As dificultades (relativas) do PSdeG

A entrega de inverno de Sondaxe, non obstante, limita o optimismo sobre a consolidación do cambio político e do seu liderado polo PSdeG. Á mingua de crédito contribúe, sen dúbida, a perda de vigor do «efecto Zapatero» por mor da falta de empuxe da acción do seu executivo en case que todas as materias de interese cidadán –desemprego, vivenda, inmigración...– , o fracaso do seu proxecto de «España plural» para unha nova acomodación dos autogobernos das nacións do Estado, e a liquidación do proceso de paz en Euscadi tras o atentado da T4.
Neste tempo e malia a situación da boanza económica, o PSOE non foi quen de ampliar a súa vantaxe respecto do PPdeG que xa lle lambe electoralmente a caluga, contradicindo o vello principio segundo o cal os cidadáns xulgan aos seus gobernos en función do que «lle poñen no prato». A boanza económica presenta paradoxalmente no seu envés un crecente malestar político co Goberno Central. Carteira e voto marcan preferencias diverxentes.
En Galiza as dificultades do executivo de Rodríguez Zapatero non axudan a mellorar a súa percepción como un goberno preocupado polos problemas galegos. Nin o estudo postelectoral do CIS de 2005, nin o barómetro da USC ratificaron a súa imaxe como «goberno amigo» de Galiza. Os cidadáns galegos que consideran que ás políticas do goberno de Madrid son regulares, malas ou moi malas superaban os dous terzos en 2005 e o barómetro universitario non achegou unha melloría significativa.
O último encontro dos dous presidentes na Moncloa ofreceu un abaixado balance que non acrecentou a credibilidade de ningún dos dous dirixentes socialistas. A sintonía de Monte Pío coa Moncloa non achega vantaxe competitiva ningunha para o PSdeG, máis ben ao contrario, evidencia o pouco peso político e aínda menor capacidade de negociación que ten Touriño en comparanza co PSC e José Montilla.
Con todo, e de confirmarse a prospectiva da sondaxe de inverno, os resultados do PSdeG estarían lonxe de ser malos: confirmarían as alcaldías de Coruña, Lugo, Compostela e Vilagarcia; en Ferrol a posibilidade dunha vitoria fronte ao PP, co concurso de IU e BNG, mantense aberta e cun acordo co BNG podería facerse coa alcaldía de Vigo. A maiores estaría no goberno pontevedrés como socio menor do BNG. A recuada de apoios unicamente recurta a súa representación municipal en Ourense onde cedería un edil en beneficio do BNG. A batalla polas Deputacións seguiría aberta.
BNG, eleccións municipais: unha cita endiañada

O BNG resultou decisivamente danado como «forza gobernante»; desestimada como peza central da gobernación nos grandes municipios foi abaixada a un papel de complemento de goberno, entregada a unha posición de subalternidade que só foi quen de salvar en Pontevedra e nunha presada de concellos (Allariz, Fene, Carballo, Arzúa, As Pontes...). Desde aquela o BNG ten dificultades para mellorar os seus rexistros electorais nos grandes concellos á par que se consolida nos municipios de tamaño medío, confirmándose como unha forza maís vilega que estritamente urbana.
Silenciadas as retesías internas, despois da XIII Asemblea Nacional, a nova executiva enfronta as eleccións sen ter forxado un sólido consenso e evidenciando unha gran febleza para retormar a iniciativa política do nacionalismo que segue a depender basicamente da súa acción na Xunta de Galicia. Ninguén descarta que uns malos resultados nas municipais de maio activen outra volta a crise latente na que está instalada a fronte nacionalista.
Cangadas de continuismo as listas do BNG nas grandes cidades ofrecen poucas esperanzas a avances electorais significativos. Sen dúbida, o mais relevante será o test ao que se somete Santiago Domínguez (xa que da súa capacidade para cativar ao electorado vigués depende a gobernación progresista da cidade) e a verificación da fortaleza do voto vilego do BNG.
De corroborarse os resultados da sondaxe, o vindeiro 27 de maio, o nacionalismo mantería a alcaldía da cidade do Lerez, malia ao seu presumíbel retroceso electoral; podería volver ao goberno de Vigo grazas á recuperación de apoios cidadáns da candidatura de Santi Domínguez; ratificaría a súa presenza institucional en Compostela; e, se as cousas se torcen un chisco mal para Juan Juncal, produciríase o retorno ao executivo local ferrolán. En Ourense, unica praza na que o PPdeG semella estar en condicións de garantir a maioría absoluta, o BNG podería ver confirmado o seu papel como principal partido da oposición, mentres que na Coruña, Lugo e Vilagarcía de Arousa, os resultados do nacionalismo semellan que non van ser decisivos para a conformación dos gobernos municipais.
Ratificación da hexemonía local conservadora?

Alfonso Rueda nas súas declaracións quítalle presión ao líder do PPdeG, pero salienta a importancia estratéxica dos comicios municipais: «Núñez Feijóo non se presenta ás eleccións, aínda que é presidente do partido isto non é unha proba persoal de ninguén. Hai que tomalo como un referendo de que os galegos seguen percibindo que seguimos sendo o partido de goberno en Galicia a nivel municipal, e a partir de aí, gañar outras eleccións.» Con todo, cando tomou posesión como presidente dos conservadores galegos, Núñez Feijoó non dubidou en cualificar as eleccións municipais como a súa reválida e unha proba da consistencia do proceso de renovación do Partido Popular de Galicia.
Resultados estratexicamente relevantes
No envés das valoracións, o presidente Touriño quere rebaixar a significación estratéxica dos comicios locais de maio. Diante do Comité Nacional Galego do PSdeG afirmaba o sábado que «as eleccións municipais non serven para nada máis que a sorte e o futuro de cada concello, non como din os estrategas da nada». Se así o cre, erra de vez e non sabe canto.
En primeiro lugar, as eleccións municipais serán decisiva para medir a correlación de forzas entre o PP e o PSOE e só ao presidente Touriño parece escaparselle que serán unha sorte de primarias das vindeiras eleccións xerais. Un revés significativo do PSOE nas grandes áreas metropolitanas e nas capitais de provincia fará abanear o goberno de Rodríguez Zapatero e deixará ao PP en inmellorábeis condicións para retornar á Moncloa. E, en segundo lugar, de validarse a posición hexemónica do PPdeG nas administracións locais de Galiza, o imaxinario popular recoñecerá ao cogoberno PSdeG-BNG como un goberno en situación de interinidade, co tempo contado e o futuro hipotecado polo que aconteza nas eleccións xerais. Unha primeira confirmación de que o «cambio político» é reversíbel en curto prazo.
O presidente Touriño debería saber xa que unha forma fantástica de perder as batallas é crer que só vai ser unha escaramuza miúda e que a súa resolución non vai ter consecuencia ningunha. Alguén debería prescibirlle ao inquilino de Monte Pío unha lectura intensiva de A arte da guerra de Sun Tzu ou un pouquiño máis de sentido común estratéxico que vén ser o mesmo.