29/11/2004

Disidencia á boloñesa

Popularmente (des)coñecidos grazas ao éxito da súa novela Q (que algúns atribuíron rapidamente a Umberto Eco), os fundadores do Luther Blisset Project (LBP) decidiron suicidarse intelectualmente (por dignidade) en 1999. Daquela autoinmolación do grupo boloñes do LBP xurdiu en xaneiro de 2000 Wu Ming, unha expresión que significa «anónimo» ou «sen nome» en mandarín e que, a miúdo, foi utilizada como asinatura de escritores disidentes na China.
O ADN de Wu MIng ten moito de común co LBP orixinario: é un «nome múltiple» que transgrede as nocións de identidade, individualidade e propiedade intelectual particular(izada) e concíbese como unha sorte de guerrilla cultural e comunicacional. Wu MIng nace como unha «nova banda de narradores», desde o seu nome é un tributo á disidencia e un rexeitamento do autor como estrela na idea de que «o artista será cada vez menos divo e cada vez máis narrador, trobador, bardo». As identidades dos cinco membros da banda non son secretas (R. Pedrini, F. Guglielmi, L. Di Meo, G. Cattabriga e R. Bui son os cinco Wu Mings), pero se agochan no anonimato colectivo porque segundo din «limitámonos a considerar máis importantes as nosas obras que as nosas biografías individuais ou os nosos rostros» (o mesmo comportamento que adoitan os sonados autores da literatura galega, non si?).
Esta revolución no tiene rostro. Escritos sobre literatura, catástrofes, mitopoiesis é un recompilatorio de manifiestos, artigos, historias e artefactos literarios producidos na primera onda de activismo de Wu MIng. Hai múltiples centros de interese nas súas páxinas pero a creación de mitos ocupa un lugar central. Escriben: «As historias son o carburante ecolóxico das comunidades en marcha.» «Toda comunidad necesita historias para verse a si mesma e poder cambiar. Interésannos as lendas, as personaxes populares, os que tería pasado se...». Con ese punto de arranque Wu MIng proponse elaborar unha narrativa da emancipación apegada a ese movemento de movementos que é etiquetado como «movemento antiglobalización». A súa posición respecto da mitopoiesis, da creación de novos mitos populares, está moi emparentada cunha afirmación de Paco Ignacio Taibo: «O mito é a verdade rumorosa dos fodidos, os vencedores teñen a televisión».
Wu Ming vén producindo obras de non-ficción e novelas, a máis sonada é, sen dúbida, 54, una historia con varias ducias de personaxes que simulan unha multitude, multitude que é como en Q é o auténtico protagonista). 54 deu orixe a un CD con música de Yo Yo Mundi e as voces de actores como Marco Baliani, Giuseppe Cederna e Fabrizio Pagella. Wu Ming2 publicou en solitario Guerra agli umani, Wu Ming1 New Thing e Wu Ming5 Havana Glam. Neste pasado outrono estreouse a película de Guido Chiesa Traballar con lentitude, sobre Radio Alice e o movimento do 77 en Boloña, escrita por Guido Chiesa e Wu Ming. Aí seguen «rindo de fronte ao horror, para resistir, rindo de fronte ao perigo, para redimensionalo, rindo para incendiar os tigres de papel.» Aí están coa teimuda traxectoria disidente: narraciones de toda caste, accións políticas imaxinativas, infiltración guerrilleira na cultura de masas, rexeitamento da propiedade intelectual privatizadora, invención de novos mitos e recreación dos vellos, creación dunha comunidade participativa de lectores-actores, militancia solidaria e cooperativa no movemento global, e promoción retranqueira de vacinas activas contra o canibalismo político e abobamento da esquerda de onte, de hoxe e de mañá.

