Zygmunt Bauman é un pensador de grande engado editorial. Multiplícanse o número de títulos seus traducidos ao español e mesmo pezas menores son recuperadas para ser postas outra volta en circulación. Nesa onda, a editorial Katz ofrécenos Múltiples culturas, unha soa humanidade, onde axunta unha conferencia pronunciada polo sociólogo polonés no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona e unha entrevista que lle fixo Daniel Gamper Sachse.
En ambas as dúas pezas, Bauman reitera moitas das ideas motrices das súas obras maiores: a idealización de comunidades refuxio e a obsesión coas fronteiras como resultado da van esperanza de poder garantirnos unha protección auténtica fronte aos risco globais; a imposición dun mundo global onde se institucionaliza unha política local sen poder e un poder global sen limitacións políticas; a confirmación das cidades como vertedoiros dos problemas que se producen a escala global e como campo de batalla principal da loita e tensión entre liberdade e seguridade pero tamén como escenario no que se pon en práctica e desenvolve (con desigual éxito) a arte da convivencia diaria e pacífica coa diferenza...
Tamén nesta ocasión Zygmunt Bauman lémbranos que, na orde líquida dos nosos tempos, a vida se configura como unha sucesión de proxectos efémeros, de curto prazo, de impacto inmediato e de epidérmicos calados. Sinálanos como nómades que transitamos dun proxecto cara outro e subliña que a lembranza do noso último proxecto, ou do noso último éxito, non dura moito. Así como as derrotas e fracasos fan pouso, os éxitos non sedimentan; de aí que haxa que seguir movéndose dun proxecto a outro na procura de novos caladoiros de novos éxitos e recoñecementos. O autor de Modernidade líquida remítese con frecuencia á palabra alemá Unsicherheit como marca dos nosos tempos; Unsicherheit ten un significado múltiple: incerteza, inseguridade, vulnerabilidade e precariedade; é dicir, as materias constituíntes dos medos actuais.
Toda a obra de Bauman é suxestiva e estimulante, indicadora de tendencias certas da evolución das nosas sociedades mais, en tempos de bonanza como os felices noventa e o cambio de século, as súas descricións resultaban máis esperanzadas do que agora na cerna da primeira grande crise da globalización. As súas palabras mídense igual pero o peso da súa negrura é bastante maior. «Se perdemos a esperanza será a fin pero Deus nos libre de perder a esperanza». O que onte era unha sentenza para afirmarse con afouteza, hoxe semella unha ladaíña para que unha forza superior nos abeire. Tal que son malos tempos para a lírica...
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário