26/07/2007

Identidade de duty free

Roldando na rede dou cun can de palleiro. Atopo un capítulo de Ciudad@nos de Babel, no que Manuel Rivas, John Berger e Víctor Sampedro traman un envurullado diálogo polo que discorren literatura, desexos de emancipación, identidades discutidas, a crueza do tránsito do mundo rural á cidade, a cultura campesiña... formas de ver o mundo. Cordialmente, coa música de Pedro Guerra de fondo, Rivas e Berger intercambian opinións e estampas. Sampedro titulou o diálogo con proximidade de país: «Cans de palleiro». Había ser outono e estaba próxima a presentación de King. Unha historia de la calle, a magnifica obra de ficción-ensaio que Berger dedicou á pobreza do Sur Global.

Manuel Rivas reflexiona sobre a materia que celebramos onte. «Cando falamos de tarefas de futuro, debemos recuperar o sentido das palabras nación e democracia. Na miña opinión, para que teñan sentido deben vencellarse á palabra comunidade. Paréceme invivíbel un mundo sen un sentimento comunitario. [...] O termo democracia, que é moi importante, resulta inseparábel dun lugar, dunha formulación dun lugar. A democracia debe ter un marco. De aí a importancia de recobrar o sentida da comunidade, da democracia local, do autogoberno. Reflexionaría sobre as raíces e o sentido das raíces nacionalistas vencellándoas á idea da comunidade e da democracia.»

Ao fío destas reflexións Rivas lembra a anécdota do emigrante que retorna a Galiza despois de moitos anos e atopa en todo o seu esplendor o espellismo da Era Fraga. Pregúntanlle que lle parece a súa Terra agora que o país tanto avanzou deixando atrás anos de pobreza e atraso. «Esta vostede orgulloso de ser galego?» Ao que o noso extraviado paisano sentenza: «Si, estou moi fachendoso de ser galego porque galego pode ser calquera.» A nosa identidade de duty free, a nosa nacionalidade de franquía, esa universal accesibilidade á condición de galego bate, non obstante, coa crúa realidade que nos indica a cada paso que os atrancos, para poder exercer a nosa identidade cultural e nacional, son removidos con pasmosa lentitude.

Nestes días, con ollos postos xa nas vacacións, leo Los sicilianos, un moi recomendábel ensaio de Gaetano Savatteri no que reflexiona sobre a problemática identidade do seu país. Nas súas páxinas, como non, a cuestión vella e tortuosa que formulou Leonardo Sciascia remedando ao Montesquieu das Cartas persas: «Como se pode ser siciliano?» Unha única resposta practicábel: «Con moitas dificultades».

Como afirmaba o retornado, galego pode ser calquera, iso si, pero sempre con moitas dificultades. Entre outras moitas razóns porque ao noso autogoberno aínda non lle asiste unha sólida comunidade e exercemos unha democracia que
malamente se derrama pola carencia dun marco sólido. A franquía funciona ben pero adoece dunha solvente marca comunitaria. Fáltalle aínda moita nación. Malia que onte, en Compostela, baixo un sol xusticieiro, todo semellaba moito máis fácil.

22/07/2007

Polanco

«O vento ergueuse na noite e levouse os nosos plans», reza un proverbio chinés. Este malfadado designio non é aplicable ao Grupo PRISA tras a morte de Jesús de Polanco. A delongada enfermidade do empresario permitiulle mesmo planificar o seu relevo. Polanco nunca foi home dado á improvisación; as súas últimas vontades empresariais foron escritas con sobrada previsión e levan tempo executándose con precisión suíza. Non hai marxe para o horror ao baleiro e con todo atado e ben trenzado, PRISA seguirá sendo PRISA, o complexo industrial-comunicacional máis poderoso en lingua española.

A dirixencia zapatista fixo célebre, entre outras, unha consigna que aseguraba que eles »mandaban obedecendo». Á sombra do poder de Polanco, unha boa parte da clase política española aplicouse estoicamente á máxima zapatista e mandaron obedecendo sen outro libreto que o se escribía nas editoriais de El País ou Cinco Días, se locutaba na SER, e se visualizaba por Localia ou, dixitalmente, por Canal+, a CNN.es ou Cuatro. Non caerei no exceso de dicir que todos os fíos os manexaba don Jesús, pero a onde el non chegaba, mandaba sempre recado.

