31/03/2009

Numerarse

Na véspera do 70 aniversario da derrota da República, Josep Fontana axunta, en Público, lembranzas da súa infancia na Cataluña vencida e as primeirizas impresións do que despois sería confirmado con brutal contundencia por case catro décadas de Franquismo. Hai un choqueiro retallo que ilustra a acomodación vergoñenta da prensa diante das reviravoltas que forza a historia cando é derrotada a intelixencia. Aquí as súas palabras:
O mesmo día do noso regreso a Barcelona, o 27 de xaneiro [de 1939], o xornal La Vanguardia anunciaba aos seus lectores que cambiaba a súa numeración para reemprendela onde quedou o 19 de xullo de 1936, repudiando todo o que se publicou desde aquela. Había que acomodarse aos novos tempos.
Nun breve titulado «Deciamos ayer», a redacción de La Vanguardia, con acendida retórica triunfal, facía súa a submisión á nova orde e anunciaba que se retomaba a vella numeración dos exemplares onde quedara o 19 de xullo de 1936. La Vanguardia estivera en ningures durante dous anos e medio.

A inmensa maioría das cabeceiras de orde da prensa galega non terán que someterse a semellantes rigores autocríticos como consecuencia da acomodación aos novos vellos tempos. Non será necesario porque as súas liñas editoriais, desde o 18 de xullo de 2005, souberon manterse nun delicado e virtuoso equilibrio inestábel entre a condescendencia co goberno bipartito e o exquisito trato dispensado á oposición e ao seu líder. Non en balde, na pasada lexislatura, o Partido Popular fixo oposición, fundamentalmente, con recortes de prensa na man. Por iso, non haberá necesidade de renumerarse, bastará con formar, facer fila, cadrarse diante do novo inquilino de Monte Pío e, simplemente, numerarse á espera de que cheguen as directrices da Nova Política Informativa (NPI).

Berrar en silencio


Algúns amigos conectados coa dereita máis democrática do Partido Popular convidan a un café para dar pésames e adiantarme que os «populares» farán unha xestión informativa moito máis pluralista que durante o bipartito e que non haberá retorno ao Sistema Pérez Varela de Comunicación. Dan crédito a que na política de medios haberá bastante menos controis e pressing que durante o fraguismo, sobre todo porque non é estratexicamente tan necesario dada a pouquidade de cabeceiras contestatarias e a súa comprometida saúde financeira como consecuencia da crise. Coa mellor intención anuncian que, en materia cultural e de medios, Alberto Núñez Feijóo quere ir de Nicolás Sarkozy, garantindo pluralidade e apertura aos sectores non-conservadores. Querendo tranquilizar, a mención a Sarkozy, desde logo, non é a máis acaída para apradriñar a NPI.

Hai uns días unha boa amiga persuadiu a meu fillo para que «berrase en silencio». Desde aquela fai acenos e boquexa coma dando grandes berros pero acompaña a súa protesta, petición, queixa ou alegría cunha voz a penas perceptíbel. Velaí unha innovadora estratexia que, a pouco que remita o entusiasmo pluralista, fará propia a NPI de Núñez Feijóo. Ofrécense plenas garantías de que PSdeG e BNG poderán berrar en silencio.

30/03/2009

A conquista do pan

É xa un lugar común nas nosas reflexións; non hai análise (para)partidaria postelectoral na que non asome o «papel dos medios de comunicación» como factor que explique os resultados negativos colleitados (Nada que dicir dos medios cando calla o éxito electoral). Na fin de semana dúas cualificadas voces achegaron a súa lectura sobre a influencia mediática e doutros poderes fácticos. En El País falou Francisco Rodríguez. Para A Nosa Terra fíxoo o ex-director de El País-Galicia e actual director de Público, Félix Monteira.

Na entrevista de Xan Carballa, Monteira repasa o conxunto de causas: persistencia dunha cultura caciquil e dun sólido substrato socioloxicamente conservador, falla de firmeza das políticas de cambio e desencanto entre os votantes progresistas e nacionalistas. Tamén tivo relevancia, na súa idea, que o goberno de coalición non funcionase politicamente coordinado, presentándose como «dous gobernos cun programa en disputa». E, por cabo,
A implicación de intereses entre os poderes públicos e a prensa é tan forte que o trastocou todo. O goberno non se atreveu a trocar o statu quo de relacións e foi refén desa prensa que actuou contra os seus intereses. A maioría da prensa galega actuou pola súa ideoloxía predominante que é de dereitas. Foi unha torpeza política da coalición.
O fracaso da estratexia de sedución

Pola súa banda, o secretario xeral da UPG salientáballe a Pablo López que o punto de partida electoral era moi fráxil porque «bipartito e BNG só podían manterse ou aumentar moi pouco» e que a campaña –tanto a mediática como a electoral do PP–, tiveron «a pegada xusta para que o que estaba fráxil fose derrubado».


