
Debilitados «pola súa incapacidade de controlar os fluxos globais de capital, produción, xestión, tecnoloxía e comunicación» e pola súa falta de inclusividade multicultural, Estados nación fallidos vense abocados a organizarse en redes supranacionais e a descentralizar a súa xestión cara aos ámbitos rexionais e locais. Aínda que esgazados por unha dupla translación do Estado cara máis arriba e cara máis abaixo, os vellos aparellos estatais logran manter unha posición de centralidade pero baleirada agora de substancia política e tórnanse nun «volcán que se activa cando xorden crises económicas e explotan agravios culturais».
A conclusión de Castells é tallante: «As tensións autonomistas e independentistas son a regra máis que a excepción no mapa mundial» e enfatiza que «hai poderes fácticos globais (económicos, militares, tecnolóxicos, comunicativos) que constrúen a xeopolítica mundial apoiando procesos de autodeterminación contra Estados cada vez menos lexítimos e armándoos para que repriman eses movementos a cambio de render preitesía a quen lles permiten sobrevivir». A autodeterminación acrecenta así o seu valor máis como forza de erosión que como forza de construción toda vez que está posta ao servizo dun reordenamento da correlación de debilidades entre Estados máis que ao servizo do fortalecemento democrático dos pobos que aspiran a súa emancipacion nacional.
Autodeterminación, dereito de quen?

Por outra banda, a incomodidade que arrodea á idea de autodeterminación acrecéntase na medida en que é un dereito democrático que pode ter consecuencias non democráticas. Ten consecuencias negativas, autoritarias, nos Estados (democráticos ou non) que reprimen violentamente ás comunidades que procuran a súa autodeterminación. E tenas tamén cando a resultante é a creación dunha nova comunidade política na que non se poden exercer os outros dereitos e liberdades democráticas de xeito pleno.
A pesimista lectura de Castells reforza a idea de que noutrora había pobos que se autodeterminaban e agora só fica espazo para nacións que son autodeterminadas en función de intereses de terceiros. Fronte ao cinismo táctico e a instrumentalización o dereito a autodeterminación (supoño que) haberá que defender unha autodeterminación de radicalidade democrática: a autodeterminación válenos na medida en dea maior potencia a unha onda democratizadora no mundo global e sirva tamén para facer realidade a democracia na nación emancipada; ou o que o mesmo, vale a autodeterminación daquelas sociedades civís e nacións sen Estado que non só garanta a independencia ao exterior (no grao que se determine libremente) senón tamén a democracia ao interior (sen ningún tipo de límite); se non é así, non será autodeterminación será unha forma nova de autosubordinación da nación e a súa cidadanía.
Sem comentários:
Enviar um comentário