09/03/2007

Un casares no asento de atrás

Débolle dous escritores a Pedro, meu pai. Un deles é Xosé Luís Méndez Ferrín, o outro é Carlos Casares a quen hoxe lembro pola feliz iniciativa de Marcos Valcárcel. Meu vello gañou a vida no tráfico entolemiado de Vigo como taxista nun tempo en que a COPE aínda non colonizaba as esculcas radiofónicas dos profesionais do volante e no que era posíbel escoitar na Radio Popular de Vigo o desafío democrático e galeguista diante do resistente tardofranquismo.

Ao taxi 159 correspondíalle a parada da Gran Vía, a carón da cafetaría –aquí falla a memoria– Paquetá ou Gran Vía (?) (que Brétemas me asista). Alí tertuliaba Ferrín camiño do Santa Irene ou retornando logo das aulas á casa. Non sei cantos sentaban á mesa para compartir o café, a charla e as sabedorías do cartógrafo de Tagen Ata, sei que nun segundo auditorio silencioso procuraban as súas palabras meu pai e algúns outros abraiados taxistas.

Fascinado pola súa oratoria e cultura, Pedro quería saber máis do home da palabra apaixonada e sometíame a riguroso interrogatorio. Galeguista e roxo, eu debía coñecelo. Canso de agochar como podía a miña ignorancia e de esquivar malamente as preguntas do meu pai, comecei a informarme sobre Méndez Ferrín e cun emprestado Percival comecei a frecuentalo.

Se a entrada de Ferrín no meu pobre horizonte literario foi consecuencia da teimuda curiosidade paterna, a de Carlos Casares foi un produto accidental, resultado dun involuntario bookcrossing.

Descoñezo canto libro galego circulante había á altura de 1978. Teño para min que o libro en galego era un obxecto íntimo destinado a ser degulido pracenteiramente no dominio doméstico. Como fose, alguén (unha muller), tirou a pasear un exemplar de Vento ferido e, no cabo dunha carreira ao centro de Vigo, deixouno perdido no asento traseiro do taxi do meu pai. Como outros restos de abandonos involuntarios -paraugas, bolígrafos, chaveiros...–, aquel libro de Casares foi dar a miña mesa. Foi o meu primeiro casares e quizais do que mais gostei.

O Vento ferido era dunha descoñecida Lucía que riscou o seu nome na páxina de honra e, a xulgar pola cantidade de palabras subliñadas, fóralle libro esforzado e de dedicada atención. A miña lectura seguía as historias de Carlos Casares e, á par, o telegrafeo morse das palabras sinaladas por Lucía con trazos firmes e letras redondas de sinonimia aclaratoria.

O libro accidentalmente liberado uniuse así á que era unha raquítica biblioteca persoal en lingua galega na que Rosalía, Silvio Santiago e Ferrín, agora coa incorporación de Casares, xa daban para un tute literario.

Nunca crucei palabra con Carlos Casares, aínda que algunhas veces, seguindo a miña tradición familiar, unínme ao segundo auditorio de escoitantes anónimos da súa tertulia na cafetería Alameda (creo que esta vez non me falla a memoria). Sentencioso, divertido e informado, Casares debullaba o noso tempo, as cousas da vida e facía memoria viva de letras e autores. Así o recordo...

Non descarto que hoxe para honrarlle, non deixe abandonado nun taxi calquera un exemplar de Vento ferido. Para pechar o círculo ou, non sei, se para darlle aínda máis traballo aos da centraliña do Radiotaxi e aos de obxectos perdidos...

2 comentários:

Marcos Valcárcel López disse...

Fermoso e sentido artigo. Unha aperta.

miriño disse...

A pesar da miña economía sumerxida, estou por coller o taxi ese no que deixes o Vento Ferido. Dime onde o pousas que alá vou!!!

Saúdos.