O Gran Poder nunca ten medida e pode exercerse á luz do día ou no acubillado espazo dos sottogobernos. Con indubidábel intelixencia Jesús de Polanco xogou en todas as canchas con rotundos éxitos e tería sido un cándido inxenuo se non o tivese feito. Máis temido que amado (como os maquivélicos príncipes), ou máis amado que temido (como os mestres republicanos) negociou coa política, a cultura e a comunicación.

Estes días entre apoloxías, revelacións sinceras, hipocrisía institucionalizada, especulacións, boutades e cinismos varios, saberemos algo máis do home e da súa historia, aínda que tamén teremos que ler sonoras estupideces como as de Enric Sopena que vai camiño de converterse nun Jiménez Losantos posto patas arriba. O director de el.plural.com escribe: «A Polanco el integrismo neocon le impidió “ser neutral”. No cayó en la trampa de la equidistancia. Aquel a quien no le dejaron ser neutral descansa ya en paz.»

O Poder nunca é neutral, Polanco nunca se confundiu con esta candidez, era intelixente e endexamais se lle pasou pola cabeza crer no neutralismo nin nos negocios nin na política. Sopena sábeo pero fai como se non o soubese para facernos a todos un pouco máis parvos. Leonardo Sciascia dicía que non hai nada máis parecido a un cretino de esquerdas que un cretino de dereitas. Sopena está aí para quen aínda teña dúbidas.

20/07/2007

1.573, regreso ao pasado

Unha cousa é a liberdade de expresión e outra a libertinaxe. O xuíz da Audiencia Nacional, Juan del Olmo, ao ordenar o secuestro do número 1.573 da revista El jueves acaba de obrigarnos a dar un chimpo de carneiro cara ao pasado. Entende o maxistrado que a estampa coa que abre a súa portada é constitutiva do delito de inxurias aos Príncipes de Asturias e de menoscabo do prestixio (?) da Coroa e subliña que a caricatura na que aparecen é «claramente denigrante e obxectivamente infamante».

Denigrante e infamante é a trastempada acción censorial e o suposto prestixio da Coroa vai tardar moitísimo tempo en ser restaurado. A decisión que, de certo, será aplaudida polo coro constitucional é un insulto á intelixencia. A miña solidariedade coa revista que na súa primeira etapa ironizaba poñendo o lema «by appointment of the King» na súa capa. Houbo un tempo, en que en presenza dos Reis, os únicos que tiñan dereito a dicir as verdades incómodas e a trasgredir o (políticamente) correcto eran os bufóns. Hoxe en día nin iso. Porca miseria.

17/07/2007

Profecías

A profética previsión de José Saramago respecto da futura absorción de Portugal polo Reino de España é a causa dunha feliz barafunda en El País e, ao tempo, dun pequeno e previsíbel terremoto patriótico no Estado veciño. A reedición no século XXI da filipina anexión de Portugal por España é máis un produto da fábrica imaxinativa de Saramago que un proxecto dunha Realpolitik.

Para o autor do Ensaio sobre a cegueira, Portugal sería unha autonomía dentro de España, bautizada agora como Iberia. «Não iríamos ser governados por espanhóis, haveria representantes dos partidos de ambos os países, que teriam representação num parlamento único com todas as forças políticas da Ibéria, e tal como em Espanha, onde cada autonomia tem o seu parlamento próprio, nós também o teríamos» sentenza Saramago para quen «seríamos aqui aquilo que os catalães querem ser e estão a ser na Catalunha.»

Retrúcalle o xornalista do Diário de Noticias apuntando que «algumas das províncias espanholas também querem ser independentes» e zanxa o Nobel asegurando que «a única independência real que se pede é a do País Basco e mesmo assim ninguém acredita.» O escritor portugués ten unha fe ilimitada nas capacidades de España.

A España-que-se-rompe por mor da atroz política de concesións do goberno Zapatero aos nacionalistas preséntase aos ollos do escritor portugués como un espazo político e económico dotado dunha irresistíbel capacidade de atracción. O estudo do castelán e a penetración das empresas españolas son argumentadas como indicadores da inevitábel «incorporación» de Portugal á órbitra de España. A forza do campo gravitatorio do novo Estado filipino español é ridículo se se compara coa que exerce en Lisboa e Madrid a República Imperial dos Estados Unidos de América, pero aquí a veciñanza territorial semella ser o factor desequilibrante da quimeira proanexionista.

