
Sabemos ben que a norma construtiva de a menor espazo, menor traballo é falaz. A escrita desas anotacións compactadas, coas que Marcos nos dá diaria conta de lecturas, sucesos, valores emerxentes ou frangullas de socioloxía cotiá, resulta un exercicio de estilo custoso e demorado. No resultado abrolla a evidencia de que moita reflexión propia e abondosas lecturas foron pacientosamente destiladas para deixarnos ese grolo diario de realidade analizada, discutida ou informada.
A economía da atención e as novas formas de lectura veloz que se impoñen na rede comportan un desacougante risco: a xeneralización dunha composición sumarial e epidérmica de situacións e opinións. A aprendizaxe do oficio con Marcos Valcárcel é un bo antídoto para non entregarse á superficialidade. Cada andoliña, malia súa brevidade formal, agocha unha envexábel solvencia intelectual e solidez informativa e en moitos casos a andoliña tórnase nunha sorte de ensaio miúdo. Ensaio ao xeito que o definiu Alessandro Baricco, unha tentativa de pensar, escribindo. Un engado suxestivo que nos convoca día a día na derradeira páxina de Galicia-Hoxe.
1 comentário:
Podíase dicir con outras palabras, pero nunca mellor. Así é como conta.
Unha primicia a cambio de tan fermoso texto. O Libro homenaxe, espléndido e amplo en colaboracións escritas (arredor de 180) e plásticas (arredor de 40), está xa en marcha. Concebido democraticamente, por pura orde alfabética, participan moi coñecidos, coñecidos, un pouco coñecidos e descoñecidos autores. Suponse que para abril ou maio estará xa editado. Terá, como todos os participantes, un exemplar. Avisarase.
Apertas.
Enviar um comentário