O entrevistador fala de «coqueteo» do BNG cos poderes públicos e Francisco Rodríguez retruca:
Non. O que se fixo foi pensar que un diálogo con eses sectores podía lograr, máis que neutralidade, unha certa conivencia. E aí si que houbo un erro de vulto e de cálculo.
Subliña Rodríguez que, «aínda que todos considerásemos que ese labor había que facela», o BNG non tiña unha «posición unánime» respecto da estratexia de relación cos poderes fácticos. Entremos no matiz: «Uns crían que era substancial, e outros consideramos que había que facela, pero que non cabía esperar moito dela». Non había unanimidade, disque, pero as variantes operativas eran a penas diferentes: tentar seducir aos poderes fácticos, créndose que era posíbel ganarse o seu ánimo, ou seducilos sen demasiada convicción.

E conclúe Francisco Rodríguez:
Os poderes fácticos externos está claro que eran agresivos, pero os mediáticos internos non é que fosen condescendentes; facían un paripé e estaban a segar a herba por baixo. Aínda que non teña matriz española, algún deles é moi significado e seguiu unha estratexia de que tiña que volver o PP. Estratexia que non foi ben tratada desde o bipartito, como en xeral o trato cos medios de comunicación privado non foi o correcto. Xogouse ao pan para hoxe e fame para mañá. Que esas empresas consideren que es un interlocutor inevitábel non significa que che vaian a apoiar.
A estratexia da sedución dos poderes mediáticos, está ben claro agora, non deu os froitos acadados: nin neutralidade, nin conivencia; moi ao contrario, a lexislatura rematou cunha agresiva ofensiva informativa contra o BNG e, indirectamente, contra a continuidade do goberno bipartito na que se implicou sen escatimar medios La Voz de Galicia.

As outras estratexias posíbeis


O BNG-Goberno tirou adiante coa estratexia da sedución, pero tiña o BNG-Organización outra estratexia? A xulgar polo pouco agarimo que se lle deu a diversas operacións mediáticas, cabe dicir que (case que) non. O reposicionamento de A Nosa Terra foi acollido con bastante friaxe, xélida foi a recepción de El País-Galicia considerado pola nomenklatura como un medio hóstil, mantivéronse os receos respecto das cabeceiras da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME) e nin tan sequera a aparición de Gz Nación foi acompañada de maiores entusiasmos.

Había outra estratexia posíbel? Con moitas dificultades. Dito con crueza, fronte ás tentativas (previsibilmente condenadas ao fracaso) para ser aceptado na mesa dos poderosos mediáticos, existía a posibilidade de facer poderosos a aqueles cos que un se podía sentarse na mesa. O PSOE nos tempos do felipismo practicou con éxito esta estratexia de empoderamento e o resultado é o complexo cultural-comunicacional que abeira PRISA.

O Xornal de Galicia podía xogar un papel semellante ao de El País na construción dun polo informativo alternativo e competitivo? Dificultosamente por nacer na fase terminal da lexislatura e cunha crise económica pavorosa detraendo publicidade e investimentos en case que todos os xornais do mundo. Dificilmente, sen conexións, complicidades ou unha alianza con outros medios, máis ou menos consolidados, en lingua galega, reunidos na AME (Vieiros, Galicia-Hoxe, A Nosa Terra, Tempos Novos...), ou entre os lectores progresistas (El País-Galicia e as cabeceiras galegas do Grupo Moll).

Carecer dunha política de medios e despois queixarmonos das consecuencias é unha sorte de sadomasoquismo.
Caer con reiteración na mesma trampa por omisión é unha teima dolorosa.


Berlusconización


As eleccións do 1-M representan un notábel paso adiante na berlusconización da política galega; entendendo aquí por berlusconización a estratexia pola que a mobilización dos medios de comunicación se torna no principal recurso –ou nun dos principais– para acadar ou manter o poder. Outra das consecuencias impactantes é a que sobrancea José Vidal-Beneyto na súa análise do «berlusco-zysmo»:
A cancelación do público chega ata que o ámbito da opinión pública, comprendida como un espazo aberto de confrontación e debate para chegar ao entendemento, sucumbe a mans da opinión mediática; é dicir, aquela producida e imposta polos poderes centrais da sociedade, grazas á capacidade de conformación dos medios de comunicación dominantes.
Nada pode opoñerse á caracterización política que Monteira fai do sistema galego de medios de comunicación destacando que «a súa ideoloxía predominante é de dereitas». Compleméntese coa evidencia de que o credibilidade dos medios públicos á hora de conformar opinión está en cotas abisais e que hai un medio, La Voz de Galicia, que é ultradominante e conforma, mesmo, a axenda informativa de todos os demais mass media galegos, sexan radio, televisión ou papel.