Aínda que o correspondente de El País a reinterpreta como lle peta, A jangada de pedra narra menos o proceso de integración que o proceso de segregación dos dous Estados peninsulares respecto do espazo político que lle sería propio na Unión Europea. O romance ten a vocación de exorcismo literario fronte aos perturabadores males do isolacionismo da República portuguesa e do Reino de España respecto á daquela refulxente Comunidade Económica Europea.

É bastante improbábel que Portugal poida ser taxonomizado con un Estado fallido e que o seu destino histórico sexa ser papado por un Estado que xestiona penosamente a súa bagaxe plurinacional. De disolverse o Estado portugués nalgún espazo político faríao no seo da Unión Europea e non en España. Nin Aznar, nos seus máis delirantes soños como Oitava Potencia Mundial, chegou tan lonxe.

José Saramago é un grandísimo escritor e hai sobradas razóns para que fose acollido cos brazos abertos na nosa República das Letras. Ben asimilado pola nomenklatura cultural do Reino de España, é posíbel que considere que o novo Estado de Iberia había ser un agarimoso anfitrión da vella Lusitania. O vello Marx non se cansaba de repetir que a existencia determina a conciencia e non lle faltaba razón. Con todo, é máis doado que un escritor portugués entre polo ollo de agulla do Cervantes que Portugal sexa recibido en condicións de igualdade nun Estado forxado sobre o desequilibrio económico dos seus territorios, a asimetría política e unha uniformización cultural sobradamente pailoca.

O fío do soberanismo

Tardará en apagarse a polémica acendida polo artigo de Josu Jon Imaz. Unha apresurada lectura é usada para salientar a énfase que pon na vía policial para dobregar a ETA. Outra interesada ollada vale para reducilo a unha emenda da posición estratéxica do lehendakari. Afortunadamente, o artigo ten moita máis substancia.

Os cinco principios

Imaz finca o seu discurso nun documento –«Ante el final dialogado de la violencia y la normalización política»–, aprobado polo PNV en outubro de 2005, que está empatado cos cinco principios que expuso Ibarretxe na súa investidura en xuño dese mesmo ano. Filosofía presente tamén no Acordo de goberno do PNV, EA e EB. Os cinco principios, en resumo de Anasagasti, son:

1. O principio de non violencia e o compromiso de respectar os dereitos humanos, utilizando, única e exclusivamente, as vías políticas democráticas.
2. O principio de non exclusión e o compromiso de respectar o dereito de participación de todas as sensibilidades políticas, sociais e territoriais, que queiran facelo.
3. O principio democrático e compromiso de respectar a vontade popular e o exercicio e o dereito a decidir da sociedade vasca.
4. O principio de igualdade e o compromiso de aceptar que todos os proxectos políticos defendidos democraticamente deben atopar as vías para a incorporación no ordenamento xurídico.
5. O principio de respecto á pluralidade e o compromiso de non impoñer/non impedir o exercicio dos diferentes sentimentos identitarios presentes na sociedade vasca.

As condicións

As primeiras e máis afusquinadas interpretacións suxiren que o presidente do PNV cancela a estratexia autodeterminista, pero Imaz non refuta a ferramenta, lembra, iso si, unha incómoda condición procedimental: «A consulta ten un prevío: o acordo» e salienta que o referendo deber ser a ratificación dun acordo previo integrador. Un acordo que aínda non viu a luz en Euscadi.

Descarta, en consecuencia, a consulta cidadá formulada «como escenario de acumulación de forzas para unha confrontación política» e non como consecuencia dun consenso maioritario. Na súa idea hai que tomar a iniciativa política «nun camiño de integración» que permita «acadar de forma efectiva unha maior cota de autogoberno». E oponse a crear un clima de confrontación que non vai adiantar un consenso maioritario e que ademais pode converterse nunha alentadora coartada para ETA.

A estratexia

Hai tempo que Josu Jon Imaz explicitou o seu rexeitamento da política como confrontación impositiva: «O obxectivo estratéxico deste país non ten que ser enfrontarse a España, senón cativala e gañar a España, en termos de gañar confianza. Por que? Porque o pacto, o acordo e a bilateralidade esixen confianza. Polo tanto, eu non quero enfrontarme a ninguén, eu quero cativar».

