20/11/2004

Spin off

Proliferan as spin-off no mundo da empresa e no cine cun sentido orixinario común: identifican aqueles proxectos que nacen doutros xa existentes e, normalmente, como iniciativa dalgúns membros do proxecto matriz, como expresión dun novo protagonismo ou liderado.
En política as spin off son incómodas e dificilmente aceptábeis en termos orgánicos e xa non digamos en clave mediática. No que toca aos liderados políticos, como no cinema, as spin off non sempre son ben acollidas polo público; ver como un personaxe secundario asume o protagonismo dunha nova cinta provoca, de entrada, unha comparación (case que sempre) odiosa.
Na sociedade política, o liderado que se aprecia é aquel que comporta ruptura, mesmo máis se valoriza se se acompaña dunha boa dose de cainismo e a execución simbólica do Pai/Nai Matriz. Pola contra, se o apego ao proxecto orixinario é demasiado forte, verase esmagado por unha contundente acusación de continuísmo. O liderado de Anxo Quintana non se dá liberado da súa lectura como un spin off de Xosé Manuel Beiras e a década prodixiosa do nacionalismo galego.
Agora o problema haberá de reeditarse coa veciñanza das eleccións autonómicas e a confección das listaxes. O pai nutricio debe ir nas listas? E se non vai que significa? De certo, o debate non é elixir entre o Beiras-muleta de Quintana e o Beiras-emenda (parcial ou total) de Quintana. A cousa é máis cruda: Beiras resolve as insuficiencias que historicamente tiveron as candidaturas do BNG? E, de entre todas as pexas das listas, hai unha que reiteradamente as condicionou negativamente: sempre se fixeron atendendo a escrupulosos e unilaterais criterios domésticos. Exactamente como se están facendo agora. Tal como vai a cousa, desgrazadamente, a única novidade e sorpresa que o BNG vai presentar á sociedade é se Beiras vai ir ou non nas súas listas electorais.

Sem comentários: