16/11/2006

O nó gordiano

As declaracións de Xosé Manuel Beiras sobre o estado de saúde do BNG removen o estado de opinión do nacionalismo galego. A diagnose que ofreceu en Radio Obradoiro é tan contundente como preocupante: «A saúde política do BNG está moi deteriorada e con risco de morte.» Adianta que os cambios proxectados son «o certificado de defunción da organización creada en 1982» e achega consideracións políticas sobre o modelo organizativo do BNG que non deixan indiferente a ninguén.

O frontismo idealizado...

A implantación do sistema de delegados supón para Beiras un cambio da natureza frontista do BNG que identifica co asemblearismo. Entende ademais que a proposta da actual executiva representa a conversión da fronte en partido e a imposición dunha «organización piramidal e vertical». Sostén así mesmo que ningunha formulación partidaria terá en Galiza tanta capacidade social e política integradora como acadada historicamente polo BNG. Enfatiza: «aínda que convertan o BNG nun partido non conseguirán manter todo o espazo do BNG baixo o control dunha organización piramidal de tipo partidario. O BNG puido albergar a todo o movemento nacionalista do país, un partido non poderá, non funcionará.»

A versión idilica do frontismo que se ofrece bate cunha experiencia teimosa que indica que as bondades organizativas do BNG dos felices anos noventa non foron tantas. A fronte armouse sobre a base dunha estrutura de dirección xenuinamente partitocrática, non é esaxerado mesmo dicir que na mesa da súa executiva nacional se reunían oligarquicamente os representantes de partidos e colectivos.

A dirección nacional construíuse desde a súa orixe por cooptación máis que por elección dos seus membros. Na composición do órgano non pesaban tanto os apoios reais no interior da fronte como a súa participación no momento fundacional do BNG en Riazor. Organizacións como Unidade Galega, PNG ou Inzar, que se sumaron á fronte coa apertura do Proxecto Común, estiveron permanentemente minorizadas e a súa representación sempre estivo devaluada nos órganos de decisión.

Pola súa parte, o grupo parlamentario deseñouse sempre como unha proxección da dirección nacional do BNG. A permanencia e recorrencia dos mesmos representantes parlamentarios, o acriticismo na avaliación do seu labor e o continuísmo cego, baixo a infeliz fórmula de Pilar García Negro pola cal «se nos vai ben así para que imos cambiar», completan un cadro de déficits democráticos que moito contrasta coa memoria que nos reconstrúe Xosé Manuel Beiras.

O asemblearismo como espellismo democrático

O BNG afirmouse, como fronte, nunha estrutura verticalista e piramidal tan pronunciada como a de calquera partido político clásico, moderno ou posmoderno. O direccionalismo de arriba a abaixo impúxose na lóxica das decisións e as consultas. A énfase posta na importancia da participación asemblearia no momento congresual na cal «os militantes teñen todo o dereito de voz e voto directo para as tomas de decisión básicas», indica a nula importancia que teñen as outras instancias asemblearias –comarcais e locais– no debate das decisións políticas ordinarias nos períodos intercongresuais.

A participación na Asemblea Nacional administrouse así como o antídoto fronte a desvalorización de todos os demais espazos decisionais. A participación delegada na Asemblea Nacional evidencia o espida que está a democracia na organización ordinaria do BNG.

As esixencias de cambio que abanearon á X Asemblea Nacional estaban máis que xustificadas; a renovación da estratexia, liderados e modelo de organización eran unha demanda democrática necesaria e intelixente.

A elasticidade fosilizada da fronte

A elasticidade da organización frontista para seren un colector moito máis pluralista e de maior apertura á sociedade bate coa rabuda realidade dos rexistros de afiliación do BNG e coa súa comparanza cos de partidos tan paleorganizativos como o PP-G ou tan posmodernos como o PSdeG touriñista. A inmensa maioría dos cidadáns consideran ao BNG como un partido, coa mesma lóxica que teñen os partidos-que-realmente-son-partidos. Ademais o grao de interclasismo da fronte non é maior, en ningún caso, ao do Partido Popular, un auténtico partido-apañao-todo se atendemos á pluralidade e diversidade dos seus apoios cidadáns.

Por outra banda, a base electoral do BNG é moitísimo máis plural que o censo militante do nacionalismo frontista, e se hai outras dúas carencias ás que hai poñerlle urxente solución son a escasísima porosidade cidadá do Bloque e a súa minguadísima capacidade para atraer mediadores sociais fóra do seu primeiro círculo de influencia política.

O doutrinarismo e o conservadorismo organizativo non axudan a abrirse a novos apoios cidadáns; non engrandecen os partidos e non amplían as frontes. A transparencia, unha organización eficiente, o intercambio franco de ideas, a participación colaborativa e non entorpecida polos rangos (cadro político/militante/simpatizante/elector) e a vontade expresa de organizar aos cidadáns e non só a axentes sociais ideoloxizados, melloran as capacidades de influencia de calquera caste de formación política, sexa partido, sexa fronte ou sexa fronte de partidos.

No seu diálogo coa sociedade civil e na creación de audiencias para un discurso democrático radical e transformador, na construción dunha renovada trama de apoios sociais, na conformación da base territorial do nacionalismo, a organización importa menos que os procesos de implicación cidadá. No BNG abondan os ditames sobre a estrutura organizativa tanto como escasean as reflexións sobre como mellorar as capacidades inclusivas da súa acción partidaria ou gobernamental.


A liña do horizonte

A Walter Benjamin gustáballe dicir que o futuro se gañaba nadando de costas. A Manuel Rivas préstalle moito a metáfora do remador que avanza bogando de costas ao seu punto de destino. As declaracións de Beiras en Radio Obradoiro miran lamentabelmente ao pasado, o seu proxecto tensiónase máis cara á VIII Asemblea do BNG que na procura do horizonte da XX Asemblea do BNG (se damos chegado alí). Poderáse dicir que a ollada do actual grupo dirixente apenas ambiciona o futuro e tampouco lle faltará razón a este cuestionamento da limitación estratéxica dos actuais responsábeis do nacionalismo galego.

A iniciativa de Quintana para desaloxar a representación partidaria do Consello Nacional ten un valor máis simbólico que real, preséntase como a espetada final ao vello modelo partitocrático, pero o certo é que non se acompaña dun modelo de toma de decisións que garanta efectivamente que os «militantes a granel» (feliz etiquetaxe de Xosé Manuel Iglesias) teñan igual capacidade que os militantes de marca rexistrada sexa esta a UPG, o PNG ou Esquerda Nacionalista. Unha organización que non asegura a igualdade real de oportunidades de todos os seus afiliados á hora de participar nas tomas de decisión sinálase un obstáculo antidemocrático dificilmente superábel. O BNG non está tensionado politicamente para remover esa pexa.

A tan cuestionada democracia por delegación que se quere institucionalizar na vindeira Asemblea Nacional ten, para a miña idea, unha virtude principal: obriga a ordenar a súa elección atendendo ás ideas que se defendan e isto asegura pluralismo, contraste de pareceres e impón ademais unha reflexión sobre as políticas que se queren e sobre as persoas que se desexa que as lideren e materialicen. Alén diso tamén ten o seu envés escuro, pode santificar a autonomía absoluta dos dirixentes e agrandar a brecha entre decisores e militantes como ben nos indica o que acontece nos sistemas de democracia acusadamente delegacionista.

Ninguén quere enfrontar as insuficiencias máis que probadas do que, no papel estatutario, é a columna vertebral do BNG: a súa organización territorial, os consellos e asembleas comarcais. Amplamente representados no Consello Nacional están moi lonxe de ser instrumentos eficientes nas tarefas organizativas; nada teñen que ver con foros dinámicos e participativos; e, moi ao contrario, fosilízanse como instancias decisorias con nula iniciativa política. Os Consellos Comarcais entréganse soamente ao seu papel de correa transmisora das resolucións executivas e é máis que un tamiz para cribar as contadas iniciativas que dan prosperado desde as asembleas e consellos locais, é unha freixa; non é que filtren e peneiren, funcionalmente atoan, bloquexan e derraman calquera iniciativa xurdida desde abaixo e desde a contorna cidadá do BNG.

Con delegados na Asemblea Nacional e sen partidos no Consello Nacional non se resolve este problema. Os consellos comarcais son, na actualidade, un ámbito de desincentivación política e un instrumento de disuasión da participación; é neles onde a UPG estea a súa política de hexemonización da organización.

A estrutura comarcal do Bloque é unha peza morta, pasiva e inercial; non serve para organizar nin é útil para deseñar e unificar políticas, non informa a acción institucional, non impulsa a súa proxección territorial, non actúa de condutor social... A democracia interna desgónzase na organización intermedia do BNG e empobrécese ademais pola insuficiencia de comisións de traballo sectorial, outro dos sinsentidos estruturais máis claromosos da organización nacionalista.

