
Fuxida ao sur próximo, deixando atrás os primeiros días dun xaneiro treboente e cangado de malalegría. Xornada e media por terras de Portugal á procura do mar bravío. Parada en terras do sonado galo para a descuberta dun singular prato -filetes de xardiñas e de polvo– e camiño apresurado cara a unha cidade que quere ser, pero non o consegue, unha nova Las Vegas da fachada atlántica de Europa. Praia aberta ao mar e paseos pola area deixando escapar o tempo. Retornarmos da ponte na procura do limes e, estraviados por estradas secundarias, ascendemos paredes graniteiras. Feireamos á sombra dos cervos ollando ese río que nos leva. Remata a tregua e reanudamos co domingo as ocupacións paralaborais e a preparación dun luns que se enxerga ameazante.
2 comentários:
Extraviados?
Pero vostede non era o copiloto?
Aínda confía vostede na miña capacidade de dirección ou copilotaxe? A súa fe en min é incombustíbel?
Enviar um comentário