Mostrar mensagens com a etiqueta Dos Grandes Homes. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Dos Grandes Homes. Mostrar todas as mensagens

02/10/2009

A cañeira de Caneiro

Galaxia habilitou no seu blog un recanto aberto á opinión de autores e colaboradores da editorial; aberto e libre para o exercicio de crítica e reflexión coa cultura e as letras de Galiza como preocupación troncal, un indiscutíbel valor engadido aos contidos informativos da editorial. Hai días que non os visitaba; descubro serodiamente que sumaron novas autorías, a de Xosé Carlos Caneiro, entre outras. A súa estrea é unha peza sobre o compromiso político dos intelectuais e as súas relacións co poder, un tema clásico que nunca deixa de ser de actualidade e ao que na súa edición de hoxe El País dedica unha ampla reportaxe asinada por José Andrés Rojo.

A liquidación moral da banda dos catro

Hai que ler a libérrima opinión de Caneiro aínda que aos mansos nos pareza que ten as feituras dun axuste de contas co estilo de Antonio Burgos, mestre de camorristas mediáticos. «¿Onde estaban?» é un texto de xuízo sobre o comportamento dalgúns dos intelectuais galegos máis relevantes no tempo de (des)goberno do Bipartito. Sen chamalos polo nome, Caneiro desestímalle compromisos, silencios, revindicacións e aplausos a Manuel Rivas (suponse), Suso de Toro (presumibelmente), Jaureguizar (aparentemente) e Antón Reixa (presuntamente). Todos eles maiores de idade con lombo ancho para cargar coas críticas e sobradas artes para contestalas, todos tamén con dereito a ser criticados sen omitirlles o nome.


Interésame menos a opinión que Caneiro ten do maltratado cuarteto que a que ten de si mesmo como intelectual que se retrata irado («Detesto ao intelectual orgánico») e arreponse porque os intelectuais orgánicos cando «gobernan os seus, calan», son «fieis ao partido e non á propia conciencia», facendo «do silencio o seu aliado», ao tempo que «castigaban aos discrepantes», se entregaban á haxiografía e á apoloxía dos poderosos, e «condenaban [aos disidentes] en nome da doutrina».

Onde estaban? Onde foi dar o compromiso de Rivas-de Toro-Jaureguizar-Reixa-et alii coas liberdades nos malfadados tempos que o opinador ourensán etiqueta como «neofraguismo», canda campaba «neste recanto do Noroeste» un goberno bipartito que «nos partía a alma». A banda dos catro é a responsábel principal da creación dun clima intelectual intolerante e inquisitorial e pregúntase Caneiro que credibilidade poden ter os intelectuais que tanto calaron e «que agora saíron do seu agocho e falan de novo en nome das liberdades».

Antes e despois de Caneiro

Na reportaxe de El País, Santiago Roncagliolo confésalle a Rojo que prefiere contar historias a establecer xuízos, ese non é exactamente o caso de Caneiro que compatibiliza a construción de densas historias ficcionadas e o oficio da opinión en La Voz de Galicia e que gasta tanto no xuízo da realidade como na fabulación.
Interésame sobre todo o Caneiro-opinante, moito máis a partir da publicación de «¿Onde estaban?».

Sería doado cribar a hemeroteca e tirar da desmemoria unha restra de artigos nos que el mesmo loou os méritos dos mandatarios do Bipartito, críticas datadas, iso si, todas antes de que o capricho de don Santiago Rey mudase o humor da ecuánime La Voz de Galicia. Pero atrás queda tamén a lembranza das malas artes do Bipartito que quixo domalo sumándoo forzadamente a unha deostada listaxe de intelectuais orgánicos e escritores menores como Rosalía de Castro, Cunqueiro, Castelao, Fernández Paz, Ferrín, Fina Casalderrey, Casares, Conde, Rivas, de Toro, Blanco Amor, Miguel-Anxo Prado, Teresa Moure ou Neira Vilas. El rexeitou as glorias e preferiu o abeiro humildoso do señor de Sabón, mecenas e profeta desarmado das letras libres de Galiza e da voz da rúa.


