26/11/2006

Pesos e medidas

A novidade da XII Asemblea Nacional do BNG é o seu pluralismo. Excelente ocasión para determinar pesos e medidas. Catro listaxes pugnarán por atinxir un lugar no Consello Nacional. Entre os analistas hai unanimidade, tan só unha está en condicións de acadar a maioría absoluta, é a que encabeza Anxo Quintana; pasa por ser a lista «oficial» e é un sumatorio de UPG e diversas presenzas que dificilmente poden abeirarse baixo o carimbo único de «quintanismo». A súa xestación foi complicada, máis por atoparse a UPG enfeblecida polo cisma do Movemento pola Base, que porque as esixencias de Quintana fosen especialmente extremas.

Se nos entregásenos á paciente reconstrución do «quen é quen?» da candidatura que apadriñan Quintana e Francisco Rodríguez comprobariamos que, no tramo de elixíbeis máis probábel –digamos os 35 primeiros–, a UPG coloniza a metade (mais un / menos un) da candidatura. Canto mellor sexa o resultado obtido, maior quiñón atinxen os partidarios do Vicepresidente, pero esa melloría é, en todo caso, insuficiente para inverter a hexemonización que padece a candidatura a mans da UPG. Calquera resultado que baixe dos 70-75% dos votos na Asemblea Nacional debilita o liderado público de Quintana e reduce os seus apoios sen que cheguen a roer significativamente nos dominios da UPG.

Se hai que crer aos ruxe ruxe negociador, a listaxe compleméntase cun documento aínda non público, fica celosamente gardado, no que a UPG obtén garantías políticas para fiscalizar a acción gobernamental do BNG e no que, ao parecer, se santifica unha intensa renovación dos organos executivos sen que iso signifique a desaparición dos mesmos de Francisco Rodríguez. A alianza entre a UPG e Quintana estéase logo nun acordo de nomes, no relatorio político da XII Asemblea e nesa poliza de garantías que rexerá as relacións entre a parte nacionalista do goberno e o BNG, vale dicir mellor a UPG.

Os máis calorosos quintanistas afirman que non está pechado un acordo coa UPG para compor a executiva e que se mantén aberta a posibilidade dunha lista de Quintana arredada da UPG se esta teima en hexemonizar a dirección política da fronte. O papel e a especulación todo o atura, pero semella improbábel esta saída que abondaría na erosión do liderado público de Quintana e acentuaría a súa soidade no aparato do BNG.

Á espera da repartición de pesos e presenzas, todo indica que ningunha das familias terá capacidade para obrar con independencia plena sen o concurso de outros. As posibilidades dunha dirección política autónoma do quintanismo derrámanse nas insalvábeis dificultades que ten para acordar co Encontro Irmandiño, coa Alternativa e co Movemento pola Base. No de agora, Quintana unicamente ten un aliado e a UPG, por moi sorprendente que resulte, pode ter máis de un, moi especialmente se Quintana decide botar a andar só.

A énfase crítica das outras candidaturas ten por obxectivo máis a Quintana que á UPG e a sabedoría frontista indica aos vellos rastrexadores de pactos que a Unión do Povo Galego, aínda que debilitada, segue a manter unha posición de centralidade que lle permitirá artellar, en caso de necesidade e supervivencias, acordos de reparto de poder con sectores da Alternativa ou co Movemento pola Base. Sábese ben que nunha situación de xogo revolto case que todo vale e que calquera negociación a vida ou morte pode ter un desenlace inesperado.

Hai unha vella sentenza anónima que afirma que «se goberna con persoas, non con ideas». Esa máxima mediu a lóxica negociadora de Quintana coa UPG. Como actor unitario a UPG é, nestes momentos, pouco asequíbel a Quintana, pero non é difícil recoñecer a veta dunha UPG máis pragmática e posibilista, empatada co goberno galego, coa que Quintana pode entenderse con proveito se o centralismo da UPG entra nunha vía de distensión. Esa é a reserva de autonomía que poderá ter o voceiro nacional e Vicepresidente da Xunta. A reserva sería maior se ademais dese sintonizado minimamente co Encontro Irmandiño e a Alternativa e sería aínda máis ampla se, no proceso de renovación dos Consellos Comarcais, é quen de propoñer candidatos propios que reequilibren ao seu favor a composición política do Consello Nacional.

Toca máis agardar polo desenlace das votacións que polo resultado dos debates de ideas. Todo indica que a solución asamblearia non será cousa de dous –UPG + quintanismo– senón de cinco coa influencia, non precisamente marxinal, da Alternativa, do beirismo e do Movemento pola Base. O pluralismo será nos tempos vindeiros un sinal de identidade activa no BNG e a multiplicidade de voces para ser ricaz debería ir acompañado da vocación de diálogo, transacción e acordo. Un BNG líquido xestionado por unha xeometria variábel de acordos e diferenzas presentará desvantaxes directivas pero será inclusivo e abriralle espazos de futuro. O Bloque sólido enrocado e con posicións acantoadas adoecerá da flexibilidade necesaria. Cómpre non extraviarse e recoñecer que tanto pluralismo é dificilmente compatíbel cunha acartonada política de bloques que bipolarice a vida interna e entregue todos os recursos de poder e organizativos en réxime de exclusiva a un dos polos.