21/11/2004

Fin da tregua

O debate asembleario sobre a posición do BNG respecto do referendo da Constitución europea rematou cunha vitoria moi axustada do NON. Asemade iniciouse o proceso de confección das súas listas electorais. Sobre a mesa volven estar na apariencia dun debate de ideas a xorda loita por erosionar a hexemonía da UPG e, de paso, un desafío ao liderado de Anxo Quintana. Unicamente Esquerda Nacionalista ten defendido colectivamente o voto afirmativo, as demais organizacións do BNG inclínanse polo NON e os non adscritos non teñen posición unitaria pero aplauden os éxitos do SI nas diferentes asembleas comarcais. Paréceme que o debate sobre a Constitución europea é máis que nada un pretexto para definir unha nova relación de forzas co principal obxectivo de colocarse mellor nas gloriosas listas que se van ofrecen á sociedade galega. Hai unha confusa mestura de oportunismo político e convicción europeístas nos argumentadores do SI e un abuso de tácticismo e clixes ideolóxicos nos adalides do NON. Nogueira que hai un mes atopaba razóns para votar SI (criticamente), NON ou absterse, agora ten claro o voto negativo; e os Non-Adscritos finalmente abrazarán unha posición que non sexa o NON para diferenciarse e non perder o seu quiñón de influencia na torta do descontento que medra no BNG. Como sexa, segundo o balanzo que fai Europa Press, o NON impúxose ao SI nas asembleas comarcais por un 60% fronte a un 40%. 60/40 máis ou menos a porcentaxe de razóns que teño para votar NON e votar SI.

20/11/2004

Villa volve ao cine

Mentres Taibo II escribe unha nova biografía sobre Villa, o director Tony Scott anuncia o seu próximo proxecto cinematográfico que se titulará Tom Mix e Pancho Villa. A relación de Villa co cine ven de vello, des que asinou un contrato coa a American Mutual Movies Company, que pertencía a David W. Griffith e Harry Aitken, a que cedeu os dereitos para filmar as súas batallas. A suma do contrato ascendía a 25.000 dólares e comprometía a Villa a que representase alguna das súas famosas batallas. Un equipo de rodaxe desprazouse a México e Pancho Villa, ao fronte das súas tropas, reproduciu durante varios días algunhas das súas sonadas accións bélicas. Ao parecer, cando se rematou a película, pareceu tan realista que ninguén se atreveu a proxectala e acordaron volver filmar no estudo con actores profesionais.
Varias son as pegadas cinematográficas que deixou Villa: en 1912, Raoul Walsh e Christy Cabanne estrearon Life of Villa, á que seguiu en 1914 The Life of General Villa, dirixida por Christy Cabanne en solitario, pero con Walsh no papel de Villa mozo. Dous años máis tarde apareceu o documental Following the Flag in Mexico. As relacións de Villa co cine serviron de base para unha miniserie de TV And Starring Pancho Villa As Himself, dirixida por Bruce Beresford, con Antonio Banderas no papel protagonista, na que se que recrean os contactos villistas coa industria de Hollywood.

Spin off

Proliferan as spin-off no mundo da empresa e no cine cun sentido orixinario común: identifican aqueles proxectos que nacen doutros xa existentes e, normalmente, como iniciativa dalgúns membros do proxecto matriz, como expresión dun novo protagonismo ou liderado.
En política as spin off son incómodas e dificilmente aceptábeis en termos orgánicos e xa non digamos en clave mediática. No que toca aos liderados políticos, como no cinema, as spin off non sempre son ben acollidas polo público; ver como un personaxe secundario asume o protagonismo dunha nova cinta provoca, de entrada, unha comparación (case que sempre) odiosa.
Na sociedade política, o liderado que se aprecia é aquel que comporta ruptura, mesmo máis se valoriza se se acompaña dunha boa dose de cainismo e a execución simbólica do Pai/Nai Matriz. Pola contra, se o apego ao proxecto orixinario é demasiado forte, verase esmagado por unha contundente acusación de continuísmo. O liderado de Anxo Quintana non se dá liberado da súa lectura como un spin off de Xosé Manuel Beiras e a década prodixiosa do nacionalismo galego.
Agora o problema haberá de reeditarse coa veciñanza das eleccións autonómicas e a confección das listaxes. O pai nutricio debe ir nas listas? E se non vai que significa? De certo, o debate non é elixir entre o Beiras-muleta de Quintana e o Beiras-emenda (parcial ou total) de Quintana. A cousa é máis cruda: Beiras resolve as insuficiencias que historicamente tiveron as candidaturas do BNG? E, de entre todas as pexas das listas, hai unha que reiteradamente as condicionou negativamente: sempre se fixeron atendendo a escrupulosos e unilaterais criterios domésticos. Exactamente como se están facendo agora. Tal como vai a cousa, desgrazadamente, a única novidade e sorpresa que o BNG vai presentar á sociedade é se Beiras vai ir ou non nas súas listas electorais.

Pancho de PIT II

Paco Ignacio Taibo II traballa nunha biografía sobre Pancho Villa. Nunha entrevista, concedida a El Siglo de Torreón, explica porque se decidiu a escribir a biografía de Villa que se titulará simplemente Pancho. «É o arcanxo dos fodidos, é a vinganza dos fodidos nun país onde os fodidos son moitos e a vinganza é moi xustificada». Entende Taibo que «máis que un programa social, o que hai en Villa é unha vocación de axuste de contas, de reivindicación de tanto agravio que se cometeu e non se reparou». E amosa unha das gozosas achegas da súa teimuda investigación sobre o revolucionario: «Atopeime con todo o debate sobre o Sete Leguas, o cabalo que Villa máis estimaba, ben, non era cabalo, era egua, pero para que cadrara a canción, cabaleárona. Vin decenas de fotos de "Villa montado no Sete Leguas". Primeiro, é una tradición antifeminista. Segundo, ningún deses é a Sete Leguas, a Sete Leguas é unha egua que monta en 1918-19 á fin da súa etapa de guerrilleiro. E cando por fin encontrei unha foto da Sete Leguas, non dicía abaixo que era ela, teño que reivindicala, como non vou contar esta historia?». Efectivamente, como non contar historias como esta?

17/11/2004

A guerra da goma

O grupo Milan acaba de demandar á empresa Fulco S.A, que comercializa os seus produtos coa marca Jovi, por vender gomas de borrar plaxiadas dos seus modelos. Proximamente o grupo Milan tamén iniciará accións legais contra as empresas Makropaper e Carioca pola mesma causa. Os modelos máis copiados son a Milan 430, a Milan 612 e a Milan Nata. Será unha guerra empresarial que ha de deixar unha pegada imborrábel. A Milan Nata é sen dúbida unha icona sentimental da miña xeración. Unha combinación decepcionante a do seu gorentoso aroma e o seu insípido sabor, tan decepcionante como a mestura da candidez dialogante de Zapatero e a prepotencia pailoca de Bono.

Constitucion furtiva

Comezo a ler La Constitución furtiva, un libro de Xavier Pedrol e Gerardo Pisarello para cargarme de razóns e votar NON no referendo que se anuncia. Argumentos para convencer a Cessare (e a min mesmo) de que para facer realidade o noso imaxinario de Europa é urxente –e necesario– aleitar unha cidadanía crítica antes que a servidume civil e o desinterese pro-europeísta. Para a miña idea o que fará posíbel a nova Constitución é a súa discusión e non o aplauso unánime e pechado que se nós propón.

16/11/2004

A folla de ruta

Estamos de paso e sen folla de ruta. Xogamos ao ensaio e ao erro. Non pretendemos quedarnos. «Ninguén chega tan lonxe como cando non sabe onde vai» deixou dito don Oliverio Cromwell. Abofé que el foi ben lonxe, mesmo chegou a executar a un rei, a un auténtico rei inglés. Unha revolución que se (auto)estime non pode aspirar a menos. Nós contentámonos con menos, válenos ben estar tan só de paso. A nosa é unha camiñada anónima e sen grandes aspiracións. Facer calquera cousa modesta (como cortarlle a cabeza a un rei inglés) e despois desaparecer.