O novo intelectual inorgánico

Todo iso carece agora de interese, o historicamente significativo é a (auto)vindicación de Xosé Carlos Caneiro como novo intelectual inorgánico de Galiza. A seguir o catálogo vivo das súas virtudes: A opinión sen as ataduras dos poderosos, a liberdade incondicional no uso da crítica, a exquisita independencia das forzas do mercado, a actitude desafiante ante todo abuso, a defensa intransixente da tolerancia, a súa fortuna vencellada aos padecementos dos discrepantes, voz e ánimo dos disidentes, mantedor incorruptíbel da orde xusta e o xuízo fundado na obxectividade, a intelixencia desposuída de toda caste de poder terrenal, a modestia como código de vida, a xenerosa entrega ao ben dos demais; unha emenda á totalidade do «mundo falsario e hipócrita» dos intelectuais orgánicos.

En El País José Andrés Rojo titula interrogándose: «Intelectuais domados?». O malpocado descoñece o advenimento providencial do noso intelectual inorgánico. Pola súa indocilidade e libertaria independencia Xosé Carlos Caneiro sábese condenado. E síntese «máis só, máis raro...» pero tamén «máis libre». Todo indica que se achega malfadadamente o tempo do seu martirio. Mentres non chega, eu (aínda que mergullado nas miñas necidades) acudirei puntualmente á lectura das súas columnas de liberdade e verdade en La Voz de Galicia para que, polo menos, o noso salvífico intelectual inorgánico non se sinta só na súa cañeira.

24/08/2009

Think tank

Tamén ter un grandioso think tank para isto...



Rebote de Escolar.net.

13/08/2009

Mariano Liberal

Para non comprometerse na lea da fusión das caixas de aforro galegas Rajoy tirou de etiqueta. Definiuse como «liberal de verdade», dixo que se ía gardar de intervir ou opinar e que os políticos «non deben entrar en asuntos que non lle competen». Que sexa don Mariano o apóstolo da non inxerencia do poder político nos asuntos das caixas é un exercicio de cinismo que fai burla das hemerotecas. Cada vez que o presidente do PP bota a lingua a pacer, fai rogativas para que os cidadáns teñan a memoria dos peixes. A batalla polo control de Caja Madrid protagonizada por Aguirre e Gallardón, sen dúbida ningunha, hai que encaixala na política de neutralidade do Partido Popular nos mercados financeiros. Neutralidade exquisita, absolutamente liberal.

Mariano Rajoy non é un liberal, é un (neo)conservador. E, como nos lembrou Robert Nisbet, non hai principio máis fundamental na filosofía conservadora que o da incompatibilidade absoluta entre liberdade e igualdade. Alguén dixo con sarcasmo que os conservadores son os liberais que lle teñen pánico á igualdade. Nesa onda sintoniza a inmensa maioría do Partido Popular que condena calquera forma de igualdade sexa para poder competir nos mercados, para usar a lingua propia, para acceder á todo servizo de benestar ou, mesmo, para render contas diante da lei e dos xuíces. «Todos somos iguais pero un somos máis iguais que outros» resume o credo dos paleo e dos neo conservadores.


Rajoy non é un liberal de verdade, é un liberal de coña. En rigor, é un avantaxista que segundo a súa comenencia fai uso, ou esmaga impiamente, unha ou outra liberdade pero que sacrifica sempre a máis mínima igualdade de oportunidades. O seu é un infraliberalismo darwinista que argumenta a pasividade nos mercados porque é a mellor fórmula para que impoña o imperio dos máis fortes, das grandes corporacións. Seguindo a súa particular teoloxía política, Mariano Rajoy proclama sempre a súa vocación polos máis poderosos. Cando un dos seus podentes amigos financeiros ou empresariais estea en perigo de crash teremos ocasión de ver en que queda o seu neutralismo. Daquela Mariano Liberal cruzará os dedos e confiará en que os peixes non nos lembremos de nada. Non sabe el canto nos gustaría a algúns poder borralo da nosa memoria xunto con todas as súas trapalladas doutrinais.

08/08/2009

Reforma? Revolución?

«Está xogándose un papel na historia. Se consegue endereitar o barco, será lembrado como o temoeiro das grandes reformas. Pero se non se engancha ao relanzamento, corre o risco de inmobilizar España nas lameiras dun estancamento que empardecerá tamén as luces da súa revolución social». Quen escribe é Gianni Perrelli, colaborador de L’Expresso. Grandes reformas? Revolución social? Ás veces os xornalistas gastan grandes palabras para definir realidades políticas mínimas e minimalistas. Noutrora, o propio Perrelli referiuse a España como «laboratorio social de vangarda». Hai bastante tempo que o «largocaballerismo» de Rodríguez Zapatero se diluíu en socialiberalismo.

Visto desde a Italia de Berlusconi quizais a súa política de evocacións republicanas nos poña na vangarda, mesmo é posíbel a súa evanescente xestións da continuidade podan ser exportadas como «grandes reformas» e tamén que, fronte á dereita retrógada do PP ou da CEOE, o seu cambio livián poda interpretarse como un convite á revolución social. Que o crean os italianos que len L’Expresso é unha fabulación menor de inofensivas consecuencias. Que o crean os comunicólogos da Moncloa, e o reseñen no seu boletín de prensa internacional, é un malfadado síntoma de que imos camiño de que o espellismo substitúa definitivamente o principio de realidade. Haberá que volver ler Reforma ou revolución para aclararse as ideas.

07/08/2009

En salvaxe compañía

Cando don Santiago, pastoreador de opinións e preceptor de gobernantes, fixo públicas as cualificacións do primeiro trimestre, unha onda de satisfacción asolagou Monte Pío e dona Sira asentiu satisfeita, o neno opositor, agora no goberno, estáo facendo esplendidamente ben. Un notábel alto. Con todo, a esixente avaliación de Mr. Hearst de Sabón indicaba dúas materias nas que Núñez Feijóo tiña que ser máis espelido: a derrogación do decreto do galego no ensino non universitario e a cancelación do concurso eólico.

Alberto está aplicándose no mes de agosto, xa invalidou a concesión eólica e, se Jesús Vázquez non se dorme baixo os efectos da opiácea enquisa, na próxima avaliación ha de quitar sobresaínte. A matrícula de honra só se obtén deixando a Cidade da Cultura a monte e iso sería montala parda, pero quizais mellorando nota con traballos voluntarios e desinteresados, por outros iniciados e continuados en exercicios anteriores, poda ter un excelso dez de dez.

Hai tempo que don Santiago abandonou a doutrina du Guesclin (a do «Nin quito nin poño rei pero axudo ao meu señor.»), tras descubrir que el mesmo era o Señor Rey. O Movemento 1 de Marzo débello case todo e ao noso Berlusconi gústalle que lle rendan contas, obediencia e reverencia. Quen o trata di que é mandón e abusador. A quen quere escoitalo fai saber que a súa Voz pon e quita presidentes na Xunta de Galicia. Alberto debería coidarse del e alguén debería dicirlle a dona Sira que o fillo anda con malas compañas. Sabidos quedan.

06/08/2009

Cordialidade popular

Róeme a curiosidade. De que falarán os mandatarios populares nos macroeventos que organizan para maior gloria mediática de Mariano Rajoy? Fóra das mágoas do cargo, da saúde da familia e das fortunas dos amigos comúns, de que parolan nos relanzos e nos descansos? Á parte de rexoubar sobre as desgrazas de contraditores e opositores, é de supor que han de dedicarse ao «Tú, ¿cómo te lo montas?», ou menos coloquialmente, a compartir sabedorías sobre a gobernanza eficaz e as súas boas prácticas. Na sobremesa baixo o fume dos habanos de Mariano Feliz seguro que non se fala doutra cousa.

