31/03/2009

Numerarse

Na véspera do 70 aniversario da derrota da República, Josep Fontana axunta, en Público, lembranzas da súa infancia na Cataluña vencida e as primeirizas impresións do que despois sería confirmado con brutal contundencia por case catro décadas de Franquismo. Hai un choqueiro retallo que ilustra a acomodación vergoñenta da prensa diante das reviravoltas que forza a historia cando é derrotada a intelixencia. Aquí as súas palabras:
O mesmo día do noso regreso a Barcelona, o 27 de xaneiro [de 1939], o xornal La Vanguardia anunciaba aos seus lectores que cambiaba a súa numeración para reemprendela onde quedou o 19 de xullo de 1936, repudiando todo o que se publicou desde aquela. Había que acomodarse aos novos tempos.
Nun breve titulado «Deciamos ayer», a redacción de La Vanguardia, con acendida retórica triunfal, facía súa a submisión á nova orde e anunciaba que se retomaba a vella numeración dos exemplares onde quedara o 19 de xullo de 1936. La Vanguardia estivera en ningures durante dous anos e medio.

A inmensa maioría das cabeceiras de orde da prensa galega non terán que someterse a semellantes rigores autocríticos como consecuencia da acomodación aos novos vellos tempos. Non será necesario porque as súas liñas editoriais, desde o 18 de xullo de 2005, souberon manterse nun delicado e virtuoso equilibrio inestábel entre a condescendencia co goberno bipartito e o exquisito trato dispensado á oposición e ao seu líder. Non en balde, na pasada lexislatura, o Partido Popular fixo oposición, fundamentalmente, con recortes de prensa na man. Por iso, non haberá necesidade de renumerarse, bastará con formar, facer fila, cadrarse diante do novo inquilino de Monte Pío e, simplemente, numerarse á espera de que cheguen as directrices da Nova Política Informativa (NPI).

Berrar en silencio


Algúns amigos conectados coa dereita máis democrática do Partido Popular convidan a un café para dar pésames e adiantarme que os «populares» farán unha xestión informativa moito máis pluralista que durante o bipartito e que non haberá retorno ao Sistema Pérez Varela de Comunicación. Dan crédito a que na política de medios haberá bastante menos controis e pressing que durante o fraguismo, sobre todo porque non é estratexicamente tan necesario dada a pouquidade de cabeceiras contestatarias e a súa comprometida saúde financeira como consecuencia da crise. Coa mellor intención anuncian que, en materia cultural e de medios, Alberto Núñez Feijóo quere ir de Nicolás Sarkozy, garantindo pluralidade e apertura aos sectores non-conservadores. Querendo tranquilizar, a mención a Sarkozy, desde logo, non é a máis acaída para apradriñar a NPI.

Hai uns días unha boa amiga persuadiu a meu fillo para que «berrase en silencio». Desde aquela fai acenos e boquexa coma dando grandes berros pero acompaña a súa protesta, petición, queixa ou alegría cunha voz a penas perceptíbel. Velaí unha innovadora estratexia que, a pouco que remita o entusiasmo pluralista, fará propia a NPI de Núñez Feijóo. Ofrécense plenas garantías de que PSdeG e BNG poderán berrar en silencio.

Sem comentários: