07/03/2007

Crecemento extraordinario

O Presidente visitou a José Montilla e concedeulle unha entrevista a La Vanguardia. Preguntado sobre se foi a Cataluña á procura de investimentos, Pérez Touriño declarou: «Sí, porque temos un balance extraordinario cun crecimiento do 4% e unha estabilidade que ofrece boas oportunidades de negocio.» Hai uns días anunciou perante un lobby de empresarios galegos que nun quinquenio Galiza acadará a media de renda europea. Segundo o cálculo de Manuel V. Sola habería que triplicar o crecemento (extraordinario) actual para poder acadar ese obxectivo (envexábel).

Onte, os medios recollían os Indicadores de Converxencia Real para as Rexións Españolas da Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) que fixaban o crecemento medio do Estado nun 4,2. Galiza medrou (extraordinariamente) un décima menos: o 4,1 por cento.


O informe de Funcas fixa os medras máximas en Madrid (4,5 por cento), Murcia (4,41), Andalucía (4,39), Extremadura (4,31), Castela-A Mancha (4,29), País Vasco (4,29) e Comunidade Valenciana (4,2), A economía galega ten un ritmo expansivo maior que a de Cataluña (4,05) e estamos por riba do medre medio da Unión dos 15 que se quedou nun 2,4 por cento.

Vistas así as cousas, a posición de Galiza é moi boa en termos europeos e boa no conxunto do Estado. Será extraordinaria cando crezamos como Madrid e megaextraordinaria, de acordo coas previsións presidenciais, no momento en que multipliquemos por tres o noso crecemento económico. E nós que o vexamos.

2 comentários:

Marcos Valcárcel López disse...

Homenaxe a Carlos Casares. Convite á blogosfera galega

O próximo venres, 9 de marzo, vanse cumprir cinco anos da morte de Carlos Casares, falecido en Vigo o 9 de marzo do 2002. Carlos Casares foi un excelente escritor, un magnífico conversador e tertuliano e, para moitos/as, un amigo e un referente moral.
Propóñovos, se vos parece ben, facerlle unha pequena homenaxe dende a blogosfera galega (refírome a todos os blogs de galegos, de nacemento e de corazón, que se reparten por todo o planeta). Ó cabo, Carlos era un apaixonado dos aparatos e trebellos tecnolóxicos máis orixinais e tamén estaba entusiasmado co mundo virtual e as posibilidades de Internet. Non chegou a escribir un blog, pero tiña un xeito de blog nos xornais (“Á marxe” en La Voz de Galicia), co que comunicaba todos os días con milleiros de galegos e galegas, sendo o columnista máis seguido da prensa galega. Consta ademais que moitos dos seus amigos e colegas chamábano a cotío dándolle datos ou comentarios sobre os temas que trataba nas súas columnas: o equivalente ó que hoxe son os comentarios ós nosos textos nos blogs.
En fin, que se vos parece pertinente, sería moi fermoso que o 9 de marzo todos os blogs que queiran publiquen un pequeno texto en homenaxe a Carlos Casares, lembrando a súa obra e a súa personalidade. Queda feito o convite.
(www.asuvasnasolaina.blogspot.com)

lantania disse...

O crecemento actual, tomando como referencia o período 1995-2004 e os datos facilitados polo Eurostat darían pe a aproximar conclusións interesantes sobre a marcha real dunha economía como a galega.
Tomando como mostra as 255 rexións máis significativas nese período, Galiza pasou de ocupar o posto 190 -cun PIB harmonizado en media do 74,4% ao famoso 81% do 2004- ao 183.
O progreso é significativo, na medida que permitiu avanzar e non caer máis abaixo como rexións que a superaban dez anos atrás.
Tomando a rexións italianas de tan molestas comparacións como a Campania ou Sicilia o éxito de Galicia debe ser valorado. Xustamente e con consideración ao ter aproveitado -non o suficiente - os fondos europeos. No lado negativo, o insuficiente éxito en relación co avance xeral das rexións do estado.
Murcia(188) e Andalucia(205) que- no primeiro caso estaba en paralelo á Galiza, e no segundo bastante por detrás-
alcanzaron postos por riba de Galiza contando coa mesma administración central do estado e co mesmo acceso a uns fondos.