08/10/2006

Game over

Apaño unha das últimas uvas na solaina e padaleo a saborosa crónica da homenaxe ourensá a Xosé Manuel Beiras. A xentileza de Marcos Valcarcel permíteme ler ademais a súa fermosa presentación. A laudatio non é un xénero dado ao exercicio da crítica o que non lle impide alumbrar intelixentes reflexións sobre o noso momento presente. Nas palabras de homenaxe abundan materias que escasean no terreo da política, moi singularmente dúas: memoria e xenerosidade.

Enroque

Coa prensa do día veñen apuntamentos sobre a organización campal da Asemblea de decembro. As ordes de combate indican que a convención será rica en despropósitos e desencontros e que a pouco que se fagan mal as cousas o nacionalismo se instalará nun renovado pesadelo. O tempo que resta até a súa celebración semella que unicamente servirá para aleitar un crecido antagonismo e a estas alturas xa sabemos que a gran derrotada será a transacción e o intercambio de ideas. Estamos amenazados por unha asemblea de posicións enrocadas: haberá confrontación pero non clarificación de ideas; tampouco diálogo, tan só unha simple medición de poderes, apoios e incondicionalidades. Alguén pode dicir que sempre foi así no BNG e non lle faltarán razóns.

Derrota

As derrotas, escribiu nalgures Jorge Riechmann, disciplinan a imaxinación, e no balanzo da correlación de forzas e debilidades do BNG só hai lugar para unha pobre imaxinación: hoxe manda a triade da autocompracencia, a resignación e o malestar. Na resignación e a autocompracencia non é cousa de deterse para que non nos fagan perder máis o tempo no consumo de impotencias, posiblidades non exploradas, alegres evasións e irresponsábeis abandonos. Todos sabemos o doada que é a alianza entre autocompracencia e resignación.

Antagonismo

Por outra parte, resulta descorazonador comprobar que calquera opinión do adversario leva ao bloco antagonista até as súas antípodas. As acusacións de rexionalismo coas que desde a Alternativa se aguilloan á dirección do BNG alimentan a miña pesimista ollada sobre o futuro do BNG. As hemerotecas e a historia emendan aos voceiros destas agora extremadas acusacións. Cando tiveron que compaxinar a creación de ideas coa súa posta en práctica armáronse de calculado posibilismo e dun gradualismo prudente; as posibilidades de futuro parecían pesar máis que os déficits do momento presente. Agora, por moitas voltas que lle deamos, o escenario é basicamente o mesmo, pero a súa cualidade como actores é outra por causa do arredamento do centro de poder do BNG, do seu afastamento da responsabilidade corporativa de definir políticas practicábeis.

Quietismo

Aínda que estas posicións me causa pasmo, é menor que comprobar o cómodo que se sinten algúns facendo o papel da orquestra do Titanic; instalados pracidamente nunha sorte de acomodación autista que lle impide reaccionar perante o iceberg político que se nos vén enriba. Malia todo, coma o barco flota electoralmente e distribúe aínda réditos de poder, non hai tensión ningunha de cambiar o rumbo, nin intención de atender as voces de alarma. O conservadorismo estratéxico que campa na organización e no seu núcleo dirixente é tan atroz como suicida. As máis negras previsións indican que non haberá cambio de rumbo por unha simple razón, non hai rumbo que cambiar.

Incomunicación

Lastrados pola incomunicación entre os que se reclaman renovadores, dun modo ou outro todo o mundo traballa para os que nada queren cambiar. A UPG marca o centro de gravidade de todas as impotencias transformadoras do BNG. Por iso, mal encamiñados estamos se cremos que o combustíbel da crítica é o malestar, ou que esta pode fundarse unicamente sobre as carencias e os agravios. E peor aínda imos se pensamos que a acomodación acrítica é un compoñente esencial do exercicio do poder.

Cisma

Non hai proxecto común e ninguén parece interesado en formulalo e a estas alturas sabemos xa quen gañará a próxima Asemblea Nacional: non será ningún dos que participen nela. O reiterado fracaso da renovación do nacionalismo condúcenos imparabelmente ao cisma do BNG; acontece así cada vez que a ilusión, o diálogo, a crítica e a confianza nas capacidades propias abandonan o campo das ideas. Parece que o xogo da Asemblea vai comezar, en realidade estáse esgotando. Lamentabelmente.

5 comentários:

Nygard disse...

Correcto Ian... Pero, Non haberá lugar a esperanza? Será tarde para poñerlle un pouco de cordura a todo isto?

Penso que Quintana debería aproveitar este agromar rocambolesco de alternativas, correntes, movementos... Sería moito pedir que o fixera sen apoiarse en quen lle dará apoio interesado, quen sabe...

E logo, efectivamente, abandonar a autocomplacencia, blindarse ideolóxicamente e baixar ao terreo de xogo... algúns levamos tempo esperando.

A.C. disse...

1) Que haja oposiçom, que haja quem seja umha ameaça para a pervivência do e no poder, é um requerimento necessário para nom adormecer nos braços sempre cálidos deste. Dito doutra maneira, a concorrência sempre é boa porque obriga a melhorar o produto. Destarte, a Alternativa, qualquer alternativa, deve ser bem-vinda.

2)Ora, nom deixa de me produzir admiraçom que -- como bem assinalava você, Senhor Ian --, quem fez da sua trajectória política mestrado de pragmatismo agora faça deste um pecado nefando. Admiraçom... e incredulidade também.

Ian disse...

Eu non fago pecado do pragmatismo. Manifesto a miña sorpresa sobre o pragmatismo de xeometria variable atendendo a que un estea ao fronte das responsabilidades ou na «oposición». Xa que todos sabemos o que é predicar e o que é dar trigo. Gosto do pragmatismo pero non do antipragmatismo oportunista. Canto as bondades da oposición no seo do BNG sexa benvida a Alternatva, o Encontro Irmandiño e calquera outra. Ao BNG non lle fai mal o disenso, faille moito mal os consensos obrigados.

A.C. disse...

"Eu non fago pecado do pragmatismo."

Nom falava de você, senom de Camilo Nogueira, por exemplo.

Ian disse...

Desculpe, paneleiro mal entendín o seu comentario... Son as cousas que ten ler ás presas. Saúde