
Sigo os consellos de
Cesare e, desconectado durante uns días, aproveito para facer unha
travesía transcantábrica pola
vía estreita. Non é a aventura do tren de xeo e lume de
Manu Chao pero para espabillar a rutina da factoría é máis que suficiente. Teño para min que o ferrocarril é o máis humano dos medios de transporte e tamén o que pode resultar máis infrahumano. Catro anos de uso ininterrumpido do comboio fixéronme acreditan nas súas bondades e aleitan un feroz resentimento contra os que deixan esmorecer os camiños de ferro. No
estaleiro ocupamos un dos dous vagóns monovolume e, contrariamente aos peores agoiros, a saúde dos carrís e dos ferranchos móbiles é máis que satisfactoria. Os enrolados no
FEVE cubrimos un variado espectro social, marxinal e maiormente en vía estreita. Maiores, moitas mulleres maiores que viaxan soas. Retirados, prexubilados postindustriais e lumpenproletariados idosos que viven nos concellos arrabaldizados de Ferrolterra. Celtics junkies que retornan derrotados do tratamento da
metadona. E logo, familias incomodadas, e incomodas, que se viron privadas dos
medios propios e turistas accidentais que, entre a observación antropolóxica e a entrega ao sono, deixamos pasar o tempo e sucesivos destinos na procura de onde
lindamos con Gran Bretaña mar por medio.
2 comentários:
O percorrido en Feve é precioso, si señor. :)
Moi certo, a odisea é volver en coche... Desde o camiño de ferro vianse xigantescas retencións... Deberiamos montar unha campaña para reivindicar o noso feve transcantábrico.
Enviar um comentário