30/07/2005

Elixidos para a gloria

Moitos foron os nominados pero catro os escollidos. Rematou a especulación. Sabemos, por fin, nomes e apelidos dos conselleiros e conselleiras do BNG: Ánxela Bugallo e Alfredo Suárez Canal, como estaba máis ou menos previsto, para Cultura e Medio Rural respectivamente. Fernando Blanco para Industria. E o nome máis sorpresivo do elenco nacionalista: Teresa Táboas, decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, para a Consellaría de Vivenda. Os blocólogos reparten afiliacións: dous UPG da liña eurocomunista , unha quintanista da extinguida Unidade Galega e unha independente non afiliada ao BNG que, hai un tempo, pasaba por ser filosocialista. En calquera caso, que a fortuna lles sexa propicia. A especulación ocúpase agora da segunda liña do goberno.

27/07/2005

Almorzando esperanza con Bacon

Francis Bacon sostiña que «a esperanza é un bo almorzo, pero unha mala cea». Hoxe rompimos o xexun de dezaseis anos cunha abondosa ración de esperanza. O menú do futuro quizais debera incluír como ingredentes necesarios algúns dos agudos aforismos de Bacon. Para valorar a importancia da estabilidade do pacto PSdeG-BNG: «A amizade duplica as alegrías e divide as angustias pola metade». Para combater o continuísmo na acción gobernamental: «Quen non aplique novos remedios debe esperar novos males.» Para precisar o alcance do noso autogoberno: «Os Estados son grandes máquinas que se moven lentamente.» Para non compracerse esperando un derrubamento apocalíptico do Partido Popular: «A ocasión hai que creala, non agardar a que chegue.» Para desterrar a política de wait and see: «O requisito do éxito é a rapidez nas decisións». Para non estraviarse: «É moi difícil facer compatíbeis a política e a moral.» Para relativizar a importancia dalgúns medios amigos: «A baixeza máis vergoñenta é a adulación». Para catalogar aos que arrodean o poder: «Quen non quere pensar é un fanático; quen non pode pensar, é un idiota; quen non ousa pensar é un covarde.» Para non deixarse impresionar polos Grandes Homes: «A cabeza de moitas persoas de alta estatura parécese ás casas; o piso mais alto é o peor amoblado.» Para darlle a importancia que realmente teñen ás estratexias a longo prazo: «Escoller o propio tempo é gañar tempo.» Para non esquecer os verdadeiros puntos cardinais: «É un estraño propósito perseguir o poder e perder a liberdade.» Aceptaría este Bacon ser o xefe do gabinete do vicepresidente Quintana?

26/07/2005

Aqueles bos anos

Hai dez anos viaxei por primeira vez a Nicaragua. Na axenda das ilusións tiña anotado para o verán de 2005 un retorno ao país dos lagos e os volcáns. Non poderá ser. Para combater o mono pinoleiro merco Los buenos años. Nicaragua en la memoria, o libro de Iosu Perales que nos achega Icaria editorial entre as súas moitas novidades estivais. Xogo coas follas e dou coa humidade esmagadora de Managua e a deslaiada rutina da Gran Sultana, co te xeado, cos frescos aromáticos e coa fritanga ruidosamente celebrada na beira do lago Cocibolca, tamén recupero a noita estrelecida de quiebraplatas de illa Zapatera, os ferintes zancudos e o pracer de deixarse ir no abaneo da hamaca... Vagabundeando entre parágrafos atopo unhas palabras de Julio Cortazar que Perales rescata agarimosamente para ilustrarnos sobre o país de Sandino: «Tan cativa, Nicaragua, terra de xente vivindo con tigres, de sábalos tan grandes que rebentan unha lancha, dun pobo que se mide contra forzas máis grandes que el. Todo busca aquí o seu camiño, o seu equilibrio difícil.» Agora, co repouso do solpor da miña aldea, déitome na señerdosa lectura da memoria de Iosu Perales que, de seguro, tamén será a miña. Avanzo unha liña do seu relato e fago un alto para recuperar as imaxes, as palabras e os olores da miña propia e saudosa lembranza.

