
As
macondianas chuvias obríganme a procurar refuxio nun beirado. Alí dou cun coñecido das tropelarías universitarias na mocidade tardía. El daquela pertencía á
vangarda. Co tempo aprobou unhas oposicións para entrar na Administración autonómica e exerceu de cadro sindical até que o o autoritarismo tecnocrático dos xestores, o corporativismo dos propios e os excesos ideolóxicos da
nomenclatura o entregaron ao desencanto e a unha feliz vida doméstica. Recuperouse algo do nihilismo cando
Nunca Máis, o
13-M e o
Hai que botalos. A pouco máis de cen días do
cambio político ten o fardel cheo de queixas e de desconsoladas críticas. Abeirado da chuvia sírvolle de muro das lamentacións. Amólalle ver nos «vellos compañeiros de loita» –así os clasifica– os atributos do poder e cre recoñecer xa os síntomas irreversíbeis que cangrenan o exercicio democrático do goberno: amiguismo, xordeira perante os cidadáns e prepotencia. Malia que traballa lonxe da
zona cero, sométeme a un interrogatorio de terceiro grao para que lle confirme desmandos, abusos e intolerancias do superasesor que chegou a
subconselleiro e ante os meus silencios e vagas informacións achégase á cerna da súa dor. Atopouse cun vello camarada convertido agora nun arrogante
mandamáis que o ignorou, que non quixo recoñecelo, que lle negou a palabra porque el non é máis ca un bedel. No curso do seu monólogo apenas se din pronunciado algunhas frases contemporizadoras. A súa torrenteira verbal era imparábel, baixaba coa forza do desconsolo e o desamor. Despedímonos en canto acalmou a chuvia.
Sem comentários:
Enviar um comentário