26/07/2007

Identidade de duty free

Roldando na rede dou cun can de palleiro. Atopo un capítulo de Ciudad@nos de Babel, no que Manuel Rivas, John Berger e Víctor Sampedro traman un envurullado diálogo polo que discorren literatura, desexos de emancipación, identidades discutidas, a crueza do tránsito do mundo rural á cidade, a cultura campesiña... formas de ver o mundo. Cordialmente, coa música de Pedro Guerra de fondo, Rivas e Berger intercambian opinións e estampas. Sampedro titulou o diálogo con proximidade de país: «Cans de palleiro». Había ser outono e estaba próxima a presentación de King. Unha historia de la calle, a magnifica obra de ficción-ensaio que Berger dedicou á pobreza do Sur Global.

Manuel Rivas reflexiona sobre a materia que celebramos onte. «Cando falamos de tarefas de futuro, debemos recuperar o sentido das palabras nación e democracia. Na miña opinión, para que teñan sentido deben vencellarse á palabra comunidade. Paréceme invivíbel un mundo sen un sentimento comunitario. [...] O termo democracia, que é moi importante, resulta inseparábel dun lugar, dunha formulación dun lugar. A democracia debe ter un marco. De aí a importancia de recobrar o sentida da comunidade, da democracia local, do autogoberno. Reflexionaría sobre as raíces e o sentido das raíces nacionalistas vencellándoas á idea da comunidade e da democracia.»

Ao fío destas reflexións Rivas lembra a anécdota do emigrante que retorna a Galiza despois de moitos anos e atopa en todo o seu esplendor o espellismo da Era Fraga. Pregúntanlle que lle parece a súa Terra agora que o país tanto avanzou deixando atrás anos de pobreza e atraso. «Esta vostede orgulloso de ser galego?» Ao que o noso extraviado paisano sentenza: «Si, estou moi fachendoso de ser galego porque galego pode ser calquera.» A nosa identidade de duty free, a nosa nacionalidade de franquía, esa universal accesibilidade á condición de galego bate, non obstante, coa crúa realidade que nos indica a cada paso que os atrancos, para poder exercer a nosa identidade cultural e nacional, son removidos con pasmosa lentitude.

Nestes días, con ollos postos xa nas vacacións, leo Los sicilianos, un moi recomendábel ensaio de Gaetano Savatteri no que reflexiona sobre a problemática identidade do seu país. Nas súas páxinas, como non, a cuestión vella e tortuosa que formulou Leonardo Sciascia remedando ao Montesquieu das Cartas persas: «Como se pode ser siciliano?» Unha única resposta practicábel: «Con moitas dificultades».

Como afirmaba o retornado, galego pode ser calquera, iso si, pero sempre con moitas dificultades. Entre outras moitas razóns porque ao noso autogoberno aínda non lle asiste unha sólida comunidade e exercemos unha democracia que
malamente se derrama pola carencia dun marco sólido. A franquía funciona ben pero adoece dunha solvente marca comunitaria. Fáltalle aínda moita nación. Malia que onte, en Compostela, baixo un sol xusticieiro, todo semellaba moito máis fácil.

Sem comentários: