Nun Magazine finisemanal de La Vanguardia do mes pasado, Isabel Gómez Melechón, co gallo do inicio do curso escolar, ofrécenos lecturas recomendadas e unha valoración do panorama literario infantil do Reino. Escribe atendendo á realidade: «Un xénero [o infantil-xuvenil] que vive o seu momento de gloria grazas á proliferación de pequenas editoriais independentes que crean auténticas obras de referencia. A periferia leva aquí a voz cantante: Kalandraka, Factoría K de Libros e OQO en Galiza; Media Vaca e Brosquil en Valencia; Serres, Thule e Corimbo en Cataluña..., ademais da madrileña Kókinos e de outras moitas están contribuíndo á necesaria alfabetización visual.» Se atendemos ao primeiro arrouto optimista, a España plural de Zapatero semella que vai pesarosamente permeabilizando a ollada cultural dun Estado historicamente unilateralizado e que o recoñecemento da plural periferia está aí como un testemuño teimoso de que hai algo máis que o Centro como sede do Demiurgo estatal. Con todo, a ollada pluralista convértese logo en cegueira cando reparamos nos títulos que Isabel Gómez nos propón. Da notábel listaxe de editoras da periferia unicamente Serres logra meter unha obra na apretada selección de 10 títulos. O protagonismo é, non pode ser doutra maneira, para o Centro do sistema do noso Estado-Sol. Sistema plural, si, pero Sol só hai un. E hai que estar sempre atento ao Sol que máis quenta. Ao final, a nosa relación co Estado imposíbel da España Plural resúmea perfectamente o aforismo rotundo do poeta nicaraguano Alí Vanegas: «A gaiola nunca pode ser niño.»
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário