Como as series televisivas das que somos amadores, a política tamén pecha a súa tempada cos avances dos spoilers e as sorpresivas cliffhangers. Así, Zapatero está empeñado en culminar a súa terceira tempada forzando un brillante e inesperado xiro político. Os spoilers, que se esgotaron presentando a ZP como presidente pato coxo, quedaran fichados como malintencionados ou fallidos augures. Nos últimos capítulos o Presidente protagonizou abraiantes e vibrantes episodios. A súa vitoria parlamentaria fronte a Rajoy, as remudas no seu gabinete e a fichaxe do temperamental José Bono indican un sensíbel cambio das condicións político-anímicas de Rodríguez Zapatero.
Zapatero e o seu equipo de colaboradores evidencian, unha vez máis, que son uns excelentes xestores dos problemas en frío. Vale dicir que son moi bos nas xogadas de estratexia e a balón parado. Moito peores cando o partido está quente e rompido o centro do campo e toca improvisar estratexias para defenderse achicando ao contrario. O contraataque de Zapatero é sempre mellor ca súa defensa. Rajoy esqueceuse e perdeu. Perdeu moito: derramou a iniciativa política; esgotou o seu cansino discurso sobre as concesións a ETA e fendeu as fráxiles expectativas que lle restaban como un líder no que confiar unha próxima vitoria. Despois do 14-M, a do 3 de xullo é a maior derrota política de Mariano Rajoy. A súa recuperación anímica será dura, longa e difícil.
O cambio de ministros tramado por Zapatero sérvelle fundamentalmente para liberarse dalgún incómodo lastre, para poder arrodearse de dúas eminencias (culturais e científicas) e para suxerir que na Moncloa xa se pensa ao longo prazo posto que, de sermos realistas, a xestión gobernamental das novas fichaxes poucas realizacións poden achegar. Nos minutos do lixo, Soria, Molina e Chacón permitirán facer unha mellor campaña electoral e abrandar algunhas políticas sectoriais encistadas, e tamén valen (e moito) para subliñar que o engado de ZP non chegou a súa fin e que aínda é quen de convocar á súa beira a unha boa parte da esquerda ilustrada deste Reino.
Pola súa banda, o reenganche de Bono é un comodín inesperado para armar beneficiosas mensaxes. Serve como certificación aparente de que as familias socialistas volven estar reunificadas unha vez afastados os extremosos proxectos federalizantes e finiquitado de vez o proceso de paz en Euscadi. Tamén é moi útil para redireccionar aos electores do socialismo conservador cara á casa común e evidencia a notábel dose de pragmatismo coa que se trama a estratexia inclusiva de Rodríguez Zapatero (só lle resta ofrecerlle a presidencia do Senado a Pascual Maragall para completar a cuadratura do círculo).
O regreso do ex-ministro pródigo pode crear tensións e problemas pero afianza decisivamente ao Presidente na súa determinación para arrebatar a portavocía das políticas de orde ao Partido Popular. Zapatero, na vindeira tempada, xogará tanto solidez conservadora de Nicolás Zarkozy como ao engado progresista de Segolene Royal. A Zapatero comeza a gustarlle o seu novo guión: un presidente duro na defensa do Estado de Dereito pero comprometido coa ampliación do seu Estado de Benestar. Primoroso con toda forma de pluralidade que non amenace a unidade. Coidadoso coas liberdades mais entregado (de agora en diante) á seguridade.
Na cuarta tempada, Zapatero será un hibrido de Bamby e Robocop, de Godzilla e Heidi, de Mr. Bean e Lara Croft... El xa sabe que para gañar hai que ser un candidato para todos os públicos. Non me tomen moi en serio que seguramente todo isto será outro descarriado spoiler.
09/07/2007
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
9 comentários:
Pois tenho que reconhecer que se nom for pola cousa nacional, seria um afervoado zapaterista, já que cada vez me sinto mais afastado e[sté]tica do quitanismo e as suas manifestaçons pailano-fraguistas (danzas de velhas, comelhadas da dezimoquarta idade, superpinheirismo...) e gosto mais das políticas zapateris de igualdade e bem-estar.
