29/08/2008

Latas e abrelatas

Rafael Reig lembrábanos hai poucos días que a invención do abrelatas se produciu con máis de cincuenta anos de atraso respecto da estandarización das latas de conserva en 1812. Até 1854 baionetas, navallas e outros instrumentos agudos ou contundentes (mesmo disparos) foron empregados para abrir as conservas enlatadas.

A lata do verán, o adianto electoral, padeceu unha falta de sincronización semellante. O PSOE ideou moito antes o produto que un instrumento para abrilo sen maiores riscos. Celebrar as eleccións galegas en outono era útil (basicamente para a estratexia de Ferraz), pero os adiantadores carecían do instrumento –unha razoábel xustificación de país e non partidaria– para abrir unha lata que tiña xuño como data de caducidade. Con todo, ensaiáronse toda sorte de agudas e contundentes presión para forzar a decisión presidencial con axuda de non poucos medios. Agosto foi escenario así dunha disputa pacega destinada a torcer a vontade de Pérez Touriño que deixa á luz varias conclusións:

1| O Congreso do PSdeG foi pechado en falso, a repartición de parcerías de poder non saciou ás apetencias da facción blanquista que quere ocupar o baleiro producido pola extinción do vazquismo antes de que o touriñismo se consolide cun segundo mandato.
2 | O episodio político que xerou maior inestabilidade gobernamental en Galiza desde 2005 non foi causado polas friccións co socio nacionalista senón polas tensións entre as diferentes bandeirías do PSdeG.
3 | Tristemente, o maior engrandecemento da figura presidencial de Touriño é debido a que achegou unha solución a un problema creado por el mesmo e o seu partido.
4 | A demostración de autoridade do Presidente será inevitabelmente respondida por un exercicio continuado de rebeldías de baixa intensidade e a desacreditación coa lingua pequena do liderato do Secretario Xeral do PSdeG.

Cando Pasqual Maragall foi elixido President preguntaron a Lluis Llach cal sería o principal problema que tería que enfrontar e o cantautor contestou, con enorme clarividencia, que o problema de Maragall sería o PSOE. Onte Touriño exerceu sorpresivamente de Pasqual Maragall. Decida agora ser Maragall por un día ou Maragall para sempre, Emilio Pérez Touriño pode estar certo de que os seus inamistosos amigos de Ferraz e a rúa do Pino agardan para saldar contas. Quizais, sen ser consciente, Pérez Touriño decidiu non abrir a lata electoral pero si abriu o melón sucesorio no PSdeG.

4 comentários:

Anónimo disse...

De certo que o PSdeG-PSOE non é un partido sen fisuras, monolítico, e que os lideratos adoitan ser no fondo inestábeis a medio prazo, por moito que na superficie poida reinar -ou non- unha suposta unanimidade. O mesmo acontece tamén co BNG.
Vostede sabe mellor ca ninguén que un partido non é un "actor unitario" e que máis ou menos soterradamente -dependendo das conxunturas- pugnan diversos grupos internos por formar parte da "coalición dominante". O PsdeG-PSOE non é unha expeción. O BNG tampouco. Sexa como for, o caso é que o goberno bipartito colla novos folgos nos vindeiros meses polo ben da cidadanía.

Anónimo disse...

non se detecta unha dose excesiva de honestidade neste comentario: sempre o que lle cómpre ao discurso oficialista do BNG

Ian disse...

Anónimo non sei que idea ten vostede de honestidade, pero a confunde coa imparcialidade vai dado. Quen aquí escribe non é imparcial, nin pretende selo. Canto a miña honestidade déame cando menos o seu xeneroso beneficio da dúbida. Ninguén está obrigado a compartir as miñas opinións, nin a lelas, acóllase a esa vantaxe.

Lamentablemente o problema do adianto ou non adianto non o creou o BNG, senón o PSdeG e o noso presidente. Comprendo que non lle guste a miña lectura, creo que non digo mentira ningunha, quizais sexa unha interpretación pouco beneficiosa respecto das bondades deliberativas ás que se entregou o PSdeG, pero creo que foi un tema que informativamente xestionaron mal e que puxeron en risco a credibilidade do presidente de xeito innecesario.

En calquera caso, non se anoxe, hai milleiros de blogs onde pode atopar felicísimas exemplos de honestidade como estas:

http://blasgarcia.wordpress.com/2007/10/10/un-xesto-dedicado-a-rajoy/
http://www.jlprieto.es/net/o-bng-traizoa-a-galicia

Eu tamén os leo con feliz honestidade e non me rasgo as vestiduras éticas.

Anónimo disse...

Ben, retire o emprego de 'honestidade' se o amolou e acepte as miñas desculpas. Mais o que quería explicar é que as súa opinións resultan sempre tan "en liña" coas que conveñen á dirixencia do BNG... Tempouco é preciso que me redirixa cara ás webs 'ultras' do PSdeG, non se trabuque.

Grazas.