16/03/2007

Cando?

Manuel Rivas faise unha pregunta luminosa: «Cando se fodeu Galiza?». O tema dá para organizar un congreso internacional interdisciplinar de longa duración e identifica a materia prima do máis ambicioso programa de investigación que puidesemos iniciar. Cando se preguntou Leonardo Sciascia sobre como se podía ser siciliano, respondeuse cun lacónico «con dificultade». Esta resposta é tamén acaída para achegar unha explicación practicábel ao noso caso. Somos nación con dificultade e con dificultade compoñemos un espazo cidadán enfeblecido, pouco esixente, vencido polas idades e os abandonos pasados.

Como sexa, Galiza debeu foderse hai bastante tempo. Así, Aureliano Pereira, xa no recuado ano de 1886, escribiu:
Con moitos elementos conta, en verdade, o que pesimista, queira trazar un negro cadro de Galicia. Non han faltarlle, seguramente, datos exactos e numerosos que lle permitan asegurar que toda idea xenerosa fracasa entre nós, que todo proxecto se malogra.

Con tintas sombrías pode presentarse ese cadro, sen que haxa dereito a protestar pola esaxeración. O asunto é en realidade así.

Do noso atraso culpamos sempre a quen, se bastante responsabilidade ten, pode descartala apoiando a súa defensa na nosa indolencia, na nosa funesta quietude.

Os gobernos son para moitos os únicos responsables de cantos nos ocorre; eses gobernos que non nos dispensaron protección.

Pero, ¿solicitámola en forma? Non, e, polo tanto, baixo ese punto de vista, non debemos queixarnos tan amargamente.
O atranco é o desenvolvemento

Desde aquela a cousa mellorou e son abondosas as vindicacións correctamente fundamentadas que non foron satisfeitas polos gobernos amigos de Madrid, polos decisores distantes de Bruxelas e pola nosa veciñeira gobernación en San Caetano. A última fodedura ten data de antonte. O Secretariado Técnico Conxunto Hispano Luso terá a súa sede en Badaxoz.

A candidatura de Vigo foi desbotada. Un delirio que acendeu as protestas da Cámara de Comercio e do Club Financeiro que se laia de que a Xunta non fixese valer o peso económico e social das relacións entre Galiza e Portugal para convencer o goberno español da necesidade de que a oficina de cooperación estivese en Vigo, a área fronteiriza que a nivel estatal máis intercambios comerciais realiza con Portugal.
Ao que se ve, nin pesamos demasiado na grande política nin nos mercados por moito que solicitemos as cousas en forma.

O secretario de Estado de Desenvolvemento Rexional de Portugal, Rui Baleiras, ofreceu unha explicación desconcertante: «A cooperación entre o Norte de Portugal e Galiza xa está moi desenvolvida e organizada, e vai seguir crecendo; optouse por Badaxoz, nunha zona de dinámica máis débil e con maior necesidade de desenvolvemento.» Unhas veces o pedido non chega por que estamos pouco desenvolvidos e cando estamos moito tampouco dá chegado.

Gz & Pt


Baleiras e Touriño réstanlle importancia á descapitalización xa que o Secretariado Hispano Luso non é un organismo de xestión dos fondos, tan só unha oficina técnica. O candidato socialista á alcaldía de Badaxoz complementa esta ollada despreocupada afirmando que «será unha ventaíña situada na fronteira pola que deberán entrar todas as candidaturas de proxectos que se presenten ao novo programa operativo desde cualquera punto da fronteira hispano portuguesa».

A conexión Galiza-Portugal administrativamente transitará, a partir de agora, por Badaxoz, malia que os informes económicos din que Galiza é o principal mercado «rexional» de Portugal e que o segundo mellor cliente de Galiza son os veciños de alén Miño.
Galiza faille caixa a Portugal por valor de 1.750 millóns de euros.

Baixo o suxestivo título «A Galiza dos ovos de ouro», o semanario Expresso apuntaba hai uns días que “se Galiza fose un Estado independente sería xa o sexto destino das exportacións portuguesas, logo do Reino Unido». Pola súa parte, as empresas galegas poñen en Portugal produtos e servizos por valor de 2.000 millóns de euros.


La Voz de Galicia achega algunhas outras cifras de interese: Galiza-Norte de Portugal suma un PIB de case 90.000 millóns de euros (o quinto maior da península Ibérica); o seu volume demográfico chega aos 6,5 millóns de habitantes; as provincias de Ourense e Pontevedra, no 2006, comerciaron máis con Portugal que con calquera outro lugar de España; en Portugal están instaladas xa 600 empresas galegas; e 40.000 portugueses traballan en Galiza e 3.000 galegos fano en Portugal.

Compensación

Con todo, xa se buscou unha solución compensatoria de segundo rango: Vigo será capital da Agrupación Territorial Galiza-Norte de Portugal, un novo organismo que (si) xestionará 60 millóns de euros e que activará o investimento privado en proxectos transfronteirizos. A iniciativa capitalina ten a beizón da comisaria europea de Política Rexional, Danuta Hubner, e haberá fumata branca para a designación oficial de Vigo en xullo (Deus mediante).


Cando se fodeu Galiza? Vai ti saber...
Hai cousas dun pasado que non cesa.

1 comentário:

Pedro Morgado disse...

Depois de se continuar a afundar economicamente e dos sucessivos cortes em investimentos, o Norte conhece mais um espinho da política de José Sócrates. O que motivará esta postura do Governo?