A día de hoxe a Corporación Voz postúlase como o Grande Irmá Berlusconiano en Galiza. A súa posición ultradominante é debida ao poder adicional que lle atribúe o seu tradicional papel como broker principal no mercado de favores que condiciona e ordena as transaccións entre os poderes públicos galegos e a empresa privada. Posición engrandecida tamén pola súa condición de principal factoría e distribuidora de ideas do pensamento conservador en Galiza.

Onde está a nosa panificadora mediática


Constatado o erro de vulto e o fracaso da estratexia de sedución dos medios realmente existentes e realizada a autocrítica sobre a política de relación do cogoberno coas empresas de comunicación, entramos no capítulo de preguntas que agardan resposta. Se a política realizada significou pan para hoxe e fame para mañá, onde temos unha panificadora que nos asegure un abastecemento perdurábel? É posíbel reverter a berlusconización e gañar poder e audiencia política a través de medios de sociais de comunicación alternativos na rede? É fáctibel unha alianza colaborativa dos medios «en lingua propia» e «non-aliñados co poder» para soster un polo influente de opinión pública non conservadora? E, en definitiva, a clásica leniniana: Que facer?

Ollando cara ao futuro, en calquera caso hai que lembrar, primeiramente, a advertencia de Raymond Chandler –«Non hai trampa tan mortal como a que te tendes a ti mesmo»– e, despois, facer bo caso do consello de Albert Einstein: «Tolemia é facer a mesma cousa unha e outra vez esperando obter diferentes resultados».

24/03/2009

Citas a cegas

Hai xornais que fixan posición a través das citas que reproducen a diario. Na nosa galaxia mediática, El Mundo faino en portada e Público na sétima. A de El Mundo de hoxe («E máis doado negar as cousas que decatarse delas») está asinada por Mariano José de Larra, que naceu tal día como este hai douscentos anos. Público imprenta unha de Ghandi: «Debes ser o cambio que desexas ver no mundo» e onte citou a Jean Jaurès: «A coraxe é buscar a verdade e dicila.»

Entre unhas e outras poden encaixarse as declaracións que Roberto Mera fixo a El Correo Gallego anunciando o seu abandono da política activa, facendo un chamamento a renovación radical da dirección política do nacionalismo e prestando a súa voz a algunha verdade coraxosa sobre a existencia dunha xerontocracia fáctica que pode ancorar mudanzas que son imprescindíbeis no BNG.


Antón Baamonde no seu Café na Trincheira encadra o diagnóstico de Mera:

BNG é un partido extremamente conservador, de flexibilidade nula. A súa estructura interna está pensada para evitar toda cesión de poder do núcleo dirixente, cos conseguintes efectos negativos á hora de remozar os rostros e as políticas: rexe a cooptación estricta; isto é, a fidelidade e a obediencia.
E subliña algunha outra cousa ante a que cómpre non pechar os ollos: «Mera ten trinta e sete anos e vinte de experiencia política: é un rapaz, con moita vida -política- por diante».


Esta evidencia alenta xa encontradas lecturas sobre a súa saída. En facebook xa adiantaron unha inapelábel sentenza cainita: «As ratas comezan a abandonar o barco.» A renuncia tamén pode lerse como un (hiper)coherente posicionamento neoghandiano: abandonar para deixar paso a outros novos como exemplo do cambio que se pretende. E hai unha terceira, francamente desesperanzadora, que fai da súa marcha, e da demisión de Quintana, o sinal inequívoco da derrota da proposta de procurar «Máis BNG e menos partes». Se o que toca é cooptación, partitocracia interna e preeminencia nos órganos dos socios fundadores nunha sorte de dirección colexiada, a Asemblea de maio será moitísimo peor que unha cita a cegas, será unha vía cega.

23/03/2009

Xenealoxías dunha esquerda

Co X Congreso do Partido da Revolución Democrática como pano de fondo, o escritor, xornalista e historiador Héctor Aguilar Camín (HAC) escribiu en agosto de 2007 unha decena de artigos que apareceron no diario Milenio. Ese material revisado e enriquecido con varios intercambios (máis ou menos) polémicos, algunhas pezas novas sobre a esquerda, o futuro, o progreso e mais o indixenismo revolucionario, e un ensaio sobre «a esquerda mexicana realmente existente», que publicou a revista Nexos en 2005, foron compilados en Pensando en la izquierda, un libro de dimensións cativas pero de substancioso e incómodo contido que circula desde marzo de 2008 co selo do Fondo de Cultura Económica.