O noso triunfante Alberto Núñez Feijóo, con toda certeza, ha ser centro de interesadas audiencias xa que, nestes últimos cen días, son moitos os prodixios que bendiciron a terra dos galegos. Vivimos nun país en proceso de transformación marabillada grazas á política de cordialidade coa que o noso Quinto Presidente fai ortopedia e auditoría das malas prácticas do goberno precedente. E aínda lle queda tempo para facer revista da nosa memoria colectiva.

Castelao reloaded

O seu revisionismo histórico é tan importante como a súa acción de goberno amigábel. Aí teñen a mutación de Castelao que de nacionalista e republicano federalista pasou a ser un galeguista de rexional preferente. O noso admirado presidente non só emenda os seus escasos erros senón que corrixe con ben os cometidos por outros na historia pasada.

Os desvaríos do Sempre en Galiza están sendo sometidos a unha rigorosa corrección de probas e Castelao será axiña rehabilitado con todos os honores. Pasaron os tempos extraviados daquel «Castelao é noso» e hoxe ninguén discute que, de vivir, o de Rianxo sería seareiro ou mesmo utilleiro ideolóxico de Núñez Feijóo.

Transposición cordial

No centro da gobernanza eficaz e das boas prácticas de Feijóo e Rueda está a súa política de cordialidade. O amortecemento da tensión política á que está entregado o Partido Popular é unha consecuencia feliz da meteórica ascensión do novo presidente de Galiza. Feijóo é un home persuasivo e o seu galeguismo cordial é unha marca que pode ser clonada con éxito en calquera feudo do Partido Popular.

A tronante advertencia de Feijóo para descodificar o galeguismo e a galeguidade como «reduto selectivo ou unha distinción que algúns reparten con avaricia» aínda non prosperou moito na Comunidade Valenciana pero rematará por impoñerse como a auga de Valencia, outro enxeño dun galego.

Á diferenza da galeguidade que é de libre acceso, a valencianidade é unha identidade de excelencia que se adquire por nacemento, por doazón xenerosa do presidentraxe Camps ou por exame. Nestes días a planetaria Leire Pajín resístese a someterse a un chequeo público da súa valencianidade, innovador requirimento para ser senadora da Comunidade Campista. Ninguén se explica a súa renuencia a facer o exame selectivo. É ben doado de aprobar, o amigo Bigotes pasouno sen problema ningún.

Pajín pode afogar o seu medo escénico e facer a proba selectiva, ou agardar a que Feijóo persuada a Camps dos beneficios da tradución do «galeguismo cordial» ao «valencianismo amigábel». Non tardará Alberto, Castelao caeu ante o seu engado na primeira tirada.

24/07/2009

O paraugas de Berlusconi

Berlusconi é un amador do risco na camaza de Putin e fóra, na política e nos negocios. Segundo unha sondaxe de La Repubblica, o seu índice de popularidade, tras a última vaga de escándalos, rebaixouse catro puntos entre maio (53%) e xullo (49%). Un desconto menor se temos conta da que lle está chovendo. As mínimas recuadas do seu crédito cidadán son bastante abraiantes e, aínda que no Estado español tampouco son inéditas, hai que poñerlle cabeza para explicarse semellante capacidade de resistencia.

Cal é o seu paraugas? Con trazo groso debúxanse dúas explicacións. A primeira fai referencia á alta blindaxe informativa de Berlusconi, dono das maiores empresas de comunicación de Italia. A segunda insiste en que Il Cavaliere é un modelo de éxito que a inmensa maioría da poboación desexaría imitar, unha empatía cidadá que o protexe eficazmente da súa erosión política por graza duns excesos, desbaldes e desmandos dos que moitos desexarían ser actores protagonistas.

