Consumida unha quinta parte da campaña La Voz de Galicia publica a súa primeira sondaxe electoral. A entrega dominical ordena a pole position dos comicios na Gz-8 e faino coa autoridade que lle outorga a precisión de encuestas anteriores e, sobre todo, a verosimilitude dos escenarios que presenta. As enquisas que prepara Sondaxe para La Voz teñen un plus de credibilidade adicional ao facerse dentro dunha serie longa de esculcas, aínda que acheguen sempre unha velada carga de discrecionalidade por non ser o Grupo Voz un conglomerado mediático moi dado á despaixonada neutralidade política. Como sexa, a súa calidade, como nas grandes novelas, baséase na indiscutíbel verosimilitude da súa trama.
As sondaxes son tan denostadas como tidas en conta e por moito que nos debrucemos nelas nunca estaremos certos de se sirven para representar un estado de opinión, para condicionar as preferencias cidadáns ou para ambos dous fins ao mesmo tempo. A posición referencial que La Voz ten no sistema de medios galegos fai impesábel pasar por alto os seus vaticinios. Un botón de mostra: no inquerito sobre o Clima social e político que realizou a Consellaría de Presidencia o pasado marzo, o 52% das persosas entrevistas dicían ler La Voz de Galicia, seguíalle a moita distancia o Faro de Vigo (17,7%) e El País (6%). Nos demais soportes ningún medio acadaba unha posición hexemónica tan indiscutíbel: a Cadena Ser, entre as radios, contabilizaba o 30% e a Galega o 18%; nas televisións a Galega faciase co liderato cun mínimo 18% e a TVE con 16%.
Tendencias
A nova entrega de La Voz introduce algunhas novidades respecto da diagnose realizada na precampaña pero mantén as grandes tendencias no comportamento electoral. A saber, na Gz-8 o Partido Popular xoga a defensiva, sen capacidade para ameazar seriamente as maiorías progresistas en ningures, e ten unha posición moi desafavorábel para reter as tres alcaldías que a día de hoxe xestiona. Os conservadores aumentan crédito en Vigo e A Coruña e caen en Ferrol e Santiago.
O PSdeG vai dacabalo dunha onda alcista que lle permite mellorar os seus resultados en Santiago e Pontevedra ou manterse, agás en Vilagarcia de Arousa onde o descoñecemento do candidato mingua as súas posibilidades. Acrecéntanse, con todo, as súas expectativas de facerse coas alcaldías de Vigo e Ferrol e de soster as maiorías absolutas onde actualmente as detentan.
As tendencias do BNG son as máis suxeitas aos condicionantes locais: ten boas expectativas en Ourense, unha manifesta recuperación en Vigo, outra moitísimo máis moderada en Lugo; desgástase minimamente en Pontevedra; corrixe levemente a súa caída en Ferrol e fica entalado nas outras grandes cidades (Santiago, Vilagarcía e A Coruña).
Decídese no Sur
Todo apunta que Juan Juncal perderá a alcaldía de Ferrol en beneficio dun tripartito con presenza de PSdeG, do BNG e da Esquerda Unida, que tamén amplia o seu oco electoral en Vilagarcía de Arousa. O partido dos indecisos será determinante nas dúas prazas máis desputadas da Galiza sudista.
Vigo semella camiñar cara á formación dun goberno de coalición que liderará Abel Caballero pero que terá en Santiago Domínguez o seu segundo home forte, especialmente se se materializa a tendencia á recuperación que demostra o BNG na cidade atlántica e que, se non erra a sondaxe, igualaría en representantes ao PSdeG. En Ourense, o candidato do BNG, Alexandre Sánchez-Vidal, a pouco que se erosione o crédito de Enrique Nóvoa, pode facerse coa alcaldía asestando un duro golpe ao sistema de poder do baltarismo.
As expectativas en Ourense e Vigo están unicamente empardecidas pola mantenza de grandes bolsas de indecisos que engordan, respectivamente, até o 32,6% e o 27,9%. Pola contra, botan un pouco de luz esperanzada os datos achegados no avance de La Voz de onte: a valoración da acción do Goberno galego supera amplamente o da xestión local en Vigo, o que pode interpretarse como un aval ao labor do PSdeG e BNG, e en Ourense a estima política do Goberno Central supera a do poder local e a da Xunta iguálao.
Coda
A posición privilexiada de La Voz permítelle algúns encantamentos, un deles é que a súa sondaxe faga esquecer os auténticos resultados electorais de hai catro anos e reemprazalos por unha especulativa pole position. Alguén pode dicir que a carreira non fixo máis que comezar e que quedan por diante aínda doce voltas. Ten toda a razón, pero os corredores digan o que digan non deixarán de ver no seu retrovisor os datos que hoxe imprendou o xornal coruñés.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Polas miñas contas, as últimas enquisas de Sondaxes debuxan nas 8 (sic) cidades un panorama moi estábel. Tan só a enquisa de ANOVA Multiconsulting publicada por El Correo Gallego ofrecía unha descrición/proxección disparatada.
O panorama na GZ máis urbana resúmese no agregado destes 8 concellos cunha estabilidade do PP (de 72 concelleiros/as pasaría a 75-73-71 nas tres enquisa de Sondaxe), lixeira baixa do BNG (de 47 a 42-43-46), e suba do PSdeG (de 70 a 73-75-73). IU subiría (de 3 a 4-5-5) e os independentes baixarían (de 10 a 7-7-7).
Da estabilidade electoral urbana do PP dá fe o feito de que nun panorama que todos críamos propicio para a proliferación de independentes, estes vexan reducida a súa presenza ao tempo que o PP evita unha disgregación por esta banda.
Claro é que as enquisas adoitan medir mal o voto independente de últimahora, mais partamos do debuxo que fornecen estas enquisas. Tamén é habitual o medre nas enquisas do BNG ao achegarse o día das eleccións, subidón que se noutrora adoitaba materializarse nos últimos tempos máis ben é algo que adoita fica sen realizar.
Así as cousas, parece claro que os cambios políticos na GZ-8 vanse producir por movementos ínfimos de votos, que, iso si, ao estar o resultados en varias cidades no fío da navalla poden producir un significativo cambio no reparto de poder municipal. En síntese, pode acontecer o mesmo que nas Autonómicas: gañar a combinación PSdeG-BNG polos pelos sen que o panorama en fríos números tivera mudado tanto. Teño a impresión de que como indicador de futo de cara ás xerais estas municipais están debuxando precisamente ese equilibrio, fundamentalmente na competición PP-PSOE a nivel de Estado.
O corolario de todo isto é que o grande cambio no voto nestas eleccións, de se producir, vaise producir nas zonas vilegas e do rural, e onde irá inevitablemente acompañado dun cambio de cores no mapa xeopolítico galego.
Enviar um comentário