Leo en Sen Permiso, «Crise tipo L», unha análise económica que Alejandro Nadal publicou o pasado 19 de marzo en La Jornada. Nadal, un economista de sempre proveitosa lectura, achéganos unha prospectiva alfabética da crise globalizada á que lle dá a forma de tres consoantes. Recea sensatamente de que esteamos diante dunha crise tipo V; é dicir, perante dun tempo económico caracterizado por unha forte caída económica que vai ir seguido dunha áxil recuperación. Repara nas posibilidades dunha crise tipo U, un U alongado cara á dereita, cun fondo de crise sostido e unha nova expansión económica que tardará en chegar. E, por cabo, non descarta para moitas economías unha crise de tipo L, onde á caída seguirá un estendido período de estancamento e un repuntamento que non se enxerga no horizonte. É difícil atopar mellor xeito para grafar a crise, mesmo a crise dos proxectos políticos.
22/03/2009
Crise consoante
Leo en Sen Permiso, «Crise tipo L», unha análise económica que Alejandro Nadal publicou o pasado 19 de marzo en La Jornada. Nadal, un economista de sempre proveitosa lectura, achéganos unha prospectiva alfabética da crise globalizada á que lle dá a forma de tres consoantes. Recea sensatamente de que esteamos diante dunha crise tipo V; é dicir, perante dun tempo económico caracterizado por unha forte caída económica que vai ir seguido dunha áxil recuperación. Repara nas posibilidades dunha crise tipo U, un U alongado cara á dereita, cun fondo de crise sostido e unha nova expansión económica que tardará en chegar. E, por cabo, non descarta para moitas economías unha crise de tipo L, onde á caída seguirá un estendido período de estancamento e un repuntamento que non se enxerga no horizonte. É difícil atopar mellor xeito para grafar a crise, mesmo a crise dos proxectos políticos.
18/03/2009
Reciclaxe e ecoxornalismo
«Non ter unha idea e poder expresala: iso fai o xornalista.» Karl Kraus tiña días vitriólicos nos que debía ser preferíbel non cruzar palabra con el. Non é cousa de retrucarlle pero é máis preciso dicir que, á par de xornalismo de ideas de gran calidade, existe tamén un subproduto que se etiqueta como xornalismo de opinión que fai desconfiar sobre as posibilidade dun futuro digno para a profesión. Existe e manda moito naquelas redaccións que se tornaron nun vertedoiro de lixo. Hai dous ecoxornalistas aos que admiro un mundo pola habilidade que teñen para reciclar refugallos mediáticos e tirar deles magníficas pezas xornalísticas. Ambos os dous traballan na planta de compostaxe que mantén aberta Público. Roberto Enríquez faino na contra coa súa sección «Visto/dicho/oído» onde día a día con tres capturas de pantalla tómalle o pulso ás ofertas televisivas. Aínda que, de cando en vez, se alegra a ollada con algunha perla, ten que tratar diariamente con carretadas de esterco aos que a golpe de enxeño lles quita incríbeis aproveitamentos para vacinarnos contra a idiotez carroñeira catódica e dixital. E Juan Carlos Escudier que celebra a súa «Merienda de medios» na novena de Público. Aquí, sen rodeos, hai que dicir francamente que da merda mediática fai arte xornalística sobre a base do principio activo da retranca, o escarnio e a intelixencia.
Cando acabo de ler as súas seccións de reciclaxe sempre me asalta a mesma dúbida: nós para desintoxicarnos de tantas sandeces, temólos a eles, pero eles como se coidan para non sucumbir psicoloxicamente ante tanta estupidez lida, dita, vista ou ouvida?
17/03/2009
O xornalismo de Sofía
En sesión universitaria sabatina, participei con Luís Cividanes e Calidonia nunha mesa redonda para matinar sobre a web 2.0 e a política 2.0, abrindo unha reflexión sobre a construción de opinión política e o ciberactivismo na rede galega. E falamos, como non, de xornalismo cidadán, dos novos e vellos medios e da comunicación nas redes sociais, dos nosos atrasos e de presentes innovadores que cuestionan e desafían toda certeza. Hoxe chégame a nova deste vídeo e deste relato ampliado sobre o xornalismo do futuro. Tamén presentación en sociedade dun novo medio on line que se anuncia «independente, moderno, de calidade e aberto a todos». Unha proposta que afirma que a información é de todos e que funda a súa filosofía nunha triangulación que vencella xornalistas, robots e lectores. Unha tecnoutopía? Non tanto, máis ben unha narración (cada vez menos) fantástica sobre futuros posíbeis ao xeito de Jules Verne, adiantada dun xornalismo xermolar e emerxente que se ofrece como superación e solución á crise dos medios tradicionais, tradicionais no papel e tamén agora tradicionais na rede.16/03/2009
Facendo un nó
No Cuartel Xeral de Sabón non tiveron ocasión para descorchar champán. O Consello Nacional que estaba chamado a rematar como a matanza caníbal dos garrulos lisérxicos culminou cun inusual consenso que senta na mesa das decisións a (case) todas as familias políticas do BNG. Abandonadas as estratexias de Destrución Mutua Asegurada, máis que imporse a correlación de forzas dominou a correlación de debilidades. Atendeuse sensatamente o consello que nos deu Franklin Delano Roosevelt: «Cando chegues ao final da túa corda, fai un nó e aguanta.» As decisións substancianse niso: afirmarse nun punto de apoio e resistir para recomezar un proceso no que se ten que pensar globalmente a organización política do nacionalismo galego. Non se produciu o big crunch do BNG, pero todo indica que aínda está moi lonxe un novo big bang político e electoral do nacionalismo.
