
Hai dous ecoxornalistas aos que admiro un mundo pola habilidade que teñen para reciclar refugallos mediáticos e tirar deles magníficas pezas xornalísticas. Ambos os dous traballan na planta de compostaxe que mantén aberta Público. Roberto Enríquez faino na contra coa súa sección «Visto/dicho/oído» onde día a día con tres capturas de pantalla tómalle o pulso ás ofertas televisivas. Aínda que, de cando en vez, se alegra a ollada con algunha perla, ten que tratar diariamente con carretadas de esterco aos que a golpe de enxeño lles quita incríbeis aproveitamentos para vacinarnos contra a idiotez carroñeira catódica e dixital. E Juan Carlos Escudier que celebra a súa «Merienda de medios» na novena de Público. Aquí, sen rodeos, hai que dicir francamente que da merda mediática fai arte xornalística sobre a base do principio activo da retranca, o escarnio e a intelixencia.
Cando acabo de ler as súas seccións de reciclaxe sempre me asalta a mesma dúbida: nós para desintoxicarnos de tantas sandeces, temólos a eles, pero eles como se coidan para non sucumbir psicoloxicamente ante tanta estupidez lida, dita, vista ou ouvida?
Sem comentários:
Enviar um comentário