Quizais sexa por combinación de ambas as dúas polo que se manten (maiormente) incombustíbel. Por xunto ou por separado, coiraza informativa e padrón de éxito banal son trazos relevantes da sociedade da ignorancia da que nos fala Antoni Brey e na que «os reality shows, o deporte espectáculo, a pornografía sentimental, o lecer banal ou a exaltación da fama pola fama conforman o groso da grella televisiva actual».


Simplificando, o paraugas, o maior éxito, político e empresarial, de Papi Silvio é a produción desa grandiosa fábrica mediática que lle permite seguir destilando liderado a partir da ignorancia, do non saber e do non querer saber. Mentres non crebe, ou se faga crebar, a súa factoría de soños e espellismos, Berlusconi poderá seguir fachendeando: «Io vinco sempre, sono condannato a vincere.» Condenados estamos nós e, sobre todo, eles.

24/06/2009

Tempos de rexencia

Mudando a máxima de McLuhan, os gurús da comunicación política proclaman con entusiasmo que «o líder é a mensaxe». A elección dos medios como escenario principal da política e o ocaso da participación nos partidos, enterrando a súa condición intelectuais colectivos, aleitan a personalización dos proxectos políticos e reforzan a súa teatralización comunicativa; só lle prestamos atención aos diálogos se os actores pagan a pena. Con ese pano de fondo, Galiza asiste á remuda dos seus liderados políticos.

Só unha sociedade civil articulada e con liderados de seu está en condicións de contrarrestar a personalización da política e exercer como reserva cívica dunha auténtica participación democrática; mal que nos pesa, non é este o caso da nosa sociedade civil, callada de portavocías liliputianas e dramaticamente subordinadas ás esixencias das institucións e os actores da sociedade política. Na actualidade tampouco é que goberno e partidos galegos ofrezan poderosos lideres ou figuras carismáticas con indiscutíbel arrastre popular polo que Galiza abanea entre unha sociedade civil anónima e unha clase política de cativo (re)coñecemento cidadán.

En Political leadership. Towards a general analysis (1987), Jean Blondel confeccionou unha tipoloxía de liderados consonte ao seu impacto e capacidade de cambio. Na súa taxonomía hai nove tipos ideais: xestor (impacto cativo e cambios mínimos), reaxustador (impacto pequeno e mudanzas moderadas) e innovador (impacto cativo e transformacións fondas); hai tamén confortadores (impactos moderados e cambios mínimos); redefinidores (mudanzas e impactos moderados), e reformistas (impactos moderados con mudanzas de longo alcance). Na cima dos maiores impactos o politólogo francés sitúa os salvadores que teñen capacidades transformadoras cativas, os paternalistas ou populistas impulsores de mudanzas moderadas e os que denomina ideólogos que sosteñen cambios radicais e duradeiros. O seu repaso vale para avaliar tamén os liderados que agora se promocionan.

En Galiza, o novo ciclo político vai acompañado máis por remudas que por continuidades nos liderados. Continuidade exitosa no Partido Popular de Galicia que celebrou un congreso á búlgara para reforzar a Núñez Feijóo na súa condición de dobre presidente, do PPdeG e da Xunta de Galicia. Feijóo atribúese un liderado reformista, alentador de cambios moderados con impactos moderados, no partido, e unha acción gobernamental, concibida como un cambio conservador, suxeita ás restricións que a crise económica impón ás políticas públicas. Todo o que o engrandeza alén dos xestores ou dos reaxustadores será a beneficio de inventario do PPdeG.

Tras a derrota do 1-M, BNG e PSdeG víronse obrigados a prescindir de liderados longamente traballados para abrir procesos de relevo con solucións nas que manda a provisionalidade. A Asemblea Extraordinaria do BNG enterrou os tempos do liderado carismático de Beiras ou da autoridade reforzada de Quintana para consagrar unha dirección colexiada e un portavoz nacional como primus inter paris. O PSdeG non escolleu liderado, simplemente abonouse ao único candidato practicábel, Pachi Vázquez, a quen ninguén, agás o seu círculo político máis próximo, lle atribúe maior futuro que protagonizar a travesía do socialismo galego polo deserto até que José Blanco estea en condicións de prover un liderado de maior alcance e ambicións.

