Afirma Navaza que «o BNG xa non é o que era: unha organización compacta, diversa e plural no seu interior pero activada para reaccionar como unha soa voz, unha soa gorxa, en canto xurdise o menor anuncio de treboada». Hai moito tempo que non é así, pero o identificador de sanedríns recupera a idea á luz das declaracións de Beiras nas que nos advertía sobre a posta en cuestión da credibilidade da nova Xunta por causa das retesías públicas entre os dous socios de goberno e tamén pola lacerante oposición que lidera Francisco Rodríguez Sánchez tanto diante de Touriño e ZP como fronte a Anxo Quintana.
Ao tempo, Ismael Rego, o voceiro socialista no pazo do Hórreo, asomouse á prensa para recomendarlle ao BNG que deixe de ser «goberno e oposición» e advírtelle que «as saídas de ton ás que nos ten afeitos Rodríguez na fin de semana» son pouco beneficiosas para o nacionalismo gobernante. Eles saben ben dos problemas que crean as declaracións despropositadas do outro Paco.
O pai dunha amiga miña refírese ao BNG coma «os que tira a raposa coa cola», subliñando metaforicamente a fraxilidade dunha organización á que a mais leve sacudida mediatica ou debate público fai abanear. A liviandade do poder que xestiona o BNG e feble rede dos seus apoios sociais non se viron aínda fortalecidos pola achega do seu paso pola Nova Xunta e calquera disputa deixa en claro que o BNG é un partido gobernante con pés de barro e con sobradas fendas na súa arquitectura.
As liñas vermellas
Non andan desencamiñados aqueles que pensan que o BNG se disolveu efectivamente o día que tomaron posesión Anxo Quintana, Ánxela Bugallo, Fernando Blanco, Teresa Táboas e mais toda a rolada de directores xerais, secretarios xerais técnicos e delegados provinciais. Disolveuse o BNG como espazo de iniciativa política e derramouse a organización como sostén da acción de goberno para embarcarse nunha xestión doméstica do aparato e na asunción dunha estratexia de diferenciación da marca de máis que dubidosos réditos electorais.
Moito temo que as declaracións de Beiras alporizarán aos gardiáns da ortodoxia pero non quebrarán a ensoñación na que está subsumida a fronte nacionalista. O abano renovador do BNG está tan fragmentado como falto de vigor e capacidade de reacción, e o baleiro estratéxico e organizativo ocúpao, coma sempre, a UPG que exerce como principal actor colectivo á hora de fixar as liñas vermellas delimitadoras da política que é posíbel practicar. As advertencias sabatinas de Rodríguez cumpren neste sentido un papel director fundamental. A UPG é a dona das lindes e reina ademais na maquinaria que administra a política como resistencia e inmobilismo.
Os novos xestores como solución?
Hai quen confía en que os xestores nacionalistas da Nova Xunta acabarán por artellar un numeroso e influente bloque de poder que será unha peza fundamental para crebar a hexemonía da UPG. Pragmáticos, con proxección pública e chegada mediática, informados e en conexión cos novos apoios sociais que se traman desde o poder, a nova clase política nacionalista é identificada coma a forza emerxente que sostén, e sosterá a Quin, no liderado da organización, na súa política de renovación e de apertura á sociedade.
Con todo, o quintanismo non existe como programa de ideas, como modelo de organización, nin tan sequera como agrupamento de militantes, e non parece que na axenda do propio Quin sexa unha prioridade organizar os seus apoios para facer realidade un Novo BNG. A esperanza que representou a corrente dos non adscritos estragouse no proceso de renovación traumática que forzou o retiro de Beiras e debilitou, ou liquidou de vez, os elementos secundarios da oligarquía partitocrática –Unidade Galega, Esquerda Nacionalista, Inzar, PNG...– sen erosionar substancialmente o que era a súa cerna –a UPG–. Hoxe o BNG é a UPG, o quintanismo difuso e os restos dese naufraxio.
Dicía G.K. Chesterton que el estaba disposto a crer no imposíbel pero non no improbábel. E é bastante improbábel que sobre a estreita base de políticos profesionalizados, que comparten xestión gobernamental e militancia partidaria, se poida gobernar un aparato díscolo e unhas bases militantes dificilmente contentábeis pola acción dun goberno sometido por igual a apretadas ataduras e a vindicacións maximalistas.
A UPG máis doutrinaria sábeo ben: o BNG é o seu couto privado. Ademais, grazas a súa colonización das organizacións sociais do nacionalismo –CIG, CAF, Mesa pola Normalización, ASPG, ADEGA...–, conta con sobrados aliados para fortalecer a súa estratexia de contrapoder e contención do nacionalismo de xestión, garavata e coche oficial. No futuro, o papel destas organizacións será duplo: converterse nun ariete fronte á xestión dos conselleiros do PSdeG e ser, ao tempo, nunha panca de presión para facer das consellarías do BNG unha correa de transmisión das políticas que a UPG deseña ferreamente.
Agardando unha palabra
O mesmo Chesterton escribiu que a idea que non trata de converterse en palabra é unha mala idea, e a palabra que non trata de converterse en acción é unha mala palabra. Parece que é urxente que Quintana comunique as súas ideas, lles poña palabras e as acompañe de accións. Se ademais o fai para abrir un diálogo coas demais fraccións compometidas coa renovación da organización e a política do BNG, o 2006 deixaría de ser para o nacionalismo galego un ano horribilis máis. Iso ou agardar a que a cola da raposa o derrube todo.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
6 comentários:
Parabéns, mestre. É unha análise lucidísima.
Ian Gustounos moito esta reflexion, artigo, post (non sei como chamalo) e gustarianos publicalo nunha revista galega, é posible?, se queres contactame é o comentamos
idgribas@usc.es
Un saudo
Debemos vivir en esferas vén achegadas pois as impresións que me chegan lévanme a unha análise calcadiña a que fai vostede aquí.
Ao pobre (nulo) debate ideolóxico súmaselle agora a incapacidade dos institucionalistas-quintanistas por dotarse de "infra-estructura" interna. Teño que dicir que o que eu vira como un avance (a defenestración dos pequenos chiringuitos e a visualización dunha bipolaridade caseque nunca vista con anterioridade) perde calquera sentido a pasos axigantados na medida en que todo o absorve esa calma chicha.
E seica a asamblea toca xusto antes das municipais!!!! Aínda que ben pensado, se non hai exercito para que pensar en guerras.
Substituanme ese "vén" por un "ben", please...
Vigo... Vigo. Fóra da propaganda e os xuízos prefabricados ¿quen aprendeu algo do ocorrido en Vigo?. ¿alguén é quen aínda de afondar desprexuizadamente e con datos (que os hai) sobre o affaire BNG-PSOE no goberno bipartito de Vigo? (con Castrillo, primeiro, con Pérez Mariño despois, con Corina agora).
Intentémolo: entenderemos algunhas cousas que están a pasar na Xunta.
Si Pablo Eifonso, Vigo está cheo de leccións sobre como conducir o goberno, a xestión e a relación cos socios, pero tamén de como establecer a relación cos cidadáns e cos medios. Moito que aprender. Concordo.
Enviar um comentário