30/07/2008

Na senda dos elefantes

David Alandete asina unha información en El País sobre a política fiscal do senador e candidato demócrata sob o título «Obama propón un alivio fiscal para a clase media». Alivio fiscal é unha marca-idea rexistrada polos republicanos, un dos «enmarcados» máis exitosos do cerebro de Bush, Karl Rove.

En Non penses nun elefante, Lakoff debulla interpretativamente ese enmarcado: «Cando á palabra fiscal se engade alivio, o resultado é unha metáfora: os impostos son unha desgraza, a persoa que os suprime é un heroe, e quenqueira que intente fréalo é un mal tipo.» Lakoff comprobou abraiado que a iniciativa de Bush-Rove resultou tan esmagadora que, finalmente, até os demócratas remataron por aceptar como propio o marco conservador. Hai así un enmarque interpretativo, hexemónico, que se multiplica e contamina todos os demais discursos sexan dos opositores ou dos mediadores sociais.

A noticia que nos achega David Alandete non fai logo referencia ningunha, en palabras de Obama, ao alivio fiscal, pero o enunciado do problema que se adianta no titular resposta paulovianamente ao marco conservador republicano. Sabedor deses perigos, Lakoff non deixa de insistir en que «os xornalistas teñen a obrigación especial de estudar o enmarcado e de aprender a ver a través de marcos motivados politicamente, mesmo cando eses marcos chegaron a ser aceptados como algo cotiá e como un lugar común.»

Hai lugar para o abraio? Son moitos cren que a obrigación especial dos xornalistas non é, en ningún caso, estudar os enmarcados senón simplemente reproducilos notarialmente. Por iso a recomendación de Lakoff repousa pracidamente no fondo das papeleiras da maioría das redaccións xornalísticas. Hai tempo que en moitos xornais se deixou de pensar no elefante para pasar a pensar como un elefante.
A senda dos elefantes é ancha e non é doado frear a marcha dos paquidermos.

18/07/2008

Mandela 90

Madiba cumpriu 90. E deles pasou 27 sendo o preso número 46664. Intelixencia luminosa e vontade inquebrantábel. «Todo parece imposíbel até que se fai» –deixounos dito. El aí segue, intentando facer imposíbeis como converter a pobreza en pasado; outros mentrestanto empéñanse en darlle un longo futuro.

17/07/2008

A roda do poder

Existen numerosos iesebenes sobre o Poder político e os seus usos e relacións, un amplísimo abano de páxinas que cobren desde as ciencias sociais e as memorias ao xornalismo ou á matinación ensaística; tamén na literatura de ficción é doado compilar un feixe de excelentes obras que debullan de xeito preciso como facerse co poder político, como mantelo e tamén como se pode derramar e perder de vez; ou onde se realizan precisas diseccións sobre a súa natureza, compoñentes, dinámicas e impactos.

Entre outras, a factoría literaria mexicana tennos achegado numerosos títulos que diagnostican as tramas do Poder ao que deu vida a Revolución de 1905 e o seu usufruto polo PRI. O xornalista, novelista e historiador Héctor Aguilar Camín entregounos, polo de agora, unha tríade de pezas imprescindíbeis nas que inspecciona as relación do Poder político co Poder do Petróleo (Morrir en el golfo); co Poder Mediático (La guerra de Galio) e do Poder Político coas súas propias vísceras (La conspiración de la fortuna).


Na exitosa e cinematográfica Morrir en el golfo, Anabela Guillaumin, esposa de Francisco Rojano Gutiérrez, un desafiante e emerxente dirixente priísta, ofrece unha fórmula para facerse oco na Columna do Poder: «Non fales de fracaso. Ti sabes como é a política. Vai e vén, é unha roda da fortuna [...]. Que é o fracaso político? É un pretexto para os pusilánimes. Un verdadeiro político non fracasa nunca, está sempre na xogada. É unha rolda da fortuna e o que importa é non soltarse. Ás veces estás arriba, ás veces abaixo. Pero iso non é o importante. O importante é seguir pegado a roda, manterse aferrado á roda. Non soltarse, carallo. Non soltarse.»