Se o líder é a mensaxe, a mensaxe dos partidos da oposición é desalentadora. PSdeG acomódase a un liderado de reaxuste e o BNG estrea, de feito, un tempo de rexencia para procurar un novo líder. A solución é máis empobrecedora no que toca aos nacionalistas ao privarse de elixir un voceiro situado no grupo parlamentario, desatendendo unha lección que ao PSdeG lle levou unha década aprender: o Parlamento é o principal sementeiro de liderados e fóra da cámara a promoción de liderados realmente competitivos é unha operación de altos custes e poucas posibilidades de éxito. Así as cousas; será ben difícil que os cidadáns respondan ilusionadamente aos diálogos que o BNG e o PSdeG lles ofrecen, malfadadamente o dobre presidente será tamén o líder de audiencia.

13/05/2009

Trilos: Mercado de primavera

O mercado de primavera está revolto, uns polas formas e outros pola ameaza da nova competencia, de xeito que a fichaxe de Portas terá que agardar a que alivien os furores e remitan os ciumes. Dura primavera.

15/11/2008

Sempre na proa

Retruque de Castelao sobre a necesidade dunha política centrista. Pode lerse nos seus Cadernos (1938-1948). «Salvador de Madariaga para defender a política de centro, contra dos estremistas da dereita e da esquerda, dicía que a política de centro era comparábel coa quilla dos barcos, entre babor e estribor. Esqueceuse Madariaga de que o centro do barco non está entre babor e estribor, senón entre a proa e a popa. E nós non queremos ser a popa...»

08/11/2008

A cadeira de don Valentín e a alegría

O Molt Honorable Jordi Pujol participa no ciclo Conversas con... A súa disertación déitase humorada e sen rumbo definido nun repaso eslaiado dos cambios tecnolóxicos, sociais e políticos do mundo (pre/proto)globalizado. No fío das súas palabras anóanse dúas achegas memorábeis.

A primeira é unha frase feliz: «A alegría é un activo económico fundamental.»

A segunda foi a súa sentida homenaxe a don Valentín Paz Andrade, a quen Pujol recoñece toda a súa grandeza no feito de ter sido «un home fiel ao seu país» nun tempo en que as lealdades a Galiza cotizaban ben pouco.


Rememorou o ex-President que, cando se organizaron os primeiros diálogos da oposición democrática con Adolfo Suárez para tramar a Transición, na mesa sentábase o PNV para dar voz a Euscadi e Convergència para dar conta de Cataluña. Galiza tiña unha cadeira pero non había unha opción galeguista organizada que a ocupase.

Ese baleiro encheuno a fidelidade de don Valentín Paz Andrade á espera dunha representación política de Galiza que, como ben sabemos, tardou moitos anos en chegar. Non é mala cousa que alguén de fóra veña lembrarnos a débeda que temos con don Valentín por ter coidado,
en soidade, daquela abandonada cadeira de Galiza.

25/08/2008

O lapis

George Steiner suma unha influente produción cultural, acompañada de numerosos premios e recoñecementos, e consta con todo merecemento no top ten dos pensadores actuais. Por iso resultan aínda máis rechamantes as súas (des)consideracións sobre a lingua galega na entrevista que concedeu a Juan Arias. Unha magoante mestura de mala información, prexuízo e descoñecemento que empata ben mal con outras reflexións súas feitas con moita maior lucidez: «Non hai linguas “pequenas”. Non existe unha sintaxe “primitiva”. Cada lingua, sabémolo de certo, procrea e articula unha visión do mundo, un relato do destino da humanidade, unha estrutura de fórmulas de futuro para a que non existe facsímile noutra. A morte dunha lingua, até naquela apenas rumoreada por unha manchea de persoas nun anaco de terra maldito, é a morte do mundo. Cada día que pasa, o número de fórmulas de que dispomos para dicir “esperanza” diminúe.» Di tamén Steiner que «un intelectual é un ser humano que cando le un libro ten un lapis na man.» Iso, si, pero tamén máis: é alguén que mobiliza a curiosidade e a intelixencia fronte ao descoñecemento, a discriminación e o prexuízo. Certamente, Steiner desta volta non foi o lapis máis agudo do plumier. Infinita tristura.