23/11/2006

El País entre nós

Na presentación en sociedade de El País de Galiza houbo achegas felices, entre elas unha cita moi esclarecedora de Arthur Miller: «Un bo xornal é unha nación falándose as si mesma». Houbo palabras que marcaron proximidade e algunhas mediron abismais distancias. Veciñanza no discurso inaugural de Félix Monteira que deixou en claro até onde estaría disposto a levar a El País galego en condicións de absoluta liberdade empresarial: usou unha lingua que non é a súa pero é a do país sobre o que quere informar e no que quere construír opinión. Un exercicio de profesionalidade, sabedoría e intelixencia.

Emendárono palabras de afastamento intergaláctico. Juan Luis Cebrián tirou da autoridade de Afonso X para ditarnos que en galego a poesía e a literatura, pero as leis en español. Un retorno ao pasado, abucharante senón traxicómico. Absoluta incomprensión sobre a lingua galega e o noso país, desgrazada manifestación da súa incapacidade para atender outra cousa que non sexan os seus propios intereses. Hai tempo que, ende ben, unha boa parte das leis que ordenan a vida dos cidadáns e cidadáns galegos están felizmente na nosa lingua.

Cebrián citou a outro Alfonso (Guerra) para subliñar que a «esta España no la recoñoce ni la madre que la parió». Errou, pola súa boca falou a España que non cambiou desde os delirios de Nebrija. Podemos alporizarnos canto queiramos pero maioría dos editores galegos de xornais opinan o mesmo que Cebrián. O recoñecemento da pluralidade é a grande asinatura pendente do Estado (oficial) español.

Se un «bo xornal é unha nación falándose a si mesma», Cebrián debería ser intelixentemente prudente e deixar facer a Monteira e aos bos xornalistas que o acompañan. Melloraría espectacularmente o seu diálogo coa nación dos galegos. Así habería de gustarnos máis, pero o bo non está reñido co mellor, senón co malo e co peor.

20/11/2006

Os homiños de Boimorto

Hoxe, ao pé da Aldea, na rotonda dos Batáns, rendeuse homenaxe á memoria. Como cabo das Xornadas da Memoria Histórica inaugurouse un monolito para honrar a Ramón Enjumio, Manuel Espiñeira, Isidro Filloy, Juan Martínez, Xose Tojo e Xosé Barreiro, membros da corporación republicana de Boimorto, torturados, asasinados e abandonados logo nun cavorco a un cento de metros do lugar dos Batáns.

O seu recordo quedou aniñado entre medos e horrores. Eran os homiños de Boimorto. Vítimas e recordatorio estarrecedor para deixar ben claro até onde estaba disposto a chegar a ditadura do terror. Setenta anos de doída e apagada lembranza.

Un sol agradecido acompañou a cerimonia. Houbo palabras do concelleiro organizador e dos alcaldes de Ames e Boimorto. Estiveron ausentes segundo o seu incriminatorio costume os concelleiros do Partido Popular. Palabras, o silencio dos amigos e parentes das vitimas, e a solidaria compaña dun centenar de persoas conxuradas para que non se volvan repetir semellantes episodios de barbarie.

A Marcha do Antigo Reino de Galiza, un monolito de pedra canteira sen traballar, sólido, firme e arestado pola dor, e un berro apagado de Viva a república, completaron a homenaxe aos asasinados e o tributo aos que gardaron a súa memoria desde aquela até o presente. Nos ollos dos fillos había tristura solemne, nos dos netos unha fachendosa fartura de liberdade.

16/11/2006

O nó gordiano

As declaracións de Xosé Manuel Beiras sobre o estado de saúde do BNG removen o estado de opinión do nacionalismo galego. A diagnose que ofreceu en Radio Obradoiro é tan contundente como preocupante: «A saúde política do BNG está moi deteriorada e con risco de morte.» Adianta que os cambios proxectados son «o certificado de defunción da organización creada en 1982» e achega consideracións políticas sobre o modelo organizativo do BNG que non deixan indiferente a ninguén.

O frontismo idealizado...

A implantación do sistema de delegados supón para Beiras un cambio da natureza frontista do BNG que identifica co asemblearismo. Entende ademais que a proposta da actual executiva representa a conversión da fronte en partido e a imposición dunha «organización piramidal e vertical». Sostén así mesmo que ningunha formulación partidaria terá en Galiza tanta capacidade social e política integradora como acadada historicamente polo BNG. Enfatiza: «aínda que convertan o BNG nun partido non conseguirán manter todo o espazo do BNG baixo o control dunha organización piramidal de tipo partidario. O BNG puido albergar a todo o movemento nacionalista do país, un partido non poderá, non funcionará.»

A versión idilica do frontismo que se ofrece bate cunha experiencia teimosa que indica que as bondades organizativas do BNG dos felices anos noventa non foron tantas. A fronte armouse sobre a base dunha estrutura de dirección xenuinamente partitocrática, non é esaxerado mesmo dicir que na mesa da súa executiva nacional se reunían oligarquicamente os representantes de partidos e colectivos.

A dirección nacional construíuse desde a súa orixe por cooptación máis que por elección dos seus membros. Na composición do órgano non pesaban tanto os apoios reais no interior da fronte como a súa participación no momento fundacional do BNG en Riazor. Organizacións como Unidade Galega, PNG ou Inzar, que se sumaron á fronte coa apertura do Proxecto Común, estiveron permanentemente minorizadas e a súa representación sempre estivo devaluada nos órganos de decisión.

