14/11/2005

Verne (2)

Chegou o tempo da despedida. O Novara, un paquebote suízo, desembarcounos en Suez. Alí finou a expedición anglo-rusa que Verne imaxinou aventurada polas inhóspitas terras da África Austral. Ás imaxes infantís axúntanse agora palabras que me (re)descubren a Verne como un intelectual do tempo dos imperios, fachendoso da suposta superioridade do home branco e hipnotizado polo suposto papel civilizador das nacións europeas no continente africano. É doado ficar engaiolado coas súas estampas naturalistas na ilustración das variadas especies animais e vexetais, coa minuciosidade das súas descricións paisaxísticas, produto das lecturas maceradas das viaxes de Livingstone, e mesmo coa erudición astronómica e científica que constrúe o tramado de Aventuras de tres rusos e tres ingleses.... Á par de todo isto, resulta inxenuamente conmovedor o seu alegato a prol da ciencia como ben supremo, por riba das retesías nacionais e dos desencontros personais, como expresión do triunfo da cooperación entre os saberes e da colaboración entre os homes amadores da ciencia; todo isto ben exemplarizado na amizade indestrutíbel entre o ruso Mijail Zorn e o inglés William Emery. Moito menos fascinantes son as súas observacións etnográficas enchoupadas da pretendida superioridade moral dos europeos cando non dun abusivo racismo paternalista que malla por igual nos aborixes bochjesmen e makalolos. Resulta especialmente insufríbel a súa apoloxía da estatura civilizatoria de británicos e rusos que nese mesmo tempo estaban destripándose na guerra de Crimea. Con todo, agradézolle as horas de distendida e divertida lectura que me permitiron superar o tedio dunha gripallada mal chegada. Ao final, a mesma elección de cando era cativo: máis que de Verne, eu son de Salgari.

2 comentários:

Peke disse...

Pois a min Salgari non che me presta tanto como Rafael Sabatini, de quen devorei unhas vinte novelas nunhas gloriosas vacacións de Nadal.
É curioso ler libros desta xente cando identificamos prexuízos e xeitos de pensar tan diferentes do noso. A min pasoume con Enid Blyton: qué machista era a boa da muller co seu reparto tradicional de papeis; os nenos, atrevidos e homiños; as nenas, boas organizadoras e necesitadas de protección. ¡En fin!

Ian disse...

Querida Peke anotemos, na nosa conta cordial, un desacordo. Manteño a miña querencia por Salgari fronte a Sabatini de quen só lle lin Scaramouche (gustoume), pero ao que lle vin nos cinemas Travesas e Disol toda a súa «produción cinematográfica» de piratas e espadachíns con Errol Flynn en papeis tan estelares como repetitivos.