Aguilar Camín constata como punto de arrinque que os partidos políticos mexicanos non teñen unha ideoloxía explícita e que «hai grandes intelectuais na esquerda, pero non grandes ideas nas organizacións da esquerda en México» e que «a ideoloxía ou o proxecto histórico pesan menos nos partidos da democracia mexicana que a poxa electoral e a busca de posicións de goberno».


Na plural e enramada tradicións esquerdista recoñece catro liñaxes: a «esquerda revolucionaria» (ER); a «esquerda comunista» (EC), a «esquerda estatista e nacionalista» (EEN), e a «esquerda utópica clásica» (EUC).


A ollada de HAC detense ademais a reconsiderar o papel da esquerda intelectual e da esquerda indixenista en México, ao tempo que certifica o raquitismo e febleza no seu país da tradición socialdemócrata que, para a súa idea, é a única que «podería poñer a esquerda mexicana a tempo co seu presente e en sintonía posíbel co futuro». O seu posicionamento é rotundo, o que falta é precisamente o que é máis necesario en México: unha esquerda socialdemócrata «intransixentemente igualitaria a forza de querer instransixentemente todas as liberdades para todos».


A esquerda e a violencia revolucionaria


A ER anima un proxecto de emancipación que tiña/ten na violencia o seu camiño e a súa fachenda, violencia que no imaxinario histórico de México segue a ser un «recurso lexítimo e celebrado». Malia que se conten a menos os defensores explícitos da acción armada revolucionaria, a violencia como «instrumento válido para protestar, resistir e combater as inxustizas do mundo» conforma unha sorte de lexitimidade soterrada nos continxentes da esquerda mexicana.


«Poucos van á guerrilla, pero poucos a condenan sen dubidar», sentenza Aguilar Camín, quen sostén que «non son as condicións obxectivas as que impoñen a violencia», senón que a loita armada «é a elección de grupos e persoas concretas». Non nega a violencia como factor de cambio e mesmo que xogou un papel no camiño á democracia, pero salienta que para a ER non era a democracia o que se procuraba. Refuta asemade a violencia revolucionaria como catalizador histórico positivo: non hai dúbida de que aceleran a historia, pero «non está claro que o fagan na dirección correcta».


Fronte á ER o pronunciamento de HAC é contudente: «o inherente ao compromiso democrático é rexeitar a violencia, non validala como inevitábel nin como culpa ou responsabilidade de outros», ao tempo que subliña que «as deformidades da democracia deben ser corrixidas cos instrumento da democracia, ningún dos cales inclúe a violencia».


A esquerda comunista


A tradición que entronca co Partido Comunista Mexicano é despachada expeditivamente: «non é revolucionaria nin subversiva», non quería facer a revolución, senón gañar un espazo público e un lugar político de seu para defender o «socialismo real» e enxalzar as causas contra o imperialismo norteamericano.


Salienta HAC que o maior espazo pública gañado pola EC foi na vida intelectual e na opinión pública («libros, revistas xornais e editoriais») e nas universidades («na súa tripla dimensión: burocrática, académica e sindical»). Así, a «confraría comunista» era, atendendo á lectura de HAC, «máis intelectual e burocrática que popular, máis reformista que rupturista, máis eurocomunista que estalinista»; de aí que se tornase na «maior ponte da esquerda mexicana coa democracia» xa que non esixía «a ruptura da orde, senón tolerancia, legalidade, espazos democráticos».


O nacionalismo revolucionario


O estatismo e o nacionalismo revolucionario, xunto co discurso antineoliberal, son consideradas por HAC como «o verdadeiro corazón da esquerda mexicana». O proxecto histórico nacido da revolución de 1910 que aspiraba facer do Estado «o instrumento da xustiza social contra os poderes privador e o baluarte de defensa da nación contra a ameaza exterior» é a cerna da cultura da esquerda mexicana e o PRD representaría versión dese proxecto como priismo de esquerdas, unha proposta que non aspiraba a revolución, senón a ocupar o poder do Estado para a defensa da soberanía nacional e as causas populares fronte ás estratexias neoliberalizadoras aleitadas pola globalización.


A esquerda utópica


Tamén identifica HAC unha esquerda utópica, «altar de poucos cregos e moitos fieis», que reivindica «a certeza histórica, filosófica e moral de que a historia camiña cara á sociedade sen clases e que o socialismo ten que ser o punto de chegada da historia; a fin plenamente humana da historia». É minoritaria como proxecto de política práctica, pero é a reserva moral dun franxa tan numerosa como ben intencionada da esquerda mexicana, nela bota as súas raíces «os únicos trazos autenticamente autocríticos do PRD [...] denunciando a corrupción, o clientelismo, o pragmatismo electoral, o esquecemento dos principios; o triunfo dos politicastros e a manipulación da vida partidaria».


