24/03/2009

Citas a cegas

Hai xornais que fixan posición a través das citas que reproducen a diario. Na nosa galaxia mediática, El Mundo faino en portada e Público na sétima. A de El Mundo de hoxe («E máis doado negar as cousas que decatarse delas») está asinada por Mariano José de Larra, que naceu tal día como este hai douscentos anos. Público imprenta unha de Ghandi: «Debes ser o cambio que desexas ver no mundo» e onte citou a Jean Jaurès: «A coraxe é buscar a verdade e dicila.»

Entre unhas e outras poden encaixarse as declaracións que Roberto Mera fixo a El Correo Gallego anunciando o seu abandono da política activa, facendo un chamamento a renovación radical da dirección política do nacionalismo e prestando a súa voz a algunha verdade coraxosa sobre a existencia dunha xerontocracia fáctica que pode ancorar mudanzas que son imprescindíbeis no BNG.


Antón Baamonde no seu Café na Trincheira encadra o diagnóstico de Mera:

BNG é un partido extremamente conservador, de flexibilidade nula. A súa estructura interna está pensada para evitar toda cesión de poder do núcleo dirixente, cos conseguintes efectos negativos á hora de remozar os rostros e as políticas: rexe a cooptación estricta; isto é, a fidelidade e a obediencia.
E subliña algunha outra cousa ante a que cómpre non pechar os ollos: «Mera ten trinta e sete anos e vinte de experiencia política: é un rapaz, con moita vida -política- por diante».


Esta evidencia alenta xa encontradas lecturas sobre a súa saída. En facebook xa adiantaron unha inapelábel sentenza cainita: «As ratas comezan a abandonar o barco.» A renuncia tamén pode lerse como un (hiper)coherente posicionamento neoghandiano: abandonar para deixar paso a outros novos como exemplo do cambio que se pretende. E hai unha terceira, francamente desesperanzadora, que fai da súa marcha, e da demisión de Quintana, o sinal inequívoco da derrota da proposta de procurar «Máis BNG e menos partes». Se o que toca é cooptación, partitocracia interna e preeminencia nos órganos dos socios fundadores nunha sorte de dirección colexiada, a Asemblea de maio será moitísimo peor que unha cita a cegas, será unha vía cega.

2 comentários:

Anónimo disse...

A cousa está moi mala cando persoas aínda xovenes, pero cun importante percorrido, tiran a toalla. É incrible pero cando miras ao teu entorno de amistades e coñecidos ves como moita xente que empezou moi nova a traballar política ou socialmente contigo foise quedando no camiño e hoxe se adica a outras cousas. No mellor dos casos colaboran nalgunha ONG, ou no movemento veciñal da súa cidade NUNCA NA GALAXIA NACIONALISTA OU AFÍN, CADA VEZ MAIS PARECIDA A AQUEL ANTERGO "FAMILIA, MUNICIPIO, SINDICATO"(CIG, MNL...). Outros nin iso. O único espacio compartido para algúns empeza a ser a bancada do estadio da nosa equipa de futbol. Que capacidade para queimar ao persoal. Canto talento desperdiciado. Que peniña.

quico disse...

Hai uns dez anos, tocaba facer unha revisión do proxecto do Bloque, unha vez conseguido que fora un espazo común. Penso que fora na asemblea de A Coruña cando máis cerca estivemos de esa revisión, e penso que saímos daquela asemblea sen estes deberes feitos, e un Roberto Mera liderando a máis decidida das expresións dunha necesidade de renovación que moitos militantes víamos necesaria.
Dáme a sensación que hoxe seguimos nas mesmas só que sete anos máis vellos, e moitos máis "queimados" entre nós. Aínda que, certamente, tamén con moitas experiencias enriquecedoras, aínda que dramaticamente duras.
Francamente, non sei cal será a mellor alternativa para organizar un proxecto liberador (“dende Galiza para o mundo” ) como o que seica pretende o BNG, pero o problema é que tampouco teño clara cal é a peor.