Sorte que os vicários galegos de ZP sejam os que som, e que votar em Tourinho, em Losada ou em Sánchez Bugalho seja mais glamourento do que glamouroso... que, se nom, o resultado da teorizaçom da equiparaçom sociológica do BNG e o PP havia de lhe dar a mais de um(ha) um bom sobressalto. E ainda nom estou seguro de que nom acabe por lho dar.
Cordialmente,
Non sei se Quintana será un pailán... Tampouco creo que Zapatero sexa Einstein, por moito que Bernat Soria o vexa coma candidato ao nobel....
En todo caso, eu case que prefiro a House.
Eu também nom sei se Quintana é um pailám. Falo da estética, dalgumhas das suas práticas propagandísticas que tanto se criticaram em Fraga/PP e das pseudo-teorizaçons sociológicas que se ouvem -- sem nengum estudo empírico que as sustentem.
Quanto a se ZP é Einstein, nom é do que se falava aqui (nem eu nem acho que Ian), senom das suas políticas de igualdade e bem-estar social. E isso é o que a alguns nos atrai. Felizmente, quando isso na prática significa votar no Tourinho... entom "como que nom".
Por certo, Ian, um prazer volver a te ler mais umha vez.
Cordialmente,
Eu non acabo de ter moi claras cales son esas medidas de benestar social. Non sei se te refires a medidas coma a axuda á natalidade. Uns cartos que cobrarán tanto os que teñen rentas baixas coma as fillas/os dos banqueiros. Tampouco vexo moita diferenza entre a política económica de Solbes e a que practicaba Rato. Se houbo avances foi máis no plano do recoñecemento de certos dereitos sociais, algo que agradecerán os sectores afectados, pero que teñen nula incidencia no importante do pastel: a economía.
Equivócome eu ou pasou por alto a avaliación dos resultados electorais das municipais?
Calidonia, non erra, non comentei efectivamente os resultados das municipais... Se hai vagar farei proximamente un post sobre o novo ciclo político no que valorareinas aos pasar... Se hai vagar, claro.
Paneleiro co das festas dos vellos vale aquilo de que a árbore non nos deixa ver a fraga. Hai moita máis política para a xente maior que as romarías, que non se visualiza e que pasamos ledamente por alto. Ademais creo que todo isto é tamén un efecto colateral de certa preguiza crítica. Moito criticamos as romarias de Fraga cando en realide o que deberiamos ter feito é poñer en claro que faltaban case totalmente políticas sociais para os nosos maiores e que sen estas non hai Estado de Benestar que valga en Galiza. Daquela concetramos a crítica na única árbore (as paparotas-romaria) e agora esa árbore impide ver o resto do bosque, que aínda con carencia, existe...
Fuco, o arrebato economicista que ten no seu último comentario é como un boomerang vale para tirarllo a Zapatero pero pode estar seguro que volverá para bater na cabeza de Quintana tamén. Alguén pode dicir que as políticas sociais do BNG baten tanto na cerna económica como as de Zapatero e non lle faltaría parte de razón. Son políticas redistributivas de riqueza e bens públicos e iso sempre ten impacto na economía. Temas para seguin matinando.
Ian, debatir sempre é simplificar, porque a realidade resulta tan complexa que de sermos totalmente conscientes dela permaneceríamos calados; de aí que a miña mención á semellanza entre as políticas de Solbes e Rato poidan parecer un "arrebato economicista". Dito isto, aclaro que eu a estas alturas, do BNG de Quintana non espero máis ca iso que chamas "políticas redistributivas", e que medidas coma a axuda á procreación de ZP non me parecen nin iso. En definitiva, que lanzo o boomerang contra ZP e se da na cabeza de Quintana por situarse no "centro" da súa traxectoria, enerxía que aforro.
Enviar um comentário