A esquerda intelectual


A cultura e a intelectualidade mexicana, segundo a anatomía debuxada por Aguilar Camín, ten «o corazón botado á esquerda»; malia iso, ningún partido da esquerda mexicana acompañou a súa acción cun «potente debate de ideas». A esquerda ten os recursos intelectuais para facelo, pero HAC sinala que carece da liberdade para facelo, adoece de capacidade crítica e autocrítica. Os intelectuais de esquerda contan cun afinado arsenal crítico pero tamén cunha audiencia entre as bases militantes pouco dada ao consumo de reflexións matizadas. O resultado é unha esquerda intelectualmente entalada que pasou polo derrumbe do socialismo real sen facer a crítica do sucedido.


En opinión de HAC, «a xente de esquerdas oe máis aos seus xornalistas que aos seus intelectuais», e, para el, o xornalismo de esquerdas deixou de ser unha forza renovadora ao encerrarse nos lindeiros da causa e as súas crenzas, ao derramar a súa pluralidade e ao ser cada vez máis reiterativo, autorreferencial e impermeábel a debater ideas, proxectos, medios e fins.


A esquerda indixenista


A insurrección en Chiapas, segundo HAC, engordou a aceptación da violencia como instrumento lexitimo do cambio e entregou a esquerda ao que denomina «unha utopía particularista»: un indixenismo radical, non integracionistas e multicultural que se levou por diante «a tradición intelectual máis nobre da esquerda: o seu universalismo progresista», eivando á esquerda como «a ala radical do proxecto universalista de liberdade, igualdade e fraternidade».

Sostén Aguilar Camín que a esquerda mexicana é desde 1994 «obrigadamente indixenista» por unha dupla vía: «polo rexeitamento da pobreza, o racismo e a desigualdade» e pola súa «consagración acrítica e particularista» do mundo indíxena «como o repositorio venerábel dun México profundo»; e laméntase a seguir da perda do vello internacionalismo e de que se tornase en resistencia á internacionalización, ao facer da globalización o «demo recorrente» da esquerda e da deriva indixenista a mostra máis clara de que «a esquerda mexicana quere fronteiras nacionais».

Asinaturas pendentes da esquerda realmente existente


Entre outras asinaturas pendentes da esquerda mexicana, HAC sinala:

  1. Cambiou a súa linguaxe pero non a matriz das súas conviccións, a esquerda deixou de ser expresión política nos marxes, é formalmente unha opción de goberno pero non deseña nin goberna o cambio, o resiste, e tórnase, mesmo desde os gobernos, nunha sorte de oposición.
  2. Cre na democracia tan só como un medio e a lealdade ás institucións está condicionada a que as institucións lle sexan favorábeis.
  3. Non fixo a paz co mundo da empresa e mercado, denuncia a pobreza pero non sabe dar unha resposta positiva á privación das maiorías creando riqueza para acrecentar a accesibilidade a bens e servizos e mellorar a oportunidade dos máis.
  4. Ten unha resposta pobre, cando non arcaica, para as dúas realidades claves do mundo moderno: democracia e globalización. Non remata de ter un proxecto eficaz no económico, garantindo taxas altas de crecemento, e, no político, asegurando altos índices de gobernabilidade democrática.
Coda

Hai intelectuais de dereitas, de esquerdas, e incómodos. Héctor Aguilar Camín gañouse merecidamente a súa clasificación, cando menos, entre os intelectuais incómodos. Coñecedor das normas e usos do poder –político, mediático e económico– non é un observador inxenuo nin un incauto anotador de realidades. A súa (suposta) veciñanza política e persoal a Carlos Salinas de Gortari, que HAC nega con vehemencia, pode empardecer entre nós a recepción das súas opinións sempre controvertidas.


Pensando en la izquierda
axunta descricións, ás veces esquemáticas pero non grotescas nin caricaturizadas das tradicións da esquerda mexicana, que evidencian as súas carencias democráticas e as súas inconsistencias e fraquezas ideolóxicas. Non vale contentarse pensando que a súa versión da esquerda socialdemócrata non resiste nin unha crítica livián e que calquera pode trazar un panorama igualmente pouco grato dos herdeiros e epígonos da Segunda Internacional. Certo é tamén que aquilo que describe é a esquerda mexicana, pero non é menos verdade que esa esquerda maniféstase con acentos propios entre nós.


Moacyr Scliar sostén provocadoramente que «o escritor é aquele que olha para a banana e come a casca». Esa corrosiva e autocrítica descrición non é aplicábel a Héctor Aguilar Camín que non se queda na pelica da (nosa) esquerda (mexicana). Fala do substancial e a sua lectura crítica convida á relectura crítica da nosa propia esquerda.