A estas alturas ninguén pode enganarse pensando que se zafará cunha reacomodación táctica e unha nova repartición de poderes entre as distintas correntes, partidos e colectivos. Toca reconsiderar radicalmente lideratos, modelo de organización e estratexia. Hai que atender tamén a sabia distinción do xadrecista Savielly Tartakower: «A táctica consiste en facer algo cando hai algo que facer; a estratexia consiste en saber que facer cando non hai nada que facer.» Non é o tempo da táctica senón da estratexia, pero nas señerdades do partido-guía ou na recreación emotiva do frontismo do frontón non imos atopar moitas solucións estratéxicas con futuro.
En materia de estratexia é ben non deixar caer en saqueta rota outro dos moitos consello intelixentes de Savielly Tartakower: «Temor a arriscarse e preferir a extrema tranquilidade é un xerme da derrota.» Hai que repensarse con valentía e sen ataduras e quizais o futuro pase por buscar novas formulas como a que se apunta en Nygardsvej. Mentres o champán enfría en Sabón.
15/03/2009
Despois do naufraxio (e ...): explicacións e advertencias
Tras a brillante explicación de Lándoa, o intelixente desmiuzado estatístico de Calidonia e a feliz recuperación desta lúcida folla de advertencias, publicada por Xaime Subiela en Tempos Novos en 2005, máis nada teño eu que especular. Confiemos en quedar aprendidos para outras travesías.
04/03/2009
Despois do naufraxio (2): O país ideal e o país material
Versionando o título da película dos irmáns Cohen e do libro de Cormac McCarthy, un boa amiga condénsame o seu balance electoral: «Galiza, non é un país para nacionalistas». Interésame agora a idea de país como tag da cuestión identitaria e da nosa representación colectiva para chamar a atención sobre a fenda que separa o país ideal do país material, e digo país material e non país real porque o país ideal é tan real como o material, aínda que finalmente non pese tanto electoralmente un coma o outro. O noso país imaxinario e o noso país material teñen unha zona de intersección cativa. E é nesa zona de intersección sobre a que opera a eficacia das nosas políticas.Tras o naufraxio é habitual escoitar como corolario da valoración do noso revés electoral algunha amargada queixa sobre o país que temos. Non é un trazo do mal perder dos nacionalistas, malfadamente está moito máis estendido, un recoñecido blogger do PSdeG-PSOE, José Luís Prieto, anotaba no seu twitter: «Los pueblos siempre tienen los Gobiernos que se merecen. Y el pueblo gallego ha cambiado poco desde que lo caricaturizó Castelao».
O reconto de papeletas reflicte a faciana política da Galiza que temos: conservadora e maiormente pouco galeguista. Adoitamos esquecernos desa natureza e reemprazámola por unha versión ideal seguindo o procedemento do señor Keuner que describiu Bertold Brecht:
—Que fai vostede –preguntaron un día ao señor K.– cando ama a alguén?Co país facemos, en primeira instancia, algo semellante, temos feito un debuxo e procuramos que se lle pareza; para de seguido substituír o país pola imaxe que pintamos del. Descoñecemos (en gran medida) ou ignoramos (maiormente) as estruturas e dinámicas políticas e sociais da Galiza que queremos representar e transformar e operamos politicamente sobre un imaxinario e non sobre a súa base material e mesmo, ás veces, tomamos por material o que é puramente ideal.
—Fago un bosquexo desa persoa –respondeu o señor K.– e procuro que se lle asemelle o máis posible.
—O bosquexo?
—Non -contestou o señor K.–. A persoa.
Identidades practicábeis e identificación imposíbeis
Valga como exemplo. As sondaxes deixan claro que Galiza non é país para nacionalistas e que queda moito por facer até lograr que sexa un país dos nacionalistas. A última entrega do CIS (xaneiro-febreiro de 2009) ofrece a mesma imaxe que todas as súas precedentes. Un 28,2% dos galegos entrevistados declara ser nacionalista, o 67.8% maniféstase como non-nacionalista. Os que se senten unicamente galegos suman un 4,9% fronte a un 5.1% que se consideran só españois. Máis galego que español: 19,4%. Máis español que galego: 3,6%. Tan español como galego: 65%. Máis ou menos, tan só 1 de cada catro galegos di ser nacionalistas ou di sentirse máis galego ou tan só galego. Os entrevistados valoran o seu nacionalismo –1: mínimo, 10: máximo– nun 4,56%; e estiman coa mesma escala o nacionalismo do Partido Popular (3.07), do PSdeG-PSOE (4,73) e do BNG (7,99). O elector medio considerase tan nacionalista galego como o PSdeG e case que a metade de nacionalista que o BNG. Traducindo: o elector ao que nos diriximos ten que duplicar a súa identificación nacionalista para votar BNG pero sen apenas modulala pode votar PSdeG.
