30/03/2009

A conquista do pan

É xa un lugar común nas nosas reflexións; non hai análise (para)partidaria postelectoral na que non asome o «papel dos medios de comunicación» como factor que explique os resultados negativos colleitados (Nada que dicir dos medios cando calla o éxito electoral). Na fin de semana dúas cualificadas voces achegaron a súa lectura sobre a influencia mediática e doutros poderes fácticos. En El País falou Francisco Rodríguez. Para A Nosa Terra fíxoo o ex-director de El País-Galicia e actual director de Público, Félix Monteira.

Na entrevista de Xan Carballa, Monteira repasa o conxunto de causas: persistencia dunha cultura caciquil e dun sólido substrato socioloxicamente conservador, falla de firmeza das políticas de cambio e desencanto entre os votantes progresistas e nacionalistas. Tamén tivo relevancia, na súa idea, que o goberno de coalición non funcionase politicamente coordinado, presentándose como «dous gobernos cun programa en disputa». E, por cabo,
A implicación de intereses entre os poderes públicos e a prensa é tan forte que o trastocou todo. O goberno non se atreveu a trocar o statu quo de relacións e foi refén desa prensa que actuou contra os seus intereses. A maioría da prensa galega actuou pola súa ideoloxía predominante que é de dereitas. Foi unha torpeza política da coalición.
O fracaso da estratexia de sedución

Pola súa banda, o secretario xeral da UPG salientáballe a Pablo López que o punto de partida electoral era moi fráxil porque «bipartito e BNG só podían manterse ou aumentar moi pouco» e que a campaña –tanto a mediática como a electoral do PP–, tiveron «a pegada xusta para que o que estaba fráxil fose derrubado».


O entrevistador fala de «coqueteo» do BNG cos poderes públicos e Francisco Rodríguez retruca:
Non. O que se fixo foi pensar que un diálogo con eses sectores podía lograr, máis que neutralidade, unha certa conivencia. E aí si que houbo un erro de vulto e de cálculo.
Subliña Rodríguez que, «aínda que todos considerásemos que ese labor había que facela», o BNG non tiña unha «posición unánime» respecto da estratexia de relación cos poderes fácticos. Entremos no matiz: «Uns crían que era substancial, e outros consideramos que había que facela, pero que non cabía esperar moito dela». Non había unanimidade, disque, pero as variantes operativas eran a penas diferentes: tentar seducir aos poderes fácticos, créndose que era posíbel ganarse o seu ánimo, ou seducilos sen demasiada convicción.

E conclúe Francisco Rodríguez:
Os poderes fácticos externos está claro que eran agresivos, pero os mediáticos internos non é que fosen condescendentes; facían un paripé e estaban a segar a herba por baixo. Aínda que non teña matriz española, algún deles é moi significado e seguiu unha estratexia de que tiña que volver o PP. Estratexia que non foi ben tratada desde o bipartito, como en xeral o trato cos medios de comunicación privado non foi o correcto. Xogouse ao pan para hoxe e fame para mañá. Que esas empresas consideren que es un interlocutor inevitábel non significa que che vaian a apoiar.
A estratexia da sedución dos poderes mediáticos, está ben claro agora, non deu os froitos acadados: nin neutralidade, nin conivencia; moi ao contrario, a lexislatura rematou cunha agresiva ofensiva informativa contra o BNG e, indirectamente, contra a continuidade do goberno bipartito na que se implicou sen escatimar medios La Voz de Galicia.

As outras estratexias posíbeis


O BNG-Goberno tirou adiante coa estratexia da sedución, pero tiña o BNG-Organización outra estratexia? A xulgar polo pouco agarimo que se lle deu a diversas operacións mediáticas, cabe dicir que (case que) non. O reposicionamento de A Nosa Terra foi acollido con bastante friaxe, xélida foi a recepción de El País-Galicia considerado pola nomenklatura como un medio hóstil, mantivéronse os receos respecto das cabeceiras da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME) e nin tan sequera a aparición de Gz Nación foi acompañada de maiores entusiasmos.

Había outra estratexia posíbel? Con moitas dificultades. Dito con crueza, fronte ás tentativas (previsibilmente condenadas ao fracaso) para ser aceptado na mesa dos poderosos mediáticos, existía a posibilidade de facer poderosos a aqueles cos que un se podía sentarse na mesa. O PSOE nos tempos do felipismo practicou con éxito esta estratexia de empoderamento e o resultado é o complexo cultural-comunicacional que abeira PRISA.

O Xornal de Galicia podía xogar un papel semellante ao de El País na construción dun polo informativo alternativo e competitivo? Dificultosamente por nacer na fase terminal da lexislatura e cunha crise económica pavorosa detraendo publicidade e investimentos en case que todos os xornais do mundo. Dificilmente, sen conexións, complicidades ou unha alianza con outros medios, máis ou menos consolidados, en lingua galega, reunidos na AME (Vieiros, Galicia-Hoxe, A Nosa Terra, Tempos Novos...), ou entre os lectores progresistas (El País-Galicia e as cabeceiras galegas do Grupo Moll).

