07/12/2004

O Gatopardo en Bolivia

Os resultados das eleccións municipais en Bolivia do pasado domingo 5 ofrecen un innegábel balance lampedusiano. Malia que os partidos tradicionais están crebados electoralmente, todo semella ter cambiado para non cambiar nada. O Movemento Nacionalista Revolucionario que foi o gañador absoluto nas eleccións municipais de hai cinco anos está politicamente desfiuzado. A Nueva Fuerza Republicana fundiuse e perdeu o seu bastión electoral de Cochabamba. O Movimiento de Izquierda Revolucionaria aguantou malamente o envite electoral e unicamente asegurou o seu goberno en Tarija; a Alianza Democrática Nacionalista (ADN) só sobrevive electoralmente en Pando e Beni. Nas municipales de 1999, o MNR foi o partido máis votado acadando un 20% dos sufraxios, seguido polo MIR co 15% e ADN co 12%. Nas elección do domingo ningunha das tres forzas superou o 6%.
Pero, á par deste afundimento das opicións tradicionais, as eleccións serviron para confirmar a sete dos dez alcaldes das cidades máis importantes. En La Paz gañou Juan Del Granado, líder do Movimiento Sin Miedo; en El Alto triunfou J.L. Paredes cabeza de lista de Plan Progreso e alcalde no quinquenio anterior polo MIR; en Potosí será alcalde novamente René Joaquino da agrupación cidadá Alianza Social que en 1999 xa gañou ao fronte do Partido Socialista-1; en Tarija venceu outra volta Oscar Montes do MIR; en Trinidad (Beni) Moisés Shiriqui da conservadora ADN reterá a alcaldía outros cinco anos; en Oruro Edgar Bazán, antes alcalde da UCS (Unidad Cívica Solidaridad), repite agora polo Movimiento Ciudadano Regional San Felipe de Austria, e Aydée Nava do MBL (Movimiento Bolivia Libre) seguirá sendo a alcaldesa de Sucre.
Perante ao descrédito dos partidos tradicionais tras os sucesos de outubro vermello de 2003 que conduciron ao derrocamento do goberno de Sánchez Lozada, unha boa parte dos antigos líderes locais das forzas políticas tradicionais buscaron acubillo nas agrupacións cívicas e cunha imaxe renovada optaron ás alcaldías con innegábel éxito. Este transformismo empardece a capacidade rexeneradora das agrupación cidadáns como alternativa fronte aos «partidos da democracia pactada» e reforza o carácter lampedusiano destas eleccións. Gañaron as vellas elites políticas que se puideron reposicionar sen maiores custes que un cambio de siglas e fixeron seu o lema de Giuseppe Tomasi de Lampedusa: «Se queremos que todo siga como está, é preciso que todo cambie.»

O único partido que actualmente ten presenza parlamentaria e experimentou un sensíbel crecemento electoral é o Movimiento al Socialismo (MAS) que semella que vai superar o teito do 20% dos votos que acadou nas presidenciais de 2002. Aínda que o MAS tivo un importante avance nos grandes municipios a súa base social e política segue sendo rural o que limita as súas expectativas de cara ás vindeiras eleccións presidenciais. A batalla das cidades ofrece un balance agridoce para o MAS que progresou significativamente pero non deu acadado ningunha das alcaldías dos grandes municipios.
Fronte a Evo Morales do MAS, o candidato que se presenta con maiores posibilidades nas próximas eleccións presidenciais é o ex presidente Jorge «Tuto» Quiroga, quen foi o máximo dirixente de Acción Democrática Nacionalista (ADN) até o pasado mes de setembro. «Tuto» foi un dos primeiros en ensaiar o transformismo político para desfacerse do lastre do seu vello partido. Disposto a máis grandes glorias, e sen o chumbo do pasado nas alas, no día de hoxe confirmou o lanzamento dun novo proxecto político. Á espera do que faga o actual presidente Carlos Mesa, outro político sen partido, as eleccións presidencias resolvéranse entre Morales e Quiroga se non xorde un novo Lampedusa boliviano deses que nunca se meteron en política e facendo gala dun discurso populista e rexeneracionista –e mais a bendición do FMI– arrasa nas eleccións para cambiar nada e manter a apariencia de que todo cambiou.

2 comentários:

Cesare disse...

Tuto?
Meu deus. Hai sitios peores ca este.

Ian disse...

Pois peores non sei pero máis complicados si. Bolivia é un deles, unha especie de pais milfollas, onde cada capa non se toca co anterior no que ten de bo pero si no que ten de problema. Para un botón de mostra de como anda o paisiño pode darse unha volta por: http://www.icg.org/home/index.cfm?id=2853&l=4 ou por http://www.econoticiasbolivia.com/. Supoño que o seu espírito liberal poderá superalo.