O imaxinario dos nosos destinatarios: unha maioría social galeguista. A idea que eles –a inmensa maioría dos electores– teñen do BNG é como unha alternativa de nacionalismo forte. A nosa oferta identitaria está na extrema pero o elector promedial a que nos diriximos está no centro do arco identitario, moito máis próximo en calquera caso ás propostas de galeguismo máis ou menos rebaixado do PSdeG ou do Partido Popular. A cousa complícase porque mesmo os nosos votantes se autoidentifican ideoloxicamente cun grao de nacionalismo máis rebaixado que o que lle atribúen ao BNG.
O paso polo goberno non mellorou a nosa comprensión do país material, nin serviu como observatorio privilexiado para enxergar as súas tendencias de futuro. Manda o impresionismo estratéxico e descubrimos novas realidades unicamente grazas a unha dolorosa espiral de ensaio-erro. Os nacionalistas non destacamos como habelenciosos coolhunters, pódennos as lecturas retrospectivas do país, obviamos as realidades presentes que non encaixan na nosa ollada, resolvemos os desenfoques botando man dos nosos imaxinarios e prestámolles pouca atención ás realidades emerxentes e ás tendencias de desenvolvementos futuros.
Agárdase de nós que ofrezamos identidades practicábeis e identificacións políticas verosímiles; e dificilmente se pode practicar un nacionalismo de proximidade sen salvar esa fenda entre o noso país imaxinario e o país material, entre como nos vemos, como nos ven e como se ven os electores galegos. Con esta pedra batemos unha e outra vez. E sempre nos abraiamos.
02/03/2009
Tras o naufraxio (1): Tamparrantán
Tamparrantán. É unha palabra do dicionario materno que non aparece no da RAG. Define unha sacudida brutal, unha descarga eléctrica forte, un golpe sorpresivo e contundente, tamén o infarto. O día 1-M sofrimos un tamparrantán electoral maiúsculo. Máis que unha causa hai unha multitude de razóns para compoñer a explicación do fracaso electoral do BNG e do PSdeG. Comezo a debullar algunhas que a min me parecen relevantes e que quizais para moitos non expliquen nada.Duplo poder
A comparanza do acontecido en 2005 e 2009 permite chegar (agora) a unha primeira conclusión: hai tres anos e pico o Partido Popular perdeu as eleccións por non ter feito unha oferta renovada do seu liderado, daquela máis que gañar o BNG e o PSdeG perdeu Manuel Fraga e a súa oferta continuísta. Con Feijóo, ou mesmo con X.M. Barreiro, é ben posíbel que conservaran a presidencia da Xunta de Galicia, bastáballes cun pouco de frescura e redeseñar máis audazmente o seu cartel electoral para volver sumar unha maioría parlamentaria. Non o fixeron e perderon. En todo caso, nós non lle concedimos demasiada importancia ao resultado (paradoxal) daquelas eleccións: o BNG e PSdeG faciámonos co goberno e o Partido Popular quedábase co (resto do) país.A repartición, ratificada despois nas eleccións municipais, supoñía que mentres as forzas da coalición ocupaban os principais centros de decisión da sociedade política, o Partido Popular se acantoaba no centros de poder da sociedade civil e en poderes políticos de segundo nivel. A ilusión e a confianza ilustrada no goberno como forza transformadora agochou aos nosos ollos, ou nos fixo desprezar, esa situación efectiva de poder dual. Gramsci Consultores teríanos dito que poder sen coacción e con baixa capacidade de convicción non caducan hexemonías, aínda así a potencia dos novos recursos de poder parecían suficientes para modificar co tempo a correlación das súas forzas e as nosas debilidades. Galiza tiña de partida dous gobernos: o do PSdeG-BNG e o do Partido Popular.
Nestas condicións, non inéditas xa que o mesmo sucedera nos tempos do goberno tripartito de González Laxe, ao Partido Popular bastáballe con resistir pero ao PSdeG e ao BNG non lle era suficiente con dirixir as institucións do autogoberno galego. Gramsci Consultores podería ternos advertido tamén que o Partido Popular perdera o consenso pero conservaba a autoridade, e que a coalición BNG-PSdeG gobernaba pero non era dominante. Jimmy o Santo [Andy García], o protagonista da magnífica Cousas que facer en Denver cando estás morto, formulouno dun xeito máis gráfico: «Podes ser un home cun garfo nunha terra de sopas.» E aí estabamos nós cun garfo intentando gobernar a terra de sopas do Partido Popular.
20/02/2009
Lecturas en tempos de crise
Zygmunt Bauman é un pensador de grande engado editorial. Multiplícanse o número de títulos seus traducidos ao español e mesmo pezas menores son recuperadas para ser postas outra volta en circulación. Nesa onda, a editorial Katz ofrécenos Múltiples culturas, unha soa humanidade, onde axunta unha conferencia pronunciada polo sociólogo polonés no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona e unha entrevista que lle fixo Daniel Gamper Sachse. En ambas as dúas pezas, Bauman reitera moitas das ideas motrices das súas obras maiores: a idealización de comunidades refuxio e a obsesión coas fronteiras como resultado da van esperanza de poder garantirnos unha protección auténtica fronte aos risco globais; a imposición dun mundo global onde se institucionaliza unha política local sen poder e un poder global sen limitacións políticas; a confirmación das cidades como vertedoiros dos problemas que se producen a escala global e como campo de batalla principal da loita e tensión entre liberdade e seguridade pero tamén como escenario no que se pon en práctica e desenvolve (con desigual éxito) a arte da convivencia diaria e pacífica coa diferenza...
