
Hai vilas que se agochan do horizonte e outras que son todo horizonte. O excepcional de
Cuideiru é que pertence a ambas as dúas categorías e xa que logo ten sobrados méritos para ser incluída no
imposíbel catálogo urbano que compilou
Calvino. Se unha noite de verán un viaxeiro procura a
vila dos pixíns encaixarase unha rúa desfiladeira que lle extraviará a liña da horizonte. As casas agatuñan rabiosamente cara ao ceo e o espazo é tan escaso que mesmo semella que non queda nin o máis mínimo oco para
a especulación inmobiliaria. Se un tenta escapar da rúa principal, soamente atopará unha rede de calexas e canellóns como
sendeiros do niños de arañas e unha amalgama de casas construídas a xeito dun
Pombal. Con todo, o teu camiñar rematará nun porto que, en realidade, é un
castelo de destinos cruzados que miragreiramente te mostra a vila toda como un horizonte único, unha cávea de laminadas construcións e unha sucesión elouquecida de encostas e escaleiras.
Os nosos antepasados tiñan a idea de Cudillero como unha vila mariñeira, hoxe vive grazas ao seu Plan de Excelencia Turística.
Baixo o sol xaguar terás dificultades para sentante nunha terraza para catar a sidrina ou fartarte de xoubas, luras e chipiróns e terás que facer moitos
números na escuridade para pagar a factura. Non hai rastro da
nube de smog pero a sensación de abafamento invita a marchar. Se me deixasen escribir unha de
Seis propostas para o próximo milenio proporía facer un Plan de Excedencia Turística para Cudillero, cousa imprescindíbel para disfrutar humanamente do seu horizonte e deixar de sentirse un
cabaleiro inexistente, abusivamente canibalizado polo
mercado turístico. Calviño convénceme de abandonar a vila e volver sobre os nosos pasos na procura de
Ribanova.
Sem comentários:
Enviar um comentário