Domingos, mestre de xadrez

Houbo cea de amizade e homenaxe a Domingos Merino Mexuto. Anunciounos que el non se retiraba. Que así sexa. Houbo que armar palabras de saúdo e agarimo. Domingos, no remate do acto, pediu que todas aquelas gabanzas as puxeramos por escrito para que servira como aval por se tiña que pedir un préstamo. Recupero da memoria improvisada estas palabras polas que non creo que lle adianten nin un peso.
Todo dirixente político ten unha estrutura profuda que é a que, por cabo, lle acaba dando forma á súa acción pública. A estrutura fonda de Domingos Merino é a dun mestre de xadrez. O xadrez é un xogo de normas indiscutidas, de regras inquebrantábeis, por iso é con moita diferenza o deporte máis limpo, o máis nobre, o único no que está proscrita de vez calquera trampa ou trapallada. Hai espazo para a estratexia, para as estrataxemas, para a intelixencia e a creatividade mais non para o trangallada fuleira, a mentira e o xogo sucio. A acción política, pública, partidaria e persoal de Domingos Merino armouse con libre intelixencia, pensadas estratexias e mesmo habelenciosas estrataxemas, pero nunca sobre base da falsidade e a impostura. Iso ensinounos o mestre xadrecista que leva dentro.
A lexitimidade das normas libremente aceptadas é parte constitutiva do ser político de Domingos Merino. O recoñecemento incondicional das regras, das regras como fundamento do proxecto político e a lealdade inquebrantábel caracterizan a andaina de Domingos no PSG, na primeira Unidade Galega, no PSG-EG, na segunda Unidade Galega e no BNG. Tocoulle, ás máis das veces, xogar coas pezas negras, disputar nunha posición de desavantaxe á que sempre se enfrontou con ilusión e na que colleitou, en non poucas ocasións, amarguras e inxustas derrotas. De Domingos aprendemos a necesaria lealdade aos proxectos do país mesmo cando nos toca apandar coas negras. O xadrecista que viaxa baixo a súa pel foi nesta difícil arte un teimudo mestre.
Con todo, hai un xogada na que nunca se prodigou Merino: o enroque. No debate e na confrontación de ideas nunca gustou de se encastelar, de pecharse na seguranza do enroque dogmático e, moi ao contrario, foi amigo de se embarcar en arriscadas aperturas. Novas ideas e dialogos sen atumes coa sociedade e as súas emexerxentes demandas trazan a biografía política de Domingos. Nada máis lonxe do resistencialismo dos «poucos pero escollidos» que a disposición dialogante e aperturista do noso mestre de xadrez.
Como bo xadrecista, Merino gusta tamén de repasar as partidas perdidas, co seu ronsel de dores, maniotas na intelixencia e leccións frustrantemente adeprendidas. A historia do primeiro alcalde nacionalista da Coruña volve unha e outra vez en forma de agre biografía, pero tamén como un monumento ao compromiso coa política limpa, socialmente entregada e entendida como servizo público a prol dos cidadáns menos favorecidos.
No taboleiro do xadrez Domingos aprendeu axiña que o sacrificio de pezas é un lance imprescindíbel e obrigado. A entrega de fichas de gran valor como paso necesario para salvar outras de menor valoración pero maior importancia en estratexias futuras foi unha achega na que nos tivo que convencer o mestre xadrecista. Hai que dicir que o único sacrificio ao que se mostrou proclive Domingos foi á imnolación da propia ficha e así o demostrou nos procesos de renovación polos que sempre avogou deixando o seu posto dispoñíbel. Privándose el de voz deunola a moitos outros que poidemos ser donos dos nosos acertos e erros, acertos que sempre aplaudiu e erros dos que nos axudou a tirar o maior proveito.
Si, para a miña idea, a alma profunda de Domingos Merino é a dun mestre do xadrez. E non hai maxisterio sen dignidade como cada día nos ensina Domingos Merino. Grazas mestre.

Tsunami

Unha xigantesca onda de traballos, incidentes e imprevistos sulagouno todo. Un becho roe na familia, aborta as vacacións e tráenos angustias e medos. Na factoría atorase a produción, disparanse as luces de alarma e algúns buscan urxentemente a escaleira de incendios. Na cousa pública houbo negociación palilleira para a formación de goberno e apagón informativo sobre todo o demais. Seguimos agardando o rol dos chamados a embarcarse na singradura gobernamental. Nalgún foro alguén colga a súa particular orde de embarque: Suárez Canal será conselleiro de medio rural; Anxela Bugallo mandará en Cultura; Tano Mato, o vicerreitor vigués, gobernaría Industria; Encarna Otero dedicaríase a Vivenda; e Branca Rodríguez, a ex-concelleira lucense, pasaría a ocuparse do Benestar Social. Pero tamén soan outros moitos nomes. O único certo é que ninguén sabe o que está anotado na caderniño azul de Quin. Abundan as especulacións e, perante o impenetrábel silencio e tanto (vice)presidencialismo decisorio, multiplícanse as desconfianzas. Toca agardar.

02/07/2005

A dama nos Açores

Hoxe L. saíu cara aos Açores. A mesma viaxe que fixen hai doce anos con X. para coñecer as illas. A primeira cousa que lin sobre o arquipélago foi Dama de Porto Pim de Antonio Tabucchi. Un libro que logo se fixo película. O italiano narrou os motivos polos que escribiu a Dama de Porto Pim: «Hai vinte anos, pouco máis ou menos, fixen unha viaxe ás Illas Açores, un arquipélago que me pareceu máis imaxinario ca real. Mellor dicho, tan "fóra de lugar" respecto a todo, que, cando regresei, tiña a impresión de que tamén a miña viaxe fora imaxinaria. Vira baleas, que até daquela me parecían animais imaxinarios; escoitara historias de vidas tráxicas, desas que un pensa que non existen máis que na literatura; ollara paisaxes estrañas, que cría exclusivas dos manuais de xeografía fantástica, onde os ananás, as árbores da piña, mesturábanse con hortensias. Co obxecto de que todo aquilo que vira e vivira non se esvaecese no ar coma un espellismo, pensei en relatalo. Así naceu un pequeno libro que se chamaba (e se chama aínda) Dama de Porto Pim, e sentinme moi fachendoso, porque pensei que á fin a miña viaxe adquiría entidade real, comezaba a existir de verdade. Con enorme abraio, en cambio, cando o libro foi publicado, puiden decatarme reléndoo de que todo parecía aínda máis fantástico. A literatura, con seu poder de transformar o real en hiper-real, volvíao todo aínda máis irreal do que me parecera a min.» Daquela navegación trasatlántica nunca escribín nada, por iso agora todo me parece aínda máis irreal que a Tabucchi. Lembro, con todo, os golfiños nadando a nosa par, as hortesias agatuñando aba arriba, as lagoas de dúas cores e o sol mergullándose no mar como unha brasa na noite. Agora anoto tamén a ausencia de L.