
Paseo
O mundo de hoxe de
Ryszard Kapuscinski dun lado para a outro e morosamente avanzo na súa lectura. Dou cun estalo agudo arrincado do seu
Lapidarium I : «Non existe peor mestura que a da arma, a estupidez e o medo. Dela non se pode agardar senón o peor.» Non discuto o certo da afirmación mais hai outra combinación non menos terrorífica, é a que amalgama unha puñada de votos, a
estupidez e o medo. Canto máis se repare no tratamento político e mediático que se lle está dando ao Plan Ibarretxe máis dura é a diagnose sobre a saúde da nosa democracia que avanza cara a un estado próximo ao coma. O «acordo para tomar acordos» que anuncian o Partido Popular e o PSOE para afrontar de modo concertado as reformas constitucionais e estatutarias atufa ao involucionismo dun bipartidismo propio da Restauración. A proposta da
España plural do PSOE derrétese no molde autoritario que o Partido Popular lle deu ao «bloco constitucional» e o argumentario contra o soberanismo de Ibarretxe que fornece o PP –e o PSOE emprega sen modulación perceptíbel– é tamén perfectamente usábel contra o
reformismo forte de Pascual Maragall. Unicamente parecen non darse conta os dirixentes zapateristas. Encorados polo medo a ser considerados un partido feble sen sentido de Estado, e cada vez máis conscientes da súa interinidade, abandeiran estupidamente
a política dos outros tal e como a formula o emerxente lema do bonovazquismo: «La libertad en España es incompatible con la negación de España.» (A frase é de Jiménez Losantos pero Bono e Vázquez a subscribirán sen reparo ningún). Nestes dias o
think bank socialista traballa afanosamente na derrota de Ibarretxe e, atordados, achantan obstáculos ao retorno triunfal do arznarismo (e quen sabe se do propio Aznar) á Moncloa. Teñen tan pouca confianza no seu programa político que unicamente atopan seguridade no do Partido Popular.
Sem comentários:
Enviar um comentário