Non basta con nadar de costas, hai que procurar ademais non facelo en círculos. Activar a estrutura territorial como espazo de decisión intermedio, como marco unificador das políticas do BNG e como canle para o transvase de experiencias e información, suporía unha auténtica revolución no nacionalismo organizado. O cambio democrático do BNG non repousa hoxe tanto na base asamblearia local como nos Consellos e Asembleas Comarcais. A organización ten pés de barro, pero ten aínda unha pexa máis decisiva: a súa máis fraxil e crebadiza cadeira. Aí o nacionalismo frontista demanda de moita ortopedia democrática e dunha intensisima rehabilitación participativa. O nó gordiano da renovación do BNG está na súa organización política comarcal, esa é a lazada coa que se afoga o seu crecemento democrático, a que lle rouba osíxeno cidadán.

6 comentários:

Anónimo disse...

O que non entendo é porque se é tan claro e tan evidente, outros non baixan da burra: os que teñen poder enténdoo, pero... e os outros?

Anónimo disse...

O asamblearismo do BNG está moribundo dende hai tempo, niso coincidimos todos, pero o que non me encaixa é a súa análise dos motivos nin das solucións. A ninguén se lle escapa que a gran beneficiaria da conversión da fronte nun partido será a UPG, que é a oligarquía levada ó extremo. Coida vostede que a dicotomía Quintana-U, coma noutro tempo foi Beiras-U, contribuirá a democratiza-lo BNG? De que vale ter un rostro amable de cara ós electores se a organización é a correa de transmisión de Francisco Rodríguez?
Coincido con vostede en que a situación do militante "a granel" é insostible, carecendo de capacidade real de intervir na organización; só se escoita a quén representa a un grupo de presión (partido ou corrente). Ante esa situación, moitos entramos en partidos para que a nosa voz, anque fose indirectamente, contase na organización. Culpar da falta de democracia á partitocracia á que a propia UPG nos forzou é oviar que existe un nucleo duro para o cal os militantes son meros peóns dunha partida na que é a U quén move as pezas. Ou entrabas no xogo dos partidos ou quedabas fora. Non xustifico a partitocracia, pero permitame sinalarlle que pode ser peor o remedio que a enfermidade.
Por outra banda, argumentar que unha AN por delegados contribuirían a democratizar as asambleas comarcais soa a puro sarcasmo. Facilitaríalles índa máis a tarefa de controlar o Bloque, e índa nos alonxaría máis dunha sociedade que non nos entende porque non nos molestamos en contar con ela; un diálogo de autístas.
O BNG ten que elexir entre renovarse ou morrer, pero moito me temo que a persoa á que lle correspondería liderar esa renovación carece de altura de miras coma para un proxecto de tal envergadura. Quintana non é Maragall, el non vai fragocitarse altruístamente; xa hai tempo que nos decatamos de que el non ía se-lo lider de todos. No canto da superación do minifundismo, o que está incentivando é a súa propia leira.
Ante este panorama, eu apoio á Alternativa, porque coido que o Bloque non mudará ata que alguén faga frente á UPG. E Quintana non será ese alguén.

cneirac disse...

Con algo de malicia e un moito de verdade, permítome suxerir uns cambios:

Onde di:

"non é esaxerado mesmo dicir que na mesa da súa executiva nacional se reunían oligarquicamente os representantes de partidos e colectivos"

eu diría:

"non é esaxerado mesmo dicir que na mesa da súa executiva nacional (na de Beiras) se reunían oligarquicamente os representantes de partidos e colectivos"

Onde di:

"coa mesma lóxica que teñen os partidos-que-realmente-son-partidos"

eu diría:

"coa mesma lóxica que teñen os partidos-realmente-existentes (sic)"

Polo demais eu propoño retomar unha boa idea mal levada a cabo por outros, como é o das primarias, nas próximas municipais. Nun cenario de fartura e desinterese pola política municipal, cos vellos tótems caendo por uquer, iso cando menos había dar unha oportunidade á xente de promover a persoas novas e osixenadas, fóra dos círculos internos da litocracia bloqueira.

E tamén lle daría un pulo á ao emprego das TICs, á e-democracia interna. Mais iso, iso si que xa é soñar.

Ian disse...

