17/07/2007

O fío do soberanismo

Tardará en apagarse a polémica acendida polo artigo de Josu Jon Imaz. Unha apresurada lectura é usada para salientar a énfase que pon na vía policial para dobregar a ETA. Outra interesada ollada vale para reducilo a unha emenda da posición estratéxica do lehendakari. Afortunadamente, o artigo ten moita máis substancia.

Os cinco principios

Imaz finca o seu discurso nun documento –«Ante el final dialogado de la violencia y la normalización política»–, aprobado polo PNV en outubro de 2005, que está empatado cos cinco principios que expuso Ibarretxe na súa investidura en xuño dese mesmo ano. Filosofía presente tamén no Acordo de goberno do PNV, EA e EB. Os cinco principios, en resumo de Anasagasti, son:

1. O principio de non violencia e o compromiso de respectar os dereitos humanos, utilizando, única e exclusivamente, as vías políticas democráticas.
2. O principio de non exclusión e o compromiso de respectar o dereito de participación de todas as sensibilidades políticas, sociais e territoriais, que queiran facelo.
3. O principio democrático e compromiso de respectar a vontade popular e o exercicio e o dereito a decidir da sociedade vasca.
4. O principio de igualdade e o compromiso de aceptar que todos os proxectos políticos defendidos democraticamente deben atopar as vías para a incorporación no ordenamento xurídico.
5. O principio de respecto á pluralidade e o compromiso de non impoñer/non impedir o exercicio dos diferentes sentimentos identitarios presentes na sociedade vasca.

As condicións

As primeiras e máis afusquinadas interpretacións suxiren que o presidente do PNV cancela a estratexia autodeterminista, pero Imaz non refuta a ferramenta, lembra, iso si, unha incómoda condición procedimental: «A consulta ten un prevío: o acordo» e salienta que o referendo deber ser a ratificación dun acordo previo integrador. Un acordo que aínda non viu a luz en Euscadi.

Descarta, en consecuencia, a consulta cidadá formulada «como escenario de acumulación de forzas para unha confrontación política» e non como consecuencia dun consenso maioritario. Na súa idea hai que tomar a iniciativa política «nun camiño de integración» que permita «acadar de forma efectiva unha maior cota de autogoberno». E oponse a crear un clima de confrontación que non vai adiantar un consenso maioritario e que ademais pode converterse nunha alentadora coartada para ETA.

A estratexia

Hai tempo que Josu Jon Imaz explicitou o seu rexeitamento da política como confrontación impositiva: «O obxectivo estratéxico deste país non ten que ser enfrontarse a España, senón cativala e gañar a España, en termos de gañar confianza. Por que? Porque o pacto, o acordo e a bilateralidade esixen confianza. Polo tanto, eu non quero enfrontarme a ninguén, eu quero cativar».

A política como engaiolamento, non como confrontación, ese é o fío co que se tece a estratexia do presidente do PNV. Un fío quizais demasiado fráxil para soportar as altas tensións que deliñan o xogo político en Euscadi e a blocaxe á que está sometido seu autogoberno tras o rexeitamento do Plan Ibarretxe.

A consulta posíbel

No medio dun balbordo mediático non vai faltar ocasión de ver como se despelexa maximalistamente a Imaz, malia ser o principal coidador dos principios e das condicións que son imprescindíbeis para exercer o dereito de autodeterminación con garantías. Sobre todo, con garantías democráticas do seu éxito. Sen avances nas condicións políticas do acordo, a consulta non será máis que un fetiche, un aceno baleiro de soberanía ou un canellón de mala saída. Todos o saben, pero só o moderado Imaz ten a coraxe de dicilo.

3 comentários:

Nygard disse...

Efectivamente, en momentos de tensión como os que veñen hai que ser valiente para amosar moderación. Ao fin e ao cabo a política non debe ser a búsqueda de acordo e consenso?

By the way, Canta envidia non da a altura política dos respresentantes políticos bascos?

Ian disse...

Si, non teñen mal cadro, pero non se esqueza da black block que tamén forma parte do conxunto... Témome que Imaz aquí duraría un par de telediarios, o matiz non é un elementos característico da nosa paisaxe partidaria. Politicamente somos expresionistas, xa sabe moito contraste e claroescuro. Sensacións fortes, pero planas e en branco e negro.

miriño disse...

Entón non temos máis que os políticos que nos merecemos?

Aínda que non sei se o das sensacións fortes vai con nós. Planos e en branco e negro... quedaríame aí. As emocións fortes non existen, só o vivimos así.

Nesas entrevistas que se van publicando por 'aí' dicía Cunqueiro que o galego sabe defenderse moi ben, e é onde utiliza todas as súas enerxías. Non podo estar máis dacordo con el, ademáis de que me parece o mal endémico que nos aplasta.

Non sabemos ir con, sabemos moi ben ir en contra...