Tamén nesta ocasión Zygmunt Bauman lémbranos que, na orde líquida dos nosos tempos, a vida se configura como unha sucesión de proxectos efémeros, de curto prazo, de impacto inmediato e de epidérmicos calados. Sinálanos como nómades que transitamos dun proxecto cara outro e subliña que a lembranza do noso último proxecto, ou do noso último éxito, non dura moito. Así como as derrotas e fracasos fan pouso, os éxitos non sedimentan; de aí que haxa que seguir movéndose dun proxecto a outro na procura de novos caladoiros de novos éxitos e recoñecementos. O autor de Modernidade líquida remítese con frecuencia á palabra alemá Unsicherheit como marca dos nosos tempos; Unsicherheit ten un significado múltiple: incerteza, inseguridade, vulnerabilidade e precariedade; é dicir, as materias constituíntes dos medos actuais.
Toda a obra de Bauman é suxestiva e estimulante, indicadora de tendencias certas da evolución das nosas sociedades mais, en tempos de bonanza como os felices noventa e o cambio de século, as súas descricións resultaban máis esperanzadas do que agora na cerna da primeira grande crise da globalización. As súas palabras mídense igual pero o peso da súa negrura é bastante maior. «Se perdemos a esperanza será a fin pero Deus nos libre de perder a esperanza». O que onte era unha sentenza para afirmarse con afouteza, hoxe semella unha ladaíña para que unha forza superior nos abeire. Tal que son malos tempos para a lírica...
Etiquetas:
Crise,
Economía,
Lecturas,
Problemas malditos
18/02/2009
Guerra psicolóxica e sondaxes

Debería poñerse un equipo de sisudos científicos a investigar os efectos betabloqueantes que provocan as sondaxes electorais na cidadanía. Cada nova entrega de inquéritos amenaza con producir un efecto paralizante no espectro angustiado de moitos votantes progresistas/nacionalistas. De nada vale recordarlles que a única sondaxe válida é a das papeletas do 1-M e pouco gañamos decíndolles que está nas súas mans cambiar o curso da historia; é dicir, cambiar o resultado das sondaxes publicadas. O efecto rotundo da encuesta electoral é sempre alimentar os máis arraigados temores. A cadea sondaxe-disuasión-medo-paralise funciona cunha precisión abraiante.
Camiñamos cara ao ecuador dunha campaña electoral fría, glacial, e cada vez é máis evidente que a estratexia principal do Partido Popular é abonar o desánimo e reemprazar a súa falta de sedución por unha contundente campaña de disuasión da participación. O filósofo polaco Leszek Kolakowski contaba unha fábula que evidencia a estratexia da fronte conservadora que reúne ao Partido Popular e as súas voces auxiliares. Dous nenos están no parque botando unha carreira; o que vai atrás berra unha e outra vez: Vou gañando!, Vou gañando! até que o neno que leva a dianteira abandona a carreira e vai chorar en brazos de súa nai, dicindo: «Non podo con el, sempre me gaña».
Unha vez máis hai que reiterar que está nas nosas mans poñerlle outro final a esta historia, aínda que pouco gañemos.
17/02/2009
Andoliñas
Galicia-Hoxe fixo unha agradecida homenaxe a Marcos Valcárcel reunindo unha manchea xenerosa das «Andoliñas» que lle publica desde o primeiro de outubro de 2004. Agarimosamente escolmadas por Alfonso Vázquez Monxardín chegaron de balde co exemplar dominical do xornal e regaláronme un serán de felices lecturas. Son amador da prosa concisa de Marcos, deses 1.500 carácteres e da súa arte para sintetizar tanta substancia en tan limitado número de palabras. Sabemos ben que a norma construtiva de a menor espazo, menor traballo é falaz. A escrita desas anotacións compactadas, coas que Marcos nos dá diaria conta de lecturas, sucesos, valores emerxentes ou frangullas de socioloxía cotiá, resulta un exercicio de estilo custoso e demorado. No resultado abrolla a evidencia de que moita reflexión propia e abondosas lecturas foron pacientosamente destiladas para deixarnos ese grolo diario de realidade analizada, discutida ou informada.
A economía da atención e as novas formas de lectura veloz que se impoñen na rede comportan un desacougante risco: a xeneralización dunha composición sumarial e epidérmica de situacións e opinións. A aprendizaxe do oficio con Marcos Valcárcel é un bo antídoto para non entregarse á superficialidade. Cada andoliña, malia súa brevidade formal, agocha unha envexábel solvencia intelectual e solidez informativa e en moitos casos a andoliña tórnase nunha sorte de ensaio miúdo. Ensaio ao xeito que o definiu Alessandro Baricco, unha tentativa de pensar, escribindo. Un engado suxestivo que nos convoca día a día na derradeira páxina de Galicia-Hoxe.
06/02/2009
Bandeira do noso país
Por Argallando souben da escea chave de No val de Elah. Nun edificio público, un bedel salvadoreño pendura invertida a bandeira dos USA. Hank Deerfield [Tommy Lee Jones], un policía militar retirado, explícalle: «Sabe o que significa cando a bandeira está izada ao revés? É un sinal de auxilio internacional. Significa: hai problemas, veñan salvarnos o cu porque non temos unha oración para salvarnos a nós mesmos.»
