10/07/2007

A solución Schäuble e o medo gasoso

A Eduard Berstein, pai do reformismo socialdemócrata, un grandehome do SPD, Ignaz Auer, deulle un consello para que se coidase dos seus excesos declarativos: «Eduard es un asno; esas cousas fanse, pero non se din». Unha das bestas negras dos demócrata-cristiáns de Alemaña e actual ministro de Interior, Wolfgang Schäuble, tampouco é moi dado a refrear a súa acendida retórica. Coa súa última proclama fixo estourar un grande balbordo mediático que deixa en mal lugar a Angela Merkel e avergoña á Gran Coalición.

Schäuble queixouse a Der Spiegel das pexas xurídicas que impiden ao Estado alemán responder acaidamente á amenaza yihadista. Entende que é precisa a redución do garantismo legal e avoga por novas licenzas represivas como «a eliminación controlada de terroristas e sospeitosos», o establecemento do «delito de conspiración» ou a institucionalización de campos de internamento especiais. Con este novo repertorio, segundo o ministro alemán, o Estado de Dereito estará en condicións de facer fronte ás novas amenazas do fundamentalismo islamita.

Schäuble non propón nada que outrora non se teña levado á práctica na Europa democrática. O asasinato selectivo de elementos «subversivos» conta cun triste historial (cando menos) en Irlanda do Norte, Alemaña, Francia e no Reino de España. A idea de que a democracia se salvagarda nos sumidoiros do Estado serviu para enriquecerse con fondos de reptís e para xustificar algúns dos desmandos maiores contra os dereitos humanos.

A alarma global

Cambian os tempos e Schäble trata de verificar se mudaron tamén as vontades democráticas. A vaga de medo arrincou co 11-S e engordou cos atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid e o 7 de xullo de 2005 en Londres axudando a erguer non só unha industria do medo senón tamén unha cultura do medo. Como subliña Mike Davis en As cidades mortas, «os estudos do medo [ou a chamada «sociofobia»] xurdiron como o novo nicho quente da academia». Desde aquela a bibliografía dos temores medrou que dá medo. Neste novo clima emocional a tensión entre liberdades e seguridade é especialmente adversa aos avances libertarios. A sociedade do risco lévase mal coa ampliación e protección de dereitos e liberdades.

O procedemento de alerta cidadán non é novo. Todo o século XX, desde a revolución de 1917, está asulagado por vagas de terror: primeiro o Terror Vermello, despois o pánico na posguerra mundial, a seguir o arrepío pola inminencia dunha guerra nuclear de destrución mutua asegurada, e nos oitenta as vellas/novas paranoias da chamada Segunda Guerra Fría. Leva toda a razón Davis: «o medo converteuse no principal contrapeso para o xiro á dereita desde 1980».

Medo sempre, medo en todas partes

Zygmunt Bauman escribiu en Medo líquido serias advertencias sobre as novas formas do terror e da súa xestión gobernamental, industrial e cultural. A partir do 11-S (antes quizais co pánico tecnolóxico ao efecto 2000) o centro de gravidade da civilización occidental é inequivocamente o medo. A Bauman gústalle enfatizar a situación paradoxal na que vivimos: «Foi precisamente nesa parte na que se goza dunha seguridade e unha comodidade sen precendentes [...] onde a adicción ao medo e a obsesión "securitaria" realizaron progresos máis espectaculares nos últimos anos. Contra toda proba obxectiva, as persoas que vive na maior comodidade rexistada na historia síntense máis ameazadas, inseguras e atemorizadas, máis inclinadas ao pánico e máis apaixonadas por todo o relacionado coa seguridade e a protección...»

Bauman recupera a sentenza coa que Lucien Febvre resumiu a experiencia de vida no século XVI: «Peur toujours, peur partout.» O novo eslogan da industria do medo e seguridade autoritaria.

O enfoque descartado

Longa cita de Bauman. «Á vista das probas que dispoñemos até o momento poderiamos aventurarnos a afirmar que cando (ou se) os actos terroristas acaben perdendo intensidade, será malia (e non grazas) á crúa e esmagadora violencia das tropas militares, que só serve para fertilizar o terreo no que o terrorismo florece e impedir a resolución dos problemas sociais e políticos previos, que son os únicos que poderían cortalo de raíz. O terrorismo debilitarase e finará só cando (ou se) se corten e arrinquen as súas raíces sociopolíticas. E, iso por desgraza, precisará de moito máis tempo e esforzo que unha simple serie de operacións militares de castigo e, mesmo, que un conxunto de accións policiais por moi exhaustivamente preparadas que estexan» [Medo liquido, Paidós, Barcelona, 2007, páx. 142]