Julicheiro:
Eu non creo que o panca democratizadora do BNG se apoie U en solitario nin asociada con Quintana, creo sinceramente que pasa por unha nova maioría que sitúe democraticamente á UPG na posición minoritaria.

Nin entendo, nin comparto, nin me explico a incapacidade da xente do BNG que quere a súa renovación para porse de acordo, nin minimamente... xa non digo con Quintana, pero o fracaso do acordo con Beiras a que santo de debe?

Tampouco entendo moi ben a énfase da Alternativa que carga canto quere no quintanismo e silencia moito do que historicamente se pactou coa UPG desde Esquerda Nacionalista...

Canto á partitocracia que se constrúe por imitación da UPG, creo que lle falta a razón e a memoria histórica, o xogo partitocrático foi libremente asumido polos compoñentes do BNG e Esquerda Nacionalista mesmo xurdiu como partido no seo da fronte, non se buscou ningunha outra solución que si se ensaiaron (vexase a de Avante, p.e.), adoptouse a forma de partido na crenza de que segundo a teoría clásica do frontismo no futuro estado independente de Galiza se necesitaba unha forza socialista para contrapor a unha forza comunista, en fin que vai ser que non, que se elixiu a forma de partido que non se quere para o BNG para ocupar espazos de poder no BNG e repesentar intereses, estraña confusión, a forma de representación de intereses vale para o ámbito doméstico pero non para o público... complicado de explicar, cando menos.

«Argumentar que unha AN por delegados contribuirían a democratizar as asambleas comarcais soa a puro sarcasmo.» Estou de acordo, a min nin se me ocorrería argumentar cousa semellante, a democratización non repousa no sistema de delegados, nin no sistema asembleario, repousa nas políticas de participación coas que se comprometa a nova dirección política. O entusiasmo participativo das pasadas dirección e mesmo da actual foi sempre baixo, en moitos casos nulos... No futuro non lle sei.

Compráceme moito o seu apoio á Alternativa, na que conto con moi bos amigos e compañeiros de militancia, e lamento que non podamos facer este treito do camiño xuntos, a min non me basta con facer política anti-upg, o simple antagonismo non creo que nos leve a ningún lado. Se me vai preguntar se Quintana nos leva a algures, xa lle adianto que non o sei. Polo de pronto a candidata que vostedes me ofrecen non é un bo inicio. Especialmente despois de ter gastado moitas horas argumentando o baixo perfil político de Quintana.

Non lle sei, procuremos non romper nada... e que o debate sexa para ben.

Ian disse...

Calidonia xa vexo que se está preparando para a lóxica emendataria... Ben se aceptan, menos mal que este non é relatorio oficial... Algo me di que o das primarias e o das TIC van na mesma bolsa de imposibilidades. Confío en equivocarme unha vez máis.

Nygard disse...

Se entendín ben considera vostede que as asambleas comarcais deben ser tamén orixinadoras de debate e que os fluxos deberían ser por tanto bidireccionais, e non como agora que son unidireccionais, de arriba abaixo.

Non sei Ian, non sei... Estou dacordo en que a actual estrutura e funcionamento distan moito da imaxe idílica do Beiras. Considero importantísimo a cultura asambleária... tiven a oportunidade de ver como ducias de estudantes coñecían o asamblearismo nos movementos contra a LOU. Foi certamente edificante.

Non se entenda isto como unha defensa das asambleas nacionais, onde o anonimato vence á participación... quizais efectivamente os espazos adecudados son os comarcais e locais.

Pero máis alá desos aspectos importantes eu considero que hai outro debate a ter moi en conta. Ser un partido de goberno implica moitas renuncias, moitas... penso que unha parte da militancia histórica do BNG non acepta esas renuncias e así manifesta o seu descontento. Non me refiro por suposto aos mandamaises de EN, pero si a moitos outros como o Movemento pola Base, aos rapaces de Isca... ao propio Beiras... esta é tamén a contradicción da UPG, que non da atopado un equilibrio imposíbel.

Cando eu me refería a convertir ao BNG nun partido tradicional era xustamente iso o que tiña en mente... máis alá da estrutura formal da organización. Penso que cando Beiras critica a proposta dos delegados e outros aspectos organizativos, en realidade está criticando a mudanza cara un partido do establishment.

Boas vistas dende a Barreira... dende Ribas de Mar a miña aldea vannos facer unha ponte que me trae politicamente tolo. Se lle cadra ir por alí fágamo saber e desfrutamos dunhas viandas locais, que as hai e boas.