Des que estreamos Estatuto, o noso autogoberno colocouse á sombra dunha bandeira invertida, fomos o territorio de gobernos abaixados, de entregada conduta ante o Estado. Dígase que faltou autoestima e proxecto de país ou que simplemente houbo desconfianza nas capacidades propias, pero durante a maior parte da era Fraga emitiuse o mesmo sinal: goberno amigo ou curmá de Zumosol veña salvarnos o cu, temos problemas e non somos quen de valernos sós.
Desde 2005 ímola virando, uns días con máis fortuna que outros. Agora máis que un país á espera de axuda somos un país en construción, con moito que facer e bastantes cousas que mellorar. Tamén podemos dicir con Fran Alonso que somos un país a medio facer. O 1-M saberemos canto suman os que pensan que basta con recargar Galiza e canto os que cren, con diferente acento, que hai que pensar este curruncho en clave de país e meterse con ganas ás reformas e obras maiores (e menores) que precisamos.
Des que estreamos Estatuto, o noso autogoberno colocouse á sombra dunha bandeira invertida, fomos o territorio de gobernos abaixados, de entregada conduta ante o Estado. Dígase que faltou autoestima e proxecto de país ou que simplemente houbo desconfianza nas capacidades propias, pero durante a maior parte da era Fraga emitiuse o mesmo sinal: goberno amigo ou curmá de Zumosol veña salvarnos o cu, temos problemas e non somos quen de valernos sós. Desde 2005 ímola virando, uns días con máis fortuna que outros. Agora máis que un país á espera de axuda somos un país en construción, con moito que facer e bastantes cousas que mellorar. Tamén podemos dicir con Fran Alonso que somos un país a medio facer. O 1-M saberemos canto suman os que pensan que basta con recargar Galiza e canto os que cren, con diferente acento, que hai que pensar este curruncho en clave de país e meterse con ganas ás reformas e obras maiores (e menores) que precisamos.
21/01/2009
Fin de festa
En opinión de Héctor Aguilar Camín, que enterrou moitas e moi fecundas horas de traballo nos medios, «o periodismo é unha forma frenética de saber o que pasa sen entender o que sucede». Esta agre sentenza comeza a estar trastempada cando menos no que se refire a saber e a entender o que está acontecendo no oficio e nas empresas de comunicación. O estado de consciencia principia a ser pleno. A crise global ten unha das súas máis agudas expresión no crash de xornais e empresas de comunicación e o seu impacto sobre a existencia profesional dos xornalistas forza a consciencia e a necesidade de entender rapidamente o que ocorre para procurar axilmente unha saída de emerxencia.Con todo, hai que lembrar que desde o cambio de século non se deixa de falar con obstinación da crise dos medios tradicionais. Xa daquela o célebre xornalista da CBS, Dan Rather, sinalou alamado que o medo se apoderara das redaccións dos medios: «Hai medo de que a circulación se funda ou que non crezca. Non tes tempo para pensar o que tes que facer porque temes que a túa competencia tome a dianteira.» Co tempo o medo mudou a pánico. Á altura de 2006, The economist preguntábase: «Quen matou ao xornal?» No último semestre de 2008 asistimos a quebra en cascada de numerosas cabeceiras. Un temíbel efecto dominó agranda a crise.
Reinventar El País
A última (de momento) resposta á crise dos media é a de El País que anunciou, por boca de Juan Luis Cebrián, unha nova estratexia de «cambio cultural» e de reenxeñaría empresarial para poñer fin a un formato integrado verticalmente que se valora «anticuado, obsoleto e esclerótico».
Déronse un tempo para pensar e para deseñar un «plan de supervivencia», a gran transformación é tornar El País nunha factoría de produción de contidos de calidade para soportes diversos (papel, rede e telefonía). Unha redacción unica, fusionando os equipos de on line e de off line, que sumará máis de 500 profesionais, que se acompaña de outras dúas empresas: unha para prestar servizos troncais (administrativos, de sistemas, recursos humanos e distribución), que ocupara a 200 persoas, e outra dedicada á produción e que, cuns 150 empregados, asumirá as tarefas relacionadas con rotativas, papel, peche e mantemento. 7 leccións e 6 recomendacións
O inicio da metamorfose ten data: 1-M. Haberá que agardar para ver o que dá de si tanta ortopedia e mudanza cultural, mentres é proveitoso reler un traballo de Juan Antonio Giner («Siete lecciones que explican la anunciada crisis de los diarios norteamericanos», Cuadernos de periodistas, setembro 2008).
As súas sete leccións son:
- Os diarios nunca morren por falta de lectores senón por falta de publicidade.
- Os diarios para todos son os diarios para ninguén.
- Un diario non pode ser só un negocio, debe ser e debe ser visto como unha auténtica institución social.
- A crise dos grandes diarios é a crise das grandes cidades.
- Os grandes diarios fános os grandes editores e moi poucas veces os banqueiros ou os homes de negocios.
- Os verdadeiros «donos» dos xornais son os seus lectores e non os seus anunciantes.
- Os cambios hai que facelos cando as cousas van ben.
- Non nos debe preocupar o futuro, senón o presente.
- Non nos deben preocupar os xornais, senón o periodismo.
- Non nos debe preocupar a técnica, senón as persoas.
- Non nos debe preocupar a estética, senón a ética.
- Non nos deben preocupar as cousas, senón o espírito e as ideas.