01/08/2008

Detonacións

Hai unha sonada escena de Coa morte nos talóns na que Eve Kendall [Eva Marie Saint] dispara contra Roger Thornil [Gary Grant]. Na toma, á dereita e en segundo plano, un cativo tapa os ouvidos segundos antes de que se produza a detonación. O rapaz, canso de que se repetise a escena para coller a mellor toma, sabía de sobra o que ía acontencer. A lembranza cinematográfica vénseme aos ollos como reflexo da entrevista dos dous presidentes. Antes de que Pérez Touriño fixese público o seu histórico e glorioso balance da xuntanza, moitos xa se terán tapado os ouvidos, cansos de asistir a tan repetida a escena. A crónica da reunión bipresidencial que nos ofrece Pablo X. de Sandoval dá conta de todas as detonacións triunfalistas, limiar de xordeiras preventivas.

Primeira detonación: «Garantía plena». «Compromiso definitivo». Antes as garantías eran parciais e o compromiso provisorio?

Segunda detonación. Do horizonte [nunca alcanzábel por definición] de 2012 ao que AVE «poderá tocarse» en 2012. É tan tocábel agora como hai seis meses; é dicir, é igual de intocábel.

Terceira detonación. Licitar non é executar. Que se licite en 2009 é un requerimento que fai posíbel pero non garante o prazo de remate das obras da conexión coa Meseta.


Cuarta detonación. Amnesia total sobre os prazos do Eixo Atlántico de Alta Velocidade e sobre a conexión Ourense-Vigo. Que razón hai para rebaixar o consenso acadado por PSdeG, BNG e PP no Parlamento de Galicia? Mantense este anuncio?


Quinta detonación. A Comisión de seguemento das obras do AVE son eu [Touriño] e Magdalena Álvarez e testemuña disparatada do diktak teléfonico de ZP («Zapatero se lo ha ordenado delante de mí»). Cunha periodicidade trimestral, tócalle unha ou dúas xuntanzas antes das eleccións galegas?


Sexta detonación. Enfatizar, até o delirio, o interese de Rodriguez Zapatero pola Alta Velocidade a Galiza. «Interese excepcional» en coñecer os pormenores e anuncio de visita a finais de agosto para «supervisar persoalmente a marcha do AVE». Que cambiou desde a última visitá ourensá?


Antes de que se iniciase a ráfaga triunfal moitos xa terán tapado os ouvidos. Bendita xordeira.

18/07/2008

Mandela 90

Madiba cumpriu 90. E deles pasou 27 sendo o preso número 46664. Intelixencia luminosa e vontade inquebrantábel. «Todo parece imposíbel até que se fai» –deixounos dito. El aí segue, intentando facer imposíbeis como converter a pobreza en pasado; outros mentrestanto empéñanse en darlle un longo futuro.

14/08/2006

Liderado liliputiense

Moitos políticos foron quen de forxar o seu liderado no decurso de agudas crises e durísimas catástrofes. Con afouteza enfrotaron a adversidade e as súas mensaxes foron un catalizador para identificar obxectivos, unir vigores dispersos e mobilizar aos cidadáns. Souberon coas súas palabras frear o desánimo e debuxar, no máis entoldado dos horizontes, esperanzas que chamaban á reconstrución do benestar, á defensa das liberdades ou a pular por un progreso compartido. As paroladas radiofónicas de Franklin Delano Roosevelt ou os discursos de Churchill cando a Segunda Guerra Mundial aínda son lidos hoxe con emoción. Cesaron as causas que os motivaron pero non os valores que souberon acubillar. Máis achegados no tempo, a dolorosa pero bragada xestión da crise do 11-S neoiorquino acrecentou a sona de Giuliani e mesmo Gallardón, na traxedia do 11-M, soubo infundir coraxe aos magoados madrileños.