A política como engaiolamento, non como confrontación, ese é o fío co que se tece a estratexia do presidente do PNV. Un fío quizais demasiado fráxil para soportar as altas tensións que deliñan o xogo político en Euscadi e a blocaxe á que está sometido seu autogoberno tras o rexeitamento do Plan Ibarretxe.

A consulta posíbel

No medio dun balbordo mediático non vai faltar ocasión de ver como se despelexa maximalistamente a Imaz, malia ser o principal coidador dos principios e das condicións que son imprescindíbeis para exercer o dereito de autodeterminación con garantías. Sobre todo, con garantías democráticas do seu éxito. Sen avances nas condicións políticas do acordo, a consulta non será máis que un fetiche, un aceno baleiro de soberanía ou un canellón de mala saída. Todos o saben, pero só o moderado Imaz ten a coraxe de dicilo.

12/07/2007

Neve negra

Bos Aires sob a neve. Case nove décadas sen branca compaña. Chegou coas vacacións de inverno, precedida de alarmantes anuncios sobre a pouquedade de combustíbeis. Escaseza de calefactores e roupa de abrigo; disparáronse as vendas de luvas, camperas, gorros e bufandas de lá. A onda de frío polar non sabe de fronteiras pero si de clases. A ruda friaxe azoutou o altiplano, o cordal dos Andes e lambeu logo a estrema do Cono Sur con fame atrasada. Unha vintena de mortos na Arxentina e outros tantos sumados nos afriados países veciños. A estatística non é moi exacta porque os invisíbeis son difíciles de contar.

Son moitos, con moi pouco, non pode pagar os 20 pesos que cobran polo cuarto da pensión. Os indixentes fan noite no refuxio. Fóra, menos seis graos. E neve. «O clima, escribe John Berger, axuda en certa medida a regular a fronteira entre o público e o privado.» A vaga de frío permite trazar tamén a fronteira entre dentro e fóra, entre os que están ao coidado da calor e os que están entregados á morte certa. O frío sinala, mundo adiante, os lindeiros da exclusión. A democracia non vale para nada cando o mercurio cae por debaixo de menos seis graos.

10/07/2007

A solución Schäuble e o medo gasoso

A Eduard Berstein, pai do reformismo socialdemócrata, un grandehome do SPD, Ignaz Auer, deulle un consello para que se coidase dos seus excesos declarativos: «Eduard es un asno; esas cousas fanse, pero non se din». Unha das bestas negras dos demócrata-cristiáns de Alemaña e actual ministro de Interior, Wolfgang Schäuble, tampouco é moi dado a refrear a súa acendida retórica. Coa súa última proclama fixo estourar un grande balbordo mediático que deixa en mal lugar a Angela Merkel e avergoña á Gran Coalición.

Schäuble queixouse a Der Spiegel das pexas xurídicas que impiden ao Estado alemán responder acaidamente á amenaza yihadista. Entende que é precisa a redución do garantismo legal e avoga por novas licenzas represivas como «a eliminación controlada de terroristas e sospeitosos», o establecemento do «delito de conspiración» ou a institucionalización de campos de internamento especiais. Con este novo repertorio, segundo o ministro alemán, o Estado de Dereito estará en condicións de facer fronte ás novas amenazas do fundamentalismo islamita.

Schäuble non propón nada que outrora non se teña levado á práctica na Europa democrática. O asasinato selectivo de elementos «subversivos» conta cun triste historial (cando menos) en Irlanda do Norte, Alemaña, Francia e no Reino de España. A idea de que a democracia se salvagarda nos sumidoiros do Estado serviu para enriquecerse con fondos de reptís e para xustificar algúns dos desmandos maiores contra os dereitos humanos.

A alarma global

Cambian os tempos e Schäble trata de verificar se mudaron tamén as vontades democráticas. A vaga de medo arrincou co 11-S e engordou cos atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid e o 7 de xullo de 2005 en Londres axudando a erguer non só unha industria do medo senón tamén unha cultura do medo. Como subliña Mike Davis en As cidades mortas, «os estudos do medo [ou a chamada «sociofobia»] xurdiron como o novo nicho quente da academia». Desde aquela a bibliografía dos temores medrou que dá medo. Neste novo clima emocional a tensión entre liberdades e seguridade é especialmente adversa aos avances libertarios. A sociedade do risco lévase mal coa ampliación e protección de dereitos e liberdades.