22/03/2009

Crise consoante

Leo en Sen Permiso, «Crise tipo L», unha análise económica que Alejandro Nadal publicou o pasado 19 de marzo en La Jornada. Nadal, un economista de sempre proveitosa lectura, achéganos unha prospectiva alfabética da crise globalizada á que lle dá a forma de tres consoantes. Recea sensatamente de que esteamos diante dunha crise tipo V; é dicir, perante dun tempo económico caracterizado por unha forte caída económica que vai ir seguido dunha áxil recuperación. Repara nas posibilidades dunha crise tipo U, un U alongado cara á dereita, cun fondo de crise sostido e unha nova expansión económica que tardará en chegar. E, por cabo, non descarta para moitas economías unha crise de tipo L, onde á caída seguirá un estendido período de estancamento e un repuntamento que non se enxerga no horizonte. É difícil atopar mellor xeito para grafar a crise, mesmo a crise dos proxectos políticos.

18/03/2009

Reciclaxe e ecoxornalismo

«Non ter unha idea e poder expresala: iso fai o xornalista.» Karl Kraus tiña días vitriólicos nos que debía ser preferíbel non cruzar palabra con el. Non é cousa de retrucarlle pero é máis preciso dicir que, á par de xornalismo de ideas de gran calidade, existe tamén un subproduto que se etiqueta como xornalismo de opinión que fai desconfiar sobre as posibilidade dun futuro digno para a profesión. Existe e manda moito naquelas redaccións que se tornaron nun vertedoiro de lixo.

Hai dous ecoxornalistas aos que admiro un mundo pola habilidade que teñen para reciclar refugallos mediáticos e tirar deles magníficas pezas xornalísticas. Ambos os dous traballan na planta de compostaxe que mantén aberta
Público. Roberto Enríquez faino na contra coa súa sección «Visto/dicho/oído» onde día a día con tres capturas de pantalla tómalle o pulso ás ofertas televisivas. Aínda que, de cando en vez, se alegra a ollada con algunha perla, ten que tratar diariamente con carretadas de esterco aos que a golpe de enxeño lles quita incríbeis aproveitamentos para vacinarnos contra a idiotez carroñeira catódica e dixital. E Juan Carlos Escudier que celebra a súa «Merienda de medios» na novena de Público. Aquí, sen rodeos, hai que dicir francamente que da merda mediática fai arte xornalística sobre a base do principio activo da retranca, o escarnio e a intelixencia.

Cando acabo de ler as súas seccións de reciclaxe sempre me asalta a mesma dúbida: nós para desintoxicarnos de tantas sandeces, temólos a eles, pero eles como se coidan para non sucumbir psicoloxicamente ante tanta estupidez lida, dita, vista ou ouvida?

17/03/2009

O xornalismo de Sofía

En sesión universitaria sabatina, participei con Luís Cividanes e Calidonia nunha mesa redonda para matinar sobre a web 2.0 e a política 2.0, abrindo unha reflexión sobre a construción de opinión política e o ciberactivismo na rede galega. E falamos, como non, de xornalismo cidadán, dos novos e vellos medios e da comunicación nas redes sociais, dos nosos atrasos e de presentes innovadores que cuestionan e desafían toda certeza. Hoxe chégame a nova deste vídeo e deste relato ampliado sobre o xornalismo do futuro. Tamén presentación en sociedade dun novo medio on line que se anuncia «independente, moderno, de calidade e aberto a todos». Unha proposta que afirma que a información é de todos e que funda a súa filosofía nunha triangulación que vencella xornalistas, robots e lectores. Unha tecnoutopía? Non tanto, máis ben unha narración (cada vez menos) fantástica sobre futuros posíbeis ao xeito de Jules Verne, adiantada dun xornalismo xermolar e emerxente que se ofrece como superación e solución á crise dos medios tradicionais, tradicionais no papel e tamén agora tradicionais na rede.

16/03/2009

Facendo un nó

No Cuartel Xeral de Sabón non tiveron ocasión para descorchar champán. O Consello Nacional que estaba chamado a rematar como a matanza caníbal dos garrulos lisérxicos culminou cun inusual consenso que senta na mesa das decisións a (case) todas as familias políticas do BNG. Abandonadas as estratexias de Destrución Mutua Asegurada, máis que imporse a correlación de forzas dominou a correlación de debilidades.

Atendeuse sensatamente o consello que nos deu Franklin Delano Roosevelt: «Cando chegues ao final da túa corda, fai un nó e aguanta.» As decisións substancianse niso: afirmarse nun punto de apoio e resistir para recomezar un proceso no que se ten que pensar globalmente a organización política do nacionalismo galego. Non se produciu o big crunch do BNG, pero todo indica que aínda está moi lonxe un novo big bang político e electoral do nacionalismo.