- Non nos debe preocupar o cambio, senón a innovación.
20/01/2009
20 xaneiro
20 de xaneiro, Obama novo presidente dos USA. Cae a folla do almanaque que me suma 48 anos. Calidonia agasállame, xenerosa e sorpresivamente, coa mellor banda sonora para este día no que sempre pasan tantas cousas: This land is your land de Woody Guthrie, e cun galano de memoria, vida, imaxes e cancións que identifican a versión do país das barras e estrelas que a min máis me gusta. Quédolle eternamente agradecido.
09/01/2009
A saída de Monteira
Cando a Félix Monteira lle endosaron a posta en marcha de El País Galicia, Manolo Rico agasallounos cunha das súas brillantes e incendiarias sentenzas: «Gaña Galiza, perde Madrid.» O tempo encargouse de ratificar o seu parecer dun modo rotundo. Tras dous anos e pico de logros na factoría galega, o anuncio do seu retorno á sede central brindoulle ao equipo directivo do xornal unha excelente ocasión para emendar erros pasados e aproveitar con intelixencia toda a experiencia e bo facer de Monteira, membro fundacional de El País.O desenlace do retorno é ben cabrón: a intelixencia foi derrotada e non lle souberon atopar sitio a Monteira no novo periodismo que apadriña Moreno coa beizón de Cebrián e Polanco. Tras 33 anos nesa casa editorial Monteira marcha e con esta saída agora quen perde esmagadoramente é El País e, en consecuencia, os seus lectores.
Confío en que ninguén se entregue á estupidez e nos intente facer crer que é unha esixencia da renovación e modernización do proxecto xornalístico de El País, xa saben aquilo de que as vella glorias fundacionais do periódico teñen que deixar sitio ás futuras glorias. A experiencia de El País Galicia indica que a veteranía de Monteira foi decisiva para crear un espazo de comunicación influente para o protagonismo de novos e non tan novos xornalistas como Xosé Hermida, Fernando Varela ou Daniel Salgado por citar tres de variada caste.
Antón Baamonde xa fixo eloxio dalgúns dos seus méritos e non é cousa de repetirse para que ninguén nos zorregue por falar ben dun «poderoso»; con todo, teño que dicir que Monteira é unha proba incuestionábel de que os bos xornalistas, ao xeito de Lou Grant, non son un produto de ficción; son escasos, si, pero existen. Existen e agora, un deles anda á procura de traballo. De puta pena. Que grande oportunidade para que o fiche a competencia!
08/01/2009
Bueno
A poucos días da morte de Marijé Díaz, antiga compañeira de aventuras militantes, chega coa noitébrega a mala nova do pasamento de Agustín Bueno. Todo o que se diga da bondade de Agustín ha de quedar en testemuño apoucado. Non podo gabarme de ser o seu amigo, nin de tratos persoais maiores, funlle un admirador na distancia longa e benefícieime da súa bondadosa achega a través de persoas interpostas que o tiñan por amigo de corazón.Crente galego, de tolerancia infinita, de modestia amigábel e entregas xenerosas, Bueno era un facilitador das mellores causas e unha peza imprescindíbel para calquera iniciativa social ou solidaria que botase raíz no barrio do Castiñeiriño, un dos máis vizosos laboratorios da acción comunitaria en SCQ.
Estou certo que Bueno compartía a cartografía que tracexou o teólogo valenciano José Ignacio González Faus cando fixou que «a terra está dividida en tres únicos continentes: o das vítimas, o dos indiferentes e o dos comprometidos». Unha forma humildosa de describir a vida de Agustín sería dar conta da súa enxeñaría solidaria para tender pontes entre o continente do compromiso e o das vítimas, e para roubarlle terra, aire e razóns ao mundo dos indiferentes.
Como o premio Nobel da Paz, Elie Wiesel, sabía que «actualmente a crueldade máis grande é a indiferenza» e que «coñecer pero non actuar é unha forma de consentir as inxustizas». Ao coidado da xustiza dedicouse con enteireza, foi unha loita admirábel e de logrados froitos. Raiola, Irimia, a Asociación de Veciños do Castiñeiriño, o movemento de crentes galegos... e mil iniciativas máis tecéronse coa axuda das mellores fibras de Agustín Bueno, un home bo ao servizo do ben dos demais. A súa familia, amigos e conveciños están de loito, o mellor da humanidade tamén, perdeu a un dos seus.
05/01/2009
O lector estrábico
Jorge Herralde afirmou nalgures que «o editor é un animal estrábico, cun ollo forzosamente no negocio e outro forzosamente na cultura.» Descoñezo cales son os puntos focais dos ollos dos editores de xornais pero hai días en que contribúen a facernos a todos tortos cando non cegos. Pero quizais a única maneira de sobrevivir sexa converternos todos en animais estrábicos. Para atender de xeito equilibrado á realidade política do noso turbulento Estado houbo un tempo en que os lectores máis esixentes confrontaban as olladas que El País e El Mundo ofrecían nas súas edicións sobre calquera feito de interese xeral. As súas descricións e interpretacións semellaban responder a universos (mundos/países) paralelos. Esa ollada forzada, diverxente e dual na actualidade ten que atender a outros focos. O contraste agora é ofrecido cada vez con maior frecuencia por El País e Público que acoutan a realidade informativa segundo máis lles reina. Hoxe rotulan «Sarkozy acusa a Hamás de acciones “irresponsables e imperdonables”» e «Sarkozy, a favor de “un alto el fuego lo antes posible”». El Mundo achegaba un titular virtuosamente expandido: «Sarkozy pide un alto el fuego 'pronto' en Gaza y Hamas le acusa de apoyar el “holocausto”» que completaba ademais cun par de subtítulos: «El presidente francés tacha de “irresponsables” a los islamistas» e «Asegura que la UE está trabajando para acabar con el enfrentamiento».