O procedemento de alerta cidadán non é novo. Todo o século XX, desde a revolución de 1917, está asulagado por vagas de terror: primeiro o Terror Vermello, despois o pánico na posguerra mundial, a seguir o arrepío pola inminencia dunha guerra nuclear de destrución mutua asegurada, e nos oitenta as vellas/novas paranoias da chamada Segunda Guerra Fría. Leva toda a razón Davis: «o medo converteuse no principal contrapeso para o xiro á dereita desde 1980».

Medo sempre, medo en todas partes

Zygmunt Bauman escribiu en Medo líquido serias advertencias sobre as novas formas do terror e da súa xestión gobernamental, industrial e cultural. A partir do 11-S (antes quizais co pánico tecnolóxico ao efecto 2000) o centro de gravidade da civilización occidental é inequivocamente o medo. A Bauman gústalle enfatizar a situación paradoxal na que vivimos: «Foi precisamente nesa parte na que se goza dunha seguridade e unha comodidade sen precendentes [...] onde a adicción ao medo e a obsesión "securitaria" realizaron progresos máis espectaculares nos últimos anos. Contra toda proba obxectiva, as persoas que vive na maior comodidade rexistada na historia síntense máis ameazadas, inseguras e atemorizadas, máis inclinadas ao pánico e máis apaixonadas por todo o relacionado coa seguridade e a protección...»

Bauman recupera a sentenza coa que Lucien Febvre resumiu a experiencia de vida no século XVI: «Peur toujours, peur partout.» O novo eslogan da industria do medo e seguridade autoritaria.

O enfoque descartado

Longa cita de Bauman. «Á vista das probas que dispoñemos até o momento poderiamos aventurarnos a afirmar que cando (ou se) os actos terroristas acaben perdendo intensidade, será malia (e non grazas) á crúa e esmagadora violencia das tropas militares, que só serve para fertilizar o terreo no que o terrorismo florece e impedir a resolución dos problemas sociais e políticos previos, que son os únicos que poderían cortalo de raíz. O terrorismo debilitarase e finará só cando (ou se) se corten e arrinquen as súas raíces sociopolíticas. E, iso por desgraza, precisará de moito máis tempo e esforzo que unha simple serie de operacións militares de castigo e, mesmo, que un conxunto de accións policiais por moi exhaustivamente preparadas que estexan» [Medo liquido, Paidós, Barcelona, 2007, páx. 142]

O enfoque adevecido

Outro extenso parrafeo de Bauman. «Os perigos que máis tememos son inmediatos; comprensibelmente, tamén desexamos que os remedios sexan inminentes, "solucións rápidas" que proporcionen alivio ao momento, como analxésicos listos para levar. Aínda que as raiceiras do perigo poidan ser entreveradas e complicadas, desexamos que as nosas defensas sexan simples e estean preparadas para ser usadas aquí e agora. Amólanos calquera solución que non prometa efectos rápidos e fáciles de acadar, e que, en cambio, precise de moito tempo antes de que poidan apreciarse os seus resultados. Máis aínda moléstannos as solucións que requiren que prestemos atención aos nosos propios defectos e faltas, e que nos instan —ao xeito socrático— a "coñecernos a nós mesmos". E aborrecemos por completo a idea de que, neste senso, son poucas ou nulas as diferenzas entre nós, os fillos da luz, e eles, a camada da escuridade [idem, pp. 148-149]

A solución Schäuble

Non por ir advertidos, imos abraiarnos menos. Wolfgang Schäuble unicamente puxo altavoz ao que algúns colegas queren facer en silencio. Unha solución express, directa, ruda e de alivio inmediato: a eliminación controlada de terroristas e sospeitosos. Vítima dun atentado que o atou de por vida a unha cadeira de rodas, Schäuble séntese lexitimado para exercer como o profeta armado da nova seguridade europea e faino sen medo a que se lle recorde que tivo que demitir da xefatura do CDU por ter aceptado en 1994 unha doazón ilegal dun traficante de armas ou que as súas reiteradas proclamas racistas son un chamado a violencia.

