.
A esquerda utópica
Tamén identifica HAC unha esquerda utópica, «altar de poucos cregos e moitos fieis», que reivindica «a certeza histórica, filosófica e moral de que a historia camiña cara á sociedade sen clases e que o socialismo ten que ser o punto de chegada da historia; a fin plenamente humana da historia». É minoritaria como proxecto de política práctica, pero é a reserva moral dun franxa tan numerosa como ben intencionada da esquerda mexicana, nela bota as súas raíces «os únicos trazos autenticamente autocríticos do PRD [...] denunciando a corrupción, o clientelismo, o pragmatismo electoral, o esquecemento dos principios; o triunfo dos politicastros e a manipulación da vida partidaria».
A esquerda intelectual
A cultura e a intelectualidade mexicana, segundo a anatomía debuxada por Aguilar Camín, ten «o corazón botado á esquerda»; malia iso, ningún partido da esquerda mexicana acompañou a súa acción cun «potente debate de ideas». A esquerda ten os recursos intelectuais para facelo, pero HAC sinala que carece da liberdade para facelo, adoece de capacidade crítica e autocrítica. Os intelectuais de esquerda contan cun afinado arsenal crítico pero tamén cunha audiencia entre as bases militantes pouco dada ao consumo de reflexións matizadas. O resultado é unha esquerda intelectualmente entalada que pasou polo derrumbe do socialismo real sen facer a crítica do sucedido.
En opinión de HAC, «a xente de esquerdas oe máis aos seus xornalistas que aos seus intelectuais», e, para el, o xornalismo de esquerdas deixou de ser unha forza renovadora ao encerrarse nos lindeiros da causa e as súas crenzas, ao derramar a súa pluralidade e ao ser cada vez máis reiterativo, autorreferencial e impermeábel a debater ideas, proxectos, medios e fins.
A esquerda indixenista
A insurrección en Chiapas, segundo HAC, engordou a aceptación da violencia como instrumento lexitimo do cambio e entregou a esquerda ao que denomina «unha utopía particularista»: un indixenismo radical, non integracionistas e multicultural que se levou por diante «a tradición intelectual máis nobre da esquerda: o seu universalismo progresista», eivando á esquerda como «a ala radical do proxecto universalista de liberdade, igualdade e fraternidade».
Sostén Aguilar Camín que a esquerda mexicana é desde 1994 «obrigadamente indixenista» por unha dupla vía: «polo rexeitamento da pobreza, o racismo e a desigualdade» e pola súa «consagración acrítica e particularista» do mundo indíxena «como o repositorio venerábel dun México profundo»; e laméntase a seguir da perda do vello internacionalismo e de que se tornase en resistencia á internacionalización, ao facer da globalización o «demo recorrente» da esquerda e da deriva indixenista a mostra máis clara de que «a esquerda mexicana quere fronteiras nacionais».
Asinaturas pendentes da esquerda realmente existente
Entre outras asinaturas pendentes da esquerda mexicana, HAC sinala:
Cambiou a súa linguaxe pero non a matriz das súas conviccións, a esquerda deixou de ser expresión política nos marxes, é formalmente unha opción de goberno pero non deseña nin goberna o cambio, o resiste, e tórnase, mesmo desde os gobernos, nunha sorte de oposición.
Cre na democracia tan só como un medio e a lealdade ás institucións está condicionada a que as institucións lle sexan favorábeis.
Non fixo a paz co mundo da empresa e mercado, denuncia a pobreza pero non sabe dar unha resposta positiva á privación das maiorías creando riqueza para acrecentar a accesibilidade a bens e servizos e mellorar a oportunidade dos máis.
Ten unha resposta pobre, cando non arcaica, para as dúas realidades claves do mundo moderno: democracia e globalización. Non remata de ter un proxecto eficaz no económico, garantindo taxas altas de crecemento, e, no político, asegurando altos índices de gobernabilidade democrática.
Coda
Hai intelectuais de dereitas, de esquerdas, e incómodos. Héctor Aguilar Camín gañouse merecidamente a súa clasificación, cando menos, entre os intelectuais incómodos. Coñecedor das normas e usos do poder –político, mediático e económico– non é un observador inxenuo nin un incauto anotador de realidades. A súa (suposta) veciñanza política e persoal a Carlos Salinas de Gortari, que HAC nega con vehemencia, pode empardecer entre nós a recepción das súas opinións sempre controvertidas.
Pensando en la izquierda axunta descricións, ás veces esquemáticas pero non grotescas nin caricaturizadas das tradicións da esquerda mexicana, que evidencian as súas carencias democráticas e as súas inconsistencias e fraquezas ideolóxicas. Non vale contentarse pensando que a súa versión da esquerda socialdemócrata non resiste nin unha crítica livián e que calquera pode trazar un panorama igualmente pouco grato dos herdeiros e epígonos da Segunda Internacional. Certo é tamén que aquilo que describe é a esquerda mexicana, pero non é menos verdade que esa esquerda maniféstase con acentos propios entre nós.
Moacyr Scliar sostén provocadoramente que «o escritor é aquele que olha para a banana e come a casca». Esa corrosiva e autocrítica descrición non é aplicábel a Héctor Aguilar Camín que non se queda na pelica da (nosa) esquerda (mexicana). Fala do substancial e a sua lectura crítica convida á relectura crítica da nosa propia esquerda.