11/12/2004

Alien vs. Predator

Tras o 11-M/14-M, a lóxica do bipartidismo impúxose esmagadoramente, sen piedade pluralista ningunha. A guerra política, simbólica e mediática acadou en poucos meses a virulencia e agresividade da etapa terminal do felipismo e o advenimento glorioso de J.M. Aznar. Agás Cataluña e Euscadi todo o resto do Reino macera nun bipartidismo simplón e empobrecido. Para Galiza, para a maioría os cidadáns e cidadás galegos, a encendida confrontación política entre o PP e o PSOE ten as mesmas consecuencias que o combate a morte entre Alien e Predator: «Gañe quen gañe, nós perdemos.» O veto do BNG no Senado aos Orzamentos do Estado achega unha raiola de esperanza.
O éxito político da súa iniciativa é innegábel, pero (case que ninguén) vai recoñecerllo a Anxo Quintana. Dunha banda, reeditaranse os discursos vitimistas sobre a «pinza», multiplicaranse as mencións ás amizades perigosas e volverán sacar en procesión o Santo Martir Ventura Pérez Mariño. Doutra, aplaudiranse as desavinzas BNG-PSOE como proba irrefutábel da imposibilidade dunha alternativa de goberno fronte ao Partido Popular do crepuscular don Manuel. Entre tanta impotencia, as palabras e actuacións de Quintana apuntan que o campo do posíbel é moito máis amplo do que, como sempre, nos deixan imaxinar.

3 comentários:

Cesare disse...

Aí, aí...
Ai... e eu que un día lle chamei Bartleby...

Ian disse...

Iso foi pola escasa confianza que se teñen entre vostedes os ourensáns?
Para preferir non facelo, está facéndoo de medo. Deberiamos entregarnos de ver ao capitalismo de rostro humano e facerlle a súa web persoal de balde, un pola confiaza que lle temos e outros como vosté por aquilo da redención de penas polo traballo.

Cesare disse...

Ai, se houbera vagar...