A estas alturas ninguén pode enganarse pensando que se zafará cunha reacomodación táctica e unha nova repartición de poderes entre as distintas correntes, partidos e colectivos. Toca reconsiderar radicalmente lideratos, modelo de organización e estratexia. Hai que atender tamén a sabia distinción do xadrecista Savielly Tartakower: «A táctica consiste en facer algo cando hai algo que facer; a estratexia consiste en saber que facer cando non hai nada que facer.» Non é o tempo da táctica senón da estratexia, pero nas señerdades do partido-guía ou na recreación emotiva do frontismo do frontón non imos atopar moitas solucións estratéxicas con futuro.


En materia de estratexia é ben non deixar caer en saqueta rota outro dos moitos consello intelixentes de Savielly Tartakower: «Temor a arriscarse e preferir a extrema tranquilidade é un xerme da derrota.» Hai que repensarse con valentía e sen ataduras e quizais o futuro pase por buscar novas formulas como a que se apunta en Nygardsvej. Mentres o champán enfría en Sabón.

15/03/2009

Despois do naufraxio (e ...): explicacións e advertencias

Tras a brillante explicación de Lándoa, o intelixente desmiuzado estatístico de Calidonia e a feliz recuperación desta lúcida folla de advertencias, publicada por Xaime Subiela en Tempos Novos en 2005, máis nada teño eu que especular. Confiemos en quedar aprendidos para outras travesías.

04/03/2009

Despois do naufraxio (2): O país ideal e o país material

Versionando o título da película dos irmáns Cohen e do libro de Cormac McCarthy, un boa amiga condénsame o seu balance electoral: «Galiza, non é un país para nacionalistas». Interésame agora a idea de país como tag da cuestión identitaria e da nosa representación colectiva para chamar a atención sobre a fenda que separa o país ideal do país material, e digo país material e non país real porque o país ideal é tan real como o material, aínda que finalmente non pese tanto electoralmente un coma o outro. O noso país imaxinario e o noso país material teñen unha zona de intersección cativa. E é nesa zona de intersección sobre a que opera a eficacia das nosas políticas.

Tras o naufraxio é habitual escoitar como corolario da valoración do noso revés electoral algunha amargada queixa sobre o país que temos. Non é un trazo do mal perder dos nacionalistas, malfadamente está moito máis estendido, un recoñecido blogger do PSdeG-PSOE, José Luís Prieto, anotaba no seu twitter: «Los pueblos siempre tienen los Gobiernos que se merecen. Y el pueblo gallego ha cambiado poco desde que lo caricaturizó Castelao».


O reconto de papeletas reflicte a faciana política da Galiza que temos: conservadora e maiormente pouco galeguista. Adoitamos esquecernos desa natureza e reemprazámola por unha versión ideal seguindo o procedemento do señor Keuner que describiu Bertold Brecht:
—Que fai vostede –preguntaron un día ao señor K.– cando ama a alguén?
—Fago un bosquexo desa persoa –respondeu o señor K.– e procuro que se lle asemelle o máis posible.
—O bosquexo?
—Non -contestou o señor K.–. A persoa.
Co país facemos, en primeira instancia, algo semellante, temos feito un debuxo e procuramos que se lle pareza; para de seguido substituír o país pola imaxe que pintamos del. Descoñecemos (en gran medida) ou ignoramos (maiormente) as estruturas e dinámicas políticas e sociais da Galiza que queremos representar e transformar e operamos politicamente sobre un imaxinario e non sobre a súa base material e mesmo, ás veces, tomamos por material o que é puramente ideal.

Identidades practicábeis e identificación imposíbeis

Valga como exemplo. As sondaxes deixan claro que Galiza non é país para nacionalistas e que queda moito por facer até lograr que sexa un país dos nacionalistas. A última entrega do CIS (xaneiro-febreiro de 2009) ofrece a mesma imaxe que todas as súas precedentes. Un 28,2% dos galegos entrevistados declara ser nacionalista, o 67.8% maniféstase como non-nacionalista. Os que se senten unicamente galegos suman un 4,9% fronte a un 5.1% que se consideran só españois. Máis galego que español: 19,4%. Máis español que galego: 3,6%. Tan español como galego: 65%. Máis ou menos, tan só 1 de cada catro galegos di ser nacionalistas ou di sentirse máis galego ou tan só galego.

Os entrevistados valoran o seu nacionalismo –1: mínimo, 10: máximo– nun 4,56%; e estiman coa mesma escala o nacionalismo do Partido Popular (3.07), do PSdeG-PSOE (4,73) e do BNG (7,99). O elector medio considerase tan nacionalista galego como o PSdeG e case que a metade de nacionalista que o BNG. Traducindo: o elector ao que nos diriximos ten que duplicar a súa identificación nacionalista para votar BNG pero sen apenas modulala pode votar PSdeG.


