Isto xa foi comentado. No Consello da Xunta do pasado xoves o Presidente Touriño impuxo ao seu gabinete a moratoria de toda campaña publicitaria e propagandística durante o tempo electoral. Onte acudiu a vender as obras públicas que se fixeron en Vigo, plasmación dun compromiso «como nunca existiu nos 20 anos anteriores». Espectacular e coherente. De que materia está feito o noso Presidente?
Coa mesma e por segunda vez, Touriño renunciou a participar nun debate televisivo. Ofreceu as súas razóns: «Nunca contribuirei nin a tapar os candidatos nin a condicionar ou perturbar o debate dunhas eleccións que son municipais». El non tapa a ninguén. Unha modestia fascinante.
O gran problema de Touriño é a súa natureza demediada, ese esgazamento entre a súa pretensión de ser o presidente de todos os galegos e a súa condición persoal e intransferíbel como secretario xeral dun moi utilitarista PSdeG. Como secretario xeral impónselle a natureza electoral depredadora, como presidente domina unha natureza cesarista superadora de todos os intereses privativos. Abanea entre as dúas, unhas veces vaille e outras venlle.
Touriño sabe que é o gran argumento electoral do PSdeG, neste momento de resolución municipal mesmo moito máis que Rodríguez Zapatero. Na posta en escea os alcaldes do PSdeG son «os alcaldes do Presidente», a ningún lle incomoda verse tapado polo Presidente Touriño, ser arroupados polo máximo Poder fainos electoralmente máis competitivos, estar perto do Gran Conseguidor multiplica as súas posibilidades de éxito nun dos países máis clientelares do mundo-mundial.
Outras veces, Touriño faise invisíbel. Desaparece cando a súa imaxe presidencialista pode verse devaluada ou abertamente cuestionada. O Presidente unicamente se mostra en foros con audiencias cativas ou entregadas. Non está disposto a asumir ningún risco. Só salta ao terreo de xogo para gañar. A opción é intelixente, pero non o fai moi críbel.
Un experto en marquetin electoral, Enric Ordeix, defende que «se vota moito máis polo que se oe dicir sobre os políticos que polo que eles en realidade din». E comeza a oírse (sobre todo entre os do seu partido) que Touriño nunca dá a cara nas duras e que iso non lle fai ningún ben. Pero claro que con Touriño nunca se sabe se realmente é el, o que está en todo, ou o outro que sempre se agocha, xa que dicir, din exactamente o mesmo un co outro. Gastan as mesmiñas esculpatorias palabras.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
5 comentários:
Propoño unha proba: modifíquese alí onde aparece Presidente e Touriño por Vicepresidente e Quintana.Constátese que a mensaxe mantén exactamente o mesmo sentido;só algunha cuestión accidental(tal acto ,tal lugar,tal data)racha a posibilidade dun isomorfismo absoluto entre valeiras estructuras da nada.
Que lle parece Quintana nas Pontes, e gravado pola TV local, defendendo os debates plurais como dereito da cidadanía? Pero, realmente,alguén o informa do mundo no que vive? Sabe o que é o ridículo?
Brais o teu exercicio pode ser util para aprender a diferenza entre parecidos e iguais... Pode que haxa semellanzas, non vou discutir iso, o poder formatea dun xeito moi semellante aos nosos gobernantes... Pero tamén hai diferenzas, a inexistencia aos debates do Presidente marca a diferenza, iso é o que se comenta. E coméntase tamén a escrupulosidade do Presidente para non misturar os recursos gobernamentais cos partidarios, cando o comunicado de prensa da web da Xunta e a do PSOE é exactamente o mesmo... Que concluimos que un non cita a fonte ou que hai un confuso reparto de papeis entre o que di o presidente e o que di o secretario xeral. Canto ao video de Quintana nas Pontes, nada che podo dicir, non vin. Quizais cando o vexa poda facer o exercicio que me propos e ver se retirando Quintana e Vicepresidente podo poñer Touriño e presidente, e comprobar que son tan intercambiabéis como dis. Entrementres, saúde e que cousas nos vaian para mellor.
Visto o vídeo, Brais teño que dicir que non, non funciona o de intercambiar os nomes. Non me sae o conto co presidente Touriño pedindo un debate público. Por certo, se es o Brais que creo que es, ti si que me podes explicar esa fantástica confusión entre os comunicados do presidente e os do secretario xeral do PSdeG. Polo demais, o dito. Diferenzas e semellanzas, que os señores do PP se queden co menor número de alcaldías posible. Saúde e goce do Día das nosas letras.
Ian.Dúas cousas porque dúas eran as cuestións formuladas por min.
Eu prefiro debates sectoriais sobre políticas municipais neste momento: como cidadán non me interesa o que Touriño ,Quintana e os seu gabinetes entenden por estratexia electoral.O sentido desde o que actúan e proceden é o mesmo aínda que sexan diferentes os actos e, en moitos casos, non tanto.Punto e aparte.
Como ti sabes,se es o Ian que creo que es, nas Pontes hai unha TV local predemocráticamente gobernada onde nin remotamente se pode pensar en algo parecido ao que Quintana propón para a TVG (e non me refiro só a debates electorais).A distancia entre o que se propón como BNG-nación e o que se fai como BNG-local é tan sideral e se perde toda credibilidade.Non me importa se o cromo é,para o caso, intercambiábel ou non; concedo que non o sexa e non vou discutir iso.Só digo que algunhas incoherencias son tan graves como as outras, atribuíbeis a Touriño.
Chegado a este punto, concordo con vostede en que a fenda entre a proposta nacional do BNG e a súa proposta local é grandísima ou «sideral» se o prefire, e que niso radica unha das súas debilidades maiores. A falta de homologabilidade do que se fixo nas alcaldías do BNG tivo gravísimas consecuencias en 2003. Non basta con afirmar que desde os concellos se fai país, hai que ter unha mesma política, armada de coherencia e obxectivos converxentes. A súa crítica apunta unha eiva na que se debería aplicar o BNG. Tampouco vou retrucarlle no que toca a utilidade dos debates sectoriais, moito melloraría a cousa se poidemos asistir a debates sobre que modelo de desenvolvemento local teñen PP, BNG e PSdeG, ou como procurar unha eficiente prestacións de servizos en moitos dos nosos microconcellos, como avanzar na construción local da sociedade da información ou a mobilidade nas áreas metropolitanas... Concédame, cando menos, que esa política sectorializada está tan fóra da axenda partidaria como da axenda mediática e que ambas as dúas se afastan sideralmente da axendas de preocupacións dos cidadáns e cidadás (se é que existe tal axenda por cousa da pouco entusiasmo que xera a vida política). E isto vale para Xan, Froilán e Perillán. O coidado da calidade da nosa democracia debería rompernos máis a cabeza e ser obxecto de maior dedicación. Esa é unha boa causa á que dedicarlle tempo e debates. Un pracer debater con vostede. Saúdos.
Enviar um comentário