
Como sexa, Galiza debeu foderse hai bastante tempo. Así, Aureliano Pereira, xa no recuado ano de 1886, escribiu:
Con moitos elementos conta, en verdade, o que pesimista, queira trazar un negro cadro de Galicia. Non han faltarlle, seguramente, datos exactos e numerosos que lle permitan asegurar que toda idea xenerosa fracasa entre nós, que todo proxecto se malogra.O atranco é o desenvolvemento
Con tintas sombrías pode presentarse ese cadro, sen que haxa dereito a protestar pola esaxeración. O asunto é en realidade así.
Do noso atraso culpamos sempre a quen, se bastante responsabilidade ten, pode descartala apoiando a súa defensa na nosa indolencia, na nosa funesta quietude.
Os gobernos son para moitos os únicos responsables de cantos nos ocorre; eses gobernos que non nos dispensaron protección.
Pero, ¿solicitámola en forma? Non, e, polo tanto, baixo ese punto de vista, non debemos queixarnos tan amargamente.

A candidatura de Vigo foi desbotada. Un delirio que acendeu as protestas da Cámara de Comercio e do Club Financeiro que se laia de que a Xunta non fixese valer o peso económico e social das relacións entre Galiza e Portugal para convencer o goberno español da necesidade de que a oficina de cooperación estivese en Vigo, a área fronteiriza que a nivel estatal máis intercambios comerciais realiza con Portugal. Ao que se ve, nin pesamos demasiado na grande política nin nos mercados por moito que solicitemos as cousas en forma.
O secretario de Estado de Desenvolvemento Rexional de Portugal, Rui Baleiras, ofreceu unha explicación desconcertante: «A cooperación entre o Norte de Portugal e Galiza xa está moi desenvolvida e organizada, e vai seguir crecendo; optouse por Badaxoz, nunha zona de dinámica máis débil e con maior necesidade de desenvolvemento.» Unhas veces o pedido non chega por que estamos pouco desenvolvidos e cando estamos moito tampouco dá chegado.
Gz & Pt

A conexión Galiza-Portugal administrativamente transitará, a partir de agora, por Badaxoz, malia que os informes económicos din que Galiza é o principal mercado «rexional» de Portugal e que o segundo mellor cliente de Galiza son os veciños de alén Miño. Galiza faille caixa a Portugal por valor de 1.750 millóns de euros.
Baixo o suxestivo título «A Galiza dos ovos de ouro», o semanario Expresso apuntaba hai uns días que “se Galiza fose un Estado independente sería xa o sexto destino das exportacións portuguesas, logo do Reino Unido». Pola súa parte, as empresas galegas poñen en Portugal produtos e servizos por valor de 2.000 millóns de euros.
La Voz de Galicia achega algunhas outras cifras de interese: Galiza-Norte de Portugal suma un PIB de case 90.000 millóns de euros (o quinto maior da península Ibérica); o seu volume demográfico chega aos 6,5 millóns de habitantes; as provincias de Ourense e Pontevedra, no 2006, comerciaron máis con Portugal que con calquera outro lugar de España; en Portugal están instaladas xa 600 empresas galegas; e 40.000 portugueses traballan en Galiza e 3.000 galegos fano en Portugal.
Compensación
Con todo, xa se buscou unha solución compensatoria de segundo rango: Vigo será capital da Agrupación Territorial Galiza-Norte de Portugal, un novo organismo que (si) xestionará 60 millóns de euros e que activará o investimento privado en proxectos transfronteirizos. A iniciativa capitalina ten a beizón da comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hubner, e haberá fumata branca para a designación oficial de Vigo en xullo (Deus mediante).
Cando se fodeu Galiza? Vai ti saber... Hai cousas dun pasado que non cesa.
1 comentário:
Depois de se continuar a afundar economicamente e dos sucessivos cortes em investimentos, o Norte conhece mais um espinho da política de José Sócrates. O que motivará esta postura do Governo?
Enviar um comentário