
Hai dez anos viaxei por primeira vez a Nicaragua. Na axenda das ilusións tiña anotado para o verán de 2005 un retorno ao país dos lagos e os volcáns. Non poderá ser. Para combater o
mono pinoleiro merco
Los buenos años. Nicaragua en la memoria, o libro de
Iosu Perales que nos achega
Icaria editorial entre as súas moitas novidades estivais. Xogo coas follas e dou coa humidade esmagadora de
Managua e a deslaiada rutina da
Gran Sultana, co te xeado, cos
frescos aromáticos e coa fritanga ruidosamente celebrada na beira do lago Cocibolca, tamén recupero a noita estrelecida de
quiebraplatas de
illa Zapatera, os ferintes zancudos e o pracer de deixarse ir no abaneo da hamaca... Vagabundeando entre parágrafos atopo unhas palabras de
Julio Cortazar que Perales rescata agarimosamente para ilustrarnos sobre o país de
Sandino: «Tan cativa, Nicaragua, terra de xente vivindo con tigres, de sábalos tan grandes que rebentan unha lancha, dun pobo que se mide contra forzas máis grandes que el. Todo busca aquí o seu camiño, o seu equilibrio difícil.» Agora, co repouso do solpor da miña aldea, déitome na señerdosa lectura da memoria de Iosu Perales que, de seguro, tamén será a miña. Avanzo unha liña do seu relato e fago un alto para recuperar as imaxes, as palabras e os olores da miña propia e saudosa lembranza.
Sem comentários:
Enviar um comentário