O enfoque adevecido

Outro extenso parrafeo de Bauman. «Os perigos que máis tememos son inmediatos; comprensibelmente, tamén desexamos que os remedios sexan inminentes, "solucións rápidas" que proporcionen alivio ao momento, como analxésicos listos para levar. Aínda que as raiceiras do perigo poidan ser entreveradas e complicadas, desexamos que as nosas defensas sexan simples e estean preparadas para ser usadas aquí e agora. Amólanos calquera solución que non prometa efectos rápidos e fáciles de acadar, e que, en cambio, precise de moito tempo antes de que poidan apreciarse os seus resultados. Máis aínda moléstannos as solucións que requiren que prestemos atención aos nosos propios defectos e faltas, e que nos instan —ao xeito socrático— a "coñecernos a nós mesmos". E aborrecemos por completo a idea de que, neste senso, son poucas ou nulas as diferenzas entre nós, os fillos da luz, e eles, a camada da escuridade [idem, pp. 148-149]

A solución Schäuble

Non por ir advertidos, imos abraiarnos menos. Wolfgang Schäuble unicamente puxo altavoz ao que algúns colegas queren facer en silencio. Unha solución express, directa, ruda e de alivio inmediato: a eliminación controlada de terroristas e sospeitosos. Vítima dun atentado que o atou de por vida a unha cadeira de rodas, Schäuble séntese lexitimado para exercer como o profeta armado da nova seguridade europea e faino sen medo a que se lle recorde que tivo que demitir da xefatura do CDU por ter aceptado en 1994 unha doazón ilegal dun traficante de armas ou que as súas reiteradas proclamas racistas son un chamado a violencia.

Para o triunfo da reedición autoritaria das nosas democracias, Schäble, e outros como el, saben que o medo ten que deixar ser líquido para pasar a ser gasoso. Un medo líquido, con todo, é repreixábel e conducíbel democraticamente. O verdadeiramente incontrolábel é o medo gasoso, ese que se mestura e confunde co aire que respiramos e que finalmente nos abafará. Canto máis nos encore, máis decididos estaremos a sacrificar as nosas liberdades a cambio da nosa sobrevivencia.

6 comentários:

Nygard disse...

Semella que outro importante facedor de opinión, neste caso da ala de centro-liberal, coincide bastante con vostede neste tema.

Comparten vostedes mesa-camilla?

Ian disse...

Por un momento preocupeime, creín que o facedor de opinión da ala centro-liberal era Cesare, :). Xa reparo que me fala de Xosé Luís Barreiro. Será que as opinión dos barreiros finalmente acaban converxendo? Só unha vez compartimos mesa e café... pero xa me gustaria a min ser tan intelixente coma el e saber tanto como el sabe.

bouzafria disse...

É curioso observar como remataron - polo momento, que nunca se sabe -, as súas carreiras políticas os sucesivos homes fortes dos gobernos galegos: Barreiro Rivas, Antolín Sánchez Presedo e José Cuíña.
Falando de Barreiros: cando se rumoreaba a volta a casa de Fraga, perpetuamente derrotado por Felipe en Madrid, escoiteille unhas premonitorias verbas do que ía pasar - e acabou pasando nun 99% agás na causa da súa perda de poder, que el anticipaba sería "por hecho biológico"-, a Xosé Ramón Barreiro. Dende aquela, escóitoo con atención.

Cesare disse...

1. Non, en absoluto! Eu son liberal, non de centro-liberal!! Ademais, as opinións de barreiro rivas sobre cuestións morais non o sitúan precisamente na órbita do liberalismo. Con todo, coincido con Dpaso en todo: nunca vivín tan seguro coma neste país, nunca respirei tanto medo a que algo terríbel poida pasar en calquera momento.

2. Me-lo-pido o libro do Medo líquido para a última semana de agosto. Estou lendo os estados fanados de chomsky en inglés e xa me chega abondo.

3. Premonición barreiriana (Rivas, 2001). "Xosé Cuíña será o vindeiro presidente da Xunta".

Ian disse...

Cesare Medo líquido está ao seu dispor. Se o quere antes de agosto pase o enderezo postal do seu tobo escocés e mándollo. XLBR non sempre acerta nas predicións, pero atina e moito noutras moitas cousas... Os nosos paisas din «quen moito fala moito erra», pero iso non lle tira o mérito por ser centroliberal e non liberal-liberal como vostede :)

A.C. disse...

Está um pouco superestimado o XLBR. E concordo, esta vez, com o Cesare. As suas posiçons morais nom son as dum liberal. Nom passa de democrata-cristám...

Nom há mais que ir à "la voz" online e no seu pesquisador pôr " barreiro rivas matrimonio homosexual" e começar a ler. Nom tem muito que invejar a Rocco Butiglione.