Pola súa parte, o grupo parlamentario deseñouse sempre como unha proxección da dirección nacional do BNG. A permanencia e recorrencia dos mesmos representantes parlamentarios, o acriticismo na avaliación do seu labor e o continuísmo cego, baixo a infeliz fórmula de Pilar García Negro pola cal «se nos vai ben así para que imos cambiar», completan un cadro de déficits democráticos que moito contrasta coa memoria que nos reconstrúe Xosé Manuel Beiras.

O asemblearismo como espellismo democrático

O BNG afirmouse, como fronte, nunha estrutura verticalista e piramidal tan pronunciada como a de calquera partido político clásico, moderno ou posmoderno. O direccionalismo de arriba a abaixo impúxose na lóxica das decisións e as consultas. A énfase posta na importancia da participación asemblearia no momento congresual na cal «os militantes teñen todo o dereito de voz e voto directo para as tomas de decisión básicas», indica a nula importancia que teñen as outras instancias asemblearias –comarcais e locais– no debate das decisións políticas ordinarias nos períodos intercongresuais.

A participación na Asemblea Nacional administrouse así como o antídoto fronte a desvalorización de todos os demais espazos decisionais. A participación delegada na Asemblea Nacional evidencia o espida que está a democracia na organización ordinaria do BNG.

As esixencias de cambio que abanearon á X Asemblea Nacional estaban máis que xustificadas; a renovación da estratexia, liderados e modelo de organización eran unha demanda democrática necesaria e intelixente.

A elasticidade fosilizada da fronte

A elasticidade da organización frontista para seren un colector moito máis pluralista e de maior apertura á sociedade bate coa rabuda realidade dos rexistros de afiliación do BNG e coa súa comparanza cos de partidos tan paleorganizativos como o PP-G ou tan posmodernos como o PSdeG touriñista. A inmensa maioría dos cidadáns consideran ao BNG como un partido, coa mesma lóxica que teñen os partidos-que-realmente-son-partidos. Ademais o grao de interclasismo da fronte non é maior, en ningún caso, ao do Partido Popular, un auténtico partido-apañao-todo se atendemos á pluralidade e diversidade dos seus apoios cidadáns.

Por outra banda, a base electoral do BNG é moitísimo máis plural que o censo militante do nacionalismo frontista, e se hai outras dúas carencias ás que hai poñerlle urxente solución son a escasísima porosidade cidadá do Bloque e a súa minguadísima capacidade para atraer mediadores sociais fóra do seu primeiro círculo de influencia política.

O doutrinarismo e o conservadorismo organizativo non axudan a abrirse a novos apoios cidadáns; non engrandecen os partidos e non amplían as frontes. A transparencia, unha organización eficiente, o intercambio franco de ideas, a participación colaborativa e non entorpecida polos rangos (cadro político/militante/simpatizante/elector) e a vontade expresa de organizar aos cidadáns e non só a axentes sociais ideoloxizados, melloran as capacidades de influencia de calquera caste de formación política, sexa partido, sexa fronte ou sexa fronte de partidos.

No seu diálogo coa sociedade civil e na creación de audiencias para un discurso democrático radical e transformador, na construción dunha renovada trama de apoios sociais, na conformación da base territorial do nacionalismo, a organización importa menos que os procesos de implicación cidadá. No BNG abondan os ditames sobre a estrutura organizativa tanto como escasean as reflexións sobre como mellorar as capacidades inclusivas da súa acción partidaria ou gobernamental.


A liña do horizonte

A Walter Benjamin gustáballe dicir que o futuro se gañaba nadando de costas. A Manuel Rivas préstalle moito a metáfora do remador que avanza bogando de costas ao seu punto de destino. As declaracións de Beiras en Radio Obradoiro miran lamentabelmente ao pasado, o seu proxecto tensiónase máis cara á VIII Asemblea do BNG que na procura do horizonte da XX Asemblea do BNG (se damos chegado alí). Poderáse dicir que a ollada do actual grupo dirixente apenas ambiciona o futuro e tampouco lle faltará razón a este cuestionamento da limitación estratéxica dos actuais responsábeis do nacionalismo galego.

A iniciativa de Quintana para desaloxar a representación partidaria do Consello Nacional ten un valor máis simbólico que real, preséntase como a espetada final ao vello modelo partitocrático, pero o certo é que non se acompaña dun modelo de toma de decisións que garanta efectivamente que os «militantes a granel» (feliz etiquetaxe de Xosé Manuel Iglesias) teñan igual capacidade que os militantes de marca rexistrada sexa esta a UPG, o PNG ou Esquerda Nacionalista. Unha organización que non asegura a igualdade real de oportunidades de todos os seus afiliados á hora de participar nas tomas de decisión sinálase un obstáculo antidemocrático dificilmente superábel. O BNG non está tensionado politicamente para remover esa pexa.

A tan cuestionada democracia por delegación que se quere institucionalizar na vindeira Asemblea Nacional ten, para a miña idea, unha virtude principal: obriga a ordenar a súa elección atendendo ás ideas que se defendan e isto asegura pluralismo, contraste de pareceres e impón ademais unha reflexión sobre as políticas que se queren e sobre as persoas que se desexa que as lideren e materialicen. Alén diso tamén ten o seu envés escuro, pode santificar a autonomía absoluta dos dirixentes e agrandar a brecha entre decisores e militantes como ben nos indica o que acontece nos sistemas de democracia acusadamente delegacionista.

Ninguén quere enfrontar as insuficiencias máis que probadas do que, no papel estatutario, é a columna vertebral do BNG: a súa organización territorial, os consellos e asembleas comarcais. Amplamente representados no Consello Nacional están moi lonxe de ser instrumentos eficientes nas tarefas organizativas; nada teñen que ver con foros dinámicos e participativos; e, moi ao contrario, fosilízanse como instancias decisorias con nula iniciativa política. Os Consellos Comarcais entréganse soamente ao seu papel de correa transmisora das resolucións executivas e é máis que un tamiz para cribar as contadas iniciativas que dan prosperado desde as asembleas e consellos locais, é unha freixa; non é que filtren e peneiren, funcionalmente atoan, bloquexan e derraman calquera iniciativa xurdida desde abaixo e desde a contorna cidadá do BNG.

Con delegados na Asemblea Nacional e sen partidos no Consello Nacional non se resolve este problema. Os consellos comarcais son, na actualidade, un ámbito de desincentivación política e un instrumento de disuasión da participación; é neles onde a UPG estea a súa política de hexemonización da organización.

A estrutura comarcal do Bloque é unha peza morta, pasiva e inercial; non serve para organizar nin é útil para deseñar e unificar políticas, non informa a acción institucional, non impulsa a súa proxección territorial, non actúa de condutor social... A democracia interna desgónzase na organización intermedia do BNG e empobrécese ademais pola insuficiencia de comisións de traballo sectorial, outro dos sinsentidos estruturais máis claromosos da organización nacionalista.

Non basta con nadar de costas, hai que procurar ademais non facelo en círculos. Activar a estrutura territorial como espazo de decisión intermedio, como marco unificador das políticas do BNG e como canle para o transvase de experiencias e información, suporía unha auténtica revolución no nacionalismo organizado. O cambio democrático do BNG non repousa hoxe tanto na base asamblearia local como nos Consellos e Asembleas Comarcais. A organización ten pés de barro, pero ten aínda unha pexa máis decisiva: a súa máis fraxil e crebadiza cadeira. Aí o nacionalismo frontista demanda de moita ortopedia democrática e dunha intensisima rehabilitación participativa. O nó gordiano da renovación do BNG está na súa organización política comarcal, esa é a lazada coa que se afoga o seu crecemento democrático, a que lle rouba osíxeno cidadán.

14/11/2006

RG # 3: Catástrofes

A valoración do atentado suicida contra a Brilat en Afganistán, o manifesto da Alianza de Civilizacións e a resituación da política exterior dos EE.UU. roubanos o tempo radiofónico do mañanceiro martes, apenas quedan tres minutos para falar do cuarto aniversario do afundimento do Prestige.

Telegraficamente teño que apuntar: entendo que os gobernantes actuais (a oposición daquela) e oposición de agora (o goberno daquela) aprenderon unhas cantas leccións sobre a xestión política das catástrofes. Teño para min que houbo unha melloría no que toca á liberdade informativa, pero non albisco un progreso substancial no referido aos protocolos de coordinación perante as catástrofes como se puxo de evidencia na onda de lumes e nas enchentes posteriores.

Na regulamentación global do tráfico maritimo fronte ás nosas costas non se progresou ren, tampouco na imposición de maiores restricións nos buques para o seu transporte ou na penalización dos responsábeis das catástrofes como ben sinalou o economista Albino Prada nun esclarecedor artigo. Na provisión de medios preventivos ou de loita anticontaminación o Goberno Central non moveu peza e esta segue a ser unha demanda tan intelixente como necesaria.

Dáme que o déficit de seguridade que sofre Galiza é pavoroso e que sen un axustado Mapa de riscos e un mellor pensado Plan de emerxencias calquera catástrofe vai converterse nun xogo de ruleta rusa onde aos gobernantes e aos cidadáns só nos queda encomendarnos á nosa boa fortuna.

Subsanar esa carencia debera pasar a un primeiro plano da axenda gobenamental, se é que existe o máis minimo instinto de supervivencia (política e da outra). Shakespeare deixou escrito nalgures que «cando chega a desgraza, nunca ven sóa, senón a batallóns». Ollando o que nos achegou en materia de desgrazas o 2006 é sensato que o goberno atenda á súa agoireira sentenza. Investir en seguridade, ben se sabe, é unha forma agradecida de labrarse o futuro, tamén o futuro político.

07/11/2006

RG # 2: Outras voltas

Coa alborada radiofónica valoramos a constitución do goberno de Entesa que hoxe estrean ilusionados os antigos socios do pacto do Tinell. É unha sorte que a cidadanía lles outorgase unha segunda posibilidade para dirixir o autogoberno de Cataluña, unha fortuna que non deberan derramar nesta súa segunda estadía no poder. Ponse fin así ás especulacións estratéxicas do PSOE, evidenciase unha maior autonomía da esperada por parte do PSC e confírmase a agre decepción de CiU que fica fóra do goberno outra volta.

O triunfo (aparente) do zapaterismo neutralizando a Pascual Maragall vólvese teimudamente agora na súa contra. Substituíuse a Maragall para reeditar o que Maragall faría mellor e en mellores condicións. A solución Moncloa –promover a alianza socioconverxente– fracasou pola recuada electoral do PSC que se viu privado dun dos seus principais capitais: o President.

A maior sorpresa para moitos analistas foi verificar que as caixas de contabilidade electoral do PSC e do PSOE non son coincidentes. Non todo o excelente para o PSOE é bo para o PSC, nin todo o que é óptimo para o PSC é beneficioso para o PSOE. A asimetría de interese causa ronchas na Moncloa, desautoriza a Ferraz e intranquiliza aos baróns consolidados (Chaves), flotantes (Ibarra) e mergullados (Bono).

A tentativa da dirección do PSOE de impoñer un cogoberno socialista-converxente con Artur Mas como President e José Montilla en papel de socio complementario tería consecuencias desastrosas para o PSC e unicamente sería razoabelmente practicábel para os intereses dos socialistas cataláns se Montilla ficaba electoralmente por diante de Mas ou se a suma de PSC+ERC+Iniciativa non fose suficiente para garantir unha nova coalición gobernamental.

Entesa ou suicidio

O PSC foi durante lustros un partido de goberno fóra do goberno, con capacidade, lideratos, poderes locais e apoios sociais suficientes para soster unha alternativa gobernamental en Cataluña. O dominio do pujolismo bloqueou durante vintecatro anos que a súa presenza gobernamental se tornase realidade. Aceptar agora unha posicición subordinada a CiU sería tanto como aceptar a súa excepcionalidade como forza gobernante e deixar aberta a porta á inmediata hexemonización por parte de Mas de toda a acción da Generalitat. A aperta do oso baixo a forma dunha Gross Koalition suicida.

Montilla mira pola súa supervivencia e a do PSC, sabedor de que toca superar as turbulencias da etapa constituínte do primeiro tripartito e que a esa mesma estratexia está máis que disposta ERC que padeceu, coma ninguén, o seu arredamento do goberno, a soidade da defensa das posición soberanistas cando o Referendo do Estatut e que ademais estaba ameazada por una irreversíbel devaluación dos seu apoios parlamentarios en Madrid. A estratexia cooperativa beneficia a todos e moito máis beneficia cando se fai efectiva entre iguais.

Agravíos e opcións de futuro

Certo é que a decisión do PSC entala a materialización franca da nova política de alianzas moncloviana que pasaba por procurar socios menos estridentes e que tiña postos os seus ollos en Galeuscat. Agora CiU, burlada e abandonada á súa sorte, pode estar tentada a procurar acordos (de momento imposíbeis) co Partido Popular; mesmo hai quen entende que a decepción converxente é un excelente argumento para que Mariano Rajoy force, ou tente, un xiro centrista que permita antes das eleccións xerais reconstruír o imaxinario dunha plural confederación de dereitas autónomas para evitar o triunfo do PSOE.

Especulacións interesadas, ou proxectos de futuro tanto ten, os problemas electorais do PSOE non proveñen do espazo da esquerda senón da súa capacidade de cativar o voto centrista, morno, moderado que non se dá decidido a entregarse aos imprecisos proxectos de Rodríguez Zapatero.

Leccións aprendidas?


Da experiencia catalá pódense tirar algunhas leccións aplicábeis ao teatro de operacións galegas.

Primeira. Os cidadáns valoran positivamente as gobernabilidades tranquilas, refugan dos gobernos crispados e inestábeis. Estase disposto a apostar por unha coalición sempre e cando se ofrezan garantías de sostenibilidade ao longo prazo.

Segunda. A cidadanía estima máis a política como acción que como marco de acción, quérese dicir que valora máis os esforzos por trazar liñas de políticas públicas que atallen, resolvan ou palien problemas, que os esforzos por construír as arquitecturas do poder; ao claro: vale máis un ben gobernar que un excelente Estatuto.

Terceira. Quen rompe o equilibrio paga, quen renove liderados atendendo a cuestións exclusivamente domésticas (PSC) ou se instale por moito tempo nas políticas simbólicas (ERC) acaba por ver minguada a súa audiencia, quen ofrece unha política con menores derivas e estridencias ideolóxicas, quen aposta
polo proxecto conxunto de goberno resulta, en caso de crise electoral, premiado (Iniciativa per Cataluña).

Cuarta. Se se impón unha axenda política moi selectiva, sen atender a problemas emerxentes e agudos, déixase marxe suficiente para o xurdimento de alternativas como Ciutadans, aparentemente antisistémicas, que han de servir para expresar políticas e necesidades non satisfeitas. Coma botón de mostra, o lema do Partido Galeguista de Manuel Soto é tan claro como intelixente: «Nin os de antes, nin os de agora».

Quinta. Só en contadas ocasións os cidadáns defraudados polas promesas de cambio [de réxime] están dispostos a renovar a súa confianza nos partidos que non cumpriron. Non estou certo de que, como dicía
Jean-Baptiste Alphonse Karr, a felicidade se compoña de infortunios evitados; estou máis convencido, iso si, de que que os gobernos triunfantes se aleitan de expectativas non frustradas.

05/11/2006

Nicaragua nas horas incertas

Nicaragua elixe hoxe novo goberno. Segundo as sondaxes, unicamente o candidato da FSLN, Daniel Ortega, acariña a maioría absoluta; séguelle nas preferencias cidadás Eduardo Montealegre, o banqueiro líder da Alianza Liberal Nicaraguana (ALN). O candidato do Partido Liberal Constitucionalista (PLC), José Rizo, testaferro político do expresidente Arnoldo Alemán, ocupa o terceiro lugar; a seguir está Edmundo Jarquín, o accidental presidenciábel do Movemento de Renovación Sandinista (MRS) e, por cabo, o mítico comandante Cero, Edén Pastora, que lidera a moi minoritaria Alternativa polo Cambio. Algo máis de tres millóns e medio de nicaraguanos poden exercer o dereito ao voto, de todos eles 460.000 son mozos que van votar por primeira vez; voto primeirizo que carga de incerteza a consulta electoral.

Xogo limpo

1.200 observadores internacionais tutelan as eleccións e convértenas nun dos procesos electorais máis fiscalizados da historia do continente americano. Hai unhas semanas o escritor Sergio Ramírez alertaba sobre o control que as dúas forzas centrais do bipartidismo nicaraguano –FSLN e PLC– teñen no Consejo Supremo Electoral e apuntaba: «Estamos daquela fronte ao reto de ter unhas eleccións verdadeiramente libres e transparentes, a pesar de quen deben contar os votos. A vixilancia dos interventores dos partidos independentes nas mesas electorais tórnase clave, así como a presenza dos observadores nacionais e internacionais no maior número posíbel de lugares de votación.»

O expresidente norteamericano James Carter, que forma parte dunha delegación xunto cos expresidentes peruano Alejandro Toledo, o arxentino Raúl Alfonsín, e o panameño Nicolás Ardito, avalou a limpeza do proceso electoral: «Pareceme que estas elecciones están moito mellor preparadas, tívose gran coidado para evitar todo tipo de conflitos e violencia y creo que se deron as condiciónes para ter unhas eleccións honestas e xustas».

A consulta electoral avanza sen que se teñan producido incidentes maiores e desde a apertura dos colexios electorais rexístrase unha elevada participación cidadá (nas cinco primeiras horas de votación exerceran xa o seu dereito o 52% dos electores e estímase que a participación roldará o 75%) ao tempo que os observadores internacionais salientan a normalidade da xornada.

Camiño do pluralismo

Con independencia dos resultados dominicais, todos os analistas están certos de que o sistema política nicaraguano entra nunha nova fase de pluralismo partidista crebando co bipartidismo ultrapolarizado das décadas precedentes. As forzas fundamentais do vello sistema –PLC e FSLN– concorren ás eleccións competindo con outras alternativas que lle desputan espazo político, lexitimidade e mesmo a continuidade histórica das súas respectivas tradicións políticas.

A ALN e o MRS reivindícanse como alternativas democraticamente rexeneradoras do liberalismo e do sandinismo e aguilloan coas súas críticas os acordos subscritos por Daniel Ortega e Arnoldo Alemán no que se repartiron influencias nos poderes xudiciais e electorais, sentaron as bases dun xogo electoral claramente favorecedor do bipartidismo e outorgáronse inmunidades e indulxencias fronte aos escándalos de corrupción e nepotismo.

Nas vésperas electorais, a ALN parece ter asegurada o sorpasso electoral respecto do PLC. Eduardo Montealegre, noutra colaborador de Arnoldo Alemán, soubo presentarse como un candidato de renovación e, co beneplácito de Washington, malia a división do voto liberal, está en condicións de discutir a elección de Ortega. O máis novo dos cinco candidatos, con 51 anos, reitera a quen queira escoitalo que é o momento de «pechar as portas do pasado e abrirlle as portas ao futuro».

Pola súa parte, o MRS consolídase como forza electoral pese ao infortunio que representou a morte do seu candidato á presidencia, o carismático empresario sandinista Herti Lewites. Edmundo Yarquín tomou o relevo, acompañado polo afamado músico Carlos Mejía Godoy, e recibiu o apoio dun variado abano de personalidades e dirixentes saídos tanto da disidencia da FSLN –caso dos excomandantes sandinistas Mónica Baltodano ou Henri Ruíz Modesto– como do centrismo político que ensaiou con éxito a súa sogra a presidenta Violeta Barrios de Chamorro nos primeiros anos noventa.

A deriva populista, confesional e mística de Ortega e a FSLN, acabou por facer do MRS a alternativa dunha esquerda laica, democrática e moderadamente transformadora. Hoxe Nicaragua vive unha paradoxal situación é o o MRS e no a FSLN quen semella representar o legado histórico da doutrina de César Augusto Sandino; José Rizo Calderón, candidato do PLC dicía cunha retórico doutro tempo: «o MRS leva unha listaxe de deputados, onde está a ortodoxia del sandinismo, que tanto dano lle fixo a Nicaragua non anos oitenta».

Restauración sandinista?

Algúns comentaristas, como o que foi director do xornal Barricada, Carlos F. Chamorro, falan dun eventual restauración sandinista de producirse o triunfo de Daniel Ortega na primeira volta electoral, pero a ninguén escapa que a oferta da FSLN pouco, por non dicir nada, ten que ver co programa histórico do sandinismo.

Os analistas da campaña non deixan de subliñar as liñas de ruptura impostas na imaxe e discurso de Ortega, desde o abandono das cores vermello-negras por un esluído rosa, ao discurso conciliador, callado de referencias místicas e cangado por peaxes confesionais no que insistiu na campaña. Un botón de mostra, as declaracións de Rosario Murillo, esposa de Ortega e xefa da súa campaña electoral, respecto do aborto terapéutico: «Somos enfáticos: Non ao aborto, si á vida. Si ás crezas relixiosas, si á fe, si á búsca de Deus… A FSLN apoia a posición da Igrexa Católica e das igrexas en xeral contra o aborto en calquera das súas formas porque é un atentado contra a fe, contra a vida…».