Mariano Rajoy, que tivo en Manuel Fraga a un dos máis insignes mestres na arte de supervivencia política en condicións electorais extremas, é un seguidor incombustíbel desta fórmula. Tras o fracaso do 9-M, aferrouse a roda e segue na xogada á espera de novas oportunidades. Esperanza Aguirre subestimou a súa impoñente capacidade de adherencia a máis mínima fibra de poder. Grande erro. Rajoy agarda agora a que o devalar da credibilidade de Zapatero e a agudeza da crise económica o coloquen novamente na crista da onda. Poucos, coma el, saben que a política vai e vén.

03/07/2008

Palabra sen dono

Na súa comparecencia forzosa para render contas da súa política fronte á crise económica, Rodríguez Zapatero deixou pasar unha inmellorábel ocasión para ser recoñecido como «o dono das palabras». Ese dominio verbal absoluto que permite atribuirlle ás palabras un significado cambiante, tuneado de acordo coas preferencias e caprichos, era un dos comportamentos políticos e mediáticos que máis engaiolaban ao finado Manuel Vázquez Montalbán.

Humpty-Dumpty


O texto fundacional desta estratexia comunicacional, como lle gustaba recordar a Montalbán, é o diálogo entre Alicia e Humpty-Dumpty recollido en Alicia a través do espello:
—Cando uso unha palabra –insistiu Humpty-Dumpty cun ton de voz máis ben desdeñoso– quere dicir o que eu quero que diga..., nin máis nin menos.

—A cuestión –insistiu Alicia– é se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.

—A cuestión –sentenciou de vez Humpty-Dumpty– é saber quen é o que manda..., iso é todo.
Agocharse das palabras

Onte ZP non se atreveu a exercer como Humpty-Dumpty para apropiarse da palabra «crise» e atribuirlle o significado que mellor lle petase nesta ocasión. Como xa fixo nun cínico adianto dominical en El País, negou a maior e proscribiu do seu vocabulario a palabra maldita. Se non a nomeas non existe. A mediados de xaneiro deste ano Rodríguez Zapatero sentenciou que falar de crise é «unha falacia, puro catastrofismo» e a súa actuación de onte escenificou, con menor credibilidade e capacidade de convicción, esa mesma mensaxe.

A psiquiatra Lydie Salvayre documentou entre os poboadores novos das banlieues parisienses o que é unha manifestación extrema de impotencia cognitiva: «O que máis me conmove dos mozos é que non teñen palabras, é terríbel; non saben poñer palabras ao seu desamparo.»


Para desconsolo do Presidente Zapatero a xente do común é perfectamente capaz de dar cunha palabra que identifica a situación económica que comeza a padecer. A palabra é crise.


Nin palabras, nin ideas


O que unha inmensa maioría dos cidadáns percibe, denomina e comeza a vivir como unha aguda crise das súas economías familiares converteuse onte grazas á impotencia cognitiva do Presidente Zapatero nun «axuste severo», nunha «tendencia á baixa», en «serias dificultades», nun «deterioro» ou «empeoramento», en «tempos difíciles e complicados»...


A comparecencia presidencial foi moito máis que un triunfo esmagador do eufemismo. George Lakoff, un dos actuais pensadores de maior crédito no PSOE, escribiu: «Cando pensas que o único que te falta son palabras, o que realmente te faltan son ideas.» A cruel lección é que Rodríguez Zapatero non foi quen de pronunciar a palabra crise porque carece de ideas para enfrontar a crise. Humpty-Dumpty seguro que sería moito máis audaz, falaría de crise que sería definida como «unha molestia livián, transitoria e necesaria para acadar maiores cotas de prosperidade, benestar e riqueza». Nin máis, nin menos.