Público tira a información de EFE, El Mundo de Reuters e AFP, El País de axencias indeterminadas. Todas fan referencia ao mesmo feito informativo pero non é un problema de fontes, nin do que editorialmente se quere interesadamente subliñar, o problema, ben se sabe, é que a realidade tamén é estrábica e a condenada sempre nos devolve máis dunha ollada.
30/12/2008
Na xungla de papel
Nestes días de andaina iniciática dun novo xornal de Galicia, vénseme á cabeza, como retrouso, Los demasiados libros, un título imprecindíbel no que o poeta e ensaista mexicano Gabriel Zaid reflexionou sobre a sobreprodución de títulos e os futuros posíbeis da industria editorial. Galiza agarda por un ensaio de razóns semellantes, que ben se podería titular Os demasiados medios, para explicar cabalmente a proliferación de cabeceiras informativas (reais, irreais e virtuais) que inzan os quioscos e a rede dun país de poucos lectores pero de abondosas axudas públicas (directas ou indirectas) ás empresas de comunicación. As razóns son sabidas pero tamén son pudorosamente obviadas. De modo xenérico, para facer cartos cun xornal hai tres instrumentos: a publicidade, as promocións e a venda do papel impreso ou da visita virtual. No que D. C. Hallin e P. Mancini denominaron sistema político-mediático mediterráneo habería que sumarlles as subvencións e axudas públicas, auténtico cuarto piar do negocio da comunicación nos países latinos.
Neste ecosistema mediático, o equilibrio de ingresos é altamente inestábel e calquera novo produto pode provocar turbulencias con graves impactos no balance de resultados, máis aínda en tempos de crise global dos media; por iso a algúns (poucos) gustaríalles que a xestión das axudas e as publicidades das administracións públicas aténdese escrupulosamente ao efecto Mateo segundo o cal «ao que máis ten, máis se lle dará; e ao que menos teña, aínda o pouco que teña se lle quitará»; de aí a carraxe provocada porque a directriz bíblica se aplique de xeito imperfecto e que non se impuxese (aínda) a expropiación do pouco que reciben os menos podentes.
Non é ningún segredo que, en Galiza, o medio de comunicación que máis ten é tamén o que máis recibe e que este feito contábel non impide ao seu dono autoproclamarse «o último editor independiente de España» ou aparecer como o denunciador da falta de librecompetencia mediática («A competencia non está nos medios, senón que vén do mundo político, dun fondo de réptiles empresarial, de nacemento espúreo»).
Coraxe manda: «Non edito ni falo para que me queiran, senón porque quero a Galicia.» Esta a súa divisa non foi garantía suficiente para que non deformase grotescamente un medio de comunicación até convertelo nun medio de obsesión. A axenda obsesiva enfía a Cidade da Cultura, a Feira da Habana, a competencia xornalística e as tentacións de San José, o negocio eólico e outras moitas paixóns e odios máis ou menos fabulados. Unha axenda que tapa os méritos de quen lle discute a súa predominancia e arrogancia mediática, fabrica éxitos artificiais para quen se lle entrega mansamente, e afoga a todos os demais na indiferenza.
A posición herdada no mercado mediático galego alenta sobradas prepotencias e sabe que se pode facer e dicir o que queira porque só se escoitará alto e claro unicamente o que el desexe; e que a onde non cheguen as súas palabras de orde chegarán as súas ordes de silencio. E así se seguirá até que os lectores rescindan a súa lealdade ou un mal paso na xestión aboque á grande empresa á creba.
Falamos moito de que a nosa democracia está mediatizada e de que, como afirma Salvador Cardús, «os medios se converteron no escenario da política», mais en verdade a algúns aínda lles parece que a política está pouco mediatizada e aspiran a que os «homes de empresa» do cuarto poder sexan quen determinen as grandes decisións, cando menos, do primeiro e segundo poder. Esa caricatura mesiánica dos grupos mediáticos como auténticos demiurgos da cousa pública empata moi ben cun modelo de política patricia que despreza as representacións plebeas e cun entendemento oligárquico do que é autogoberno democrático.
O Galicia
Con semellante pano de fondo, releo Castelao na luz e na sombra, onde Valentín Paz Andrade rememora a fundación do xornal Galicia en 1922. Unha aventura cunha liña editorial esteada na independencia, no liberalismo e na galeguidade. Paz Andrade, como director, entendía innovadoramente a caricatura e o editorial como «dúas pezas claves para gañar lectores» e por iso privilexiou o humor gráfico da man de Castelao e institucionalizou na prensa galega o editorial xa que, na súa idea, a «quen lee, gústalle recibir preformada unha opinión idónea a soster sobre os acontecementos ao ritmo que van sucedendo». Valores, posición editorial e humor son compoñentes imprescindíbeis de todo bo xornal e o Galicia foi naqueles tempos un excelente xornal.