Carecer dunha política de medios e despois queixarmonos das consecuencias é unha sorte de sadomasoquismo.
Caer con reiteración na mesma trampa por omisión é unha teima dolorosa.


Berlusconización


As eleccións do 1-M representan un notábel paso adiante na berlusconización da política galega; entendendo aquí por berlusconización a estratexia pola que a mobilización dos medios de comunicación se torna no principal recurso –ou nun dos principais– para acadar ou manter o poder. Outra das consecuencias impactantes é a que sobrancea José Vidal-Beneyto na súa análise do «berlusco-zysmo»:
A cancelación do público chega ata que o ámbito da opinión pública, comprendida como un espazo aberto de confrontación e debate para chegar ao entendemento, sucumbe a mans da opinión mediática; é dicir, aquela producida e imposta polos poderes centrais da sociedade, grazas á capacidade de conformación dos medios de comunicación dominantes.
Nada pode opoñerse á caracterización política que Monteira fai do sistema galego de medios de comunicación destacando que «a súa ideoloxía predominante é de dereitas». Compleméntese coa evidencia de que o credibilidade dos medios públicos á hora de conformar opinión está en cotas abisais e que hai un medio, La Voz de Galicia, que é ultradominante e conforma, mesmo, a axenda informativa de todos os demais mass media galegos, sexan radio, televisión ou papel.

A día de hoxe a Corporación Voz postúlase como o Grande Irmá Berlusconiano en Galiza. A súa posición ultradominante é debida ao poder adicional que lle atribúe o seu tradicional papel como broker principal no mercado de favores que condiciona e ordena as transaccións entre os poderes públicos galegos e a empresa privada. Posición engrandecida tamén pola súa condición de principal factoría e distribuidora de ideas do pensamento conservador en Galiza.

Onde está a nosa panificadora mediática


Constatado o erro de vulto e o fracaso da estratexia de sedución dos medios realmente existentes e realizada a autocrítica sobre a política de relación do cogoberno coas empresas de comunicación, entramos no capítulo de preguntas que agardan resposta. Se a política realizada significou pan para hoxe e fame para mañá, onde temos unha panificadora que nos asegure un abastecemento perdurábel? É posíbel reverter a berlusconización e gañar poder e audiencia política a través de medios de sociais de comunicación alternativos na rede? É fáctibel unha alianza colaborativa dos medios «en lingua propia» e «non-aliñados co poder» para soster un polo influente de opinión pública non conservadora? E, en definitiva, a clásica leniniana: Que facer?

Ollando cara ao futuro, en calquera caso hai que lembrar, primeiramente, a advertencia de Raymond Chandler –«Non hai trampa tan mortal como a que te tendes a ti mesmo»– e, despois, facer bo caso do consello de Albert Einstein: «Tolemia é facer a mesma cousa unha e outra vez esperando obter diferentes resultados».

6 comentários:

Nygard disse...

Forma parte, como vostede indica, da falla de estratexia mediática pero tamén da dura aprendizaxe do poder (de quen non tiña experiencia de exercelo). Tampouco creo que fora doado, son aspectos de tamaño calado, que só poderían afrontarse como estratexia conxunta do bipartito... e BNG e PSOE tamén nisto ían cada un polo seu lado.

Dito isto, preocúpame moito que este tema anule os debates que se deben dar na casa. Diría máis, xa os está anulando... A resultante da tan manida renovación será un lavado de cara para que nada mude, coa intención de recuperar o poder con leicións como estas aprendidas.

O problema é que aprender destes erros pode servirnos para non perder o poder nun futuro, pero non sei eu se será tan útil para recuperar dito poder. Para iso fai falla outra cousa. Modernizar a organización en primeiro lugar, renovar persoas, mudar mensaxes para achegarse ao eleitorado novo urbano,...

E non o vexo, nestes momentos non o vexo...

Nygard disse...

Por certo, a entrevista do domingo é moi pavera. Deixará a executiva, venderao ben caro e o que é máis gracioso, seguirá mandando...

Calidonia disse...

Sadomasoquismo. Non. Utilitarismo, por empregar os medios baixo corda para manobras estalinistas de orde táctica como a que provocaron certas filtracións sobre bebidas tropicais. Os que carecen de política para con os medios son os que máis botan man deles.

Sadomasoquismo? Non. Esquizofrenia. Porque os mesmos que rexeitan de plano calquera flirteo co medio dominante son os primeiros con mono por deixar de ler ao inimigo.

Lendo o teu artigo dáse un de conta do inútil da estratexia do minifundismo mediático no mundo xa minifundístico do nacionalismo. Cantos esforzos botados a perder, estase a ver xa, e cantas oportunidades de artellar redes sobre o que xa había que non foron aproveitadas.

Anónimo disse...

Ian, secretario de comunicación!

Ian disse...

:D

Reformar Cocina disse...

empresa de reformas en madrid

precio y ofertas de reformas

empresa de reformas

reformar cocina en madrid

reformas

presupuesto reformas

reformar local comercial en madrid

reformar baño en madrid

reformar casa en madrid

reformar cocina

reformar baño

reformar casa

reformar local comercial

reformar piso en madrid

empresa de reformas

reformar piso en madrid