Abraiante e oportunista a partes iguais, Ortega faille as beiras á ultraconservadora Igrexa católica nicaraguana e leva como segundo de filas a un somocista da antiga Contra, Jaime Morales Carazo. No debe de Ortega está ademais o pacto con Arnoldo Alemán en 2000, base dunha extendida complicidade política, empresarial e mesmo xudicial.

Arroupado pola querencia caudillista dos nicas, Ortega é o voceiro da pobrería e, ao tempo, un político empresario que xestiona un poderoso consorcio de empresas e influencias. A súa oferta populista está bendicida por Chavez e, utilitariamente, a retórica antineoliberal e antiimperialista válelle para hexemonizar o voto dos sectores cidadáns economicamente máis empobrecidos.

En calquera caso, aínda que Ortega se faga coa banda presidencial ninguén agarda un cambio político transformador, fóra das incomodidades gobernamentais da Casa Branca que verá ampliada a fronte de rexeitamento que lidera Chavez en Latinoamérica. A oferta electoral da FSLN é unha sombra da esperanza transformadora que abeirou nos anos oitenta e noventa, aínda que hai quen non quere decatarse.

A polémica Houtart

Un dos acontecementos máis controvertidos da campaña foi o apoio á candidatura de Ortega por parte do crego belga François Houtart, un histórico dos movementos de solidariedade coa Nicaragua sandinista. Nun artigo de prensa, despois de apuntar que «non existen partidos realmente de esquerda en Nicaragua (…) pero o que se achega máis a esta perspectiva é a Fronte Sandinista», Houtart estendíase para explicar que a ética dos revolucionarios ten tres niveis –a súa ética persoal, a ética interna no partido e o imperativo moral da loita contra o neoliberalismo– e que no caso do Ortega, sendo amplamente criticábel a súa ética persoal e partidaria, había qua apoialo polas súas posicións consecuentes «na loita contra o neoliberalismo, o imperativo moral máis importante».

A proclama de Houtart foi duramente replicada por Mónica Baltodano, representante noutrora da Esquerda Sandinista na FSLN e agora dirixente do MRS, por Iosu Perales, outro histórico da solidariedade internacionalista con Nicaragua, e hoxe mesmo por Sergio Ramírez en El País.

A cualificación de Ortega ofrecida por Perales serve ben para medir a distancia que para moitos afasta a Ortega do sandismo revolucionario dos anos oitenta: «Que Daniel Ortega gane ou non as elecciónes en Nicaragua non afectará ao esencial: o seu declive e final como figura da esquerda. O que queda del non é outra cousa que un caudillo oportunista, inmoral e corrupto, que se sirve do imaxinario do pobo sandinista e da súa desinformación, para rendabilizar as siglas FSLN e o seu pasado glorioso en beneficio propio e da súa familia.»


Vitoria na primeira rolda ou derrota na segunda

Todos os analistas coinciden en sinalar que se Daniel Ortega non vence no primeiro round da consulta e se precisa dunha segunda volta será finalmente derrotado. Nas elección de 1990, 1996 e 2001 cando se editaron fortísimas bipolarizacións sandinismo-antisandinismo, Ortega foi derrotado por marxes maiores ao 10%.

Tras a reforma pactada por Ortega e Alemán, un candidato pode gañar na primeira tirada co 35% dos votos se obtén unha diferenza de cinco puntos porcentuais diante do segundo candidato presidencial. Un cambio de norma que favorece abertamente ao candidato sandinista por mor da división electoral do liberalismo.


Nas concorrencias electorais anteriores, Ortega fixou o seu teito histórico no 42%, pero a FSLN embocou a recta final da campaña electoral cunhas sondaxes que lle daban somente o 33% dos sufraxios; con todo, a fragmentación e dispersión do voto liberal entre o PLC e a ALN podería facilitar a súa vitoria na primeira volta. De non ser así, o voto útil liberal ao que se agregará un voto de castigo antisandinista, xunto coa abstención de importantes segmento dos electores do sandinismo emerista, permitirán, segundo a maioría das quinielas electorais, o triunfo do candidato liberal –Eduardo Montealegre ou José Rizo– que quedase en segunda posición. Nunha segunda tirada electoral, a Ortega non lle axuda moito ser o candidato presidencial que conta cun maior rexeitamento entre os votantes de ALN, PLC e MRS.

Á espera nas horas incertas

Tradicionalmente Daniel Ortega gaña sempre nos inquéritos e perde nas urnas. En poucas horas saberemos como foi desta volta. Carlos F. Chamorro escribía onte: «Aínda que o panorama que se enxerga tras as eleccións é complexo, é máis prometedor que o presente.» Axiña sairemos de dúbidas.


