26/07/2005

Domingos, mestre de xadrez

Houbo cea de amizade e homenaxe a Domingos Merino Mexuto. Anunciounos que el non se retiraba. Que así sexa. Houbo que armar palabras de saúdo e agarimo. Domingos, no remate do acto, pediu que todas aquelas gabanzas as puxeramos por escrito para que servira como aval por se tiña que pedir un préstamo. Recupero da memoria improvisada estas palabras polas que non creo que lle adianten nin un peso.
Todo dirixente político ten unha estrutura profuda que é a que, por cabo, lle acaba dando forma á súa acción pública. A estrutura fonda de Domingos Merino é a dun mestre de xadrez. O xadrez é un xogo de normas indiscutidas, de regras inquebrantábeis, por iso é con moita diferenza o deporte máis limpo, o máis nobre, o único no que está proscrita de vez calquera trampa ou trapallada. Hai espazo para a estratexia, para as estrataxemas, para a intelixencia e a creatividade mais non para o trangallada fuleira, a mentira e o xogo sucio. A acción política, pública, partidaria e persoal de Domingos Merino armouse con libre intelixencia, pensadas estratexias e mesmo habelenciosas estrataxemas, pero nunca sobre base da falsidade e a impostura. Iso ensinounos o mestre xadrecista que leva dentro.
A lexitimidade das normas libremente aceptadas é parte constitutiva do ser político de Domingos Merino. O recoñecemento incondicional das regras, das regras como fundamento do proxecto político e a lealdade inquebrantábel caracterizan a andaina de Domingos no PSG, na primeira Unidade Galega, no PSG-EG, na segunda Unidade Galega e no BNG. Tocoulle, ás máis das veces, xogar coas pezas negras, disputar nunha posición de desavantaxe á que sempre se enfrontou con ilusión e na que colleitou, en non poucas ocasións, amarguras e inxustas derrotas. De Domingos aprendemos a necesaria lealdade aos proxectos do país mesmo cando nos toca apandar coas negras. O xadrecista que viaxa baixo a súa pel foi nesta difícil arte un teimudo mestre.
Con todo, hai un xogada na que nunca se prodigou Merino: o enroque. No debate e na confrontación de ideas nunca gustou de se encastelar, de pecharse na seguranza do enroque dogmático e, moi ao contrario, foi amigo de se embarcar en arriscadas aperturas. Novas ideas e dialogos sen atumes coa sociedade e as súas emexerxentes demandas trazan a biografía política de Domingos. Nada máis lonxe do resistencialismo dos «poucos pero escollidos» que a disposición dialogante e aperturista do noso mestre de xadrez.
Como bo xadrecista, Merino gusta tamén de repasar as partidas perdidas, co seu ronsel de dores, maniotas na intelixencia e leccións frustrantemente adeprendidas. A historia do primeiro alcalde nacionalista da Coruña volve unha e outra vez en forma de agre biografía, pero tamén como un monumento ao compromiso coa política limpa, socialmente entregada e entendida como servizo público a prol dos cidadáns menos favorecidos.
No taboleiro do xadrez Domingos aprendeu axiña que o sacrificio de pezas é un lance imprescindíbel e obrigado. A entrega de fichas de gran valor como paso necesario para salvar outras de menor valoración pero maior importancia en estratexias futuras foi unha achega na que nos tivo que convencer o mestre xadrecista. Hai que dicir que o único sacrificio ao que se mostrou proclive Domingos foi á imnolación da propia ficha e así o demostrou nos procesos de renovación polos que sempre avogou deixando o seu posto dispoñíbel. Privándose el de voz deunola a moitos outros que poidemos ser donos dos nosos acertos e erros, acertos que sempre aplaudiu e erros dos que nos axudou a tirar o maior proveito.
Si, para a miña idea, a alma profunda de Domingos Merino é a dun mestre do xadrez. E non hai maxisterio sen dignidade como cada día nos ensina Domingos Merino. Grazas mestre.

Sem comentários: