19/02/2005

A estratexia kafkiana

Derramo as primeiras horas do día reflexivo por mor dunha gripallada que me deitou na señerdade. Comprobo nos papeis, na arañeira e nas conversas que unha boa parte dos meus decidiron sumarse á estratexia kafkiana. A advertencia de Franz non é despreciábel: «Na túa loita co resto do mundo, aconsélloche que te poñas do lado do resto do mundo.» No referendo de mañá, Cesare, Brétemas, Cabrafanada, Ro, Coco... na súa loita (indiscutíbel) por unha Europa mellor estarán do lado dos que cren que a do TCE é a única Europa factíbel. Eu hai tempo que decidín equivocarme novamente e non votarei o mesmo que eles. Creo sinceramente que para avanzar na construción europea se necesita dunha reserva crítica sen a cal non se poderá practicar ningunha das liberdades da Constitución nin garantir ningún dos seus fermosos dereitos e valores. Como a mormeira non me deixa pensar autonomamente, boto man dunha cita de Khalil Gibran: «Non progresas mellorando o que xa está feito, senón esforzándote por lograr o que aínda queda por facer.» Entendo que até o TCE a construción da UE era un marco aberto, plástico e dinámico, coa súa aprobación entusiasta / resignada / posibilista sospeito que se vai achicar a súa profundidade de campo, que entrará nunha fase de conservadorismo constitucional e o que non estea no papel non existirá na axenda política, social e económica da Nova Europa. Coa papeleta que se non vai vir enriba, temos todas as papeletas para volver coincidir nas papeletas. Se a gripe española nos deixa.

3 comentários:

Brétemas disse...

Ian, non che falta razón. A reserva de Europa crítica é imprescindible. Eu que me pronunciei publicamente a prol do si, vivo na mesma confusión. No entanto, creo que o decisivo non está no resultado do referendo, nin sequera nas posicións que poidamos defender cadaquén, senón en pular por un debate político que permita construír Galicia dende a racionalidade. Abrazos de quen se confesa vacilante e dubitativo, porque non existen certezas.

Ian disse...

Brétemas confío cando menos nunha certeza: estou certo de que imos reunirnos na defensa do Novo Estatuto e no pulo do cambio político que Gz necesita.

Cesare disse...

Jasjasjas... :)
ben paveros os dous...