Actualización # 4

Non foi en poucas horas pero xa sabemos como foi a cousa. Daniel Ortega será o novo presidente de Nicaragua. Co 91,48% do escrutinio realizado, Ortega obtivo o 38,07% por diante de Eduardo Montealegre que tan só atinxiu o 29%. Máis en detalle:

Votación presidencial

Escrutado: 91.48%
FSLN: 38.07% / 854,316 votos
ALN: 29% / 650,879 votos
PLC: 26.21% / 588,304 votos

MRS: 6.44% / 144,596 votos
AC: 0.27% / 6,120


Elección de deputados nacionais
Escrutado: 91.56%
FSLN: 37.59%
ALN: 26.72%

PLC: 26,47%
MRS: 8.69%
AC: 0.54%



Elección de deputados departamentais
Escrutado: 91.56%
FSLN: 37.9%
ALN: 26.66%

PLC: 26.46%
MRS: 8.42%
AC: 0.55%


Elección de deputados do Parlamento Centroamericano
Escrutado: 91.59%
FSLN: 37.7%
ALN: 26.87%

PLC: 26.51%
MRS: 8.35%
AC: 0.58%

Actualización # 3

Na elección presidencial, co 40% do escrutinio realizado, Daniel Ortega suma o 40,1% dos votos, seguido de Montealegre co 32,7%, José Rizo co 20,3 e Jarquín co 7,5%. Na elección de deputados nacionais o FSLN contabiliza o 38,6% dos sufraxios, fronte ao 30% da ALN, o 20,6 do PLC e o 10,1% do MRS. Canto aos deputados departamentais: a FSLN obtén o 39,1%, a ALN o 29,85%, o PLC o 20,61% e o MRS o 9,87%.

Segundo as proxeccións
a FSLN tería 36 deputados na Asemblea Nacional (até agora tiña 38%), o Partido Liberal Constitucionalista (PLC) lograría 22 (tiña 41); a Alianza Liberal Nicaraguana (ALN) 27 (sumaba tan só 9 na antiga cámara) e o Movemento de Renovación Sandinista (MRS), tería 5 escanos.

Actualización # 2

Co 14.65% escrutado, os resultados das presidenciais son FSLN: 40.04%; ALN: 33.29%; PLC: 19.51%; e MRS: 6.89%.

Actualización # 1

O
primeiro adianto de resultados (sobre o 7,2% do total) sinala que o candidato presidencial da Fronte Sandinista obtería o 40,85%, fronte ao 32,68% do seu principal rival Eduardo Montealegre da Alianza Liberal Nicaraguana (ALN). José Rizo, do Partido Liberal Constitucionalista (PLC) acadaría o 21,37%, e o aspirante do Movemento Renovador Sandinista (MRS) Edmundo Jarquín, ficaría co 4,87%. Pola súa parte a embaixada norteamericana realizou xa a denuncia de irregularidades no desenvolvemento da xornada electoral.

01/11/2006

RG # 1. Auga

Na grella matinal da RG tocounos falar, entre outras cousas, da política de penalización do sobreconsumo da auga que pretende impulsar o Ministerio de Medio Ambiente. A iniciativa preséntase de modo confuso e non parece felizmente mesurada. Cristina Narbona propuxo que os concellos graven o uso abusivo da agua co estabelecemento dunha tarificación por tramos de consumo. O dato de referencia don os 170 litros de auga por habitante e día que se consomen no Estado español. O dato de contrapunto son os 60 litros por persoa e día que fixa a ONU como necesarios para satisfacer as necesidades humanas básicas. A presión sobre o desbaldo de auga nos fogares permitiría unha redución do 20% ou 30% dos gasto hídrico.

As políticas dirixidas aos cidadáns para procurar unha utilización máis eficiente da auga son certamente necesarias, pero non deixa de sorprender o nesgo que cada vez con maior frecuencia adoptan algunhas das políticas ministeriais para aliviar as obrigas das Administracións, agochar as responsabilidades das empresas e dirixir, intensivamente, renovadas esixencias (razonables e menos razonables) cara aos cidadáns sob o pano dunha soposta sensibilización cívica (ou neste caso ambiental).


Fóra do foco da ministra, pero non do problema, quedan datos moi relevantes. Primeiro: os usos agrícolas papan aproximadamente o 65-70% da auga consumida no Estado e a industria bébese o 20%. Segundo: o consumo doméstico unicamente representa o 10%. Terceiro: nas cidades gástase menos dun terzo dos recursos hídricos. Cuarto: estímase que un 30% da auga non chega ao seu destino, pérdese pola súa deficiente canalización e entubado. Quinto: Máis da metade da auga extraída en Europa Occidental é usada para a produción de enerxía eléctrica e aínda que maioritariamente é restituída ás canles de orixe unha parte non marxinal tamén se derrama.


No mantemento dun modelo sostíbel de consumo hídrico, os poderes públicos teñen obrigas que van moito máis alá de lembralle aos cidadáns a necesidade da moderación ou penalizar en termos de mercado o usos abusivos nos fogares, tócalles tamén construír infraestruturas hidráulicas de calidade que garantan un abastecemento eficiente reducindo as súas perdas, é a súa responsabilidade tamén promover usos razonábeis da auga nas grandes explotación agrícolas ou encanar as necesidades das industrias en termos de restitución e reutilización potabilizada dos seus consumos.

A proposta de Narbona é tan vesga que derrama todo a súa utilidade cidadá por non ir acompañada doutras políticas igualmente urxentes e medioambientalmente comprometidas.
En termos ambientais as políticas que non integrais son menos eficientes, eficaces e sostíbeis; a ministra debería sabelo. Deixando fóra as responsabilidades corporativas das empresas e das Administracións e deitando toda a responsabiliade nos fogares o impacto mediático é alto, pero a pegada ambiental será con toda certeza moito menor. É un brinde ao sol. Un brinde de auga, pero todo un brinde ao sol.