George W. Bush no 11-S ou nas enchentas do Katrina, Aznar e tropa cando os atentados de Madrid sinalan outro proceder. En Galiza tamén temos sobradas mostras do comportamento evasivo. O omnipotente liderado de Manuel Fraga desgastouse grandemente por mor da súa cazata irresponsábel nos días máis negros do Prestige e os seus gabinetes en situacións de crise como no tempo das vacas tolas evidenciaron o seu apego á cultura da ocultación e a camuflaxe de responsabilidades. O baleiro ocupou o lugar do liderado facendo válido o principio de que os conservadores unicamente son bos para cando non hai nada que gobernar agás as rutinas.

Hoxe asistimos a unha mensaxe institucional do presidente Touriño. Unha comunicación cangada de banalidade e falta de concreción. Sen asomo de paixón, os seus parrafeos foron rutineiros e construíron un discurso a partir da materia que xa todos coñecemos. A destempo, as súas palabras nada novo achegaron para a identificación do problema e das súas causas, tampouco serviron para sinalar novas perspectivas. O presidente quixo deixarnos claro o momento en que asumíu o mando das operacións –na mañá do domingo día 6– e que estivo diariamente en permanente contacto con Rodríguez Zapatero. Agradécese, pero agardábase algo máis.

Se a posta en escea pretendía ampliar o seu perfil político como gobernante, tan só logrou ofrecer unha pobre e diminuída imaxe, a dun xestor subalterno e de obediencia debida ás capacidades do Goberno Central. Por outra parte, o noso presidente confunde compromisos con obrigas. Os seus «compromisos» non son outros que as súas obrigas institucionais: manter o dispositivo de extinción co maior número de medios; mellorar o dispositivo de prevención e o operativo de extinción; recuperar as zonas devastadas; arbitrar indemnizacións e atacar as raíces profundas do problema no que están implicadas as políticas forestais, a protección da paisaxe e a racionalidade urbanística.

Compromisos son outra cousa, son basicamente concrecións de obrigas. Compromisos serían fixar un mínimo de dotacións e medios para os equipos de extinción; compromiso sería fixar un prazo para a estimación dos males e a execución das indemnizacións; compromisos son aqueles que poñen ano e mes a elaboración dun Plan de Riscos e Prevención de Desastres co establecemento de protocolos claros para a atención das emerxencias e catástrofes; compromisos son, en suma, o adianto dunha batería de iniciativas para poñer couto ao urbanismo salvaxe e protexer os nosos bens naturais, para adiantar cales van ser os criterios para proceder á reforestación ou, por exemplo, indicar que políticas se van artellar para aproveitar a biomasa. Nada diso se asomou nas palabras presidenciais. Nada diso parece constar, polo de agora, na súa axenda política.

Os asesores de Pérez Touriño erran sistematicamente cada vez que queren engordar artificialmente o seu presidencialismo. Os deseñadores do Gran Home ofrecéronnos hoxe unha política liliputiense, diminuída e pobre, máis propia dun Delegado do Goberno que dun Presidente de Galiza. Con todo, hai que recoñecerlle que si marcou diferenzas cos que nos desgobernaron antes, pero iso a estas alturas só sirve para recibir o apoio dos que cren que neste país só é posíbel un cambio gatopardiano. En Liliput sería unha auténtica revolución, en Galiza representa un cambio mínimalista. Un gran paso para o Presidente, un paso demasiado curto para o novo goberno de Galiza.