- A Pax americana. Os Estados Unidos confirman o seu papel como potencia hexemónica, nun contexto internacional onde o Estado-nación continuará a ser a estrutura básica da orde planetaria, aínda cando a centralización da información e o coñecemento, grazas á expansión das TIC, contribuirá a erosionar a súa preponderancia. Avivecerase a inmigración aleitando o multiculturalismo e a creación de Estados multiétnicos. Afondaranse nas desigualdades e proliferarán democracias incertas.
- A onda de Davos. China e mais A India protagonizarán un vizoso crecemento económico, tinxindo de orientalismo a mundialización económica. Os xigantes asiáticos acurtarán distancias coas economías de Europa Occidental e os EUA e converterán os seus mercados no epicentro da tecnoloxía e o comercio planetario. Malia as turbulencias económicas recorrentes, os factores de estabilidade lograrán imporse e permitirán buscar solucións a problemas como a reciprocidade económica China-EUA ou a converxencia económica na Unión Europea.
- O novo Califato. Nos países islámicos o crecemento do radicalismo relixioso sentará as bases dunha nova autoridade supraestatal, ao xeito dos antigos califatos, que desafiará os valores e modo de vida occidental ao conformarse un bloque de poder agresivo e hostil cara a maioría de países veciños non musulmáns.
- Apocalipse now. A proliferación de armas de destrución masiva e o medo aos ataques terroristas, xunto coa consolidación do Califato, servirán de pretexto para a construción dunha orde orwelliana na que se reforzarán os sistemas de democracia autoritaria e a imposición de drásticas medidas de control sobre os cidadáns so o pretexto de garantir a seguridade nacional. Neste escenario asistiríase a unha xeneralización da violencia entre os Estados e a un desfiuzamento das economías dos países desenvolvidos que alentaría desavinzas entre eles que poderían desembocar nunha guerra de dimensións mundiais.
15/01/2006
Escenarios futuros
En «Dinero», o suplemento económico dominical de La Vanguardia, leo unha completa entrevista con Alexandre Adler, un dos máis influentes coolhunters xeopolíticos de Europa. En 2005 Adler deu á imprenta O informe da CIA. Como será o mundo en 2020? que reproduce un documento desclasificado do Consello Nacional de Intelixencia (CNI) estadounidense. Na entrevista, o historiador e politólogo francés, que ganou sona coma analista de Le Courier Internationale, Le Monde e Le Figaro, repasa os catro escenarios que enxergan as reflexións do CNI e que son adoptados pola CIA como marco das súas operacións de futuro. Eis son:
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
2 comentários:
A min non me parece que os catro escenarios sexan alternativos, (excluíntes entre si) senón que poden ser complementarios ou subsceptibles de combinacións varias. En calquera caso o que si haberá en toda Europa son cambios sociais drásticos sexa cal sexa o escenario político: a desaparición da sociedade campesiña e rural, a desaparición do proletariado industrial, a perda de peso social do catolicismo e o ascenso de credos alternativos e variopintos...
Claro Caravelete, estes escenarios son perfectamente complementarios. E, desgrazadamente, non se albiscan escenarios mellores e verdadeiramente alternativos. Malo é que non permita enxergar un mundo xeopoliticamente máis igualitario e colaborativo. Magoante, tamén, o pouco (nulo) peso das instancias supraestatais, coma a ONU, na conformación dos escenarios. Abusando un pouco da historia semella como se fixesemos o camiño de volta á época dos grandes imperios previos ás grandes guerras: EUA, China e un remozado Imperio Otomano baixo a forma do dito Califato. De todas maneiras, quince anos son moitos e de aquí ao 2020 algo novo debería tentarse facer e, por exemplo, as últimas eleccións en Latinoamérica apuntan —con claros e escuros— políticas afastadas do Imperio EUA e do FMI. A ver que dan de si.
Enviar um comentário