
O triunfo (aparente) do zapaterismo neutralizando a Pascual Maragall vólvese teimudamente agora na súa contra. Substituíuse a Maragall para reeditar o que Maragall faría mellor e en mellores condicións. A solución Moncloa –promover a alianza socioconverxente– fracasou pola recuada electoral do PSC que se viu privado dun dos seus principais capitais: o President.
A maior sorpresa para moitos analistas foi verificar que as caixas de contabilidade electoral do PSC e do PSOE non son coincidentes. Non todo o excelente para o PSOE é bo para o PSC, nin todo o que é óptimo para o PSC é beneficioso para o PSOE. A asimetría de interese causa ronchas na Moncloa, desautoriza a Ferraz e intranquiliza aos baróns consolidados (Chaves), flotantes (Ibarra) e mergullados (Bono).
A tentativa da dirección do PSOE de impoñer un cogoberno socialista-converxente con Artur Mas como President e José Montilla en papel de socio complementario tería consecuencias desastrosas para o PSC e unicamente sería razoabelmente practicábel para os intereses dos socialistas cataláns se Montilla ficaba electoralmente por diante de Mas ou se a suma de PSC+ERC+Iniciativa non fose suficiente para garantir unha nova coalición gobernamental.
Entesa ou suicidio

Montilla mira pola súa supervivencia e a do PSC, sabedor de que toca superar as turbulencias da etapa constituínte do primeiro tripartito e que a esa mesma estratexia está máis que disposta ERC que padeceu, coma ninguén, o seu arredamento do goberno, a soidade da defensa das posición soberanistas cando o Referendo do Estatut e que ademais estaba ameazada por una irreversíbel devaluación dos seu apoios parlamentarios en Madrid. A estratexia cooperativa beneficia a todos e moito máis beneficia cando se fai efectiva entre iguais.
Agravíos e opcións de futuro

Especulacións interesadas, ou proxectos de futuro tanto ten, os problemas electorais do PSOE non proveñen do espazo da esquerda senón da súa capacidade de cativar o voto centrista, morno, moderado que non se dá decidido a entregarse aos imprecisos proxectos de Rodríguez Zapatero.
Leccións aprendidas?
Da experiencia catalá pódense tirar algunhas leccións aplicábeis ao teatro de operacións galegas.
Primeira. Os cidadáns valoran positivamente as gobernabilidades tranquilas, refugan dos gobernos crispados e inestábeis. Estase disposto a apostar por unha coalición sempre e cando se ofrezan garantías de sostenibilidade ao longo prazo.
Segunda. A cidadanía estima máis a política como acción que como marco de acción, quérese dicir que valora máis os esforzos por trazar liñas de políticas públicas que atallen, resolvan ou palien problemas, que os esforzos por construír as arquitecturas do poder; ao claro: vale máis un ben gobernar que un excelente Estatuto.
Terceira. Quen rompe o equilibrio paga, quen renove liderados atendendo a cuestións exclusivamente domésticas (PSC) ou se instale por moito tempo nas políticas simbólicas (ERC) acaba por ver minguada a súa audiencia, quen ofrece unha política con menores derivas e estridencias ideolóxicas, quen aposta polo proxecto conxunto de goberno resulta, en caso de crise electoral, premiado (Iniciativa per Cataluña).
Cuarta. Se se impón unha axenda política moi selectiva, sen atender a problemas emerxentes e agudos, déixase marxe suficiente para o xurdimento de alternativas como Ciutadans, aparentemente antisistémicas, que han de servir para expresar políticas e necesidades non satisfeitas. Coma botón de mostra, o lema do Partido Galeguista de Manuel Soto é tan claro como intelixente: «Nin os de antes, nin os de agora».
Quinta. Só en contadas ocasións os cidadáns defraudados polas promesas de cambio [de réxime] están dispostos a renovar a súa confianza nos partidos que non cumpriron. Non estou certo de que, como dicía Jean-Baptiste Alphonse Karr, a felicidade se compoña de infortunios evitados; estou máis convencido, iso si, de que que os gobernos triunfantes se aleitan de expectativas non frustradas.
3 comentários:
Gostei da sua análise, como quase sempre. Mas está certo de que a gente prefire um bom governo a um bom Estatuto, supondo que ambas cousas forem diferentes? Conseguir um bom Estatuto nom faz parte dum bom governo? Pode qualificar-se de bom governo aquele que só consegue um Estatuto mediocre ou mau?
Já que tam celebrado foi um cordovês na Presidência da Generalitat de Catalunha, espero poder celebrar que na presidência de Andaluzia está alguém chamado, p. ex., Jaume Coromines. Já nom falo na de Madrid, essa Espanha nom etnicista, porque aí nom há esperança algumha.
Son moi pertinentes as súas preguntas. E leva razón (implícita) nelas, certamente lograr un bo estatuto é expresión dunha boa acción de goberno. É indiscutíbel. O problema está cando o novo Estatuto non atende o que os cidadáns entenden que é prioritario e nestes casos a insistencia nas cuestións identitarias vale menos que a importancia das cuestións competenciais e das capacidades do Estatuto.
Sr. Ian,
Bóteme aí un ollo nun post recén saído do forno.
Por outra banda, aínda non me dixo de que lugar/parroquia é vostede en O.
Enviar um comentário