Fútbol e memoria
Matino na proposta de Marc Augé ao fío do acontecido nas bancadas no partido da selección galega. Numerosos seareiros optaron por instalarse no pasado próximo (a Era Fraga), renunciaron a saborar o gusto do presente (o logro da selección e o seu fútbol) e, ao tempo, esquecéronse felizmente da memoria remota (os éxitos deportivos da selección galega de 1922-23). Elixiron libremente focalizar o seu entusiasmo na lembranza da natureza supracaprina de Manuel Fraga. Como exercicio de desafogo serodio é manifestamente insatisfactorio, coma síntoma dun estendido estado de ánimo parapolítico adianta molestas consecuencias.O antifraguismo retrospectivo
De seguir xeneralizándose este estado de ánimo, en poucos meses afirmarase solidamente a crenza de que «contra Fraga viviamos mellor». Para miña idea, instalarse en termos simbólicos e políticos no «antifraguismo» –como xa aconteceu noutro tempo co «antifranquismo posfranquista»– é unha estratexia tan insensata como suicida. Na súa cerna, o pasado próximo embafa por igual a memoria remota e o momento presente. Por resolver a cuestión con trazos grosos: o entusiasmo antifraguista primario agocha unha realidade incuestionabel agora en transo de ser esquecida, a dereita xa era hexemónica en Galiza antes da arribada de Manuel Fraga por moito que a el se deba a institucionalización do seu réxime de ultradominación política. Antes de Fraga, a sociedade civil xa era un ermo no que o conservadorismo mandaba e gobernaba. Na sociedade política, con algo menos de desafogo, ocorria outro tanto. Pasar por alto esta agre realidade só servirá para aleitar futuras derrotas a mans dunha remozada dereita galaica.O futuro conservador xa está aquí
A compracencia antrifraguista entálanos nun mundo que xa non é. Alberto Núñez Feijoo ten máis claro que os seus rivais políticos que a mellor vía para recuperar o poder perdido é ensaiar unha proposta conservadora sen atumes e que o seu liderado non pode ser o dun «continuísta sen complexos». Sabe que o seu proxecto terá maiores posibilidades de éxito na medida en que sexa inequivocamente o dunha dereita posfraguista e, mesmo, postaznariana. Quen crea que revivindo o pasado fraguista freará a emerxencia desta nova alternativa de poder conservador marra desgrazamente de estratexia. A memorialística antifraguista non eivará a formación da nova dereita galega nin removerá os alicerces sociais sobre os que estea o seu poder. Para fender as súas posibilidades de éxito, posibelmente un dos mellores remedios sexa esquecerse de Fraga e comezar a ocuparse de ANF, non só para evitar que siga engrandando o seu liderado, senón básica e fundamentalmente facendo unha política para baleirar realmente os seus caladoiros electorais que seguen practicamente intocábeis. O muíño e o vento
O PPdeG campa felizmente nunha maioría de concellos e deputacións, axístelle unha lei electoral que prima a representación da Galiza oriental, conta coa complicidade de abundantes medios e centros de poder financeiro e empresarial e, ademais, ordena a maior parte da vida asociativa e civil do país. Electoralmente foi vencida por unha estreita marxe, socialmente é máis que discutíbel que teña sufrido derrota ningunha. A dereita galega aínda tendo perdido a Xunta de Galicia conserva unha amplísima reserva do poder. A apocalipse anunciada tras a derrota de Manuel Fraga non se produciu. O cisma disolvente tampouco. Nunha das súa cartas a Theo, Vicent Van Gogh observaba: «O muíño xa non está, pero o vento segue aínda.» En 2006, o vento conservador bruará con moita máis forza; con tanta, que só unha abobada e solemne esquerda seguirá lembrándose do muíño, de Fraga e do fillo do muiñeiro, sen decartarse do diluvio que se nos vén enriba.
Sem comentários:
Enviar um comentário