Don Valentín fai tamén memoria da recepción do novo xornal: «O diario en aquele dia lanzado [25 de xullo de 1922] foi acollido como nos agardabamos. Con quentura e ledicia no pobo e nas crases media e culta. E con receio no estamento dominante da sociedade. Con receio, mais sin xenreira.» É ben posíbel que a ollada que nos ofrece sobre o acollemento do Galicia estea cangada de candidez e dunha nostalxia optimista, pero de todo é certo que se o xornal de Paz Andrade saise a rúa hoxe atoparíase con toda a quentura da xenreira e con todos os receos imaxinábeis xa que, tal como está o mercado mediático, os que máis teñen unicamente son quen de imaxinar dúas políticas: o exterminismo ou o canibalismo.
29/12/2008
Palabras compartidas
John Berger: «Ante a matanza en curso en Gaza» [La Jornada, 28/12/08]
Somos espectadores do máis recente –e talvez penúltimo– capítulo do conflito entre Israel e o pobo palestino, que dura xa 60 anos. Sobre as complexidades deste tráxico conflito pronunciáronse milleiros de millóns de palabras en defensa dun ou doutro bandos. Hoxe, ante os ataques israelís contra Gaza, o artificio esencial, que estivo aí encuberto tras o conflito, queda revelado flagrante e burdamente: a morte dunha vítima israelí parece xustificar a matanza de 100 palestinos. Unha vida israelí equipárase en valor a 100 vidas palestinas.
É isto o que o Estado israelí e o que os medios mundiais, máis ou menos, repiten insensatamente, aínda que hai cuestionamientos marxinais. E esta pretensión, que acompañou e xustifica a máis prolongada ocupación de territorio estranxeiro ningún na historia europea do século XX, é visceralmente racista. Que o pobo xudeu deba aceptar isto, que o mundo deba estar de acordo e que os palestinos deban someterse a isto, é unha das ironías máis negras da historia. Non lle vexo a risa por ningún lado. Con todo, podemos refutarla en voz máis e máis alta.
Fagámolo.
22/12/2008
Señardades xornalísticas
En Volevo la luna, Pietro Ingrao, o veterano dirixente comunista italiano, rememora o seu primeirizo contacto cos xornais que inzaban a Italia dos anos vinte. Lembra, con saudades, a «terceira páxina» que as principais cabeceiras dedicaban aos debates culturais; planas entintadas de vontade vangardista, innovación rupturista, pluralismo e mesmo de liberdade de opinión a pesar dos rigores inquisitoriais do fascismo dominante. «Unhas páxinas de xornal que facían ás veces de mestres». Tentado transitoriamente pola linguaxe cinematográfica, Ingrao vencellaríase definitivamente ao xornalismo exercendo como redactor clandestino, xunto con Gillo Pontecorvo, de L’Unità da que despois sería director entre 1947 e 1956. Daquel tempo escribe: Eu, un ex-combatente que non dispara un só tiro, convertinme en redactor xefe tras exercer como xornalista sen título nas breves e queridas páxinas de L’Unità clandestina. Tiña serías dúbidas no tocante ás miñas capacidades xornalísticas; a miña forma de ser era «lenta», o que non casaba coa rapidez de decisión e realización necesaria nun diario [...] Con todo, atraíame aquel xornal «vermello» que combinaba de forma tan curiosa os sucesos diarios e a exhortación á loita política, a crónica fría e a ardente invitación a actuar. Gustábame traballar naquela mestura explosiva de información e comentario, e chegar cada amencer aos fogares e á xente [...]Antes de facerse cargo da dirección de L’Unità, Ingrao escribiu crónicas e «historias negras», foi enviado especial en lugares onde estouraban dramas sociais e ocupouse da información parlamentaria nos tempos da redacción da constitución republicana. Unhas sesións constituíntes das que escribe: «Todo me parecía novos e á vez anticuado (ás veces mesmo cheirábame á naftalina): as palabras sobre as que discutían para fixar as leis da República eran novas, pero a solemnidade oratoria dos discursos estaba murcha [...] Todo tiña un aire a medio camiño entre o incerto e nebuloso futuro e a oratoria pomposa de inspiración decimonónica.»
Naqueles días de palabras novas e inercias trastempadas Ingrao fíxose co oficio escribindo «xornadas políticas» e «sucesos do país» e a súa foi unha achega determinante para facer de L’Unità «un dos mellores xornais comunistas europeos de todos os tempos», onde «naceu un xornalismo culto, informado, comprometido e combativo». As cualificacións son de Francisco Fernández Buey, a quen debemos un feliz Eloxio de Pietro Ingrao –«un comunista incómodo, independente, con pensamento propio, brillante na análise escrita e brillantísimo na comunicación oral das ideas»–, que é unha máis que recomendábel e emotiva introdución á lectura de Pedía la luna [Ediciones Península, Barcelona, 2008].
Xornais como mestres e colectores de explosivas mesturas de información e comentario, son hoxe señardades necesarias para poder renovar o vello oficio de ocuparse da verdade.
18/12/2008
1-M
O Presidente Touriño xa se decidiu. 1-M. Agora toca comezar o parladoiro cos cidadáns atendendo ao ánimo do Presidente Bartlet: «Intentamos que a xente vote por nós e confiamos en que xa de paso nos obriguen a facer cousas boas».
Subscrever:
Mensagens (Atom)