Para o triunfo da reedición autoritaria das nosas democracias, Schäble, e outros como el, saben que o medo ten que deixar ser líquido para pasar a ser gasoso. Un medo líquido, con todo, é repreixábel e conducíbel democraticamente. O verdadeiramente incontrolábel é o medo gasoso, ese que se mestura e confunde co aire que respiramos e que finalmente nos abafará. Canto máis nos encore, máis decididos estaremos a sacrificar as nosas liberdades a cambio da nosa sobrevivencia.

09/07/2007

Zapatero entre spoilers e cliffhangers

Como as series televisivas das que somos amadores, a política tamén pecha a súa tempada cos avances dos spoilers e as sorpresivas cliffhangers. Así, Zapatero está empeñado en culminar a súa terceira tempada forzando un brillante e inesperado xiro político. Os spoilers, que se esgotaron presentando a ZP como presidente pato coxo, quedaran fichados como malintencionados ou fallidos augures. Nos últimos capítulos o Presidente protagonizou abraiantes e vibrantes episodios. A súa vitoria parlamentaria fronte a Rajoy, as remudas no seu gabinete e a fichaxe do temperamental José Bono indican un sensíbel cambio das condicións político-anímicas de Rodríguez Zapatero.

Zapatero e o seu equipo de colaboradores evidencian, unha vez máis, que son uns excelentes xestores dos problemas en frío. Vale dicir que son moi bos nas xogadas de estratexia e a balón parado. Moito peores cando o partido está quente e rompido o centro do campo e toca improvisar estratexias para defenderse achicando ao contrario. O contraataque de Zapatero é sempre mellor ca súa defensa. Rajoy esqueceuse e perdeu. Perdeu moito: derramou a iniciativa política; esgotou o seu cansino discurso sobre as concesións a ETA e fendeu as fráxiles expectativas que lle restaban como un líder no que confiar unha próxima vitoria. Despois do 14-M, a do 3 de xullo é a maior derrota política de Mariano Rajoy. A súa recuperación anímica será dura, longa e difícil.

O cambio de ministros tramado por Zapatero sérvelle fundamentalmente para liberarse dalgún incómodo lastre, para poder arrodearse de dúas eminencias (culturais e científicas) e para suxerir que na Moncloa xa se pensa ao longo prazo posto que, de sermos realistas, a xestión gobernamental das novas fichaxes poucas realizacións poden achegar. Nos minutos do lixo, Soria, Molina e Chacón permitirán facer unha mellor campaña electoral e abrandar algunhas políticas sectoriais encistadas, e tamén valen (e moito) para subliñar que o engado de ZP non chegou a súa fin e que aínda é quen de convocar á súa beira a unha boa parte da esquerda ilustrada deste Reino.

Pola súa banda, o reenganche de Bono é un comodín inesperado para armar beneficiosas mensaxes. Serve como certificación aparente de que as familias socialistas volven estar reunificadas unha vez afastados os extremosos proxectos federalizantes e finiquitado de vez o proceso de paz en Euscadi. Tamén é moi útil para redireccionar aos electores do socialismo conservador cara á casa común e evidencia a notábel dose de pragmatismo coa que se trama a estratexia inclusiva de Rodríguez Zapatero (só lle resta ofrecerlle a presidencia do Senado a Pascual Maragall para completar a cuadratura do círculo).

O regreso do ex-ministro pródigo pode crear tensións e problemas pero afianza decisivamente ao Presidente na súa determinación para arrebatar a portavocía das políticas de orde ao Partido Popular. Zapatero, na vindeira tempada, xogará tanto solidez conservadora de Nicolás Zarkozy como ao engado progresista de Segolene Royal. A Zapatero comeza a gustarlle o seu novo guión: un presidente duro na defensa do Estado de Dereito pero comprometido coa ampliación do seu Estado de Benestar. Primoroso con toda forma de pluralidade que non amenace a unidade. Coidadoso coas liberdades mais entregado (de agora en diante) á seguridade.

Na cuarta tempada,
Zapatero será un hibrido de Bamby e Robocop, de Godzilla e Heidi, de Mr. Bean e Lara Croft... El xa sabe que para gañar hai que ser un candidato para todos os públicos. Non me tomen moi en serio que seguramente todo isto será outro descarriado spoiler.