16/03/2009

Facendo un nó

No Cuartel Xeral de Sabón non tiveron ocasión para descorchar champán. O Consello Nacional que estaba chamado a rematar como a matanza caníbal dos garrulos lisérxicos culminou cun inusual consenso que senta na mesa das decisións a (case) todas as familias políticas do BNG. Abandonadas as estratexias de Destrución Mutua Asegurada, máis que imporse a correlación de forzas dominou a correlación de debilidades.

Atendeuse sensatamente o consello que nos deu Franklin Delano Roosevelt: «Cando chegues ao final da túa corda, fai un nó e aguanta.» As decisións substancianse niso: afirmarse nun punto de apoio e resistir para recomezar un proceso no que se ten que pensar globalmente a organización política do nacionalismo galego. Non se produciu o big crunch do BNG, pero todo indica que aínda está moi lonxe un novo big bang político e electoral do nacionalismo.

A estas alturas ninguén pode enganarse pensando que se zafará cunha reacomodación táctica e unha nova repartición de poderes entre as distintas correntes, partidos e colectivos. Toca reconsiderar radicalmente lideratos, modelo de organización e estratexia. Hai que atender tamén a sabia distinción do xadrecista Savielly Tartakower: «A táctica consiste en facer algo cando hai algo que facer; a estratexia consiste en saber que facer cando non hai nada que facer.» Non é o tempo da táctica senón da estratexia, pero nas señerdades do partido-guía ou na recreación emotiva do frontismo do frontón non imos atopar moitas solucións estratéxicas con futuro.


En materia de estratexia é ben non deixar caer en saqueta rota outro dos moitos consello intelixentes de Savielly Tartakower: «Temor a arriscarse e preferir a extrema tranquilidade é un xerme da derrota.» Hai que repensarse con valentía e sen ataduras e quizais o futuro pase por buscar novas formulas como a que se apunta en Nygardsvej. Mentres o champán enfría en Sabón.

2 comentários:

abobriga disse...

un placer compartir xornada convosco...

Ian disse...

Igualmente. Unha xornada moi proveitosa polo menos para min, non sei se tanto para os asistentes ao curso. Saín coa cabeciña chea de reflexións, con máis enunciados de novos problemas e desafíos que de certezas. Por aquí me ten ou a través do facebook para que poida ser do teu interese.