O imaxinario dos nosos destinatarios: unha maioría social galeguista. A idea que eles –a inmensa maioría dos electores– teñen do BNG é como unha alternativa de nacionalismo forte. A nosa oferta identitaria está na extrema pero o elector promedial a que nos diriximos está no centro do arco identitario, moito máis próximo en calquera caso ás propostas de galeguismo máis ou menos rebaixado do PSdeG ou do Partido Popular. A cousa complícase porque mesmo os nosos votantes se autoidentifican ideoloxicamente cun grao de nacionalismo máis rebaixado que o que lle atribúen ao BNG.


O paso polo goberno non mellorou a nosa comprensión do país material, nin serviu como observatorio privilexiado para enxergar as súas tendencias de futuro. Manda o impresionismo estratéxico e descubrimos novas realidades unicamente grazas a unha dolorosa espiral de ensaio-erro. Os nacionalistas non destacamos como habelenciosos coolhunters, pódennos as lecturas retrospectivas do país, obviamos as realidades presentes que non encaixan na nosa ollada, resolvemos os desenfoques botando man dos nosos imaxinarios e prestámolles pouca atención ás realidades emerxentes e ás tendencias de desenvolvementos futuros.


Agárdase de nós que ofrezamos identidades practicábeis e identificacións políticas verosímiles; e d
ificilmente se pode practicar un nacionalismo de proximidade sen salvar esa fenda entre o noso país imaxinario e o país material, entre como nos vemos, como nos ven e como se ven os electores galegos. Con esta pedra batemos unha e outra vez. E sempre nos abraiamos.

02/03/2009

Tras o naufraxio (1): Tamparrantán

Tamparrantán. É unha palabra do dicionario materno que non aparece no da RAG. Define unha sacudida brutal, unha descarga eléctrica forte, un golpe sorpresivo e contundente, tamén o infarto. O día 1-M sofrimos un tamparrantán electoral maiúsculo. Máis que unha causa hai unha multitude de razóns para compoñer a explicación do fracaso electoral do BNG e do PSdeG. Comezo a debullar algunhas que a min me parecen relevantes e que quizais para moitos non expliquen nada.

Duplo poder

A comparanza do acontecido en 2005 e 2009 permite chegar (agora) a unha primeira conclusión: hai tres anos e pico o Partido Popular perdeu as eleccións por non ter feito unha oferta renovada do seu liderado, daquela máis que gañar o BNG e o PSdeG perdeu Manuel Fraga e a súa oferta continuísta. Con Feijóo, ou mesmo con X.M. Barreiro, é ben posíbel que conservaran a presidencia da Xunta de Galicia, bastáballes cun pouco de frescura e redeseñar máis audazmente o seu cartel electoral para volver sumar unha maioría parlamentaria. Non o fixeron e perderon. En todo caso, nós non lle concedimos demasiada importancia ao resultado (paradoxal) daquelas eleccións: o BNG e PSdeG faciámonos co goberno e o Partido Popular quedábase co (resto do) país.

A repartición, ratificada despois nas eleccións municipais, supoñía que mentres as forzas da coalición ocupaban os principais centros de decisión da sociedade política, o Partido Popular se acantoaba no centros de poder da sociedade civil e en poderes políticos de segundo nivel. A ilusión e a confianza ilustrada no goberno como forza transformadora agochou aos nosos ollos, ou nos fixo desprezar, esa situación efectiva de poder dual.
Gramsci Consultores teríanos dito que poder sen coacción e con baixa capacidade de convicción non caducan hexemonías, aínda así a potencia dos novos recursos de poder parecían suficientes para modificar co tempo a correlación das súas forzas e as nosas debilidades. Galiza tiña de partida dous gobernos: o do PSdeG-BNG e o do Partido Popular.

Nestas condicións, non inéditas xa que o mesmo sucedera nos tempos do goberno tripartito de González Laxe, ao Partido Popular bastáballe con resistir pero ao PSdeG e ao BNG non lle era suficiente con dirixir as institucións do autogoberno galego. Gramsci Consultores podería ternos advertido tamén que o Partido Popular perdera o consenso pero conservaba a autoridade, e que a coalición BNG-PSdeG gobernaba pero non era dominante. Jimmy o Santo [Andy García], o protagonista da magnífica Cousas que facer en Denver cando estás morto, formulouno dun xeito máis gráfico: «Podes ser un home cun garfo nunha terra de sopas.» E aí estabamos nós cun garfo intentando gobernar a terra de sopas do Partido Popular.