04/09/2008

Import/export

Fernando Scornik Gerstein lembra en Público a manda que Rodríguez Zapatero lle fixo a Jesús Caldera para que se ocupase de «exportar o pensamento progresista». Onte no mesmo «Dominio Público», Pedro Chaves Giraldo vaticinaba o advenimento dun período posneoliberal, de xeito que a factoría de ideas de Caldera poderá dispoñer (teoricamente) dun amplo mercado mundial no que colocar os seus produtos progresistas nas mentes e corazóns de millóns de cidadáns. Hai fame de cambio ideolóxico e o think tank de JC pode colmar o baleiro deixado pola creba imaxinativa da socialdemocracia alemana, primeiro, e despois da Terceira Vía de Blair, cualificada acedamente por Chaves como unha proposta «de subordinación indecorosa da esquerda socialdemócrata ás esixencias do neoliberalismo».

Na súa achega Scornik Gerstein emprégase a fondo para identificar moitas das ideas practicadas polo PSOE que o seu novo xerente ideolóxico non debera exportar malia que moitos dirixentes socialistas as consideren progresistas. O ben norteado artigo de Scornik, con todo, comparte xornada informativa coas reveladoras declaracións de Celestino Corbacho, sucesor ministerial parcial de Caldera, quen considera que non é razoábel que se siga recorrendo á contratación en orixe; é dicir, de inmigrantes. Este luminoso anuncio asume con toda crueza, como diría o bendito Lakoff, o marco interpretativo da ultradereita que identifica aos «inmigrantes» como desalmados usurpadores dos postos de traballo dos «nacionais».


El País ofrece unha curiosa interpretación das palabras do novo ministro de Traballo: «En contra das aparencias, as declaracións de Corbacho non implican, de momento, un cambio na política desenvolvida polo Executivo durante a pasada lexislatura. Pero si supoñen un xiro de cento oitenta graos respecto ao discurso do seu antecesor, Jesús Caldera, quen adoitaba incidir no aspecto solidario das decisións do Gabinete sobre os estranxeiros.» Dísenos en poucas palabras que Corbacho cambia de discurso, adoptando o da dereita ultramontana, pero aínda así non mudará a súa práctica política. O noso paisano, Tomás Bárbulo, sabido en ambigüidades, documenta a súa explicación con dúas declaracións de anónimos altos cargos do ministerio: [1] «É posible facer a mesma política cun discurso distinto»; e [2] «O discurso do novo ministro é máis cómodo para nós. Permitiranos seguir traballando sen necesidade de estar permanentemente á defensiva fronte ao PP» (ao parecer amólanlle menos estar á defensiva perante outras forzas). Ás dúas sentenzas sóbralles cinismo e fáltalles vergoña.

Un dito africano afirma sensatamente que «a faba non debe crecer no camiño da vaca ou da cabra». As posibilidades de prosperar da faba son as mesmas que as dunha política progresista que se pretenda arroupar na verborrea ultraconservadora. Entregado o PSOE á súa indecorosa subordinación discursiva respecto da paleodereita, Caldera vai ter que reconverter rapidamente a súa empresa de exportación ideolóxica e montar urxentemente unha importadora de ideas para a nova dereita progresista que Celestino Corbacho acaba de presentar en sociedade.

3 comentários:

Anónimo disse...

Pero ademáis os pensadores madrileños non aceitaron xa de xeito unánime desde as últimas eleccións que o PSOE depende da "esquerda volatil". E dicir que os socialistas chegan ou se manteñen no poder, se logran captar o voto (ainda que sexa tapandose o nariz) dunha ampla bolsa de cidadans que oscilan entre o propio PSOE, Izquierda Unida e (no caso de Galicia) o BNG. O anuncio da nova Lei do aborto semella tentar contentar á EV pero a patada de Corbacho,...

www.radiofusion.eu

bouzafria disse...

Ben bonito estivo o faladoiro do venres na Radio Galega cando as dúas contertulias non deixaban de repetir que Corbacho dera un xiro de ¡ 360 grados !

Reformar Cocina disse...

empresa de reformas en madrid

precio y ofertas de reformas

empresa de reformas

reformar cocina en madrid

reformas

presupuesto reformas

reformar local comercial en madrid

reformar baño en madrid

reformar casa en madrid

reformar cocina

reformar baño

reformar casa

reformar local comercial

reformar piso en madrid

empresa de reformas

reformar piso en madrid